Guia de compra: patacas

Patacas, gastronomía de base

Máis da cuarta parte das hortalizas frescas que se consomen ao ano en España son patacas, un alimento humilde e económico, pero con grandes virtudes e versatilidade na cociña
1 Febreiro de 2018
Img alimentacion listado 1245

Patacas, gastronomía de base

A pataca é un tubérculo, o extremo dunha raíz que crece ao acumular amidón e auga. Orixinaria de América Central e de América do Sur, a papa ou a pataca cultivouse por primeira vez entre os anos 8000 e 5000 a. C. Foi traída polos españois a Europa ao redor do ano 1570 e, desde entón, estendeuse por todo o mundo.

Ao principio, considerouse unha rareza botánica que se cultivaba en macetas, pero os europeos atopáronas saborosas e trataban de aprovisionarse con grandes cantidades para as súas viaxes de volta. Pasaron varias xeracións ata que se converteu nunha fonte de alimento fundamental en Europa, e un dos problemas fundamentais era que as patacas silvestres necesitaban un tempo de escuridade suficiente. As condicións climáticas e de luz que se dan en Europa, con días máis longos no verán, provocaba que se obtivesen tubérculos máis pequenos ca na zona de orixe, máis ecuatorial.

Unha vez adaptadas as condicións de cultivo, a pataca, barata, resistente e fácil de cultivar, converteuse na base da alimentación de moitos países, algúns deles afectados naquel momento por fames importantes. Na Irlanda do século XVII, por exemplo, a pataca non foi a base da súa alimentación, senón a única fonte de alimento. Así e todo, a cultura do cultivo da pataca tivo o seu maior auxe no século XIX. Na actualidade, existen máis de 200 variedades, que se poden clasificar en función de distintos criterios.

Consumo en España

O consumo de patacas aumentou. Segundo os datos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), entre abril de 2016 e marzo de 2017, os fogares españois adquiriron 1326 millóns de quilos de patacas, o que supuxo unhas 6,3 toneladas máis ca no mesmo período do ano anterior.

En termos económicos, as familias gastaron 1123 millóns de euros, o que indica un incremento de 87,06 millóns de euros nesa mesma comparativa. Á luz destes datos, os fogares españois invisten o 1,67 % do seu orzamento para alimentación en comprar patacas.

As preferencias están claras: as familias decántanse pola pataca fresca, que representa o 74,4 % do consumo total, e aumenta a súa presenza no menú familiar, cunha media aproximada de 22,47 quilos por persoa e ano. Porén, tamén hai que mencionar que, nese período, a pataca conxelada gañou mercado, cun aumento do 0,2 % en consumo, o que supón unha media de 0,95 quilos por persoa e ano.

Os fogares nos que se consomen máis patacas son os formados por parellas con fillos maiores ou medianos, así como parellas adultas sen fillos e fogares monoparentais que residen en poboacións pequenas, que non exceden os 2000 habitantes. Son fogares nos que normalmente o responsable da compra é unha persoa de idade comprendida entre os 50 e os 64 anos, segundo o MAPAMA.

Destaca o consumo per cápita dos mozos independentes, que se incrementa un 8,4 %, e nos fogares monoparentais, que ascende un 5 %. Pero onde máis se consomen patacas é, sen dúbida, nos fogares onde viven persoas adultas e xubiladas. Nestes casos, o consumo sitúase nunha media de 41,68 e 43,26 quilos/persoa/ano, respectivamente. Ademais, á hora de comprar, a elección das famiilias recae en hipermercados, supermercados e tendas de desconto, o que engloba o 58,5 % da cota de mercado, cun crecemento do 1,9 %.

Recoñecelas e diferencialas

As patacas diferéncianse, entre outras cousas, pola cor da súa pel e da súa polpa, e tamén polo seu tamaño e forma, a súa rugosidade, a profundidade dos ollos (as fendas que presentan na súa pel) e, en gran medida, polo seu ciclo de maduración ou recolección. Segundo este último criterio, que normalmente se indica na venda ao público, as patacas poden ser novas ou temperás, semitardías ou vellas.

Segundo o seu momento de recolección, as patacas poden ser:

  • Patacas novas ou temperás. Son as que se recollen entre marzo e xuño, antes da súa maduración completa. Trátase de patacas pequenas, de pel tersa moi fina e lisa e cunha de cor clara e uniforme. As patacas novas tamén se caracterizan polo seu sabor suave e ás veces lixeiramente doce. O seu contido en auga é máis elevado ca no resto de variedades e conteñen menos amidón que as patacas maduras. A súa textura é firme, o que facilita que sigan firmes tras a cocción. Debido ao seu maior contido en auga, teñen un prazo de conservación menor. En xeral, tamén son menos calóricas e súa achega de vitamina C é máis elevada.
  • Patacas semitardías (patacas de estación). Son as que se recollen no momento óptimo de maduración, entre xuño e finais de verán. Son as máis versátiles, xa que polo xeral o seu contido en amidón e humidade está nun termo medio. Son lixeiramente máis grandes e secas que as patacas novas, e consérvanse mellor.
  • Patacas vellas ou tardías. Colléitanse durante o outono, despois de deixalas enterradas durante semanas para que a súa pel se endureza. Deste xeito, pódense almacenar durante meses para comelas ao longo do inverno. Son grandes, de pel grosa, escura e lixeiramente engurrada, cuberta xeralmente con algo de terra para preservalas da luz. A súa carne, de cor amarela, ten máis sabor. Estas patacas son máis ricas en amidóns, o que as fai idóneas para guisar, xa que espesan as salsas e absorben mellor os sabores do prato. Tamén son as mellores para facer purés e cremas.

Variedades de patacas

Aínda que existen decenas de tipos distintos de patacas, os comercios non adoitan especificar as variedades que ofertan polo descoñecemento dos consumidores das diferenzas que existen entre elas. Así, o máis común é que a elección se realice atendendo ao seu aspecto ou simplemente polo seu prezo. Co tempo, no mercado fóronse introducindo tamén tipos de patacas especiais que resultan curiosas, como as violetas ou azuis, idóneas para preparar pratos moi concretos e, en xeral, máis vistosos e decorativos.

Patacas como a Bleue de la Manche, de orixe francesa pero cultivada en campos de Castela e León, son moi apreciadas na alta cociña polas súas propiedades gastronómicas e nutricionais. Estas variedades dan moito xogo polas características que fai que sexan tan especiais. As patacas moradas, por exemplo, permiten darlle un toque de cor a cada prato, teñen un sabor moi agradable e son ricas en antocianinas, un pigmento que lle dá a súa cor característica, con propiedades antioxidantes beneficiosas para a saúde.

Estas patacas ofrecen moitas posibilidades na cociña, máis alá do seu uso decorativo. Fervidas, conservan mellor as súas propiedades e, ademais, as variedades de carne firme non se desfán durante a cocción nin rompen ao cortalas. Fritas, tipo chip, quedan crocantes e deliciosas. As máis pequenas utilízanse moito para cociñar ao vapor ou no microondas.

Como é a etiquetaxe das patacas?

As patacas frescas, ademais de comercializarse a granel, poden adquirirse en sacos de papel ou en mallas de plástico. A etiquetaxe é diferente para as patacas que se venden envasadas e as que se venden a granel. En ambos os casos, a súa venda está regulada polo Real decreto 31/2009, que establece a norma de calidade comercial para as patacas que se consomen no mercado nacional.

Patacas envasadas.

O envase debe incluír as seguintes indicacións:

  • Identificación. O nome, a razón social ou a denominación do envasador, do expedidor ou do vendedor e, en todo caso, o seu domicilio.
  • Natureza do produto. “Patacas de primor”, “Patacas novas”, “Patacas de conservación”, segundo corresponda. Ademais, hase de indicar o nome da variedade, se están calibradas ou sen calibrar e a denominación específica de venda para as patacas que non se axusten aos calibres mínimos. Nos envases que conteñan unha mestura de patacas de distintas variedades, debe indicarse: “Mestura de patacas”. Así mesmo, cando o contido non poida verse, debe especificarse que variedades están presentes no envase e o número mínimo de pezas de cada variedade.
  • Orixe do produto. País de orixe e, facultativamente, zona de produción rexional ou local ou denominación nacional.
  • Características comerciais. Categoría, peso neto, indicación do lote, calibre… Utilización culinaria recomendada, cor da pel, cor da carne, forma do tubérculo, circunstancias particulares de produción, condicións relativas de almacenamento e conservación etc.

Patacas a granel.

Nos casos de que se presenten a granel, as indicacións anteriormente mencionadas deberán figurar nun documento que acompañe a mercadoría, fixado de forma visible no interior dos seus transportes ou envases. Para a súa venda ao público, os comerciantes polo miúdo deberán colocar as indicacións relativas á natureza, á orixe e ás características comerciais do produto nun cartel ben visible no lugar de venda. A parte da mercadoría exposta será representativa do conxunto do lote.

Analise nutricional

O seu lugar na dieta

A pataca é un dos alimentos básicos na nosa alimentación, xa que é unha fonte importante de nutrientes. Ademais, é un dos produtos máis empregados na cociña, xa sexa como ingrediente principal ou como acompañamento. Porén, e a pesar de que en España se consome unha cantidade importante de patacas, non é moi común empregar outro tipo de patacas que non sexan as de pel amarela ou vermella. Noutros países, o seu consumo é máis diversificado.

Como se indicaba nos datos relativos ao consumo, máis da cuarta parte das hortalizas frescas que se consomen ao ano en España son patacas. Así, a pesar do seu carácter humilde, merecen especial atención, precisamente polo consumo que se fai delas, polas súas virtudes e pola súa polivalencia na cociña. A pataca é o ingrediente clave e imprescindible dun dos pratos que máis nos representa, a tortilla, e tamén é fundamental en pratos coma guisos de carne, de peixe ou de vexetais, purés e cremas, ensaladas rusas, potaxes, e outras moitas receitas.

As patacas inclúense no grupo dos farináceos ou alimentos ricos en féculas, para os cales as recomendacións oficiais aconsellan a inxestión de entre 4 e 6 racións ao día. Considérase que a ración de pataca está entre os 150-200 gramos en cru, o que equivale a 1 pataca grande ou 2 pequenas. En calquera caso, neste grupo é importante descartar alimentos procesados, coma bolería e doces, e promover o consumo de alimentos ricos en fibra e integrais.

Calidades nutritivas

Entre as súas calidades nutritivas destacan que son unha boa fonte de enerxía, fibra, potasio, vitamina C (especialmente as patacas novas), vitaminas B1, B6 e folato. Ademais do efecto antioxidante da vitamina C, hai que destacar que facilita a absorción de ferro procedente doutras fontes vexetais e, aínda que parte dela se perde na cocción, a pataca continúa sendo unha excelente fonte desta vitamina. Pola súa banda, as vitaminas B1 e B6 son importantes para o mantemento da saúde do sistema nervioso e teñen tamén unha función destacada no metabolismo dos carbohidratos e na produción de enerxía. O potasio desempeña unha función clave a nivel muscular e na regulación da presión arterial.

Na pataca preséntase unha boa combinación entre os baixos niveis de sodio e altos de potasio, o que a fai interesante para alcanzar ese último obxectivo de regular a presión arterial. A pataca é así mesmo un alimento importante e excelente para os celíacos, xa que carece de glute.

As variedades de carne amarela (as de consumo máis estendido) teñen esta cor por mor dos carotenoides solubles nas graxas zeaxantina e luteína, que desenvolven un papel importante na visión; de feito, a súa carencia asóciase coa dexeneración macular. Do mesmo xeito ca outros carotenoides antioxidantes, están presentes en alimentos vexetais coma algas, chícharos, allos porros, arandos, brócoli, espinacas, acelga, repolo, col, millo, tomate, plátano, perexil, apio, flor de cabaza ou laranxa.

A pataca caracterízase tamén porque contén niveis significativos dos alcaloides tóxicos chaconina e solanina, que lle dan un sabor amargo. É recomendable descartar para o consumo as patacas inmaturas, con pigmentos verdes na pel ou demasiado amargas, xa que isto indicaría un alto nivel no contido de alcaloides. A pesar de que as variedades comerciais máis estendidas conteñen niveis baixos destes alcaloides, as patacas non deben ser nunca almacenadas con frío nin con luz.

Diferenzas segundo a súa forma de preparación

Pataca para fritir:

A pataca para fritir debe ter un gran contido en amidón. É dicir, debe ser feculenta ou fariñenta. As patacas que resultan boas para fritir tenden a abrirse cando ferven. Son patacas fariñentas e normalmente coa pel amarelada. Polo xeral, teñen a pel grosa e son de textura seca, xa que conteñen menos humidade. Velaquí algunha variedade feculenta: Russet, Bintje, King Edward e Maris Piper.

Para obter a mellor pataca frita, crocante por fóra e tenra por dentro, tamén se recomenda a pataca de variedade agre, que presenta poucos azucres e unha proporción xusta de fécula e auga. Cultívase en moitas rexións de Europa e adoita ser fácil de atopar nos mercados. Aínda que o tipo de pataca é fundamental, hai outros trucos na preparación que axudan a conseguir a pataca frita ideal. O máis popular quizais sexa deixar durante unha media hora as patacas cortadas en remollo con auga para eliminar o exceso de amidón e que non se peguen entre si.

Pataca para guisar:

O comportamento da pataca no guiso é fundamental para a calidade do prato final. É conveniente que solten unha determinada cantidade de fécula para que engorden o guiso, pero non se poden desfacer totalmente. Para conseguir este resultado, é fundamental a forma de cortalas, que deberá facerse mediante unha incisión e un posterior tronzado, para que a superficie da fracción cortada solte amidón. Nalgúns casos, pode ser preferible que as patacas se desfagan, de xeito que formen un puré espeso, o que se adoita conseguir simplemente prolongando a cocción. Están indicadas para este fin as variedades Fénix, Monalisa, Desirée e Kennebec.

Pataca Fénix:

Recoñécese pola súa forma redonda, pero non demasiado grande, chata ou esmagada. A súa pel é amarelada e ten ollos ou afundimentos de tamaño medio na superficie. No interior, a súa carne é branca, tirando a amarela. Pódese usar para fritir, aínda que o seu verdadeiro atributo é que ao cocer se mantén enteira, sen que rompa nin se desfaga con facilidade. Por esta razón, é a pataca ideal para completar os guisos ou os estufados, xa que mantén a súa forma tras a cocción e, ademais, espesa e axuda a ligar a salsa.

Pataca Monalisa:

A pataca Monalisa é a pataca máis vendida actualmente. É de forma regular e, tamén, a máis versátil no mercado. A súa forma é ovalada e a súa cor algo amarelada, tanto no exterior coma no interior. É unha pataca semitemperá. Ten unha gran calidade desde o punto de vista culinario e caracterízase porque é un alimento moi aproveitable na cociña. A súa carne tenra e fariñenta faina ideal para usar en cocidos e en guisados e tamén en frituras e asadas.

Semáforo nutricional

Neste semáforo tómase como ración 150 gramos en cru, o que equivale a 1 pataca grande ou 2 pequenas, e realízase unha comparativa nutricional das distintas preparacións, as máis comúns, coas que se cociña este alimento na casa. Como se pode ver, as patacas ao forno ou cocidas son un alimento apropiado para a saúde, pero a situación cambia cando se friten.

As patacas fritas adoitan estar peladas e cortadas en anacos e necesariamente foron fritidas nalgún tipo de graxa, xa sexan aceites vexetais (aceite de oliva, de xirasol ou de millo, se as preparamos na casa), ou graxas de orixe de animal (manteiga, graxa de porco), o que non é habitual na nosa gastronomía.

  • As graxas menos recomendables para fritir son as graxas trans e aqueles aceites vexetais que son altos en graxas poliinsaturadas (aceite de xirasol, de palma, de millo, de soia, de colza ou nabina), xa que se oxidan facilmente e, polo tanto, ao quentarse por encima de certa temperatura, xeran unha gran cantidade de toxinas.
  • Por outra parte, temos o aceite de oliva, máis rico en ácidos graxos monoinsaturados se o comparamos cos anteriores. Para obter todas as súas propiedades, debemos consumilo cru. Ao realizar unha fritura, non se debe de reutilizar en exceso, xa que se vai deteriorando.
A pataca engorda?

A pataca presenta un alto poder saciante e un escaso valor calórico (sempre que sexan cocidas) con relación a outros alimentos de tipo enerxético, como a pasta ou o pan. O principal beneficio de consumir patacas cocidas frías está no amidón resistente. Este é unha forma de fibra moi beneficiosa, dada a súa lenta taxa de absorción no intestino delgado, que fai que a maior parte do seu volume se elimine cos excrementos. Cando as patacas se cociñan e logo arrefrían, o amidón resistente forma cristais duros, que rompen ao requentar a pataca. Esta absorción lenta tamén permite que esa sensación de saciedade dure por máis tempo, o que reduce a inxestión de alimentos.

Recomendacións gastronómicas

Suxestións de compra

A versatilidade da pataca permite utilizala para infinidade de pratos suculentos. A continuación, propoñemos as mellores variedades para conseguir potenciar o sabor das receitas:

As mellores para os guisos e os purés.

As patacas vellas, máis engurradas e escuras, mesmo ás veces recubertas por algo de terra para preservalas da acción do sol, recollidas no outono e de carne amarelada, teñen un sabor máis complexo e unha alta proporción de amidón, así que son idóneas para guisar, xa que engordan as salsas e absorben mellor os sabores. Tamén son mellores para facer cremas e purés.

As mellores para as ensaladas.

Se o que buscamos é unha pataca para confeccionar unha ensalada fría ou unha ensalada rusa, a pataca vermella ou Red Pontiac é a mellor, xa que é a variedade que mellor aguanta a refrixeración unha vez cociñada.

As mellores para fritir.

Para as patacas fritas, en xeral funcionan ben as de maduración tardía e algunhas semitardías, como a Baraca, Agre, Kennebec, Spunta, Caesar, Bintje, Draga, Felix, Nagore e Monalisa, aínda que dependerá do gusto do comensal. Se queremos obter unha pataca frita crocante, optaremos por patacas novas, con menos amidón. Se nos gustan douradas e un pouco brandas, é mellor seleccionar unha pataca semitardía.

As mellores para asar.

En xeral, son boas as patacas fariñentas e as de maduración temperá. Dan bo resultado as variedades Kennebec, Spunta e Flamenco. Nas Canarias, é moi típico o acompañamento a base de papas engurradas, que se elabora con patacas autóctonas antigas con denominación de orixe protexida. E é que a papa canaria representa a icona gastronómica das Illas Canarias. Este selo recoñece non só a Canarias, senón o saber facer dos seus agricultores, con variedades autóctonas cultivadas desde o século XVI. Entre elas, atopamos: Negrita de El Hierro, Buena Moza ou Palmera, Blanca, Colorada, Corralera Tijarafera, Corraleda Colorada, Corraleda Legítima, Carralera, Negra de La Palma, Negra Veteada, Haragana, De Ojo Azul, Blanca, Moñigo de Camello, Azucena Negra, Azucena Blanca, Bonita Negra, Bonita Blanca, Bonita Colorada, Bonita Llagada, Bonita Ojo de Perdiz, Borralla, Colorada de Baba, Negra Yema de Huevo, Peluca Negra, Peluca Roja e Terrenta.

As mellores para usar en calquera prato.

O tipo de pataca que máis nos interesa é o que se pode usar de distintas maneiras; é dicir, aquelas patacas que nos sirvan para cociñar calquera prato. Dentro destas patacas, a maioría adoitan ser de maduración semitardía, pero hai algunhas excepcións. En xeral, dan bo resultado para case todo as variedades Kennebec (tanto na súa versión galega -IXP Pataca de Galicia- coma na versión catalá -IXP Patata de Prades-), Monalisa, Spunta, Desireé, Elodie ou Vivaldi.

Cal é o mellor sistema de conservación?

A pataca é un órgano aínda vivo despois da súa recolección. Isto quere dicir que nela seguen desenvolvéndose procesos metabólicos e fisiolóxicos (respiración, transpiración etc.), aínda que isto sucede de forma moi lenta polo estado no que se atopan. Este estado é o que nos interesa manter o máximo tempo posible e para iso controlaremos as condicións de almacenamento.

En condicións idóneas, a pataca pode conservarse en bo estado entre 7 e 9 meses, aínda que isto non significa que non existan certas diminucións a nivel organoléptico. As patacas deben almacenarse, en xeral, nun lugar fresco, escuro, húmido e relativamente ventilado, e existen algunhas peculiaridades en función do tipo de pataca:

  • As patacas novas (que se dan entre finais da primavera e do verán), son máis doces, perecedoiras e cun menor contido en amidón. En xeral, as patacas novas, ao teren máis humidade, sucumben antes á podremia, así que é conveniente comprar só a cantidade que se vaia consumir.
  • As maduras, cultivadas no outono, pódense almacenar durante meses a unha temperatura ideal de entre 7 ºC e 10 ºC. En calquera caso, teñen que gardarse nun sitio escuro e fresco. A exposición á luz fai que os niveis de alcaloides se eleven e que en ocasións a pel se volva de cor verdosa e cun sabor amargo. Nese caso, debemos eliminar as zonas verdes ou refugalas.

Por encima dos 10 ºC, as patacas perden humidade e tenden a xerminar. Por debaixo dos 7 ºC, escurécense, e vólvense doces e pouco aptas para fritir. Nunca debemos metelas no frigorífico. É mellor gardalas nunha despensa ou no balcón, se o frío non é extremo, dentro dun saco de tea ou nunha caixa de madeira con fendas, para que se poidan ventilar e para que se poida revisar de cando en vez se algunha podreceu.

Ademais, hai que ter en conta que as temperaturas elevadas favorecen o desenvolvemento de organismos que poden provocar a deterioración da pataca, como insectos, fungos e bacterias.

Hai que ter en conta que cada vez hai máis patacas de conservación, almacenadas en frío durante meses e tratadas para que non maduren ou xerminen. Estas patacas, que poden parecer novas, en realidade son patacas vellas da tempada anterior, así que debemos mirar sempre a data de recolección na etiqueta.

Recomendacións económicas

Apuntamentos para o aforro

O prezo das patacas non varía demasiado entre os distintos tipos que atopamos no mercado. Na maioría dos casos, o quilo custa ao redor de 1,30 euros, aínda que hai algunha excepción. As patacas mini Pat Chef, por exemplo, son case tres veces máis caras.

Que debemos ter en conta?

  • As mallas grandes (de 5 kg) son máis económicas ca outros formatos e, por tanto, son unha boa opción. Nestes casos, o prezo por quilo diminúe.
  • Comprar o que se vai consumir. En ocasións, eliximos unha bolsa grande de patacas para abaratar o custo, pero non chegamos a utilizalas todas e acabamos tirándoas. Reducir o desperdicio de alimentos é unha das mellores estratexias para aforrar.
  • Nos mercados e supermercados adoita haber ofertas puntuais.
  • As patacas vellas duran máis tempo en bo estado se as almacenamos adecuadamente.
  • As maneiras máis eficientes de cocción -é dicir, as que consomen menos enerxía e, por tanto, menos diñeiro- son aquelas que cociñan directamente os alimentos (coma o microondas) ou as que requiren unha cantidade escasa de aceite ou de auga para facelo (como a cociña ao vapor, que con pouca auga permiten cocer unha cantidade importante de patacas).
7 maneiras económicas de cociñar con patacas

A pataca é un gran aliado na cociña, un comodín infalible para lucirse nos fogóns. É económica, ten un gran rendemento e pode prepararse de moitas maneiras distintas. Fritas, ao forno ou fervidas, en puré, en toross ou en tiras… as patacas adáptanse moi ben ás receitas gourmet e as ocasionais, pero tamén ás modestas e ás diarias.

  • Rápidas: patacas ao microondas. Non fai falta moito tempo nin moito diñeiro para elaborar esta receita. Tampouco é necesario estar pendentes da cocción nin se necesita un gran despregamento cos condimentos; de feito, os aderezos ou aliños poden ser tan sinxelos coma un chorro de aceite de oliva e un chisco de sal, un pouquiño de pemento, un picado de allo, un pouco de manteiga, un toque de ourego ou o que teñamos á man na despensa ou na neveira. O máis importante é lavar ben as patacas antes de introducilas no microondas, xa que as coceremos con pel.
  • Ao forno: patacas gratinadas. Esta preparación require máis tempo e dedicación -hai que ferver as patacas e sofritir a cebola antes de pensar no forno-, pero a cambio obteremos un prato moi rico e vistoso que poderemos servir como entrante, como taco ou como acompañamento doutras receitas. As patacas gratinadas adoitan levar bastante nata, queixo e manteiga, tres ingredientes que lle achegan unha textura e un sabor moi suaves, pero que á súa vez engaden moitas graxas saturadas. Por iso é polo que se recomende un consumo esporádico deste prato.
  • Versátil: puré de patacas. Poucas cousas hai tan versátiles e adaptables coma un puré de patacas. Faise con rapidez, é moi doado de preparar, custa moi pouco diñeiro e podemos utilizalo en multitude de pratos distintos: desde un simple (pero substancioso) acompañamento para filetes, salchichas, polo, escalopes, peixes ou hamburguesas, ata un pastel de carne ou doutras verduras que terminaremos de facer ao forno. O puré de patacas é unha receita moi agradecida para facer máis consistentes os pratos e, tamén, para degustar distintas salsas e condimentos, xa que podemos darlle orixinais toques de sabor cun pouco de maionesa, de mostaza ou de curri.
  • Prácticas: patacas recheas. Podemos facelas de dúas maneiras: fervidas ou ao forno (envoltas con papel de aluminio). O interesante desta receita é que se adapta sen problemas aos gustos dos comensais, aos ingredientes que teñamos na casa e á nosa economía doméstica. A diferenza de sabores (e de prezos) estará no recheo. Podemos utilizar un salteado de carne picada, un revolto de cogomelos, mexillóns, queixo, unha mestura de atún e millo… e mesmo facer unha degustación para satisfacer a todo o mundo ou para aproveitar as sobras doutras comidas que fixésemos antes.
  • De pota: guiso de patacas. Que sería dun estufado sen patacas? Sen dúbida, algo difícil de imaxinar. Calquera guiso que fagamos na casa, desde un de lentellas ata un de carne, renderá máis e terá máis sabor e consistencia se lle engadimos unhas cantas patacas. E non temos por que relegalas sempre a un papel secundario; é dicir, tamén podemos facer un guiso de patacas, onde elas sexan as protagonistas, o ingrediente principal, e onde o acompañamento sexa tomates e pementos, espinacas e gambas…
  • Para levar: tortilla de patacas. Práctica, rica, saborosa e moi agradecida para combinar con diferentes ingredientes, esta receita é unha estupenda opción como taco, para levar ao traballo, de excursión ou de pícnic. Gran compañeira de viaxe, a tortilla de patacas pode comerse quente, fría ou tépeda, soa ou en bocadillo, como prato único, como petisco ou como entrante, na cea ou a media mañá, con café… Por algo é un dos pratos máis populares do país. O fundamental, en especial cando fai calor, é ter precaucións co ovo.
  • As máis celebradas: con ovos e fritas. En moitas casas (sobre todo, cando hai nenos), falar de patacas fritas é sinónimo de alegría e aplausos. Poucos son os pequenos (e os adultos) que se resisten a esta tentación. Un gusto que, iso si, hai que darse de maneira ocasional, xa que o aceite que absorben coa fritura aumentan as calorías de maneira considerable. Podemos servilas soas (como patacas bravas ou con alioli), con ovo, como guarnición dun filete ou dun escalope de peixe, ou tamén como prato único, con xamón e ovos rotos, con chistorra etc.