Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.
Enquisa realizada a máis de 1000 usuarios de www.consumer.es sobre o seu consumo de verduras e hortalizas conxeladas : Verduras conxeladas: a dificultade de acabar coas faltas crenzas
Un 83 % dos enquisados adquire habitualmente as verduras no seu formato fresco, pero só un 14 % dos entrevistados elixe as verduras conxeladas con frecuencia
Cada fogar desembolsou en 2015 unha media de 333 euros en hortalizas (incluídas patacas e outros tubérculos), segundo a última Enquisa de Orzamentos Familiares (EPF) elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En total, os españois gastamos ese ano en alimentación 4125 euros, polo que apenas destinamos un 8 % a comprar verduras e hortalizas, xa sexan frescas, refrixeradas, secas ou conxeladas.
Nos últimos anos, o gasto medio dos fogares en verduras e hortalizas foi descendendo paulatinamente e pasou dos 400 euros de media por fogar en 2006 aos 333 euros actuais, o que supón unha diferenza do 17 %.
As bondades das verduras e das hortalizas son abondo coñecidas. Ademais de ser alimentos nutritivos e saudables, contribúen a hidratar o noso organismo polo seu alto contido en auga. Tamén son ricas en vitaminas, minerais e fibra e, en menor medida, en amidón e azucres. E son unha fonte indiscutible de substancias de acción antioxidante.
Por todo iso, as verduras e as hortalizas son consideradas un alimento indispensable dentro do concepto de dieta equilibrada. De feito, para a Organización Mundial da Saúde (OMS), un consumo diario suficiente contribuiría a previr enfermidades tan importantes como as cardiovasculares e algúns cancros. A entidade calcula que, se o consumo de verduras aumentase o suficiente, cada ano poderían salvarse 1,7 millóns de vidas.
Unha das alternativas máis viables á hora de introducir con facilidade verduras e hortalizas na dieta diaria é adquirilas conxeladas, xa que esta forma de conservación axústase ao ritmo vertixinoso que levamos na actualidade. E é que esta modalidade permite cociñalas en menos tempo, preséntanse limpas e as distintas variedades están dispoñibles durante todo o ano.
No entanto, a realidade é outra e o consumidor prefire outras formas de conservación. Segundo a EPF, o gasto medio por fogar en verduras e hortalizas frescas ou refrixeradas ascendeu en 2015 a 220 euros, mentres que o resto de modalidades (conxeladas, secas ou en conserva e preparadas) quedaron nun segundo plano. En concreto, os fogares destinaron ás verduras conxeladas unha media de 13 euros.
Cal é o motivo polo que os consumidores prefiren os formatos frescos e refrixerados fronte aos conxelados? EROSKI CONSUMER, xunto á Asociación Española de Fabricantes Vexetais Conxelados (Asevec), preguntoulles co obxectivo de coñecer as súas preferencias e hábitos no consumo de verduras e hortalizas conxeladas. Para iso, entrevistáronse durante o mes de outubro un total de 1083 usuarios do portal www.consumer.es.
Panorama xeral
Nove de cada dez enquisados confirma que consome verduras con frecuencia. No entanto, un 83 % recoñece que adoita adquirilas no seu formato fresco, principalmente porque cre que saben mellor e que son máis sas. Ademais, un 50 % dos entrevistados opina que conservan mellor as súas vitaminas e outros nutrientes.
Aínda así, o 73 % dos enquisados asegura que toma verduras conxeladas, aínda que só o 14 % as adquire habitualmente. O motivo principal polas que as compran é que sempre as teñen en bo estado en calquera momento da tempada.
Paxinación dentro deste contido
- Non hai ningunha páxina anterior
- Estás na páxina: [Páx. 1 de 4]
- Ir á páxina seguinte Hábitos »