Eduardo Cifrián Yagüe, responsable da Escola de Alimentación da Fundación Eroski

"A familia e o colexio son os principais motores para cambiar a conduta dos nenos"

1 Abril de 2015
Img entrevista 2 listado 209

A obesidade infantil preocupa no eido mundial. En que punto se atopa España?

Somos o país coa maior taxa de obesidade infantil da Unión Europea e aproximámonos perigosamente aos niveis dos Estados Unidos. Segundo un estudo realizado en 2013, case a metade dos nenos e nenas españois menores de 10 anos teñen sobrepeso ou obesidade. E o malo é que, malia os esforzos, esta tendencia segue en aumento.

Hai estudos máis recentes?

Na Fundación Eroski, estamos a finalizar unha enquisa nutricional que comezamos hai un ano e que achegará un dato actualizado da taxa de obesidade infantil en España. Isto proporcionará información moi relevante para os profesionais da saúde sobre os hábitos alimentarios da poboación, facilitará a posta en marcha de actuacións concretas por parte dos organismos públicos competentes e axudará a concienciar a poboación sobre a importancia da nutrición na saúde.

Menciona varios actores para promover un cambio. Como se reparte a responsabilidade da situación actual?

Os principais motores do cambio na conduta dos nenos son a familia e o colexio. A familia é a base para transmitir e asentar hábitos de vida saudables, pero para iso son necesarias grandes doses de formación e información aos maiores. E o colexio debe colaborar coas familias á hora de inculcar estes valores nos nenos e nas nenas. A obesidade infantil é un problema complexo no que interveñen moitos factores, ademais da alimentación.

Que papel desempeñan os actuais hábitos de vida e de lecer neste problema?

Desempeñan un papel decisivo. Nas últimas décadas, a poboación do noso país sufriu grandes cambios nos hábitos de vida. A dieta mediterránea foi substituída por dietas con maior densidade enerxética, o que significa máis graxas e azucres engadidos nos alimentos habituais e tamén unha diminución do consumo de froitas, verduras, cereais e legumes. Estes cambios combínanse cunha notable redución da actividade física ao longo do día, polo que o consumo de enerxía queda moi descompensado en relación coa enerxía que se queima. Ademais, hai un progresivo descoñecemento e desapego dos nenos acerca da orixe dos alimentos.

Os nenos de hoxe comen peor?

En xeral, si. Basta con mirar as recomendacións que fai a Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética (Fesnad) e comparalas coa situación actual nas familias españolas. A modo de exemplo: menos do 5 % dos nenos realiza un almorzo completo a diario, menos do 15 % consome verduras unha vez ao día, aínda que deberían facelo na comida e na cea, e só 2 de cada 10 nenos come máis de dúas pezas de froita ao día, cando o mínimo recomendado son tres pezas diarias.

Que barreiras impiden ofrecerlles unha alimentación saudable aos nenos?

Máis da metade da poboación española modificou os seus hábitos de compra debido á crise económica. Pero, ademais, hai outras barreiras, como poden ser a falta de tempo ou de coñecemento por parte dos pais, o afastamento progresivo da cociña tradicional ou que a alimentación sa se asocia con algo pouco divertido.

A información e a formación nutricional parecen ser pedras angulares.

Si, e por iso a Fundación Eroski puxo en marcha a Escola de Alimentación en 2012. Queremos axudar a reverter a tendencia crecente de obesidade e hábitos sedentarios. Coa axuda dun equipo de nutricionistas, pedagogos, expertos en saúde e comunicadores creamos “Enerxía para crecer”, un programa educativo en alimentación e hábitos saudables para nenos e nenas de primaria cuxo fin é fomentar, de maneira divertida, a alimentación sa e a práctica frecuente de exercicio.

Tivo boa aceptación?

Desde a súa posta en marcha o pasado curso, máis de 50.000 escolares de 700 colexios distribuídos por toda España realizaron o programa, tanto na súa parte teórica coma nos talleres prácticos, onde os nenos aprenden a facer unha compra saudable interpretando a etiquetaxe nutricional dos produtos. O programa complementarase en breve cunha “Aula de familia” para estender o proxecto de educación saudable aos fogares.

É realista formularse como obxectivo alcanzar o 0 % de obesidade infantil?

É máis realista pensar en como investir a actual tendencia crecente de obesidade e sobrepeso infantil. Fai falta traballar moito para parar a “pandemia do século XXI”, como a define a Organización Mundial da Saúde (OMS). Debemos tomar conciencia de que temos un problema como sociedade e de que a solución supón un gran reto, xa que implica modificar condutas que regulan aspectos moi básicos do comportamento, como o lecer ou a alimentación.