25 pasos para aforrar nas facturas
En xaneiro, en setembro, en outubro… Coa situación económica actual moitas son as familias españolas que cada mes se enfrontan á súa particular costa. Non axuda que os cidadáns españois xa paguen entre un 5,70% e un 1,50% máis dende o 1 de xullo polos seus recibos de butano, gas natural e electricidade. O único consolo é que o pasado xuño o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) baixou tres décimas para situar a súa taxa anual no 3,2%. Así e todo, cómpre aforrar máis ca nunca e evitar sustos nas facturas domésticas. Unha serie de sinxelas pautas axudarán a aturar estas subas. Por exemplo, a tarifa eléctrica de último recurso (TUR) subirá un 1,5% de media, o que supón uns 0,50 euros máis ao mes para un consumidor de tipo medio. É a segunda suba neste ano, logo de que xa repuntase outro 9,80% en xaneiro. Iso implica que agora haberá que pagar un 11,30% máis ca a finais do pasado ano. No caso do gas natural, o incremento é maior: os usuarios medios terán que pagar 2,37 euros máis ao mes, aínda que esta cifra será superior nos fogares onde o gas non só se utilice para a cociña e para quentar auga, senón tamén para a calefacción. Con respecto ao butano, a bombona media custa xa 14,80 euros, o que significa que os consumidores deste gas terán que aboar na súa factura un 5,70% máis (80 céntimos máis) ca no trimestre anterior.
Hábitos sinxelos de aforro
Malia o alivio que supoñen os datos do IPC, a situación económica fai que en moitos fogares se impoña aforrar. Se se seguen unhas sinxelas pautas, en só 20 pasos é posible notar unha redución no importe das facturas das subministracións dunha casa:
- A iluminación dunha casa representa entre a cuarta e a quinta parte do recibo da luz. Pero se a vivenda ten orientación interior ou, malia ser exterior, se atopa en zona sombría, enchela de luz pode supor ata a metade da factura de electricidade. Un bo xeito de reducir ese gasto é optar pola iluminación natural: manter abertas persianas e cortinas mentres haxa claridade no exterior axuda a aproveitar a luz solar.
- Afacerse a acender as luces só cando sexa preciso e a apagalas cando non haxa ninguén nos cuartos ou zonas da casa supón reducir a factura do mes seguinte.
- Elixir cores claras para a pintura de teitos e paredes. A sensación de luminosidade é maior e permanece por máis tempo en fondos brancos, cremas ou de tons pastel.
- Substituír as lámpadas tradicionais, incandescentes, polas eficientes, que proporcionan a mesma luz, duran oito veces máis ca as convencionais e aforran ata un 80% de enerxía. Abonda con cambiar as tres lámpadas de maior consumo de toda a casa para que se reduza á metade o gasto en iluminación.
- Instalar tubos fluorescentes nos espazos onde se precise moita luz e onde esta permaneza acesa por moito tempo: baños, cociña, faiado. Hai que evitar acendelas e apagalas continuamente.
- Substituír o baño pola ducha: consúmese a cuarta parte de auga e enerxía. Regular o termóstato da auga entre 50 ºC e 60 ºC. Por riba desa temperatura, amais de malgastar enerxía, redúcese a vida útil do termo pola acción corrosiva da auga moi quente.
- Cociñar con recipientes de fondo igual ou maior ca as dimensións do lume.
- Tapar as potas e utilizar, sempre que a receita o permita, a pota expreso.
- Para rematar o cociñado, aproveitar a calor residual emitida pola placa logo de apagala.
- Abrir a porta do forno só cando sexa imprescindible.
- Instalar o frigorífico nun lugar fresco, ventilado e lonxe dos focos de calor.
- Manter a parte traseira da neveira limpa e polo menos a un par de centímetros das paredes próximas.
- Desconxelar e limpar a miúdo o frigorífico, antes de que a capa de xeo aumente. Instalado en malas condicións pode consumir un 15% máis de enerxía.
- Manter o conxelador entre -18 ºC e -15 ºC; o frigorífico, entre 3 ºC e 5 ºC.
- Abrir as portas do frigorífico só o que cumpra e non deixalas abertas: uns poucos segundos abondan para que se perda boa parte do frío acumulado. Para recuperalo, gastará máis enerxía.
- Apagar a televisión se non se utiliza. Non se debe facer de calquera xeito: hai que desconectala a través dos interruptores dos propios aparellos, porque ao se apagaren co mando a distancia algúns dos seus compoñentes seguen activados e consumen enerxía.
- Mercar a lavadora e a lavalouza con etiqueta enerxética de categoría A. Ademais, deben contar con ciclos económicos e curtos e ofrecer a posibilidade de elixir entre distintas temperaturas de lavado. O maior gasto de enerxía na lavadora e mais na lavalouza rexístrase ao quentar a auga, polo que seleccionar temperaturas baixas equivale a aforrar electricidade: o ciclo de lavado a 60 ºC consume o dobre de electricidade ca o de 40 ºC.
- Utilizar a lavadora e a lavalouza ao máximo da súa capacidade, pero sen enchelos en exceso.
- Pasarlle o ferro á maior cantidade posible de roupa en cada ocasión. Evitar repasar pezas soltas a miúdo, xa que supón multiplicar o consumo de electricidade.
- Reducir as fugas de calor e illar a casa con dobre cristal e con burletes en portas e ventás. Cun bo illamento térmico pódese aforrar entre un 20% e un 40% en calefacción.
“Miña nai! 95 euros na factura do teléfono!” Non é preciso chegar a este extremo para aprender a controlar o gasto que se fai co teléfono fixo e co móbil.
- O primeiro paso é o de coñecer o plan de prezos ou a tarifa que temos contratada. Moitas veces faise un uso indiscriminado destes aparellos sen ter en conta que o horario no que se realiza a chamada e o número que a recibe son os que fixan a súa tarifa. Unha vez identificada, débese facer un esforzo por chamar só naquelas franxas horarias que resulten máis baratas segundo o plan de prezos contratado.
- Controlar as chamadas de curta duración. Son as que máis custan xa que no seu primeiro minuto se cobra o establecemento de chamada máis a facturación propia da duración da conversa. Por iso, é conveniente enviar unha mensaxe de texto en vez de realizar unha chamada de curta duración ou realizar unha longa mellor ca varias curtas co mesmo interlocutor ao longo do día.
- Se o móbil é de última xeración e conta cunha tarifa de datos, as aplicacións de mensaxería multimedia (como por exemplo Whatsapp, Ping Chat!v ou Kik Messenger) son unha solución rendible para reducir o custo da factura do móbil: no canto de falar, mensaxéase sen sobrecustos.
- Internet tamén pode ser un bo aliado á hora de combater as facturas telefónicas no fogar. Grazas á tecnoloxía IP e a programas como o Skype ou o propio Messenger pódense realizar chamadas a móbiles, a fixos e a números do estranxeiro a prezos moi competitivos. Pero o realmente atractivo é falar “de gratis” con outros usuarios que tamén teñan unha conta habilitada nestes sistemas.