Analizados 125 ximnasios en 18 capitais españolas

A atención ao cliente e mais o asesoramento médico-deportivo continúan a ser deficientes

As diferenzas son significativas: un 14% dos establecementos non supera o exame da revista, mentres que un de cada tres logra o "moi ben" ou "excelente"
1 Novembro de 2011
Img tema listado 188

A atención ao cliente e mais o asesoramento médico-deportivo continúan a ser deficientes

“Mens sana in corpore sano”. Este vello proverbio parece que calou ben fondo no noso país: máis de nove millóns de usuarios acoden habitualmente a un ximnasio coa intención de se manteren en forma. O crecemento e a evolución destes establecementos, que pasaron de pequenos locais onde se realizaban actividades deportivas básicas a converterse en centros que ofertan múltiples servizos, moitos deles en formato franquía, pode ter algo que ver niso.

EROSKI CONSUMER estudou a calidade que ofrecen estes ximnasios. Os técnicos desta revista, facéndose pasar por usuarios interesados en apuntarse, visitaron o pasado mes de setembro 12 ximnasios en Madrid e Barcelona, 8 en Bilbao, Valencia, Sevilla, Murcia, Zaragoza e Málaga, 6 en Alacante, Córdoba e Valladolid e 5 na Coruña, en Granada, Logroño, Oviedo, Pamplona, San Sebastián e Vitoria. Analizáronse o estado das instalacións, o equipamento e os servizos ofertados, aspectos relacionados coa súa seguridade, accesibilidade e atención e asesoramento ao cliente (se lle realizan un exame médico inicial ao usuario ou se se interesan polo seu estado físico) e mais as súas tarifas. Estes centros cobran, amais dunha matrícula de inscrición, unha cota mensual de 63 euros de media, se teñen zona de augas (jacuzzi, piscina, augas termais…) e duns 53 euros se non dispoñen dela.

Os ximnasios visitados acadan unha valoración media final de “ben” (un mediocre “aceptable” no 2008), aínda que un 14% non dá superado a proba (mesma proporción ca no anterior estudo). Agora ben, a proporción de establecementos que reciben un “excelente” ou un “moi ben” alcanza o 30%. Un síntoma evidente de mellora é que a porcentaxe de establecementos que acada un “ben” de nota media final pasou do anterior 26% ao 35% actual, mentres que os ximnasios que se deben conformar cun mediocre aceptable de nota media pasaron dun 30% a un 21%. Así e todo, malia a esta positiva evolución, o coidado do usuario (que se resume en aspectos relacionados coa información facilitada, o seguimento e control personalizado e profesional do seu estado físico ou o propio interese pola súa saúde e nivel de actividade física) segue a ser deficiente, de xeito que o 42% dos ximnasios non superan este apartado. O preocupante é que dende xaneiro do 2008, data na que a revista elaborou un estudo similar, os malos resultados repítense. O estado das instalacións e os servizos básicos dos ximnasios acadan un “moi ben” e un “ben” de nota media final, respectivamente.

O pagamento do ximnasio non só se reduce á cota mensual asignada senón que ademais hai que ter en conta o pagamento da matrícula. Case tres de cada catro centros visitados establecen o pagamento dunha matrícula que supón de media 65 euros (48 euros de media no caso dos ximnasios sen zona de augas e case o dobre, 83 euros, nos que contan con elas).

A atención ao cliente perde músculo

Facer exercicio físico é beneficioso para a saúde, claro que non o é tanto cando se practica de xeito incontrolado ou nun estado físico inadecuado. É imprescindible que os centros lles presten unha atención preferente ao estado de saúde dos seus usuarios e que conten con profesionais acreditados que guíen os usuarios. En especial a quen sofre, por exemplo, lesións físicas, fuma, padece algunha enfermidade coronaria, ten o colesterol alto ou presenta antecedentes familiares de cardiopatía. Non obstante, EROSKI CONSUMER constatou que o desinterese cara a este aspecto é habitual. Só en dous de cada dez dos ximnasios visitados (no 2008 eran o 14%) aseguran realizarlle un exame médico previo ao novo cliente para coñecer cal é o seu estado físico. Na metade deles a proba é completa: revisión, análise de masa ósea, toma da presión arterial, proba de esforzo, etc., mentres que nos máis se limita á recollida de peso e altura, a toma de pulsacións ou a cubrir un cuestionario con preguntas relacionadas coa condición física de cada usuario. Os ximnasios máis profesionais neste apartado foron os de Vitoria, Barcelona, Madrid, Valencia e Valladolid, fronte aos de Bilbao, Córdoba, Pamplona, A Coruña, Murcia e Logroño, os máis deficientes neste aspecto (ningún dos visitados realiza esta importante supervisión). As deficiencias repítense tamén nos establecementos que dispoñen de consulta ou servizos médicos, e unicamente nun 27% dos centros lle preguntaron ao técnico da revista sobre o seu estado de saúde e cuestións relacionadas co seu tipo de vida (toma de medicamentos, nivel de actividade física, se fumaba…). En ningún centro de Barcelona, Bilbao, Murcia, Zaragoza, Valladolid, Pamplona, Vitoria, Alacante e Logroño amosaron interese ningún por estas cuestións, o contrario a case todos os ximnasios de Sevilla, a tres de cada catro centros de Madrid ou a máis da metade dos de Valencia e San Sebastián.

Monitores titulados

Para comezar na práctica deportiva deberíase contar co asesoramento dun monitor profesional que deseñe as táboas de exercicios e actividades. Non obstante, en 15 dos ximnasios visitados sinalaron que non ofrecían este servizo (en Granada, en tres dos cinco establecementos analizados e en San Sebastián, dous). Ademais, nun 14% dos ximnasios (os peores os de Pamplona, Valencia, Vitoria e Barcelona) observouse que non en todas as salas había un monitor que controlase a correcta execución das actividades dos usuarios.

No 45% dos centros manifestouse que os seus empregados contaban coa titulación adecuada para levar a cabo o seu labor profesional. Non obstante, en un de cada tres negáronse a responder a esta cuestión cando o técnico desta revista, facéndose pasar por un cliente, amosaba interese por este detalle. No resto dos ximnasios (un 22%) a resposta ofrecida foi ambigua ou confusa, de xeito que non quedaba clara a titulación específica do persoal. Os ximnasios de Murcia, Oviedo, Logroño, Pamplona, Barcelona, Zaragoza, Madrid e Córdoba son os peor valorados neste apartado, mentres que as respostas obtidas nos ximnasios de Valencia, Málaga, Sevilla, A Coruña, San Sebastián e Granada destacan por ser concretas e axeitadas. Velaquí unha das razóns polas que no 17% dos ximnasios o trato que lle prestaron ao cliente non foi o que cabía esperar. Os ximnasios nos que a persoa que acompañou ao técnico durante a visita foi máis atenta e se facilitou a mellor información foron os de Bilbao, Zaragoza, Valladolid, Pamplona, Oviedo e San Sebastián, a diferenza dos de cidades como Vitoria e Logroño, onde a atención e explicacións recibidas foron escasas en tres dos cinco ximnasios visitados en cada unha delas.

Destaca tamén que no 41% dos ximnasios que contan con jacuzzi ou sauna non se informase dos posibles riscos do seu uso a quen ten problemas de tensión arterial, cardiopatías severas, problemas de circulación ou mulleres embarazadas. Tampouco se atopou información sobre as contraindicacións e recomendacións de uso dos raios UVA en un de cada tres ximnasios que o ofrecen. Destacan negativamente os centros de Alacante, Sevilla, Logroño e, novamente, Valladolid.

Matrícula e cota mensual

As tarifas dos ximnasios dependen en boa medida das súas características e da enorme variedade de servizos que ofrecen, pero tamén inflúe a cidade na que se sitúen. O pagamento da matrícula de inscrición, que se aboa unha única vez, é obrigatorio en case tres de cada catro centros (proporción similar á do anterior estudo), aínda que no momento no que se fixo a visita, setembro, un 17% dos ximnasios que a teñen establecida non esixía o seu pagamento e un 20% ofrecía distintos descontos. O custo medio da inscrición nos ximnasios que dispoñen de zona de augas ou SPA (por exemplo piscina, sauna ou jacuzzi) ascende a 83 euros (90 euros era o prezo no 2008), aínda que existen diferenzas considerables entre as capitais. O importe medio máis caro atopouse nos ximnasios de Vitoria e Bilbao, con 135 euros de media, os menos onerosos localizáronse en Córdoba e Valladolid, con 35 euros de media. A matrícula nos ximnasios sen SPA ten un custo medio de 48 euros (44 euros no 2008). Neste caso, as variacións entre capitais son menores (dos 60-70 euros de media en Vitoria, Zaragoza, San Sebastián e Valencia, aos escasos 20 ou 30 euros de Granada e Murcia).

O custo medio da mensualidade dos ximnasios é de 56 euros, pero de novo inflúe se o centro conta ou non con zonas de augas: se dispoñen dela a cantidade ascende a 63 euros. A mensualidade máis cara atopouse nun ximnasio de Madrid, onde había que pagar 125 euros todos os meses (noutro de Bilbao a cota era de 115 euros). Os máis económicos localizáronse en Valladolid (un ximnasio só cobra 33 euros ao mes), Córdoba (35 euros) e outro de Barcelona (37 euros). Polo tanto, convén comparar os prezos dos ximnasios en cada cidade, xa que unha persoa pode chegar a aforrar ata 89 euros na capital madrileña, 50 en Bilbao e uns 40 euros en capitais como Valencia, Barcelona e Zaragoza. Nos ximnasios que non contan con SPA a mensualidade media é de 53 euros. Neste caso, tamén se lle recomenda ao consumidor que compare prezos antes de se inscribir, xa que en cidades como Valencia pode chegar a aforrar 125 euros ao mes. En Madrid tamén hai unha importante diferenza entre o ximnasio máis caro e o máis barato (65 euros ao mes), mentres que nas outras capitais as diferenzas atopadas son menores, van dos 10 aos 30 euros ao mes, aínda que ao cabo do ano supoñen unha cantidade importante.

EROSKI CONSUMER comparou a relación entre a calidade e o prezo dos vinte ximnasios máis caros e os vinte máis económicos. Atopáronse disparidades, aínda que non excesivamente substanciais: os vinte máis caros (cobran unha media de 90 euros mensuais) obteñen unha nota media de 7,2 puntos, mentres que os vinte máis baratos, que apenas cobran 36 euros mensuais de media, acadan unha nota de 6,3 puntos. Mesmo entre os máis baratos hai 3 ximnasios que obteñen notas medias superiores aos 7,5 puntos. É dicir, trátase de ximnasios cunha máis que atractiva relación calidade-prezo, situados en Córdoba, Valladolid e Alacante. No tocante aos máis caros, dous deles nin sequera chegan ao aprobado, é dicir, a súa relación calidade/prezo é moi mala (son caros e non superan a análise de calidade). Non obstante, dous dos vinte máis caros conseguen unha cualificación de “excelente” e outros doce chegan ao “moi ben”.

Tarifas e horarios á carta

Non sempre se dispón do tempo necesario para acudir ao ximnasio. Por iso, algúns establecementos ofrecen tarifas reducidas para estes casos: o 44% dispoñen de plans de prezos reducidos se o cliente opta por acudir só en horario de mañá. Esta práctica é habitual en localidades como Barcelona, Granada, Sevilla e Málaga (ofértano máis de tres de cada catro ximnasios destas capitais) ou Valladolid (dous de cada tres) e nada común en Murcia, Oviedo e San Sebastián (ningún ximnasio analizado o ofrece). O prezo neste caso redúcese aos 45 euros de media mensuais. O horario reducido de tarde é aínda menos habitual: só o contemplan o 14% dos centros. A tarifa mensual neste caso é de 58 euros, pouco menos ca a media de 65 euros. Ademais, ofrecéronselles aos técnicos desta revista na súa visita outra serie de descontos ou ofertas: dende o 10% ao 20% da cota mensual se pagan por adiantado uns meses ou mesmo un ano. Moi habitual nos ximnasios de Murcia (a metade ofréceo), Málaga, Alacante e Madrid (arredor do 40%-45% dos centros o recollen); algo máis de un de cada catro centros ofrece descontos no caso de ser maiores de 60 anos, menores de 15, por apuntarse máis dun membro da familia, etc., ou se se é estudante (un 7% contémplao).

Así e todo, os horarios que ofrecen este tipo de centros son amplos: sete de cada dez ximnasios abren sábados e mais domingos (aínda que moitos pechan un día pola tarde), só o 15% dos visitados non abre as fins de semana e outros tantos abren só os sábados.

Os ximnasios permanecen abertos ao público case 15 horas de media en días laborables (mesma media ca en 2008) e 8 horas os sábados e domingos (7 horas foi a media no 2008). Os que maiores facilidades ofrecen son os ximnasios de Barcelona (16 horas de media permanecen abertos os laborables e 10 os sábados e domingos) e mais os de Madrid, Granada e Valencia. Os que menos horario de apertura teñen son os ximnasios de Oviedo e Logroño (abren de media 13 horas en días laborables e só durante 5 as fins de semana).

Para elixir ben: coñecer antes de contratar

En ocasións, a decisión de ir a un ximnasio tómase por riba: despois das vacacións, como primeiro propósito do ano… Agora ben, a elección do local en cuestión non debe ser tan rápida, convén tomala devagar e atender a unha serie de cuestións:

Localización

  • Situación: non é un dos aspectos máis importantes á hora de elixir un ximnasio, pero as instalacións deben estar a unha distancia razoable dos lugares que máis se frecuentan na rutina cotiá. Iso evitará que se atopen escusas para deixar de ir.
  • Horarios: é importante saber cales son para coñecer a dispoñibilidade das actividades deportivas nas que se está interesado. Tamén as datas nas que pecha: festivos, vacacións de verán, etc.

Actividades, servizos e tarifas

  • Contrato de adhesión: é fundamental ler ben a letra pequena antes de asinalo para coñecer todos os compromisos que se adquiren: por exemplo, cal é a modalidade de pagamento (algúns obrigan a domiciliar a cota), que acontece se nos damos de baixa temporalmente, etc.
  • Instalacións, material e actividades: hai que asegurarse de que se ofrecen as clases e actividades desexadas. Ademais, tamén convén reparar en se hai material abondo (máis dunha máquina para cada exercicio), de calidade, en boas condicións de uso e ordenado. Tamén é importante ver se as instalacións son espazosas e teñen iluminación abonda.
  • Exame médico: é imprescindible que os centros poñan atención no estado de saúde dos seus usuarios. Por iso, é importante confiar nos establecementos que realicen unha revisión médica completa.
  • Custo: é fundamental comprobar as tarifas e realizar unha comparación entre os diferentes centros. Hai que fixarse nos servizos e actividades que inclúe a mensualidade.

Limpeza e hixiene

  • Limpeza e conservación: é un dos aspectos máis importantes á hora de elixir ben un ximnasio, xa que todo centro debe cumprir unhas normas de hixiene. Os vestiarios, os baños e as instalacións deben estar en bo estado de conservación e limpeza para previr riscos.
  • Ventilación: hai que asegurarse de que as instalacións teñen sistemas de ventilación abondos para evitar que o ambiente estea moi cargado, con mal cheiro ou a unha temperatura excesiva.

Persoal cualificado

  • Titulación: o persoal supervisa a actividade das salas de máquinas, dirixe as clases, resolve dúbidas e asesora. Debido á súa importancia, ten que ter a titulación axeitada: licenciado en educación física, técnico superior en actividades físicas, título homologado e oficial de adestrador deportivo, etc.
  • Visita: é recomendable coñecer como son as instalacións e en que situación se atopan. É posible solicitarlle ao persoal realizar unha visita guiada polas diferentes salas do local antes de decidirse por un establecemento ou outro.

Instalacións en plena forma

O estado das instalacións foi moi satisfactorio en case todos os establecementos. Só tres ximnasios mostraban carencias que lles impedían superar o exame da revista. Destacan positivamente os ximnasios de Bilbao, Granada, San Sebastián e Zaragoza, que obteñen un “excelente” de nota media. O resto das cidades acada un máis ca positivo “moi ben” neste apartado. Unicamente un ximnasio de Murcia tiña as salas de exercicios colectivos con defectos de limpeza e conservación. Case todos os recintos (arredor dos 95% dos observados) contaban con chan con tarima e espellos, aínda que un de cada catro carecía de bancos e de colgadoiros de roupa.

O estado de mantemento das máquinas é outro dos elementos que definen a calidade dun ximnasio. Tan só en dous centros (foron ata 13 no estudo do 2008) había perigo de bater coas partes saíntes das máquinas (localizados nun ximnasio de Murcia e outro de Alacante). Nos máis dos ximnasios visitados, o material estaba perfectamente ordenado, aínda que nun 4% (un centro de Vitoria e outros dous de Logroño) se observou algunha máquina ou aparato roto ou moi vello.

No tocante aos vestiarios as valoracións tamén son satisfactorias: o 91% dos ximnasios conta con vestiarios espazosos, duchas individuais suficientes e con regulador de temperatura da auga. En similar proporción contaban con chan antiesvaradío. Ademais, no 92% dos vestiarios había consignas (os menos provistos eran os ximnasios de Vitoria, Logroño e Alacante). Respecto á limpeza tamén hai resultados satisfactorios: só nun 3% dos vestiarios se observaron carencias neste sentido, o 98% conta con papeleiras e mesmo un 73% dispón de secadores de pelo para os usuarios. Todos dispoñen de papel hixiénico e de espellos na zona de lavabos.

A maioría dos ximnasios visitados son accesibles. Os técnicos da revista consultaron en cada centro se era posible que unha persoa en cadeira de rodas se apuntase para facer uso das instalacións e no 60% (no 2008 só se podía no 40% dos centros) a resposta foi afirmativa (aínda que en ningún de Logroño). Ademais, o 78% dos ximnasios visitados dispoñen de extintores abondos e distribuídos convenientemente, situación que mellora o escaso 60% do 2008. Non obstante, no 42% dos establecementos non se atoparon saídas de emerxencia (foron ata un 63% no estudo de 2008), mentres que nun 3% estaban sen sinalizar ou tiñan obstáculos que impedían a súa utilización.

Practicar exercicio dun xeito saudable
  1. Para evitar que a desmotivación nos faga abandonar practícaa de deporte, o apropiado é facelo en grupo ou na compaña doutra persoa que comparta esta afección.
  2. A constancia é clave para lograr os obxectivos propostos inicialmente. Convén respectar os descansos: tampouco é necesario que se faga unha actividade física os sete días da semana.
  3. Antes de comezar cómpre quecer e estirar, rutina que se debe repetir ao finalizar. Non se debe rematar a práctica de xeito repentino senón que hai que baixar o ritmo a unha intensidade o máis baixa posible. Deste xeito evitaranse lesións e maniotas.
  4. Nunca se debe superar a capacidade física e as posibilidades de cada persoa. Se a que fai exercicio nota que está sufocada, o mellor é diminuír o ritmo; se, ademais, se atopa, moi cansa ou incómoda, o máis atinado é parar a actividade física.
  5. Convén respirar correctamente: hai que coller aire polo nariz e expulsalo pola boca. Así osixenaranse os músculos e mellorará o rendemento.
  6. A auga é boa para regular a temperatura do corpo, xa que permite unha mellor suoración que beneficia a queima de calorías e a eliminación de toxinas. Se o exercicio se fai en zonas húmidas e/ou calorosas, é moi importante hidratarse ben antes, durante e despois do exercicio.
  7. Convén inxerir comida lixeira antes de facer deporte, por exemplo froita fresca e verduras. Comer unha hora e media ou dúas horas antes de iniciar o exercicio físico. Combinar unha dieta equilibrada coa realización de exercicio físico é esencial para gozar dun bo estado de saúde.
  8. Para a práctica de deporte, a roupa ten que ser a axeitada: lixeira, transpirable, que favoreza a liberdade de movementos e mais a perda de calor corporal. Recoméndase o uso de prendas de cores claras e fabricadas con fibras naturais (por exemplo, algodón).

Actividades para todos os gustos

A elección dun ximnasio non é tarefa doada por mor da gran variedade de centros e a cantidade de actividades que ofrecen. Os establecementos deportivos son cada vez máis grandes e a súa gama de servizos aumenta ano tras ano. Por iso, convén informarse do que ofrece cada establecemento e elixir o que mellor cumpra coas necesidades persoais. As actividades que máis se ofertan son aeróbic, step, fitness ou musculación, Pilates, GAP (glúteos, abdominais e pernas), ximnasia de mantemento e spinning ou ciclismo indoor, e impártense en oito de cada dez establecementos deportivos analizados. Tamén son moi comúns as actividades de baile ou danza, as artes marciais e mais o ioga.

Ademais, un número importante de usuarios acode ao ximnasio para realizar exercicio en máquinas. Na metade dos centros había unha gran variedade, no 44% estas eran suficientes e só nun 6% dos establecementos se observou que eran insuficientes, en un de Madrid, Valencia, Alacante, Murcia e Pamplona. Igualmente importante é que haxa espazo abondo entre unhas máquinas e outras. Non só é unha cuestión de comodidade, senón tamén de seguridade: evítanse así choques con outra persoa ou obxectos ao realizar os exercicios. Detectáronse carencias deste tipo no 6% dos 125 ximnasios analizados.