Enquisados máis de 800 responsables do fogar e consumidores de produtos lácteos para coñecer os seus hábitos respecto deste tipo de alimentos e para saber se coñecen os selos de calidade e garantía destes

Lácteos: consómense sen coñecer o seu valor

O 91 % dos entrevistados asegura que todos os membros da súa familia toman leite ou algún outro produto lácteo, pero o 65 % deles non coñece o selo PLS que levan os produtos lácteos e que certifica o seu alto valor nutritivo, a identificación da súa orixe e a súa sustentabilidade en toda a cadea de valor
1 Febreiro de 2018
Img tema de portada listado 259

Lácteos: consómense sen coñecer o seu valor

Unha dieta sa e equilibrada non pode entenderse se nela non se inclúen o leite e outros produtos lácteos, coma o iogur ou o queixo, por exemplo. A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) asegura que son unha fonte importante de enerxía alimentaria, proteínas e graxas. En concreto, explica que o leite contribúe de maneira importante a satisfacer as necesidades do corpo humano de calcio, magnesio, selenio, riboflavina (vitamina B2), vitamina B12 e ácido pantoténico (vitamina B5).

A pesar dos seus beneficios, en España, o consumo de leite e lácteos experimentou un descenso nos últimos anos, segundo datos da Organización Interprofesional Láctea (INLAC). Así, no caso do leite, en 2016 consumíronse 3198 millóns de litros, un 2,2 % menos ca no ano anterior. No caso dos derivados lácteos, o consumo mantense estable, con 1597 millóns de quilos.

Ademais, segundo o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA), diversos factores macroeconómicos provocaron en 2015 unha crise no sector lácteo europeo, que afectou a maioría dos Estados membros da UE e tamén os gandeiros españois e, en particular, afectoulles aos que sofren directamente o efecto da regulación do exceso de oferta con prezos de compra do seu leite por debaixo dos prezos de produción. Por este motivo, os distintos axentes que interveñen na cadea de valor do sector lácteo comprometéronse a colaborar co sector lácteo español para lograr un funcionamento eficiente e sustentable das cadeas de valor do leite e dos produtos lácteos.

Ante este contexto, EROSKI CONSUMER quixo coñecer cales son os hábitos de consumo de lácteos dos consumidores e cal é o seu coñecemento dos selos de calidade e garantía que levan. Para iso, o pasado mes de novembro realizoulles unha enquisa en liña a un total de 805 responsables da compra do fogar e a consumidores de produtos lácteos.

A mostra

Todos os participantes da enquisa son responsables da compra no seu fogar e adoitan consumir leite ou outros produtos lácteos, como queixo, iogures ou similares (cremas, bebidas lácteas, manteiga, nata etc.).

Todos son maiores de idade, o 44 % sitúase nunha franxa de entre 41 e 55 anos e outro 33 % ten entre 56 e 70 anos. Dous de cada tres son mulleres, o 59 % ten formación universitaria e o 23 % tamén un posgrao ou doutoramento. Outro 21 % estudou formación profesional e o resto conta con educación secundaria ou bacharelato.

En canto á súa procedencia, un 18 % vive no País Vasco, outro 18 % na Comunidade de Madrid, o 13 % en Cataluña, o 9 % en Andalucía e o 8 % na Comunidade Valenciana. O resto de enquisados distribúese polo resto de territorios españois en proporcións menores ao 5 %.

Consumo e valor lácteo

Consumo

O leite e os produtos lácteos están moi presentes nos fogares dos enquisados. De feito, no 91 % dos casos todos os membros da familia toman leite ou algún outro produto lácteo.

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), cada fogar tomou en 2016 unha media de 65 litros de leite enteiro e 104 litros de leite semidesnatado e desnatado. Tamén tomaron 42 litros de iogures e leites fermentados, 16 quilos de queixo e requeixo e 18 quilos doutros produtos elaborados con leite, como nata, cremas, arroz con leite, batidos, xeados etc.

En canto á frecuencia por tipo de produto, o 52 % dos entrevistados asegura que consumiu leite varias veces ao día, mentres que un 38 % o fai unha vez. O resto, un 10 %, tan só toma leite unha vez á semana ou cunha frecuencia menor, entre 2 e 6 veces por semana.

No caso dos outros produtos lácteos (queixo, iogures ou similares), as frecuencias baixan un pouco. Un 43 % asegura tomar este tipo de alimentos varias veces ao día e, un 35 %, unha soa vez. Pola súa banda, un de cada cinco enquisados di consumir produtos lácteos unha vez á semana ou entre 2 e 6 veces á semana.

E é que os lácteos son alimentos con excelentes calidades nutritivas, esenciais para a saúde en cada etapa da vida. O leite, por exemplo, é rico en proteínas de alta calidade, calcio, vitaminas liposolubles A e D e vitaminas do complexo B. Pola súa banda, os derivados lácteos (iogur, batido, callada, xeado, quefir ou queixo) son alimentos de fácil dixestión e consumo. En ambos os casos, trátase de alimentos especialmente importantes en períodos de crecemento e desenvolvemento (infancia e adolescencia) e en situacións fisiolóxicas concretas (embarazo e lactación).

A Sociedade Española de Nutrición Comunitaria (SENC) e a Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria (semFYC) recomendan que os nenos tomen de 2 a 3 racións diarias de lácteos (de 200 ml cada unha), entre 2 e 4 racións (de 250 ml cada unha) os adultos e 3 racións ao día (tamén de 250 ml cada unha) as persoas maiores. Iso si, o consumo de leite non debe desprazar a inxestión de alimentos de orixe vexetal pouco procesados, como froitas frescas, hortalizas, froitos secos ou legumes.

G1ga

Valor do lácteo

O leite é, xeralmente, un produto moi apreciado pola poboación. Segundo a Enquisa de Orzamentos Familiares do INE, cada fogar gastou en 2016 preto de 52 euros de media no leite enteiro e 79 euros no desnatado.

A calidade nutricional do leite é o que principalmente valora o 60 % dos enquisados por EROSKI CONSUMER e o seu sabor o 21 %. Outro 9 % dálle importancia á súa orixe e un 5 %, respectivamente, ao prezo final e á forma de producilo.

Algo similar ocorre cos produtos lácteos. Un 52 % valora principalmente a súa calidade nutricional, pero un 34 % (unha maior proporción que a do leite) dálle importancia ao seu sabor. O resto de factores -forma de producilo, orixe e prezo final- son fundamentais neste tipo de produtos para un 4 %, respectivamente.

Neste sentido, os entrevistados póñenlle nota á influencia deste tipo de factores á hora de seleccionar e adquirir o leite. Nunha escala do 1 ao 5 (onde 1 é o valor mínimo e 5 o máximo), o sabor e a calidade nutricional obteñen unha puntuación media de 4; a orixe un 3,5 e a forma de producilo e o prezo final un 3,3. En canto aos produtos lácteos, as valoracións medias son iguais.

G2ga

Selo PLS

En 2013, o MAPAMA asinou un convenio de colaboración con industrias lácteas e empresas de distribución, co obxectivo de cooperar co sector lácteo español para lograr un funcionamento eficiente e sustentable das cadeas de valor do leite e dos produtos lácteos. Deste xeito, buscábase mellorar a percepción do consumidor dos produtos lácteos como produtos de alto valor nutritivo e calidade e garantir a sustentabilidade a longo prazo do sector.

Entre outras medidas, creouse o selo PLS (Produtos lácteos sustentables), que xunta os conceptos de orixe, sustentabilidade e transparencia para o consumidor. Por unha banda, a industria láctea comprometíase a identificar a orixe española do leite nos envases nos que figurase o logotipo PLS. Por outra banda, as empresas de distribución alimentaria desenvolverían actuacións destinadas a mellorar a percepción do consumidor respecto dos produtos lácteos, como produtos de alto valor nutritivo e de calidade. E, por último, o MAPAMA comprometíase a dar a coñecer o programa Produtos lácteos sustentables.

G3ga

Coñecemento e confianza no selo PLS

Coñecemento e confianza

Catro anos despois (a enquisa realizouse en novembro de 2017), EROSKI CONSUMER quixo analizar o coñecemento que teñen os consumidores do selo PLS, e dous de cada tres enquisados confirma que non coñece o logotipo.

Entre quen si o coñece (o 35 % dos entrevistados), o 82 % asegura velo nos envases dos produtos lácteos que adquire e apenas un 16 % tamén oíu falar del nos medios de comunicación tradicionais (medios impresos, televisión ou radio) ou nas redes sociais.

E os enquisados coñecen o seu significado? Un 24 % deles recoñece que o descoñece e, mesmo, algúns aseguran que non lles interesa sabelo. Porén, outro 66 % menciona algún dos tres aspectos que representa o selo PLS; é dicir, que o produto con ese logotipo é de alto valor nutritivo, a garantía de que ofrece unha mellor identificación e coñecemento da orixe do leite e outros produtos lácteos ou a certificación da sustentabilidade do produto en toda a cadea de valor. Un 3 % confunde o selo co que indica que se trata dun produto ecolóxico.

Malia todo, unha vez coñecidos os obxectivos do selo PLS, ao 63 % dos enquisados xéralles moita confianza porque certifica a sustentabilidade de toda a cadea de valor e porque indica que é un produto de alto valor nutritivo. Só ao 9 % non lle inspira ningunha confianza e ao 28 % apenas algo.

Outros sistemas de protección

EROSKI CONSUMER tamén quixo saber se os enquisados coñecían outro tipo de logotipos relacionados coa alimentación. Con respecto á calidade do produto, apenas un 21 % coñecía o selo EGT de especialidades tradicionais garantidas, un 44 % o de IXP ou indicación xeográfica protexida e un 54 % o de DOP ou denominación de orixe protexida.

Trátase de denominacións de calidade; é dicir, son mecanismos de protección e conservación de certos produtos agroalimentarios de orixe española. Os selos DOP e IXP dun produto agrario ou alimentario, ademais de asegurar e garantir produtos de calidade diferenciada, tamén informan sobre a súa orixe xeográfica, a súa tradición, a súa materia prima e, mesmo, os seus procedementos de produción, transformación ou comercialización. Outórganlle ao produto un valor singular. Pola súa banda, a EGT non fai referencia á orixe, senón que ten por obxecto protexer unha composición tradicional do produto ou un modo de produción tradicional.

En canto á produción ecolóxica, o 58 % dos enquisados coñece o selo que engloba aqueles produtos que reúnen un compendio de técnicas agropecuarias que exclúen, normalmente, o uso de produtos químicos co fin de preservar o medio ambiente, manter ou aumentar a fertilidade do chan e proporcionar alimentos con todas as súas propiedades naturais. E a mesma proporción de entrevistados coñece o selo MSC de pesca sustentable, cuxo obxectivo é avaliar se unha pesqueira está ben xestionada e se é sustentable, con base en que principios: que a actividade pesqueira asegure que se pode continuar indefinidamente; que as operacións pesqueiras se xestionen de forma que manteñan a estrutura, produtividade, función e diversidade do ecosistema; e que a pesqueira cumpra as leis pertinentes e teña un sistema de xestión eficaz que poida reaccionar a calquera cambio que se produza.

Por último, un 73 % dos entrevistados coñece o Semáforo Nutricional de Eroski, unha etiquetaxe pioneira en España que ofrece información clara e sinxela sobre o valor enerxético e nutricional dos seus produtos mediante un sistema de cores. Deste xeito, axúdaselle ao consumidor a deseñar unha dieta equilibrada.