Juan Torres, catedrático da Universidade de Sevilla

"As restricións ao gasto son unha barbaridade se o que se desexa é reactivar a economía"

1 Xaneiro de 2015
Img entrevista listado 987

Diversos organismos e estamentos auguran un crecemento para 2015

Son previsións equivocadas. Fanas para tratar de lexitimar as medidas que lles impoñen aos gobernos, pero a medida que pasa o tempo compróbase que non acertan case nunca. É normal.

Normal?

Aplican políticas equivocadas e os seus escenarios non se poden cumprir. Gobernan cunhas “anteolleiras ideolóxicas” moi grandes que lles impiden percibir de forma correcta a realidade. Só se busca satisfacer os intereses máis poderosos, como demostra que o resultado das políticas aplicadas sexa, en termos distributivos, unha concentración cada vez maior da riqueza en poucas mans. E, para iso, xerouse un discurso completamente falso, como demostrou a experiencia.

O 1 de xaneiro entra en vigor unha chea de cambios tributarios respecto ao IRPF, ás indemnizacións por despedimento, ao alugamento, aos plans de pensións, aos dividendos etc. Como cre que lle afectarán ao cidadán?

É posible que se perciba unha aparente maior dispoñibilidade de ingresos, pero non será real. Sen lles garantir financiamento ás empresas, sen lles proporcionar un escenario que lles permita cancelar a súa débeda, sen que aumente o ingreso dispoñible destinado ao consumo e sen o apoio decisivo do Estado en forma de investimento social, será un milagre que “a rúa” perciba, en verdade, unha mellora da súa situación.

Respecto do mercado laboral, as perspectivas tamén parecen afagadoras

Non vexo por que. Insisto en que se non aumenta a demanda, e non o está facendo, será moi difícil que aumente o emprego. O que ocorre é que se quere equiparar o cambio de natureza nas relacións laborais (transformando emprego fixo noutro parcial e temporal) cun incremento neto do emprego. Para que ese incremento do emprego repercuta de modo efectivo e positivo no conxunto da economía, é necesario que leve consigo un aumento da masa salarial e iso é, por desgraza, o contrario do que ocorre agora mesmo.

A previsión do aumento do consumo privado tamén é errónea?

Gustaríame que fose errónea. Ao meu ao redor, hai moita xente que sofre e que está sen emprego. Nada me gustaría máis que estar equivocado e comprobar que se recupera o consumo, o investimento e o conxunto da economía. Pero non vexo datos que anticipen un suficiente incremento da renda que poida levar consigo a recuperación efectiva do consumo e das vendas e, con ela, do investimento e do emprego.

Hai quen avoga por un maior consumo para lle facer fronte á crise. Porén, outros defenden as restricións para superar esta etapa. Que opina?

Para crear emprego é necesario que haxa investimento privado por parte das empresas e tamén investimento público, sobre todo en infraestrutura social. O investimento realízase cando hai vendas; é dicir, cando hai demanda efectiva, ingresos suficientes. Por tanto, fai falta consumo. As restricións ao gasto son unha auténtica barbaridade se o que se desexa é reactivar a economía. Agora ben, non todo consumo é desexable nin ten o mesmo efecto sobre a economía e a sociedade. A nosa sociedade fomentou, nos últimos decenios, unha pauta de consumo ineficiente, insustentable e pouco útil desde o punto de vista da auténtica satisfacción das necesidades sociais.

Europa recoméndalle constantemente a España que o diñeiro dos bancos chegue aos cidadáns. Cre que en 2015 chegará á sociedade e que crecerán os préstamos aos pequenos e medianos empresarios?

Non o vexo claro. O sector bancario está moi tocado e só certo disimulo contable oculta a súa situación patrimonial, moi quebrantada. Nin sequera o baleiro que van deixando as caixas no mercado lle permite á banca privada recuperar un equilibrio que lle permita financiar como se necesita. Ademais, as empresas e as familias atópanse nunha “recesión de balances”; é dicir, nunha situación posterior ao endebedamento excesivo. Isto fai que a liquidez adicional se dedique a diminuír débeda, de modo que posiblemente nin sequera sexa suficiente con que a banca abra de novo a billa. É necesario atopar outras vías de recomposición e non poden ser outras que a reestruturación das súas débedas.

Entón, como lle facer fronte á costa de xaneiro?

Iso si que é unha operación de envergadura. Sobre todo, necesítase reflexión, mesura e equilibrio. Tamén intelixencia e un cambio de posición ante o que nos rodea. É necesario que nos preguntemos sobre o que de verdade necesitamos. Dicíao Séneca: “Os desexos naturais son finitos e, ao contrario, os que se orixinan de falsa opinión non teñen fin”.