Pedro Cátedra, presidente da Asociación Nacional Española de Vapeadores (ANEV)

"Os cigarros electrónicos son unha alternativa ao tabaco 400 veces menos tóxica"

1 julio de 2014
Img entrevista 2 listado 157

Cantos cigarros electrónicos se venden en España?

É difícil de saber polos problemas do sector (hai tendas que desapareceron). En España, dende setembro de 2012, ano en que entrou no mercado a primeira marca, xurdiron entre 600.000 e 700.00 vapeadores (inhaladores do vapor do cigarro electrónico).

A mala fama deste produto afecta o número de vapeadores no noso país?

Si, decrece claramente. Pecharon tendas e baixou o número de vapeadores dos 800.000 que chegaron a existir. Tamén hai quen o adquire, para despois deixalo no caixón e non utilizalo máis.

A mala reputación do cigarro electrónico non está xustificada?

Débese a intereses farmacéuticos.

Por que?

O cigarro electrónico substitúe os métodos que hai no mercado para deixar de fumar, como as gomas de mascar e os parches de nicotina. Estes tratamentos custan entre 300 e 400 euros. Se se multiplica esta cantidade por 100.000 ou 200.000 persoas que queren deixar de fumar, son millóns de euros os que a industria deixa de ingresar. O mesmo sucede cos medicamentos que receitan co mesmo fin os médicos, como a vareniclina. E a terceira peza pola que a industria deixa de ingresar diñeiro son os enfermos de cancro relacionado co tabaquismo (o de pulmón, boca, garganta ou traquea, entre outros). Se non se fuma, diminúe a incidencia do cancro e dos tratamentos para lles facer fronte, como a quimioterapia, que custan 120.000 euros ao ano.

Entón, o cigarro electrónico é seguro para a saúde?

É certo que algúns cigarros electrónicos levan nicotina, pero en cantidades moi inferiores ás do tabaco. Engancha, pero non mata. Son unha opción máis segura que o tabaco e unha alternativa 400 veces menos tóxica que non xera fumadores pasivos. Son a alternativa a unha morte segura co tabaco.

Pero os científicos están a achegar estudos sobre os seus efectos prexudiciais sobre a saúde…

Segundo un estudo realizado hai dous anos en Nova Zelandia e publicado en The Lancet, o 45 % dos fumadores non deixan de fumar cos parches de nicotina, mentres que o 51 % si o conseguen co cigarro electrónico. Dise que esta diferenza é frouxa e moi pobre. Tampouco é certo que exista o vapeador pasivo de nicotina e doutros compoñentes que se vaporizan ao aire. Estes son inocuos porque se absorben pola mucosa, a boca, a traquea e os pulmóns. Chegan en cantidades dez veces por debaixo dos niveis considerados nocivos para influír na saúde.

Podería enumerar os beneficios do e-cigarro?

Arredor de 55.000 persoas enferman de tabaco en España, mentres que cinco millóns de persoas consomen e-cigarros no mundo sen sufrir as súas consecuencias. Na China e nos Estados Unidos, onde este produto leva un mínimo de dez anos, hai 60 millóns de persoas consumidoras e non se produciu nin unha soa morte. O caso que se difundiu dunha primeira morte debido a un abuso do cigarro electrónico en España é falso. Ese paciente está vivo. Causan moitos menos prexuízos que o tabaco, pero non se están recomendando polo principio de prudencia no que se ampara a OMS.

Por que non se pode equiparar o cigarro electrónico co tabaco?

Non ten ningún compoñente que sexa coma os do tabaco, salvo a nicotina que, ademais, é química e máis pura que a do tabaco. Non ten os compoñentes engadidos do tabaco, senón glicoprofilénico, un gliconel vexetal que o medicamento utiliza dende 1940 en aerosois para as persoas asmáticas, en auga e en cremas alimenticias, cun código alimentario controlado. En Suíza, recéitanse en centros de saúde e o Goberno británico recoméndaos. En cambio, en España tense outra opinión. Hai que ter en conta que hai fármacos para deixar de fumar con efectos secundarios graves. O que ocorreu cos e-cigarros é un problema de etiquetaxe.

De que tipo?

A Food and Drug Administration (FDA) colleu unha mostra de e-cigarros e descubriu que tiñan substancias canceríxenas coma as nitrosaminas e os metais pesados. Pero iso ocorreu só nun 10 % da mostra. O 90 % cumpre coa etiquetaxe e cos compoñentes correctos. Díxose que teñen nitrosaminas, que son compoñentes tóxicos, pero iso non é así no caso de produtos fabricados en Europa, senón naqueles que utilizan compoñentes fabricados en países coma China. Dende ANEV, o que se pide é un rexistro oficial para controlar os líquidos de cada marca: un selo, un rexistro de marcas e inspeccións e unha licenza para que os e-cigarros non se poidan vender en calquera establecemento que non sexa profesional.