A febre, amiga ou inimiga?

No 99% dos casos a febre é unha resposta fronte ás infeccións debidas a virus ou bacterias, aínda que tamén se pode orixinar por outras causas
1 Novembro de 2011
Img salud listado 789

A febre, amiga ou inimiga?

Aínda que poucas persoas definirían a febre como algo positivo, sobre todo logo de sufriren as molestias que a acompañan, esta pode ser unha grande aliada para loitar contra as infeccións. Malia a esta afirmación avalada polos expertos, son numerosas as dúbidas que xorden nas familias ante cadros febrís, dende como medila e controlala de maneira axeitada ou que fármacos resultan máis efectivos. Para atoparlles resposta a algunhas destas preguntas convén coñecer con exactitude como se orixina a febre. O home -e os animais de sangue quente- teñen unha temperatura corporal determinada para protexer os seus órganos vitais -cerebro, corazón e fígado- das infeccións e doutras agresións. Esta temperatura está regulada por un mecanismo similar a un termóstato que se atopa nunha parte do cerebro, o hipotálamo, e que se dispara cando detecta algún factor que pode danar órganos vitais. Isto significa que a febre, por moi molesta que nos resulte, non é unha enfermidade, senón un mecanismo de defensa, un síntoma de que algo non marcha ben no noso organismo. No 99% dos casos, é unha resposta fronte ás infeccións debidas a virus ou bacterias, entre outros microorganismos. Pero pódese orixinar por outras causas, como un sobrequecemento por estarmos demasiado abrigados, que pode conducir a un golpe de calor, enfermidades da pel, metabólicas, autoinmunes e ata por determinados medicamentos.

Das décimas á febre perigosa

O corpo humano débese manter a unha temperatura corporal determinada, arredor de 36,8 ºC, cando se toma na axila. A medida que esta ascende, recibe un nome distinto e aumentan as posibilidades de que se volva perigosa para o organismo:

  • Temperatura normal, entre os 36 ºC e os 37 ºC.
  • Febrícula ou “décimas”, cando a temperatura axilar se sitúa entre 37 ºC-38 ºC.
  • Febre, cando chega a 38 ºC ou máis.
  • Febre alta, cando supera os 39 ºC.
  • Hipertermia, cando supera os 40 ºC, a febre considérase moi alta e perigosa.

A maior temperatura, máis síntomas

A elevación da temperatura corporal asóciase, ademais, á aparición doutros síntomas acompañantes, que o médico tamén valora e que lle dan unha orientación sobre a gravidade da febre e que o axudan a decidir como actuar. Entre eles figuran os seguintes:

  • Febre entre 38 ºC e 39 ºC. Neste rango de temperatura axilar, o organismo da persoa afectada pode responder con arrubiamento (ou rubor), aumento da frecuencia cardíaca (taquicardia) e da frecuencia respiratoria (taquipnea).
  • A partir de 39 ºC. Os nenos máis pequenos poden presentar convulsións.
  • A partir de 40 ºC. Por si soa, é motivo abondo para levar os nenos urxencias. Pódense sufrir mareos, náuseas, dor de cabeza e unha suor tan acusada que conduce á deshidratación.
  • A partir de 41 ºC. Os afectados precisan de atención urxente e poden sufrir confusión, alucinacións e somnolencia.
  • A partir de 42 ºC. Un adulto con esta temperatura corporal ou máis pode sufrir un coma, acompañado de hipertensión ou hipotensión graves e taquicardia extrema.
  • A partir dos 43 ºC. Os afectados non escapan ao dano cerebral nin da parada cardiorrespiratoria.

Como e cando medir a temperatura

A temperatura corporal débese tomar polo menos tres veces nun mesmo día (pola mañá, pola tarde, entre as 16:00 e as 18:00 horas, e pola noite, antes de deitarse). As localizacións ou partes do corpo nas que se pode medir son catro:

  • A axila. O termómetro colócase baixo a axila e debe permanecer en contacto coa pel ata que pite. Esta é a localización que se universalizou en adultos porque ofrece uns valores máis exactos da temperatura corporal. Cando a temperatura axilar supera os 38 ºC, considérase que unha persoa ten febre.
  • O recto. En bebés a temperatura máis fiable é a anorrectal e recoméndase utilizala tamén para nenos pequenos que non sosteñen con seguridade o termómetro na boca. O ano está moi vascularizado polo paquete venoso hemorroidal, polo que a temperatura anorrectal é un moi bo reflexo de como está a temperatura corporal. Para medila, colócase o neno boca abaixo, sobre unha superficie plana, ou no colo, sepáranselle os glúteos e amárrase forte para que permaneza inmóbil e así podermos introducirlle o termómetro 1,5 ou 2 centímetros no ano; para facilitar a súa entrada, a punta pódese lubricar con vaselina. Despois, déixase o termómetro 2-3 minutos e, ao escoitar o sinal acústico, retírase. Neste caso, considérase que o neno ten febre cando a súa temperatura é de 38,5 ºC.
  • Na boca. A temperatura oral ou bucal-sublingual tamén é moi fiable, aínda que é unha localización que non adoita utilizarse polo risco de infección que leva consigo se recorre a ela máis dunha persoa. Outro factor en contra é que adoita dar cifras superiores ás axilares e, nalgúns casos, interpretacións erróneas en canto á presenza real de febre. Non obstante, é unha opción que se pode considerar en nenos, a partir dos 4 ou 5 anos, porque xa poden cooperar máis na medición. Para tomarlles a temperatura, colócase o termómetro debaixo da lingua, pídeselles que pechen a boca, que respiren polo nariz e que aperten os labios (para que o termómetro non se mova). Así que soa o sinal acústico, retírase o termómetro e, se a temperatura supera os 37,8 ºC, é que o neno ten febre.
  • O oído. Un recente estudo publicado en “The Lancet” puxo de manifesto que os termómetros para tomar a temperatura no oído non son tan efectivos. Danse varios aspectos que limitan as súas posibilidades de uso: non poden empregarse en presenza dunha enfermidade (como unha otite ou infección) e, se non se colocan nunha posición axeitada, poden ofrecer valores de temperatura incorrectos, sobre todo nos nenos máis pequenos, con canles auditivas de menor tamaño. Unha das súas vantaxes é que permite tomar a temperatura do neno mentres dorme.

A febre en nenos

Os nenos que acaban de nacer e con menos de tres meses de vida deben acudir ao hospital así que se lles detecte febre. É alí onde se lles realizarán diferentes probas para descubrir as súas causas. Logo do primeiro trimestre de vida, a febre no bebé, por si soa, xa non é un síntoma tan alarmante como para correr ás urxencias hospitalarias, salvo nalgúns casos:

  • Se a febre soa supera os 40 ºC ou 40,5 ºC.
  • Se a febre vai acompañada doutros síntomas, como erupción no corpo, dificultade respiratoria, vómitos e/ou diarreas ou dun trastorno de conciencia (o neno está obnubilado e desorientado).

Ademais, nos bebés e nenos de curta idade é moi importante controlar a febre porque pode subir moito, de súpeto e provocarlles convulsións febrís. E é que na etapa infantil a febre é un síntoma moi frecuente, debido á inmadurez do sistema inmunitario, e a súa causa adoita ser as infeccións. En cambio, nos adolescentes, a febre é menos frecuente ca nos nenos máis pequenos, pero pode deberse a enfermidades máis importantes.

Remedios e fármacos para baixar a febre

A febre pódese tratar con dous tipos de medidas:

As medidas físicas, coas que se logra unha rápida baixada da temperatura corporal. En adultos, pódese recorrer á aplicación de esponxas, gasas ou compresas empapadas en auga e alcohol por todo o corpo e, máis en concreto, en partes como a fronte ou a caluga. En nenos con febre moi alta pódense utilizar bañeiras con auga a unha temperatura inferior á súa corporal (non é preciso que estea moi fría), onde os somerxemos durante uns intres para llela baixar.

Os tratamentos farmacolóxicos son cruciais, intentar reducir a febre só con medidas físicas podería ter un efecto contraproducente. Son medicamentos con efecto antitérmico. E, entre os máis utilizados, figuran os seguintes:

  • Paracetamol. É o tratamento antitérmico máis empregado, útil en calquera grupo de idade, mesmo en lactantes.
  • Ibuprofeno. Trátase dun antiinflamatorio utilizado en nenos a partir dos tres anos de idade, aínda que tamén é válido en adultos.
  • Ácido acetilsalicílico (Aspirina). Moi eficaz como antitérmico e antiinflamatorio, pero que cómpre evitar nos adultos con enfermidades gástricas e nos nenos.

Xunto a este paquete de medidas, o descanso é outra peza fundamental para lograr a recuperación da persoa con febre. Isto débese a que o repouso permite que o sangue faga “o seu labor”: dirixir todos os factores que constitúen a defensa do organismo cara ao foco da infección. A miúdo o repouso prodúcese de xeito natural, xa que os nenos deixan de xogar e os adultos reducen a súa actividade. Ademais, ambos os dous teñen menos apetito, o que permite que o sangue, en vez de concentrarse nos músculos e no estómago, se dedique máis a ese proceso curativo.

Consellos para nenos e persoas con febre
  1. Nos nenos, controlar a febre é moi importante porque son moi sensibles ás variacións térmicas e é doado que alcancen os 40 ºC e que isto lles provoque convulsións febrís. Nos anciáns, tamén hai que vixiar pequenos cambios da súa temperatura corporal, porque poden deteriorar moito o seu estado de saúde xeral.
  2. Sexa cal sexa o método de medida, cando a temperatura corporal supere os 38 ºC, de maneira mantida, débese consultar ao médico.
  3. Consultar inmediatamente ao médico de urxencias se a febre está por riba dos 40 ºC ou cando se ten febre cada día e durante un período prolongado (máis de 2 semanas).
  4. Cando o neno ten febre, hai que destapalo e desabrigalo para que perda calor.
  5. Non abrigar nin ao neno nin ao adulto con febre para que súen porque lles pode subir aínda máis a temperatura.
  6. En caso de que a febre non baixe, pódese meter o neno nunha bañeira con auga morna, a 28-29 graos para que perda calor.
  7. Non darlle de comer en exceso nin ao neno nin ao enfermo adulto. Se non ten apetito, darlle comidas lixeiras, boas de dixerir e abundante líquido.
  8. Permitirlle á persoa con febre descansar, repousar e hidratala.

Fontes: Jordi Pou, xefe de Pediatría do Hospital Sant Joan de Déu, de Barcelona, e Antoni Sisó, director de Investigación de Atención Primaria do Centro de Saúde Les Corts, de Barcelona, e profesor asociado de Medicina da Universidade de Barcelona.