‘Barataflación’. Mesmo prezo, peor calidade
Decataches de que o xeado que compras ten menos améndoas? Notaches que o flan agora leva leite desnatado en lugar de enteiro? Caíches na conta de que o chocolate contén máis graxas e menos cacao ca antes? Non é casualidade. Detrás destes pequenos cambios atópase unha tendencia económica que afecta a todos os sectores, incluída a industria alimentaria: cheapinflation (cheap, barato; inflation, inflación), que en galego sería algo así como barataflación.
A presión inflacionaria dos últimos anos non só golpeou o peto dos consumidores. Tamén impactou de cheo nas marxes das empresas, que se viron obrigadas a lidar con custos de produción cada vez máis elevados. Ante esta situación, deuse un dobre efecto: os consumidores comezaron a decantarse por artigos máis económicos e a tirar o máximo partido das promocións, mentres que os fabricantes se lanzaron a buscar novas fórmulas para conter custos e non perder terreo.
Un fenómeno xeneralizado
Guillermo Peña, xefe global de ingresos de Gelt, unha startup española especializada en datos de compra no sector de gran consumo, explica que algunhas destas prácticas comezaron a cobrar forza cara a finais de 2021 e principios de 2022, como unha reacción directa ao aumento xeneralizado dos custos de produción (materias primas, enerxía, transporte e salarios) co obxectivo de preservar as marxes sen trasladar subas ao consumidor, o que provocaría unha perda de demanda. “A barataflación en ocasións é máis difícil de detectar fronte á reduflación, que consiste en reducir o tamaño dos envases ou a cantidade de produto sen modificar o prezo”, advirte. E non se limita só aos alimentos. Tamén afecta a bens de consumo, servizos, plataformas dixitais e experiencia de marca. Por exemplo, os produtos de hixiene persoal como xeles de ducha, xampús e xabóns xeran menos escuma, ou consómense máis rápido, debido a unha redución da concentración dos seus compostos (dilución) ou a unha reformulación con ingredientes menos custosos. A evidencia directa da dilución non sempre se fai pública, pero os expertos indican que a inclusión de compoñentes máis baratos ou a redución da concentración é unha práctica coñecida entre os produtores.
No mundo téxtil, as marcas substitúen tecidos de calidade por materiais máis finos ou con menor densidade de costuras. Iso provoca deformacións, desgaste e perda de cor. A tecnoloxía tampouco se libra: algúns electrodomésticos eliminaron funcións útiles ou substituíron pezas internas por versións máis baratas e menos duradeiras. Nalgúns casos, o cambio non afecta o deseño exterior nin o prezo, pero si a vida útil do produto.
Máis aló do seu impacto económico, a barataflación pode supoñer un risco para a nosa saúde ao reducir o valor nutricional dalgúns alimentos mediante a substitución de ingredientes de calidade por outros máis baratos, como a graxa láctea por graxa vexetal ou o aceite de oliva por aceites refinados. Estas reformulacións poden aumentar a cantidade de graxas saturadas e aumentar os azucres, aditivos e amidóns, que alteran o perfil nutricional. De acordo co British Medical Journal, estes cambios elevan o risco de enfermidades metabólicas, como a obesidade, a diabetes tipo 2 ou a hipertensión arterial, debido ao uso de aditivos e graxas industriais.
Na mesma liña, o Instituto Nacional de Saúde Pública de Francia sinala que os cambios imperceptibles en alimentos procesados teñen un efecto acumulativo na dieta global das persoas, o que reduce a súa densidade nutricional sen que estas o perciban. Como explica a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN): “A confianza na etiquetaxe e na composición é fundamental para que o consumidor tome decisións informadas. Calquera cambio sen unha adecuada comunicación pode ter efectos negativos na percepción da seguridade alimentaria”.
Alimentos cunha nova composición
A barataflación é un fenómeno máis sutil que a reduflación, pero igual de relevante. “Ambas as estratexias responden á mesma lóxica empresarial, que é a de conter custos ou mellorar marxes sen alterar o prezo final”, explica José María Ferrer, responsable do departamento de dereito alimentario do Instituto Tecnolóxico da Alimentación Ainia. “Mentres que unha redución na cantidade dun produto se pode apreciar doadamente, xa que a normativa obriga a mostralo na etiquetaxe, os cambios na composición adoitan pasar desapercibidos porque moitas veces se requiren coñecementos técnicos que a maioría dos consumidores non teñen”, explica Peña. Ademais, o fenómeno da reduflación foi estudado máis a fondo. Segundo un estudo da consultora Ipsos de novembro de 2023, máis da metade dos consumidores españois —un 54 %— notou que os produtos que compran habitualmente, como snacks, pan, pasta, arroz, doces e comida precociñada, reduciron o seu tamaño ou cantidade.
Pero que non se estudase a fondo non quere dicir que non sexa frecuente. Na industria alimentaria existen varios exemplos de barataflación. Quizais o máis xeneralizado está nos xeados industriais, segundo os expertos consultados. Algunhas desas sobremesas deixaron de ser lácteos para se converteren en conxelados elaborados a base de graxas vexetais en lugar de graxa láctea. Outra mostra deste fenómeno pódese ver nalgúns queixos, nos que, para abaratalos, se substitúe a graxa do leite por algúns aceites vexetais, como o de xirasol ou o de soia. En ocasións, este cambio modifica a microestrutura e a textura do produto e faino máis compacto ou elástico, algo que pode modificar o sabor e a calidade sensorial. Para compensalo, explican os expertos, algúns fabricantes engaden concentrado de proteína de soro para contrarrestar a perda de graxa e manter certas propiedades nutricionais.
A información da etiqueta
En España non existe ningunha lexislación que prohiba ou regule explicitamente a barataflación. “A normativa española de protección ao consumidor esixe que as etiquetas sexan veraces e non enganosas, pero non prohiben directamente esta práctica sempre que se informe con precisión da composición do produto”, afirma Ferrer. Aínda que a normativa que describe o responsable de Ainia se refire principalmente ao ámbito alimentario, a mesma lóxica legal pode aplicarse a outros sectores: se se informa correctamente na etiquetaxe, a práctica non é ilegal. No entanto, o risco de confusión persiste cando os cambios non se destacan claramente ou se presentan baixo etiquetas ambiguas, como “nova fórmula”, indican os expertos consultados.
“Por exemplo, se unha conserva de atún substitúe o aceite de oliva polo de xirasol, esta modificación debe aparecer na lista de ingredientes, xa que pode afectar tanto o valor nutricional como o prezo do produto. Neste caso, a substitución adoita ser evidente”, sinala Ferrer. Pero existen algúns produtos nos que non é así. Como o chocolate, no que a manteiga de cacao, clave para a súa textura e sabor, é parcialmente substituída por outras graxas vexetais máis baratas, o que afecta a calidade. Neste último caso, infórmase o cliente na lista de ingredientes, pero non de maneira explícita. “Nalgunhas ocasións, enmascáranse as modificacións baixo mensaxes como ‘nova receita’, ‘produto mellorado’ ou ‘novo sabor’, que poden ocultar unha optimización de custos”, menciona Guillermo Peña, de Gelt.
Tamén nos embutidos ou mercancías cárnicas, de acordo co experto de Ainia, se observa a substitución parcial de carne por amidóns, xelatinas e outros aditivos. Estes engadidos manteñen o volume e a textura, pero reducen a proporción real de carne no alimento final. “Nalgúns flans industriais, de igual forma, déronse cambios na receita. En certos casos, substituíuse o leite enteiro polo semidesnatado, que resulta máis económico. Noutros produtos deste mesmo tipo, ademais de substituír ingredientes, reduciuse a cantidade de ovo e incorporouse espesante adicional, que é un aditivo de orixe vexetal que actúa como estabilizante para mellorar a textura e manter a consistencia do alimento”, apunta Ferrer.

Que di a lei?
O Regulamento (UE) 1169/2011 sobre a información alimentaria facilitada ao consumidor establece un marco claro para garantir que os usuarios reciban información veraz, clara e comprensible sobre os alimentos que adquiren. En particular, consideran a posibilidade de que algúns ingredientes sexan substituídos por outros, sempre que esta modificación se comunique de forma adecuada. Cando se produce, a etiquetaxe debe incluír, ademais da lista completa dos compoñentes, unha indicación clara e visible sobre o ingrediente que foi utilizado na substitución.
A devandita información, segundo o regulamento, ten que aparecer moi preto da denominación do produto —que adoita estar enriba da lista de ingredientes— e cun tamaño de letra suficientemente destacado para que o usuario poida detectar doadamente o cambio. En España, este regulamento compleméntase co Real decreto 126/2015, que amplía as esixencias en materia de información alimentaria, especialmente no caso de alimentos non envasados e para a hostalaría. “O sector alimentario pode recorrer legalmente a modificar as receitas dos produtos, pero sempre debe cumprir certos requisitos de información e transparencia”, abunda Ferrer. A clave está en evitar o que comunmente se coñece como dar gato por lebre.
A barataflación,, en definitiva, revela como, nun contexto de inflación persistente, as empresas reconfiguran os seus produtos para se adaptaren ao novo equilibrio económico. Máis aló da industria alimentaria, trátase dun fenómeno transversal que afecta a calidade e a durabilidade de múltiples produtos. Unha tendencia silenciosa, pero cada vez máis presente.
- Lista de ingredientes. Lela atentamente é crucial para saber os compoñentes dun produto. Un aumento en estabilizantes ou amidóns en alimentos que antes só levaban leite e fermentos pode indicar unha redución de calidade no produto final.
- Rendemento e durabilidade. Démonos de conta de que agora precisamos máis deterxentes para facer poñer as mesmas lavadoras? A redución de eficacia ou durabilidade é un sinal claro de que algo cambiou no produto que compramos.
- Cambios sutís. Flans menos cremosos ou pezas de roupa que se deforman rápido poden indicar reformulacións ou materiais máis baratos. A Organización Europea de Consumo destaca que os consumidores adoitan pasar por alto estes cambios.
- Envases. Comparar envases antigos e novos é un bo sistema de comprobación. Hai que revisar as diferenzas nos ingredientes, peso neto ou valores nutricionais. Se hai cambios, reflectiranse na etiquetaxe.
- Nova fórmula. As asociacións de consumidores recomendan desconfiar cando os produtos teñan frases como “mellorado” ou “nova fórmula”. Isto pode supoñer un recorte na calidade dun produto.