5 dietas con moitos contras

As dietas milagre van e veñen con promesas de resultados espectaculares en pouco tempo, con todo, a evidencia científica cuestiona a súa idoneidade. Analizamos cinco delas: Pritikin, Pegan, Golo, Perricone e cronodieta.
1 Xuño de 2023

5 dietas con moitos contras

Operación biquini”, “di adeus a eses quilos de máis”… As dietas milagre están normalizadas dende hai décadas nunha sociedade na que os produtos hipercalóricos están omnipresentes e os estilos de vida urbanos conviven co sedentarismo, desembocando na chamada “epidemia da obesidade”.  Cada vez hai máis investigación sobre o impacto da obesidade na saúde, pero a desinformación flúe nun devir de réximes, gurús e produtos dietéticos que gañan popularidade presentándose como revolucionarios. Dende a Academia Española de Nutrición e Dietética explican que as persoas caen neste tipo de dietas primeiro pola frustración. Ademais, aínda que se trate de dietas de poucos meses de duración, os seus riscos non son menores. Numerosos estudos poboacionais demostran que, a longo prazo, estas dietas “milagre” teñen un efecto negativo acumulado sobre a saúde.

Adicción e efecto rebote

Os nutricionistas advirten de que neste tipo de dietas prodúcese un fenómeno de adicción pola súa rapidez a curto prazo para perder moitos quilos. Un reclamo moito máis atractivo que o da alimentación saudable, que fala dunha perda paulatina para non poñer en risco o sistema cardiovascular. “Perder 20 quilos en dous meses é posible, pero á custa de sobrecargar o sistema venoso cunha gran cantidade de graxa, que en persoas con risco cardíaco ou trombótico pode levar á morte”, advirte a Academia Española de Nutrición y Dietética. Ademais, as consecuencias destas directrices supostamente revolucionarias tamén afectan a saúde mental, como sinala Alma Palau, presidenta do Consejo General de Colegios Oficiales de Dietistas-Nutricionistas. “Na práctica clínica observamos ansiedade e mesmo depresión en pacientes que seguen este tipo de dietas”, explica. Ao que hai que engadir o efecto rebote. Entre as persoas que fan dieta, o 98 % adoita tende a gañar peso ao ano e medio despois de iniciar o plan, porque o organismo tende a recuperar o peso perdido, segundo un estudo do Centro de Investigación Biomédica en Rede da Fisiopatoloxía da Obesidade e da Nutrición (Cyberobn). Por iso é importante que, se gañamos peso, tentemos perdelo, porque canto máis tempo viva o organismo con esa situación metabólica, máis difícil será recuperar a situación anterior.

Dieta Pritikin

Orixe. 1971, Estados Unidos. O enxeñeiro Nathan Pritikin patentou unha dieta baixa en graxas tomando conceptos da investigación sobre as enfermidades coronarias.

Que propón. Parte da premisa errada de que a graxa non é saudable. O seu plan de alimentación baséase nun consumo de entre 75 %-80 % de hidratos de carbono, 10 %-15 % de proteínas e 10 % de graxa. A dieta elimina as graxas como o aceite de oliva ou os froitos secos.

O reclamo. Promete baixar tres quilos de peso ao mes cunha dieta baseada no consumo de verduras, froitas, legumes e cereais. Ademais, este plan de alimentación limita o consumo de determinados alimentos, especialmente carne, ovos e produtos elaborados a base de fariña refinada como pasta ou pan, aceite, manteiga e calquera produto lácteo que conteña máis do 1 % de graxa.

A valoración. Trátase dunha dieta que non promove a variedade, senón a repetición de menús, baseándose en listaxes de alimentos prohibidos, como o aceite de oliva, o sal, os froitos secos ou os grans refinados. Para a presidenta do Consello de Dietistas-Nutricionistas, Alma Palau, “esta dieta non se formulou para adelgazar, senón para –sen éxito– reducir o risco cardiovascular. É deficiente en proteínas, polo que se perde masa muscular, e é excesiva en hidratos de carbono”. Inadecuada pola falta de graxas como o aceite de oliva virxe, cuxos beneficios para a saúde cardiovascular foron demostrados pola ciencia. A demonización dos froitos secos é outro fallo rechamante, xa que se demostrou que contribúen á saciedade e favorecen o control do peso corporal.

O PEOR

Reduce ao mínimo os ácidos graxos esenciais e as súas proteínas son demasiado escasas para manter a función muscular, a forza e a resistencia.

Dieta Pegan

Orixe. Creada en 2016 polo médico e estrela televisiva estadounidense Mark Hyman, quen escribiu varios libros sobre este réxime, que asegura basearse nos principios da “medicina funcional”, considerada unha teoría pseudocientífica.

Que propón. O nome da dieta fai referencia á fusión das dietas “paleo” e “vegana”. A primeira baséase en consumir aqueles alimentos cos que os humanos puideron alimentarse durante o Paleolítico, como os vexetais, pero elimina os cereais, como o trigo, a avea e a cebada. Pola súa banda, a dieta vegana baséase na prohibición de calquera alimento de orixe animal, como carne, peixe, produtos lácteos, e outros produtos animais como o mel e os ovos.

O reclamo. Promete perder peso de forma saudable cunha dieta moi parecida á mediterránea. A diferenza é que este plan de alimentación prohibe o glute e os lácteos.

Valoración. Expertos como Miguel Herrero, titular do Instituto de Investigación de Ciencias da Alimentación do CSIC, rexeitan a idoneidade de alimentármonos como facían os nosos antepasados, porque a esperanza de vida daquela era de 35 anos. Ademais, o argumento de que o glute é prexudicial é falso. En primeiro lugar, porque os primeiros homínidos que viviron no Paleolítico si o tomaban e, en segundo lugar, porque os humanos, a diferenza doutros mamíferos, teñen un intestino que permite longas dixestións. O glute non é incompatible cunha dieta saudable, salvo en casos específicos de diagnóstico de enfermidade celíaca. Sobre os lácteos, un estudo do Ciberobn liderado polo profesor Jordi Salas sinala que, na súa xusta medida, os lácteos teñen un efecto protector contra o cancro de colon. Esta dieta tamén demoniza os aditivos, xa que prohibe o consumo de produtos que os leven, malia seren seguros.

O PEOR

Limita o consumo de cereais con glute, unha premisa sen evidencia científica. Esta restrición só se lle recomenda ás persoas celíacas.

Dieta Golo

Orixe. Dieta creada en 2009 nos Estados Unidos por unha empresa de suplementos alimentarios chamada Golo. Anúnciase como un plan de alimentación creado por un equipo de médicos e farmacéuticos.

Que propón. Unha dieta cuxos creadores advirten de que non debe prolongarse máis de 90 días, facendo tres comidas ao día baseadas en verduras, froitas e proteínas magras e reducindo ao mínimo (aínda que sen eliminar) hidratos de carbono e graxas. Ademais, a dieta establece un límite diario de aceite de oliva virxe extra de 15 ml. Trátase dun réxime estrito, baseado no consumo de suplementos, no que se insiste en respectar os tamaños das porcións e no que se insta os seus seguidores a evitaren banquetes ou eventos gastronómicos diferentes ás súas directrices.

O reclamo. Promete baixar ata 14 quilos en 3 meses. Os creadores consideran esencial a inxestión de varios comprimidos diarios dos suplementos da marca Golo Release, baseados en minerais como o magnesio, o cromo e o cinc. Unha rede de comerciais envía os menús máis ou menos personalizados en reunións presenciais ou por videoconferencia pagando ao mes.

Valoración. Desde a Academia Española de Nutrición e Dietética confirman que con esta dieta pode darse unha rápida baixada de peso, pero non polos suplementos que publicita, senón pola restrición calórica máis ben cetoxénica (debido á mínima presenza de hidratos de carbono), o que implica efectos adversos. Aínda que sexa unha dieta de poucos meses de duración, os seus riscos non son menores: anos despois de a facer poden aparecer danos hepáticos, renais ou hipotiroidismo.

O PEOR

Dieta baseada no consumo de suplementos (cun prezo de 50 euros por 90 pílulas) que carecen de evidencia científica.

Dieta Perricone

Orixe. O dermatólogo estadounidense Nicholas Perricone formulou a principios dos anos 2000 unha dieta que buscaba combater o envellecemento.

Que propón. Unha dieta sen presenza de ultra-procesados, azucres, glute e lácteos, por consideralos inflamatorios. Ademais, promove o consumo de alimentos con alto contido antioxidante, como salmón salvaxe ou melón cantalupo, independentemente da tempada. Tamén insiste na importancia de beber polo menos dous litros de auga ao día e considera inflamatorios a cafeína, o glute e os lácteos, algo que non está avalado pola ciencia.

O reclamo. A súa promesa céntrase en atrasar o envellecemento da pel, buscar unha renovación celular, así como reducir a inflamación (para o que se apoia en alimentos con alto contido en antioxidantes) en tan só 28 días. Ademais do plan de alimentación, esta dieta inclúe unha liña de produtos cosméticos e suplementos nutricionais vendidos baixo a marca Perricone.

Valoración. Os postulados de Perricone sobre ciencia médica foron cuestionados nos Estados Unidos pola Asociación para a Medicina Baseada na Evidencia, así como o Consello Nacional contra as Fraudes na Saúde (NCAHF, polas súas siglas en inglés). É unha dieta que se pode considerar inofensiva, pero con argumentos erróneos, como o tema da renovación celular. Unha revisión sobre esta dieta elaborada polos doutores Harriet Hall e Stephen Barrett en 2004 sinalaba a falta de apoio científico deste plan de alimentación, con premisas erróneas, como que o café engorda. Ademais, trátase dun plan de alimentación con moi poucas calorías, non alcanza as 1.200 kcal, polo que corremos o risco de que o corpo non funcione correctamente. A súa promesa de perder 8 quilos de peso en 28 días tampouco é saudable.

O PEOR

Promete adelgazar 8 quilos en 28 días. Esta grave perda de peso pode poñer en risco a nosa saúde. Recoméndase non baixar máis de 2-4 quilos ao mes.

Dieta Cronodieta

Orixe. O nutricionista francés Alain Delabos foi o primeiro en falar deste tipo de alimentación en 1986. Trátase dunha adaptación do costume ancestral do xaxún que dá lugar a diversas estratexias sobre o impacto dos alimentos en función das distintas horas do día.

Que propón. Propón planificar a inxestión de alimentos segundo a hora do día, respectando os períodos de xaxún de 3-4 horas entre as comidas durante o día. A partir de aí distribúense os grupos de alimentos, de xeito que as graxas son tomadas no almorzo (manteigas e lácteos) e os hidratos de carbono son eliminados da cea. O resto das comidas están baseadas en verduras, froitas, legumes e proteínas animais.

O reclamo. Trátase dunha dieta baseada na cronobioloxía, a ciencia que trata dos ritmos naturais do noso organismo sobre a que hai moita investigación en marcha. Non discrimina ningún grupo de alimentos agás os alimentos ultraprocesados e os azucres.

Valoración. Aínda que hai estudos prometedores que indican que a hora do día, a luz solar e o patrón de soño poden ter un impacto na metabolización dos alimentos, aínda non hai evidencias sólidas. Isto significa que aínda non se poden chegar a conclusións tan precisas como que os lácteos se deban tomar pola mañá e non pola noite. Si ten a súa lóxica deixar os carbohidratos para horarios de máxima actividade e substituílos nas ceas por froitos secos ou legumes. Pero, para persoas que traballen en horarios nocturnos, por exemplo, estas recomendacións non servirían.

O PEOR

Aínda non hai suficientes evidencias científicas para garantir que a hora á que tomamos os alimentos inflúa na perda ou aumento de peso.