Medicamentos e calor: unha combinación de risco

Determinados fármacos interactúan coas altas temperaturas e poden interferir nos procesos de termorregulación do organismo. Coñecer como funcionan e cales son os seus efectos é fundamental para evitar problemas de saúde potencialmente graves, máis aínda nunha situación de cambio climático, que augura canículas máis longas, intensas e frecuentes.
1 Xuño de 2026

Medicamentos e calor: unha combinación de risco

O noso organismo precisa manter a súa temperatura interna preto dos 37 ºC. Cando esta sobe demasiado, as funcións esenciais do corpo comezan a fallar. Para evitalo, contamos cun sofisticado sistema térmico en que participan o cerebro, os vasos sanguíneos, o corazón, os riles e a suor. O gran coordinador deste mecanismo é o hipotálamo, unha pequena rexión cerebral que actúa como termóstato.

“Cando chega unha onda de calor, o corpo entra nunha situación de estrés térmico”, explica Mariano Madurga, docente do máster en Farmacovixilancia e Farmacoepidemioloxía da Universidade de Alcalá de Henares (Madrid). Nese momento, o organismo activa distintas estratexias para se arrefriar: os vasos sanguíneos dilátanse (de aí o avermellamento da pel), o corazón bombea máis rápido e aparece a suor, que axuda a disipar a calor. Ao mesmo tempo, os riles manteñen o equilibrio de líquidos e sales minerais para evitar a deshidratación. O problema xorde cando algúns medicamentos interfiren neste delicado sistema natural de refrixeración. E esta interferencia ten consecuencias importantes: dende favorecer a deshidratación ou o esgotamento por calor até aumentar o risco de sufrir un golpe de calor. A Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) identificou distintos fármacos que poden agravar estes problemas durante os episodios de altas temperaturas.

  • Medicamentos que favorecen a deshidratación. É o caso dos diuréticos, empregados para tratar a hipertensión ou a insuficiencia cardíaca, especialmente os chamados diuréticos da asa, como a furosemida, que aumentan a eliminación de líquidos pola urina.
  • Medicamentos que poden afectar ao funcionamento dos riles. Algúns fármacos, como certos antiinflamatorios (AINE), tratamentos para a hipertensión ou determinados antibióticos e antivirais, poden dificultar que os riles regulen correctamente o equilibrio de líquidos do organismo. Este efecto aumenta o risco de deshidratación e problemas renais.
  • Medicamentos cuxo efecto pode alterarse coa deshidratación. Cando o corpo perde demasiados líquidos, algúns tratamentos poden concentrarse máis no sangue e aumentar o risco de efectos adversos. É o caso de determinados fármacos para o corazón, a diabetes, a epilepsia ou o colesterol, como o litio, a digoxina ou algunhas estatinas.
  • Medicamentos que dificultan que o corpo se arrefríe correctamente. Entre eles atópanse algúns antidepresivos, antipsicóticos, antihistamínicos, tratamentos para o párkinson ou certos broncodilatadores. Tamén algúns fármacos para a tensión.

Madurga suma á lista aqueles medicamentos que aumentan a sensibilidade da pel ao sol. Tomalos sen unha protección axeitada pode provocar dende irritacións e manchas até queimaduras. Entre estes fármacos atópanse algúns diuréticos, antibióticos, antiinflamatorios, antihistamínicos, antidepresivos, tratamentos para a tensión arterial ou para o acne, tanto en crema como por vía oral. Por iso, durante os meses de máis calor, os expertos recomendan extremar a protección solar e consultar sempre o prospecto ou o farmacéutico.

Os sinais de alarma da calor extrema

Non é o mesmo sufrir esgotamento por calor que un golpe de calor. O primeiro é un sinal de alarma; o segundo, unha emerxencia médica grave que implica actuar con urxencia. Saber diferencialos é clave, xa que actuar a tempo pode evitar complicacións serias.

Os riscos destes fármacos

Cando os medicamentos interfiren no noso sistema natural de refrixeración, o organismo perde capacidade para adaptarse á calor. O resultado puede ir desde esgotamento e deshidratación até un golpe de calor, unha emerxencia que, nas súas manifestacións máis extremas, pode provocar a morte. “As persoas maiores, os nenos pequenos, as mulleres preñadas, os pacientes con certas enfermidades crónicas (cardiovasculares, renais ou metabólicas) ou as persoas polimedicadas son as máis sensibles a estes efectos”, enumera Pablo Caballero, membro do Consello Xeral de Colexios Farmacéuticos. “As persoas maiores son particularmente vulnerables a causa da deterioración da súa capacidade para detectaren a sede e regular correctamente o equilibrio de auga e sal do organismo”, concreta Madurga. Ademais, adoitan tomar múltiples fármacos.

Prohibido automedicarse

O documento Medicamentos y olas de calor, da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria (SEFH), recolle varias medidas para reducirmos os riscos que poden provocar algúns tratamentos durante as altas temperaturas.

  • Revisar que medicamentos poden dificultar que o corpo se adapte á calor ou aumentar o risco de deshidratación.
  • Valorar se todos os tratamentos son necesarios e retirar, sempre baixo supervisión médica, os que non sexan imprescindibles.
  • Axustar a medicación para a tensión, xa que as altas temperaturas poden facer que a presión baixe máis do habitual e aumentar o risco de mareos, desmaios ou deshidratación.

A recomendación para os pacientes é clara: evitar a automedicación. Nunca se debe modificar un tratamento por conta propia durante unha onda de calor. “En ningún caso se debe reducir ou interromper a toma de fármacos que poden interactuar coa adaptación á calor do organismo. Tampouco duplicar a dose por sospeita de perda de eficacia”, resume Caballero.

Os expertos insisten en que calquera axuste na medicación debe facerse sempre co consello do médico. Tamén lembran a importancia de conservar ben os fármacos, pois a calor pode alterar a súa eficacia. Un dos erros máis frecuentes é deixalos no coche, onde no verán se poden alcanzar os 45 ºC en apenas 30 minutos e superar os 60 ºC en menos dunha hora. Tamén convén evitar lugares como a cociña ou o baño, pola humidade e os cambios de temperatura. O máis recomendable é gardalos nun lugar fresco, seco e protexido da luz.

Tirar a caixa e o prospecto nada máis comezar un tratamento é outro erro frecuente. Neles aparece información clave sobre como conservar o medicamento e a que temperatura. Tampouco debemos confundir o significado de “temperatura ambiente” en plena canícula. “O ideal é que non supere os 25 °C-30 °C; se o medicamento se sente quente ao tacto, é probable que se alterase”, puntualiza Madurga.

Prevención, a mellor arma

A mellor forma de evitarmos problemas é adiantarse á calor. Os expertos recomendan beber auga con frecuencia, evitar o sol e o exercicio intenso nas horas centrais do día e controlar a tensión arterial. A evidencia dos ensaios clínicos sobre os efectos das altas temperaturas no organismo é limitada, por iso moitas das recomendacións actuais baséanse na experiencia clínica acumulada.

Os sinais de alerta máis habituais son mareo, debilidade, dor de cabeza, confusión, cambras, palpitacións, sede intensa ou unha diminución da suor e da cantidade de urina. Nos casos máis graves, poden producirse desmaios. “Se se sospeita dun golpe de calor, hai que chamar inmediatamente ao 112”, advirte Madurga, xa que actuar tarde pode provocar danos graves en órganos como o cerebro, o corazón ou os riles. Os expertos tamén desaconsellan usar paracetamol para baixar a temperatura, xa que non resulta eficaz e pode agravar algúns danos asociados.

Información non falta. A web da AEMPS, o Centro de Información online de Medicamentos (CIMA) ou os propios prospectos inclúen advertencias sobre medicamentos e calor. O problema, recoñece Caballero, é que moitas veces toda esa información non chega de forma clara a quen máis a precisa. Por iso insiste en reforzar a educación sanitaria, especialmente entre as persoas maiores e os pacientes crónicos. Porque contar con información fiable pode marcar a diferenza.

Dime os teus hábitos e direiche se estás ben protexido fronte ás altas temperaturas

O farmacéutico Mariano Madurga resume os hábitos que apoian ou desregulan o termóstato biolóxico. Apunta:

Consumir alimentos que nos arrefrían. Non requiren de moita enerxía para se dixerir:

  • Froitas e verduras ricas en auga, como a sandía, o melón, o cogombro, a cabaciña ou o tomate, que axudan a manter unha boa hidratación e favorecen a produción de suor, o principal mecanismo do corpo para se arrefriar.
  • Alimentos ricos en magnesio e potasio, como as espinacas, as acelgas ou o plátano. Estes minerais son esenciais para o bo funcionamento muscular e nervioso durante a calor.
  • Iogur natural, unha opción fresca e lixeira que, ademais, achega probióticos beneficiosos para o sistema dixestivo, especialmente sensible durante os episodios de calor intensa.

Evitar alimentos que nos quentan en exceso:

  • Carnes vermellas e alimentos frixidos, xa que a súa dixestión exixe máis traballo do organismo e xeran máis calor interna xusto cando o corpo intenta arrefriarse.
  • Alcohol e bebidas con exceso de cafeína ou teína, como as bebidas enerxéticas, porque favorecen a perda de líquidos e aumentan o risco de deshidratación.

Hábitos saudables para combater a calor:

  • Beber auga de forma regular, sen agardar a ter sede. O ideal é facelo en pequenas cantidades ao longo do día para manter unha boa hidratación e axudar ao corpo a regular a temperatura.
  • Duchas mornas, mellor que moi frías. Aínda que poida parecer o contrario, a auga xeada dificulta que o corpo libere calor. A agua morna axuda a refrescarse de xeito eficaz.
  • Aplicar frío en zonas como o pescozo, os pulsos ou os nocellos axuda a refrescar o corpo máis rapidamente e a aliviar a sensación de calor.
  • Usar roupa de fibras naturais, como algodón ou liño, favorece a evaporación da suor e axuda o corpo a arrefriarse mellor. As prendas sintéticas, pola contra, dificultan ese proceso.