Ipad: utilidade ou capricho?

O novo dispositivo lanzado por Apple pode ser unha porta de entrada á tecnoloxía para moitas persoas
1 Setembro de 2010
Img internet listado 604

Ipad: utilidade ou capricho?

Os expertos non se poñen de acordo sobre o iPad. Os máis optimistas ven neste aparello, de medio quilo de peso, 13 milímetros de groso e de 24 centímetros de alto por 19 de ancho, o futuro da informática, mentres que para outros é só un capricho perverso (con prezos que van dos 479 euros aos 779 euros) que o tempo se encargará de pór no seu lugar, xa que propón un mundo totalmente controlado por Apple, a compañía que o fabrica e a responsable do teléfono Iphone e do reprodutor de MP3 Ipod, e os seus intereses empresariais. Non obstante, cada vez esta máis claro que este híbrido entre un teléfono e un ordenador pode resultar o complemento ideal para trasladar o ocio dixital ao sofá, ou para lles amosar aos vellos as bondades da Rede.

Os apóstolos do software libre ven no iPad algo parecido ao “Show de Truman”, película na que a vida é un inmenso escenario onde todo está previsto e controlado por un grupo de técnicos e guionistas televisivos. Aducen, non sen certa coherencia, que un aparello no que a persoa que o usa non pode decidir que programas usa ou onde merca a súa música, as súas películas ou as súas lecturas non é unha boa premisa para o futuro, por moito que a experiencia de usuario sexa fantástica.

A morte do PC?

Outros analistas máis pragmáticos inciden en que a principal virtude deste iPhone en versión aumentada -aínda que non sirva para chamar por teléfono- é precisamente a experiencia de usuario. Refírense con iso a que a gran maioría dos consumidores que proban o iPad quedan encantados das súas características. Pódese levar enriba con comodidade, xa que pesa entre 680 e 730 gramos; manéxase a fondo sen saber practicamente nada de tecnoloxía porque as súas aplicacións levan ao resultado final sen complicar a vida do usuario cun labirinto de opcións; a súa pantalla táctil aforra un teclado e dá resultados espectaculares tan só movendo dous dedos, a resolución das imaxes é excepcional, o contorno gráfico é moi bonito, etc.

Os máis optimistas ata ven neste aparello o futuro da tecnoloxía de acceso á Rede, pois cumpre coas premisas de mobilidade,- xa que se pode levar enriba todo o tempo-, de rapidez de acceso en calquera lugar -ao combinar as redes wifi coas tecnoloxías 3G e 4G- e ambivalencia funcional, é dicir, que se pode usar tanto para ver unha película como para escoitar un disco, mandar unha mensaxe de correo electrónico, editar un texto, ler o xornal ou consultar a wikipedia, entre outras moitas cousas.

Ata tal punto chegou o entusiasmo dalgúns que Steve Jobs, fundador e presidente de Apple, se atreveu a declarar hai poucos meses a morte do PC, termo no que incluía tanto os ordenadores de sobremesa como os portátiles. Para Jobs o futuro estará colonizado por teléfonos grandes en forma de comprimido con cerebro de ordenador. Por suposto, el desexaría que a maioría fosen iPad.

Virtudes

Os resultados do iPad nos meses que leva en activo confirman que as súas características son excelentes para gozar do seu uso, ata entre os que se senten máis afastados da tecnoloxía. As persoas de “formación analóxica” están afeitas ao manexo dunha vida onde o compoñente dixital é mínimo: len libros de papel, xornais de papel, ven a televisión no televisor, escoitan música en discos compactos, etc.

O cambio tecnolóxico sorprendeunos a contrapé e corren o risco de se veren excluídos dun futuro que de modo irreversible pasa por Internet. Para este grupo, o iPad pode ser un complemente ideal que lles permita seguir cos seus hábitos analóxicos nun soporte similar ao que usaron sempre. Ler un xornal neste aparello é algo sinxelo e cómodo, xa que a pantalla ten gran definición e está retro iluminada, polo que se pode ver con pouca luz, e o mesmo acontece cos libros. Non cansa tanto a vista como as pantallas máis antigas, aínda que non alcance a perfección da tinta electrónica. De feito, numerosos xornais ven no iPad a ferramenta ideal para que o seu público máis fiel se pase ao medio dixital.

Ademais, a “xeración analóxica” pode introducirse na navegación web dun modo sinxelo grazas á versión do navegador Safari que inclúe o iPad. As características táctiles da pantalla fan o resto: para abrir un enlace abonda con dar un toque co dedo sobre el; para agrandar unha fotografía, ou un mapa, só hai que estender as xemas dos dedos sobre ela; para escribir un correo úsase o teclado táctil, que ten unhas boas dimensións, etc. E o mesmo sucede coa música e os vídeos. Abonda con acudir ao botón da tenda iTunes e premer sobre “música” para ver de modo gráfico o catálogo de discos que se venden. Vólvese premer e descárgase o disco no iPad -logo de abono en conta- para podelo escoitar.

Inconvenientes

Pero dicir que o iPad vai substituír o ordenador semella esaxerado por múltiples motivos. En primeiro lugar porque utiliza un sistema operativo derivado do que se aplica ao iPhone, que é un teléfono. Isto fai que a súa potencia de procesado e a cantidade de funcións que pode realizar sexan limitadas. Se para un uso complementario e de ocio pode resultar ideal, para tarefas profesionais non é cómodo nin estable. Editar un texto pode chegar a amolar pola cantidade de erros que propician as pulsacións táctiles sobre o seu teclado; tampouco responder a mensaxes con textos longos ou achegar arquivos é cousa sinxela. Hai tarefas que se fan mellor ben sentados nunha cadeira, cun ancho teclado diante e cunha pantalla grande que non force a vista.

Por outra banda, é certo que o iPad lle limita as opcións ao usuario. Aínda que a conexión a Internet poida ser permanente nos modelos con acceso 3G, e que se poidan realizar todo tipo de consultas e compras on line, estas sempre están supervisadas por Apple e os seus intereses comerciais. Non hai alternativas ao que ofrece a empresa da mazá: non se poden consultar determinadas páxinas, mercar en certas tendas nin usar algunhas tecnoloxías sen o seu consentimento. Como exemplo, o iPad non acepta tecnoloxía flash para ver os vídeos, que se ben é certo que non é a mellor, si é a que empregan a maior parte de sitios web da Rede. No fondo desta limitación, máis ca cuestións prácticas, agáchase unha guerra comercial entre Adobe, propietaria de flash, e Apple.