Os novos tablets, alén do iPad

Entre as súas principais vantaxes destacan os demandados portos USB e HDMI e unha maior potencia dos procesadores, mais hai modelos aínda grandes e pesados de máis
1 Novembro de 2010
Img internet listado 616

Os novos tablets, alén do iPad

O mercado popular dos tablets, un híbrido entre o teléfono e o ordenador portátil, convive entre nós dende o pasado mes de abril, cando aterrou oficialmente o iPad de Apple. A principal novidade é que aínda que Microsoft xa contaba con varios modelos en funcionamento dende había máis dun lustro, estes pertencían a un rango profesional minoritario. Nestes intres, dada a grande expectación xerada por este novo aparello, prepárase unha vaga de lanzamentos de tablets destinados ao consumo para un usuario medio. Pero, pagan a pena?

Nos vindeiros meses e durante o primeiro cuadrimestre do novo ano estes tablets presentaránsenos con nomes tan exóticos como Folio 100, Galaxy Tab, PlayBook ou Steak (bisté). Trátase de cadansúa aposta, no formato comprimido, de Toshiba – especialista nos portátiles de baixo peso e prezo elevado-, de Samsung, de RIM e de Dell. Cada unha achega as súas vantaxes con respecto ao que propón o iPad, aparello de referencia no sector, aínda que tamén algunhas desvantaxes.

As melloras máis salientables

Incorporan, en xeral, os portos USB e HDMI que se botaban tanto de menos no tablet de Apple -intencionadamente “capado” para que só se poidan descargar contidos controlados-. Os seus procesadores son máis potentes e as súas pantallas, tamén táctiles, teñen unha elevada definición. Ademais son multitarefa e pódense utilizar, grazas á súa saída HDMI de sinal multimedia, como discos duros para reproducir películas ou música.

Por se fose pouco, os novos modelos reducen o tamaño con respecto ao iPad, característica reclamada por numerosos usuarios que así e todo, logo de usalo, o consideraron demasiado grande. De feito, rumoréase que Apple pensa reducir lixeiramente as dimensións da nova versión do tablet para facelo máis manexable e ergonómico.

Agora ben, non todos os tablets teñen o mesmo tamaño. Hai diferenzas salientables: dende as cinco polgadas do Dell Mini “Steak” ata as dez do modelo Folio 100. Por iso, cada un é conveniente para diferentes usos. Mentres o dispositivo de Dell é o apropiado para levar enriba, polo seu reducido peso e as súas pequenas dimensións, o inconveniente é que a súa pantalla é demasiado pequena para un uso continuado.

Precisamente, acontece o contrario coa proposta de Toshiba. Incorpora un potente procesador e unha tarxeta gráfica Nvidia que o converte no máis idóneo para ver películas ou videoxogar. Agora ben, é grande e pesado de máis para ser transportado durante moito tempo. Estes exemplos demostran como os novos tablets se debaten entre dous extremos: a función de teléfono intelixente e a función de ordenador.

Carencias e incertezas

O iPad é o híbrido mellor ponderado, xa que foxe de ambos os dous estándares e inventa un novo. Iso si, con limitacións, como o control que exerce Apple sobre os contidos que se descargan, a falta de USB e a incompatibilidade co formato de vídeo flash. Non obstante, ten vantaxes, como a súa enorme tenda iTunes de aplicacións, vídeos e música en descarga, da que o usuario pode descargar centos de miles de novos programas e servizos que enriquecen a súa experiencia.

Non está claro a este respecto como evolucionarán os novos modelos e se desenvolverán ou non unha tenda propia de aplicacións en Internet para descargar programas e servizos. En principio, os aparellos que funcionan con Android -Steak, Folio 100 e Galaxy Tab- aproveitarán o Android Market que Google, creador deste sistema operativo, pon á súa disposición. É, ademais, unha plataforma menos restritiva ca a de Apple, polo que o usuario terá máis liberdade no momento de descargarse arquivos. Agora ben, a tenda do buscador non se pode equiparar en ningún caso en oferta de aplicacións á iTunes App Store, a tenda do iPad.

Pola súa banda, a proposta de RIM, PlayBook, está destinada ao usuario tipo do teléfono Blackberry, que fabrica esta marca. Deste xeito, crearíase un sistema sincronizado entre teléfono e tablet, cunha tenda de aplicacións de seu e os servidores privados tan característicos de RIM. Neste sentido, parecerase bastante ao binomio que forman iPad e iPhone, ambos os dous de Apple, que poden compartir os contidos e aplicacións entre si. Un dato significativo é que ata o de agora PlayBook non presenta conectividade 3 G, reservada polo momento só ao teléfono.

No que atinxe ao prezo, os novos tablets son máis baratos ca o iPad. Sitúanse todos nunha galla que vai dos 400 aos 800 euros, en función da capacidade de almacenamento da versión que se desexe adquirir, e de se teñen ou non conectividade 3 G. Ademais, os analistas esperan que os prezos de todos eles baixen.

Ante tal situación, a decisión do usuario cínguese a un ámbito case filosófico: se quere gozar da liberdade que lle outorga descargar calquera contido sen restricións e sen a necesidade de pagar por todo pode optar por algunha das novas propostas. E se desexa, pola contra, un servizo acabado que lle proporcione unha experiencia de usuario moi superior, sen que lle importe pagar por ela, o iPad é a mellor opción.

Os modelos un a un
  • Folio 100 de Toshiba: Contén unha pantalla multitáctil de 10.1 polgadas cunha resolución de 1.024 × 600 píxeles. O procesador é un Tegra 2 de Nvidia, con grande capacidade gráfica e comercialízase con 3 G e wifi como elementos de conectividade á Rede. Baséase no sistema operativo Android e ten portos USB e saída multimedia HDMI. Ademais, soporta vídeos flash -o iPad non-. Ten un prezo de 400 euros na versión sen 3 G. A 3 G ofrecerase subvencionada polas operadoras. Inclúe webcam para realizar videoconferencias.
  • Dell Mini “Steak”: Destaca polo seu tamaño reducido, con cinco polgadas de pantalla táctil, e polo seu peso, que non supera os 120 gramos. É, non obstante, un aparello con boa capacidade de procesado e con dúas cámaras: unha para fotos e outra para videoconferencias. Pódese usar como un teléfono -o iPad non- e ten conectividade sen fíos 3 G, Bluetooth e wifi, amais dun porto USB. A súa capacidade de almacenamento depende de tarxetas externas, xa que ten un disco flash de 1,63 xigabytes e unha rañura para introducir tarxetas SD. Espérase que se comercialice subvencionado ou ben por uns 500 euros a versión wifi.
  • Galaxy Tab: É un dispositivo con sete polgadas de pantalla e cunha resolución 1024 × 600, proporcións que o sitúan máis preto dos teléfonos móbiles ca dos ordenadores. Contén prestacións moi similares a Folio 100, pero coas vantaxes de ter menor tamaño. Permite o acceso á tenda Android Market.
  • PlayBack: Apropiado para quen emprega decote o teléfono Blackberry. Pódese sincronizar con este e funciona co seu propio sistema operativo, BlackBerry Tablet OS. Caracterízase pola súa conectividade wifi e por unha pantalla multitáctil LCD de sete polgadas cunha resolución de 1024 x 600. Non ten nin versión 3 G nin porto USB, aínda que si dispón dun procesador cunha memoria RAM de 1 xigabyte, catro veces superior á do iPad.