Peituga de pavo cocida

Peituga de pavo cocida. Mesmos liscos, mais distinta carne

A pesar da súa fama de produto lixeiro e saudable, non deixa de ser carne procesada cun contido notable de sal. Por iso, convén elixirmos opcións con maior porcentaxe de peituga de pavo e moderarmos o seu consumo.
1 Xuño de 2026

Peituga de pavo cocida. Mesmos liscos, mais distinta carne

Hai apenas un par de décadas, a peituga de pavo cocida apenas se vía nas tendas. Porén, paseniño foi gañando protagonismo até se converter nun produto tan habitual coma o xamón cocido, ou incluso máis. Moitas persoas elíxena por ser carne de ave e ter un baixo contido en graxa. Esta popularidade deu lugar a máis opcións para escoller e a unha maior dificultade para facelo ben.

Na carne está a diferenza

Se queremos comprar peituga de pavo cocida, o primeiro é asegurármonos de que realmente o sexa. Pode parecer obvio, pero é fácil confundila co friame de peituga de pavo: parécense, mais este último é de menor categoría comercial e contén menos carne. Para distinguilos, convén fixarse na parte frontal do envase ou, mellor aínda, na denominación de venda que aparece xunto aos ingredientes.

A clave para elixir este tipo de produtos é a cantidade de carne: canto maior sexa, mellor. Por iso, as opcións con porcentaxes elevadas adoitan destacalo na parte frontal do envase (Argal, Eroski Maestro, El Pozo e Noel). Aínda así, para confirmalo, o máis fiable é revisar a lista de ingredientes, onde este dato debe indicarse obrigatoriamente.

Existen diferenzas notables entre os produtos analizados: desde o 95 % de carne de Argal até o 67 % de Goikoa. Neste último caso, sorprende unha proporción tan baixa, sobre todo polas mensaxes do frontal, como “Pavo, pavo!” e “Extraordinario”. Ademais, este último termo pode inducir a confusión, xa que recorda á categoría “extra”, que si está regulada en produtos semellantes como o xamón cocido.

Para entender mellor as súas diferenzas, podemos agrupar estes produtos segundo a cantidade de carne que conteñen. Por unha banda, estarían os que alcanzan ou superan o 90 %: Argal (95 %), Eroski Maestro (94 %), El Pozo e Noel (ambos os dous cun 93 %) e La Selva (90 %). Nun nivel intermedio, estarían os que achegan un 70 % ou máis, como Campofrío Finíssimas (75 %), Eroski e El Pozo Bienstar (ambos os dous cun 70 %). Por último, estarían os que quedan por debaixo do 70 %: Campofrío Cuidat (69 %) e Goikoa (67 %).

Análise

Para realizar esta guía, seleccionáronse dez peitugas de pavo cocidas, elaboradas por empresas líderes, nas que se analizou o seguinte:

  • Puntuación Nutri-Score. A valoración co algoritmo actualizado en 2024 vén determinada pola cantidade de sal e de proteínas.
  • Ingredientes. Para coñecer a calidade comercial do produto, especialmente no que respecta á cantidade de carne.
  • Información comercial.Analizamos se achega información valiosa ou se esta pode resultar confusa ou levar a engano o consumidor.
  • Prezos.Recollidos en abril de 2026. Non foi un criterio para avaliar a calidade, mais a relación calidade-prezo tívose en conta no ranking.
  • Etiquetaxe. Analizouse se cumpre a lexislación vixente.

Outros engadidos

Ademais da carne de pavo, estes produtos inclúen outros ingredientes que melloran o seu aspecto, sabor, textura e conservación. Nalgúns casos, até un 30 % corresponde a compostos coma os seguintes:

  • Auga e estabilizantes (como fosfatos o carraxenanos). A auga fai que o produto resulte máis zumarento e os estabilizantes empréganse para reter esa auga engadida.
  • Azucres (como dextrosa ou xarope de glicosa). Melloran o sabor e achegan un lixeiro toque doce. Úsanse en pequenas cantidades (arredor do 1 %) e non teñen un impacto relevante na dieta.
  • Conservadores (como lactato de potasio ou nitrito de sodio). Evitan o crecemento de bacterias patóxenas, como a Clostridium botulinum. Os nitritos, ademais, contribúen á cor rosada e á textura.
  • Antioxidantes (ascorbato de sodio). Atrasan a oxidación e axudan a evitar a formación de compostos potencialmente tóxicos derivados dos nitritos.
  • Aromas (fume). Achegan aroma e sabor.
  • Sal. Potencia o sabor e mellora a textura e a conservación.

Sal: un nutriente que cómpre vixiar

Convén vixiar a cantidade de sal, porque adoita ser elevada. Considérase que un alimento ten moito sal cando supera o 1,25 %, e todos os produtos analizados están por enriba desa cifra. A maioría roldan o 1,8 %, o cal significa que unha ración de 50 g achega uns 0,9 g de sal, case o 20 % do máximo diario recomendado (5 g).

Destaca Goikoa, cun contido notablemente maior (2,5 %). No resto, as cifras son algo máis baixas, mais seguen a ser relevantes, como en La Selva (1,7 %). Os produtos que destacan polo seu menor contido en sal son El Pozo Bienstar, Eroski (ambos os dous cun 1,4 %) e Campofrío Cuidat (1,3 %). En calquera caso, a mensaxe “contido reducido en sal” non significa que o produto teña pouco sal, senón que contén como mínimo un 25 % menos que a súa versión convencional, algo que se cumpre en todos os casos.

Peituga ou friame?

Convén distinguir entre dúas categorías: a peituga de pavo cocida —a que analizamos nesta guía— e o friame de peituga de pavo cocida. A diferenza principal está na súa composición. O friame incorpora féculas (como a de pataca), que permiten reter máis auga e, por tanto, reducir a cantidade de carne. Así, mentres a peituga de pavo cocida adoita conter entre un 70 % e un 95 % de carne, o friame queda arredor do 45 ou 50 %. É, polo tanto, un produto de menor categoría e tamén máis económico.

Convén telo en conta ao comprar, porque o aspecto pode ser moi semellante e a etiquetaxe non sempre resulta clara. Nalgúns casos, a palabra “friame” aparece nun tamaño de letra máis pequeno. Por iso, o máis fiable é fixarse na denominación de venda, que figura xunto á lista de ingredientes.

Un produto rico en proteínas

Como o seu ingrediente principal é a carne, estes produtos destacan polo seu contido en proteínas. As cifras oscilan entre o 23 % de La Selva e o 16 % de Eroski. Os valores máis altos atópanse, como é lóxico, nos produtos con máis carne —La Selva, Argal, El Pozo, Eroski Maestro e Noel—, que se sitúan entre o 23 % e o 19 %.

Con todo, a cantidade de proteínas non sempre reflicte fielmente a proporción de carne, é dicir, dúas carnes distintas poden conter de forma natural diferentes proporcións de proteína. Por exemplo, Noel e Campofrío Finíssimas teñen niveis semellantes de proteínas (19 % e 18 %), a pesar de que o seu contido de carne é moi distinto (93 % fronte a 75 %). Por iso, á hora de elixir, resulta más útil fixarse na carne que nas proteínas.

Poucas graxas e poucas calorías

Este produto ten fama de ser baixo en graxa e moderado en calorías e, en xeral, é certo. O contido medio de graxa rolda o 1 %. Destacan Eroski Maestro e Campofrío Finíssimas, cun 1,5 %, que segue a ser unha cantidade baixa.

En canto ás calorías, a achega media é dunhas 90 kcal por 100 g, similar á dunha peza de froita como un plátano ou unha mazá. As cifras van dende as 75 kcal de El Pozo Bienstar até as 107 kcal de La Selva. Estas diferenzas explícanse, sobre todo, polo contido en proteínas: os produtos con menos calorías adoitan ter tamén menos proteínas.

Recomendacións de compra
  1. Coidado cos reclamos. A parte frontal do envase adoita incluír mensaxes sobre saúde ou composición que resultan atractivos, pero poden levar a confusión. O máis fiable é prestar atención á información obxectiva da etiquetaxe.
  2. Peituga ou friame. Le a denominación de venda para te asegurar de que se trata de peituga de pavo cocida e non de friame, un produto de menor categoría comercial que contén menos carne.
  3. Carne. Consulta a lista de ingredientes para coñecer a porcentaxe de carne. Nos produtos analizados varía entre o 67 % e o 95 %. Neste caso, canto máis, mellor.
  4. Coidado co sal. Considérase que un alimento ten moito sal a partir do 1,25 %. Nestes produtos, o habitual é arredor do 1,8 %, aínda que algúns alcanzan o 2,5 % e outros baixan até o 1,3 %. Canto menos, mellor.
  5. Ollo co prezo. O prezo pode variar moito entre marcas. Para compararmos correctamente, convén fixarse no custo por 100 gramos e, se é posible, en relación coa cantidade de carne.

Aprobado en Nutri-Score

Case todos os produtos analizados obteñen unha B no sistema Nutri-Score. Só hai dúas excepcións: El Pozo Bienstar, cunha A, e Goikoa, cunha D. Estas valoracións dependen en gran medida do contido de sal, aínda que no caso de El Pozo Bienstar tamén inflúe a súa menor achega calórica, debido á súa baixa proporción de graxas (0,5 %) e proteínas (17 %). En xeral, as mellores puntuacións explícanse por un baixo contido en graxas saturadas e azucres, unha achega calórica moderada e unha presenza destacada de proteínas.

Relación calidade-prezo

Algúns envases destacan prezos rechamantes na parte frontal, como El Pozo (2 €), Campofrío Cuidat (1 €) ou El Pozo Bienstar (1 €). Porén, cómpre fixarse ben, porque a cantidade de produto non sempre é a mesma. Para comparar, o mellor é mirar o prezo por 100 gramos. Así aprécianse diferenzas importantes: desde 1,04 euros en Eroski até 3,66 euros en La Selva. É dicir, o máis caro custa máis do triplo que o máis barato.

Se, ademais, relacionamos o prezo coa cantidade de carne, a maioría sitúase entre 2,20 e 2,61 euros por cada 100 gramos de carne. Destacan Eroski e El Pozo, coa mellor relación calidade-prezo (1,50 e 1,70 euros, respectivamente), fronte a Goikoa e La Selva, que presentan a peor (3,21 e 4,06 euros). Na práctica, isto significa que, pola mesma cantidade de carne, algúns produtos poden custar case o triplo que outros.

Conclusións

Este produto elaborado a base de peituga de pavo apenas contén graxa e achega poucas calorías, por iso moitas persoas pensan que é un alimento saudable e o consomen con frecuencia. Porén, como é unha carne procesada e, ademais, contén unha notable cantidade de sal, convén consumilo de forma ocasional.

O elemento máis importante para elixírmolo é a cantidade de carne, que determina a súa calidade comercial. Neste sentido, os máis interesantes son Argal (95 %), Eroski Maestro (94 %), El Pozo e Noel (ambos os dous cun 93 %).

Outro elemento importante é a cantidade de sal. A maioría contén un 1,8 %, aínda que pode haber diferenzas importantes: entre o 1,3 % de Campofrío Cuidat e o 2,5 % de Goikoa. En calquera caso, son cantidades notables.

Se consideramos todos estes factores, os produtos máis recomendables serían Argal e Noel. Se, ademais, temos en conta o prezo, os produtos máis recomendables serían Eroski e El Pozo.