Ascensión Marcos Sánchez, investigadora científica e presidenta da FESNAD

"Sería desexable que a información do alimento fose o máis concisa, informativa e clara posible"

1 febrero de 2017
Img entrevista listado 1169

Ata que punto incide a alimentación na saúde?

Tanto a alimentación como a situación nutricional que nos xera o que comemos están intimamente relacionadas coa saúde.

Os consumidores somos conscientes desta relación?

Falta moito camiño por percorrer. Isto é o que saco en claro cando alguén me di que come ben pero que lle sobran 20 quilos, unha afirmación ben común.

Con frecuencia vemos como se lle atribúen propiedades curativas, case milagrosas, a alimentos concretos. Vostede é experta en inmonutrición, que opina respecto diso?

Que é unha atrocidade, pero é difícil ir en contra dun monstro coma Internet onde non todo o que se inclúe é certo. Hai tamén moitos intereses comerciais que son capaces de enxalzar un produto determinado ou de tiralo ao lixo se fai falta cando en ningún dos dous casos estea xustificado.

A etiquetaxe nutricional debería reflectir polo miúdo o contido do alimento. Isto cúmprese?

En moitas ocasións non se cumpre. Isto é un grande atranco, xa que é importante coñecer o que un vai comer para poder valorar ata que punto se pode inxerir con maior ou menor frecuencia.

Dá a sensación de que persiste certa opacidade, como o uso intencionado de eufemismos ou sinónimos para camuflar certos nutrientes.

Si, desgraciadamente así é.

Como valora o uso de ferramentas gráficas, como o semáforo nutricional? Se a información nutricional fose máis visual e fácil de interpretar, axudaríanos a comer mellor?

Faría falta, ante todo, unha boa educación nutricional. Non estou a falar só dos colexios, que é fundamental, senón tamén de educación a toda a poboación. Moita xente come só aquilo que lle gusta, pero non sabe ata que punto o pode tomar con maior ou menor frecuencia. Dependendo do tipo de alimento, terao que tomar de forma ocasional ou a diario en función das consecuencias metabólicas que leve consigo, pero unha gran parte da poboación non é consciente disto.

Dun tempo para acá, o azucre está no centro do debate. É esaxerado ou facía falta poñelo sobre a mesa?

Ata un punto. Na miña opinión e na de moitos compañeiros profesionais da nutrición, é necesario seguir as normas da Organización Mundial da Saúde (OMS), pero tampouco hai que demonizar ningún alimento. Si hai que vixiar a frecuencia do seu consumo para que non cause risco de enfermidade.

Cre que gravar os alimentos azucrados pode contribuír a reducir a súa inxestión?

O máis importante é que a poboación sexa consciente do que é bo e do que non é tan bo. Empezar por gravar os alimentos azucrados podería ser un medio de reducir a súa inxestión, pero aínda está por ver o éxito desta medida. Habería que facelo tamén con todos aqueles produtos que teñen graxas saturadas, que moitas veces figuran na etiquetaxe como graxas vexetais, algo que é ambiguo e non esclarece en absoluto cal é a composición. Como todos sabemos, a inxestión de graxa saturada non é beneficiosa para a saúde en altas cantidades, como tampouco o é o consumo de azucre en exceso.

Teríase que regular o sector alimentario de maneira similar ao farmacéutico, onde os envases ofrecen información precisa e fiable do contido?

Sería desexable que a información do alimento fose o máis concisa, informativa e clara posible.

Na última década loitouse contra cuestións moi concretas que afectan a saúde: o tabaco, o sal, agora o azucre… Que é o seguinte?

Temos moitas materias pendentes, pero sigo pensando que non hai que demonizar nada. Todo depende da frecuencia coa que se inxiren os alimentos e de se a nosa dieta é variada e moderada. Do que si son partidaria é de eliminar por obrigación o tabaco porque está completamente xustificado cales son os prexuízos e os riscos de consumilo.

Acrilamida, nitritos, nitratos… Que riscos reais supoñen para a saúde?

Poden ser moi prexudiciais, e producirán unha patoloxía determinada en función do alimento que se inxira, da cantidade e da frecuencia coa que se faga.

Cada vez hai máis información sobre alimentación e nutrición ao alcance das persoas. No entanto, aínda triunfan as dietas milagrosas. Por que sucede isto?

Isto falla por unha falta de educación nutricional. Desgraciadamente, as autoridades encargadas da educación no noso país non tiveron a ben que exista desde os primeiros anos unha materia de nutrición e de bos hábitos, non só de alimentación, senón de estilo de vida. Hai un gran descoñecemento por parte do profesorado e dos propios pais. Non esquezamos que o que o neno ve na súa casa é o que vai tomar de exemplo no seu día a día.

A alimentación ocupa un espazo crecente nos medios. Os xornalistas deberiamos especializarnos en nutrición, en xornalismo alimentario, para ofrecer unha mellor información?

Por suposto, non estaría de máis, aínda que está claro que a integración do coñecemento da nutrición e a forma de difundir este coñecemento é o que fará que finalmente a mensaxe chegue adecuadamente a toda a poboación.

Desde a FESNAD, fan un seguimento das informacións que se difunden nos medios?

Si, estamos a facelo. Interésanos fundamentalmente saber que noticias se están dando, a difusión que teñen e como atallar as noticias erróneas que se difunden con moita maior profusión da desexable.

Os blogs de nutrición van en aumento. Algúns reciben moitas visitas e atenden consultas, son fonte de información e opinión, aínda que non sempre publican información veraz e contrastada. Percibe que hai intrusismo profesional?

Por parte da xente que pensa que fala ex cátedra, o que hai verdadeiramente é un nivel moi alto de inconsciencia do mal que está provocando no consumidor, xa que se mesturan conceptos sen xustificación ningunha e, ademais, dáse unha información moi enganosa. Creo que eles mesmos tampouco se fan ningún favor xogando deste xeito coa falta de formación da poboación en materia de nutrición, un tema do que parece que todos podemos falar coma se profundásemos no seu coñecemento.

Que pode facer unha persoa para detectar que unha proposta dietética ou nutricional non é de fiar?

É complicado, precisamente, por esa falta de educación nutricional que se estende na poboación en xeral.

Cales son os temas prioritarios para a FESNAD neste momento?

Desde a FESNAD estamos valorando de que xeito se lles pode axudar ás persoas para que non sexan enganadas por encantadores de serpes que publicitan unha redución de peso excesiva nun mes, sen indicar os riscos metabólicos que iso poida levar consigo. Tamén estamos traballando nun proxecto coa Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aecosan) e a Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPAP) para frear o avance do sobrepeso e a obesidade infantil no noso país. Ademais, desde 2003 a FESNAD celebra o Día Nacional da Nutrición en colaboración coa Aecosan. Enviamos información e mensaxes sobre determinados grupos de alimentos, ou enfocados cara á saúde, a distintos colectivos de profesionais e á poboación en xeral.