Eroski Consumer analiza 143 instalacións deportivas municipais de 18 cidades

As instalacións deportivas municipais melloran, aínda que os concellos invisten menos cartos

En xeral, a maioría das instalacións atópase en bo estado de mantemento, limpeza, seguridade e accesibilidade, aínda que fallan en información e servizos
1 Setembro de 2010
Img tema listado 135

As instalacións deportivas municipais melloran, aínda que os concellos invisten menos cartos

/imgs/20100901/tema1.jpg
O deporte non só se ve, tamén se practica. Ademais, de maneira crecente. Os seus beneficios na saúde física e emocional de persoas de toda idade e condición incrementaron a demanda e a oferta de equipamentos para poder nadar, xogar ao fútbol, ao baloncesto ou ao tenis. De feito, estas instalacións incrementáronse nos últimos 30 anos en máis dun 77% e dúas de cada tres son de titularidade pública. A súa xestión precisa investimento e un bo mantemento, algo que se dá nas principais capitais do país, aínda que o certo é que os concellos destinan menos cartos ca hai catro anos. Así o constatou EROSKI CONSUMER logo de analizar a dotación de infraestruturas deportivas municipais e de visitar 143 delas, en 18 capitais: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Cádiz, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. Dos resultados do estudo extráese que as instalacións deportivas municipais melloraron nos últimos catro anos, malia que os concellos invisten unha menor proporción do seu orzamento para ese fin. A pauta é que, en comparación cun estudo semellante elaborado no 2006, a dotación aumentou de xeito significativo, se ben aínda queda marxe para lograr unha situación óptima: hai unha piscina de media por cada 19.500 habitantes (no 2006 por cada 21.000), un ximnasio por cada 15.600 residentes (hai cinco anos por cada 18.500) e un campo de fútbol por cada 17.700 habitantes (no 2006 por cada 21.300). Non só mellorou a cantidade: a calidade das instalacións municipais visitadas é ‘boa’ e apenas un 4% delas non cumpre cos requirimentos de limpeza, seguridade, accesibilidade, conservación e información esixidos.

Canto gastan os Concellos en deporte?

/imgs/20100901/tema2.jpg
Os 18 concellos gastan unha media de case 24 millóns de euros anuais en deporte (46,6 euros de media por habitante). O peso das partidas destinadas ao deporte nas 18 cidades é dun 3,8% de media. É dicir, que os concellos gastan algo menos de 4 euros por cada 100 que dispoñen nos seus orzamentos totais no mantemento e conservación de instalacións, pagamento do persoal, oferta de cursos e programas, etc. Os municipios que máis cartos destinaron para o deporte son: Vitoria (supón unha partida do 9,1% do seu orzamento total), A Coruña (5,5%), Valladolid (5,4%), San Sebastián (5,3%), Murcia (4,5%) e Oviedo (4,3%). O resto de cidades achega pouco máis do 3% dos seus orzamentos anuais ao investimento en materia deportiva. Á cola sitúase Málaga (apenas supón un 1,5% do orzamento total anual do seu concello), Zaragoza (2%) e Alacante (2,4%).

En cinco anos, a proporción das partidas destinadas ao deporte diminuíron unha media dun 1%. As únicas cidades que aumentaron a súa achega a esta materia foron A Coruña, San Sebastián e Valencia. Non obstante, hai outras que diminuíron os orzamentos á metade: é o caso de Oviedo (no 2005, a cidade que destinaba unha maior proporción de diñeiro, un 8,4%) e Madrid (era a segunda capital que no 2005 destinaba unha maior proporción, un 7,2% dos seus orzamentos totais anuais).

Canto custa facer deporte?

A pretensión de unificar a multitude de tarifas e abonos que hai que pagar por facer deporte é misión imposible. Pero si se poden establecer unha serie de factores para clasificar os prezos. Velaquí algúns exemplos:

O prezo do abonamento de tempada para maiores de 18 anos móvese este ano entre os 83,70 euros que pagan en Vitoria os cidadáns maiores de 25 anos (79,50 euros aboan os que teñen idades comprendidas entre 18 e 25 anos), os 109,2 euros anuais de Bilbao, os 190,70 euros de Valencia e os 160 euros de San Sebastián por ter a chamada kirol txartela adulto. En Madrid e Valladolid, pola súa banda, a cota é mensual. En Madrid, o abono vai dende os 17,70 euros aos 38,50 euros, en función dos días que se utilice a instalación deportiva (1, 2 ou 3 días). Mentres tanto, en Valladolid a cota é de 21,10 euros.

Tamén está moi espallada a posibilidade de ter un abono familiar: na capital bilbaína ascende a 162,95 euros anuais, en San Sebastián son 283 euros por sacar a kirol txartela familiar e en Valencia supón un desembolso de entre 357,55 euros e 408,85 euros en función dos membros dos que se compoña a familia. Pola súa banda, en Valladolid, todo membro que se vaia sumando á unidade familiar pagará 21,10 euros mensuais e o quinto é gratuíto.

Para rematar, os maiores de 60 ou 65 anos tamén se poden beneficiar de descontos importantes. Por exemplo, en Alacante e Vitoria a bonificación da cota é dun 50%. Noutras cidades como Madrid, a cota mensual que pagan estas persoas nesta franxa de idade vai dende os 7,60 euros aos 4,30 euros mensuais (en función dos días que utilice as instalacións deportivas municipais, 1 ou 2 días).

Grandes diferenzas entre cidades

Instalacións deportivas: grandes diferenzas

Ningunha cidade pode presumir de ter un equipamento óptimo, aínda que a evolución positiva é xeneralizada. Na actualidade, apenas hai unha piscina de media por cada 19.500 habitantes (no 2006 a proporción era de unha por cada 21.000 habitantes), un ximnasio por cada 15.600 residentes (hai catro anos, era de un por cada 18.500 habitantes), un campo de fútbol por cada 17.700 habitantes (no 2006, era por cada 21.304 habitantes), unha pista de tenis por cada 20.500 habitantes (hai catro anos era unha por cada 25.016 habitantes). A excepción: os polideportivos cubertos. No 2006 había un por cada 26.000 habitantes, e na actualidade hai un por cada 33.000 habitantes. As medias non agochan que os medios despregados polas institucións públicas nalgunhas cidades son moi superiores aos doutras. Neste estudo comprobouse que os residentes de Vitoria, San Sebastián e Barcelona teñen un mellor acceso á práctica deportiva ca os doutras cidades como Alacante, Granada e Sevilla.

Para os afeccionados á natación, Vitoria é a mellor opción (unha piscina por cada 8.728 habitantes, a maioría cubertas), ao contrario ca Cádiz (unha para 63.383 residentes). Vitoria, xunto con Valladolid, tamén destaca en campos de fútbol (unha instalación deste tipo por cada 10.000 habitantes). E a capital valisoletana sobresae así mesmo en canchas polivalentes ao aire libre (unha por cada 5.500), moi por riba de Madrid (unha por cada 22.600). Se o que se desexa é golpear a pelota cunha raqueta, Granada, Valladolid e Málaga destacan sobre o resto (unha pista por cada 15.000 habitantes), moi por riba de Alacante (unha pista por cada 30.400 habitantes). Se a raqueta é de pádel, A Coruña destaca moi positivamente ao contar con 76 pistas para a súa poboación censada, mentres que Barcelona apenas ten 15 para a súa.

A visita ás instalacións: fállase en información

As instalacións deportivas municipais visitadas atópanse en bo estado e contan con medidas de seguridade e accesibilidade abondas. Trátase dunha situación que se mantén pois, hai catro anos, cando esta revista realizou un estudo similar, só un 7% suspendía. Na actualidade, esta proporción diminuíu e só o 4% das instalacións deportivas analizadas incumpren os requirimentos básicos esixidos, aínda que un 9% debe conformarse cun mediocre ‘aceptable’. Os aspectos máis positivos do estudo son a seguridade dos recintos analizados e o estado de mantemento e limpeza (en ambos os dous apartados obteñen un ‘moi ben’). Non obstante, quedan nun axustado ‘aceptable’ no que atinxe á información ao usuario e aos servizos ofertados. Polo que respecta á accesibilidade a nota media obtida foi de ‘ben’.

Por cidades, destacan as óptimas apreciacións obtidas polos equipamentos deportivos de Barcelona, Bilbao, Córdoba, Málaga, San Sebastián e Vitoria: todas elas obtiveron un ‘moi ben’. Pola súa banda, as instalacións visitadas na Coruña, en Madrid, Granada, Murcia, Oviedo, Pamplona, Sevilla, Valencia, Valladolid e Zaragoza acadan un ‘ben’, mentres que Alacante e Cádiz deben conformarse cun mediocre ‘aceptable’.

Equipamentos deportivos sostibles?

As instalacións deportivas tamén contaminan. Precisamente, no VI Encontro de Políticas Deportivas nos Municipios celebrado en Bilbao en abril propuxéronse algunhas medidas para facer delas espazos máis sostibles, como reciclar os residuos (perigosos e non perigosos), aforrar auga, utilizar paneis solares, etc. E son moitas as cidades que xa as levan á práctica:

Zaragoza: entre outras medidas, danlle moita importancia ao aforro da auga, por iso instalaron nos espazos deportivos sensores de rega e flexos nas billas dos aseos, entre outros sistemas, para evitar desbaldir. Ademais, consideran fundamental informar o usuario mediante carteis e folletos para que se impliquen en que o funcionamento das instalacións deportivas sexa máis sostible.

Valladolid: os paneis de enerxía solar nas instalacións deportivas municipais levan unha década funcionando. Ademais, empréganse os chamados fluxómetros (billas que producen unha gran descarga nun inodoro sen necesidade de cisterna), billas con temporizador (para o aforro de auga) e iluminación de espazos con control de presenza.

Vitoria: vincúlase dende 1999 o funcionamento de caldeiras (calefacción e ACS) ao sostemento enerxético (CO2) e melloras para a redución de consumos.

Valencia: dende o 2003 trabállase no deseño e na remodelación de edificios para mellorar a implantación de sistemas de aproveitamento de enerxías renovables (favorecer a iluminación e ventilación natural, instalación dun axeitado illamento térmico…).

Sevilla: hai nove anos, púxose en marcha un plan de eficiencia enerxética e de aforro de auga e o pasado exercicio procedeuse á instalación de placas solares nas instalacións deportivas.

San Sebastián: deseñou un proxecto de optimización enerxética das instalacións deportivas municipais. Tamén se están a utilizar placas solares fotovoltaicas nas cubertas de varias instalacións deportivas municipais.

Bilbao: na capital biscaíña traballan para reducir o consumo de enerxía, auga (de piscina, de rega, etc.) e gas das instalacións municipais mediante varios sistemas: substituír as caldeiras antigas por equipos novos máis eficientes, crear plantas solares fotovoltaicas, recuperar a auga de chuvia e manter a calor da auga das piscinas, entre outras.

A limpeza e a seguridade nas instalacións, o mellor

/imgs/20100901/tema3.jpg
Sen dúbida ningunha, a limpeza e conservación das instalacións deportivas visitadas é un dos aspectos máis destacados da análise. A nota media obtida neste apartado (un ‘moi ben’) mantense con respecto a un estudo similar realizado por esta revista no 2006. É máis, en catro anos melloraron, xa que mentres daquela suspendía un 4%, na actualidade faino apenas un 1%.

Neste sentido, só se atoparon fallos no estado de conservación dun 11% dos casos analizados. As deficiencias tiñan que ver co mal estado das redes nas porterías, canastras e similares (nun 10% dos casos) e mais coa falta dunha man de pintura que delimitase correctamente as zonas de xogo (nun 12%), así como co lixo e co mal estado do pavimento das estancias visitadas (nun 9%).

Ademais, entre os máis de 600 vestiarios analizados nos 143 centros deportivos incluídos neste estudo, só un 2% deles e as súas duchas eran excesivamente vellas e, entre outros fallos, observáronse algúns casos con portas sen pomo e con perigo de quedar pechado, azulexos rotos, humidades, canalizacións oxidadas, etc. (en Alacante, un de cada cinco precisaba unha reforma). Precisamente, a limpeza e a hixiene tamén era boa nos máis dos vestiarios, só un escaso 1% estaba porco durante a visita.

En seguridade, os resultados tamén son positivos: só o 3,5% das instalacións suspende o exame desta revista (no 2006, esta proporción era do 5%), aínda que outro 1,4% debe conformarse cun mediocre ‘aceptable’ dentro deste apartado (no 2006, non obstante, eran un 12% os que quedaban con esta nota). Cómpre sinalar que a maioría das instalacións deportivas municipais se atopan convenientemente adaptadas e contan coas principais medidas de seguridade (luces de emerxencia, extintores). Non obstante, nun 14% das instalacións non se viron carteis indicadores de saída de emerxencia.

Por outra banda, nun 4% observáronse elementos que podían pór en perigo a integridade física dos usuarios: pavimentos deteriorados e con fisuras, zonas cunha altura considerable e sen valar, zonas de obras próximas ás pistas ou canchas de deporte, etc. Estas deficiencias observáronse en dúas de cada dez instalacións de Sevilla.

Ademais, en case todas as instalacións deportivas que teñen piscinas (e esta estaba aberta, un 71%) contaban con polo menos un socorrista no recinto no momento da visita (só nun 4% non o había). Aínda que na única instalación que se analizou en Cádiz na que había piscina, o socorrista atopábase traballando nunha oficina sen vixiar a piscina.

Información ao usuario e servizos dispoñibles, aspectos mellorables

Trátase sen dúbida dos aspectos que peor se coidan neste tipo de instalacións. Así, case unha de cada sete instalacións deportivas municipais visitadas non dá superado a análise desta revista e un 25% débese conformar cun ‘aceptable’. En catro anos melloraron nesta materia, xa que no 2006 un de cada catro espazos analizados suspendía a proba e un 22% cualificábase cun ‘aceptable’. Entre outras carencias salientables, un 11% contaba cunha deficiente sinalización, xa que non se sabía onde estaba cada dependencia ou a onde levaba cada corredor. Ademais, un 45% non informaba sobre as normas de uso particulares de cada estancia, un 36% non contaba con carteis co horario de apertura e peche do recinto ou dos distintos servizos, por non falar de que a caixa de suxestións só se atopaba presente no 38% dos espazos estudados.

Entre os servizos ofrecidos aos usuarios, destaca que no 80% dos recintos analizados había cabinas gardarroupa nos vestiarios. Non obstante, tan só en un de cada cinco había papeleiras ou colectores para a reciclaxe e máis da metade non contaba con servizo de cafetería ou bar. Con todo, a existencia dunha dependencia sanitaria (ben enfermería ou ben botica de primeiros auxilios) estaba claramente sinalizada en tres de cada catro ocasións.

Achegarse a estas instalacións non sempre resulta doado: aínda que practicamente a todas chega o autobús urbano, o metro, o tranvía e ata o tren, só o 36% conta con carril bici nas súas inmediacións (a mellor situación dáse en Vitoria e en San Sebastián).

A accesibilidade ás instalacións é boa en xeral e táboa comparativa

/imgs/20100901/tema5.jpg
Só un 11% das instalacións deportivas municipais visitadas suspende este apartado (similar á proporción do estudo realizado no 2006), aínda que un 9% se cualifica só de ‘aceptable’. A filosofía dos Concellos é proporcionar servizos a todos e cada un dos cidadáns. Así, só nun 9% dos recintos visitados o acceso pode cualificarse como deficiente e en apenas un 12% é necesario subir escaleiras para acceder ás distintas dependencias ou estancias do interior.

Non obstante, tamén se observaron algunhas carencias: un 18% non conta con aseos adaptados para minusválidos (en Oviedo non se viu ningún) e nun 30% dos casos a entrada ao vaso da piscina non estaba convenientemente adaptada. Ademais, non había prazas de aparcamento para minusválidos nas proximidades de dous de cada cinco espazos deportivos (en Alacante e Pamplona, en ningún).

E, para rematar, é especialmente importante a tradución dos carteis ao braille ou que a información estea en sobre relevo. Non obstante, isto non se leva á práctica: en aproximadamente un 85% das visitas non se viu ningún cartel traducido: nin os paneis de situación, nin os carteis que sinalizan os accesos, etc. (Vitoria foi a cidade onde máis carteis adaptados se viron).