‘Apps’ de escaneo de alimentos: o experto do móbil non é tan fiable
As aplicacións para coñecer o perfil nutricional dos alimentos envasados irromperon con forza no mercado. Con millóns de descargas en poucos meses e centos de miles de produtos catalogados, estas apps forman parte dun novo modo de entender a alimentación… Ou, mellor dito, de tentalo. Porque, como sinala a doutora Alba Santaliestra Pasías, presidenta do comité científico da Academia Española de Nutrición y Dietética, o seu éxito “é consecuencia da nula ou limitada educación alimentaria que ten a poboación, unida á grande oferta de opcións que hai nos lineais dos supermercados e ás campañas de márketing de produtos pouco saudables, que dificultan a posibilidade de coñecer a mellor opción de forma sinxela”.
Os trucos da etiqueta
Como resume Santaliestra, estas apps ofrécenlle ao consumidor “información traducida” sobre aqueles produtos que ten previsto adquirir. Pero, necesitamos realmente un tradutor nutricional? Seica a etiquetaxe non é o suficientemente clara? “A información nutricional é clara, pero existen datos adicionais que dificultan as eleccións, fan fincapé en aspectos moi pouco relevantes desde o punto de vista nutricional e impídenlle ao consumidor prestarlle atención á información relevante”, responde. Entre os elementos que distraen atopamos os reclamos de saúde, as palabras que espertan evocacións (como “natural”, “artesán” ou “da avoa”), as imaxes atractivas dos envases e, por suposto, o feito de que a información importante moitas veces se presente en letra pequena e con palabras técnicas. O exemplo máis flagrante é a gran cantidade de sinónimos que se utilizan para substituír a palabra azucre: dextrosa, frutosa, glicosa, maltosa ou sacarosa (hai que prestarlle atención ás palabras que acaban en -osa). Ante esta opacidade, as aplicacións preséntanse como unha ferramenta de apoderamento para o consumidor. Un simple clic co móbil permítelle ao usuario abrirse paso entre as imaxes coloridas, os eufemismos descoñecidos, as tipografías diminutas ou as promesas de saúde, e quedar coa información que de verdade lle interesa. Isto é, saber se un produto é saudable ou non. En contrapartida, depender dun algoritmo para tomar decisións alimentarias podería entenderse como unha perda de poder, máxime cando non todas as apps analizan e puntúan os produtos do mesmo xeito e, a maioría, non o fai da forma correcta. E é que, como veremos a continuación, as principais apps do momento teñen os seus trazos propios. “Fan un servizo, pero deberían estar avaladas por entidades ou sociedades libres de conflito de interese de ningún tipo”, advirte Alba Santaliestra.
Diferentes formas de valorar
A falta de consenso é un aspecto que hai que analizar destas aplicacións. E hai outro non menos importante: o tipo de información que ofrecen. “A app que che indica se un alimento é saudable ou non debe ser 100 % fiable e, a día de hoxe, sabemos que non hai ningunha perfecta, porque non existe un criterio único para determinar se un alimento é saudable ou non”, observa Alma Palau Ferré, presidenta do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Dietistas-Nutricionistas. Máis da metade das aplicacións, segundo ela, son de moi baixa calidade. “Unha aplicación non pode suplir a educación alimentaria, nin tampouco a información da etiquetaxe nutricional, que se aprende a interpretar con educación”. Ademais, só valoran produtos de forma individual, e non a compra no seu conxunto, polo que, o menú completo pode ter carencias e non seguir unha dieta equilibrada.
En opinión de Manuel Moñino, vicepresidente da mesma institución e delegado na Federación Europea de Dietistas-Nutricionistas (EFAD), aínda que as novas apps son unha ferramenta máis para interpretar a etiquetaxe nutricional, non constitúen a clave, pois córrese o risco de simplificar en exceso o valor nutricional dun alimento”. Para entender esta idea, Moñino desenvolve a seguinte reflexión: “Algunhas penalizan o procesado de alimentos a favor da comida real, cando a dieta mediterránea, ademais de produtos frescos, integra a numerosos procesados como, por exemplo, o pan, as conservas de peixes ou as legumes cocidas”. Para el, o uso destas aplicacións “pode facilitar a elección de alimentos saudables, pois nalgúns casos aplican perfís nutricionais que están consolidados, como o Nutri-Score. Pero, aínda así, poden dar valores que sorprendan ao consumidor, por exemplo, puntuar de forma negativa alimentos cuxa achega graxa parta do aceite de oliva e non sexan fonte de azucre ou sal”.
Á súa vez, “a penalización dalgunhas en canto ao contido en aditivos non contribúe á educación en materia de alimentación, pois hai produtos saudables que conteñen aditivos, cuxa comercialización segura non sería posible sen eles”, observa Moñino. A clave parece estar en aprender a comer ben e a recoñecer os produtos que son sans por nós mesmos–. Respecto diso, Alba Santaliestra sostén que é esencial investir en educación nutricional de forma global. “Estas ferramentas son utilizadas por grupos de poboación interesados pola saúde, por mellorar os seus hábitos alimentarios e, en xeral do seu estilo de vida, pero hai moitos outros grupos poboacionais –por exemplo, aqueles cun nivel socioeconómico menor–, nos que será necesario educar para potenciar as boas eleccións”, razoa. “Un punto débil destas ferramentas é que se centran na identificación e clasificación de alimentos procesados; e débense facer todos os esforzos para encamiñar a poboación aos produtos frescos e minimamente procesados”. É dicir, os que non levan etiquetas.
Yuka
Esta aplicación foi creada polo francés François Benoit, un pai de familia que buscaba como facer accesible a información sobre a etiquetaxe. É moi popular en Francia, con máis de 10 millóns de persoas usuarias.
- Prezo: de balde / 14,99 € ao ano a versión de pago
- Descargas: máis de 5 millóns en Google Play
- Valoración media dos usuarios: 4,5 / 5
- Valoración media dos expertos: 1,5 / 5
- Como funciona?
Yuka avalía alimentos e cosméticos. En canto á análise nutricional, tras escanear o código de barras, a ferramenta puntúa cada produto sobre 100, a partir de tres criterios:
- 60 % da nota: a cualificación en Nutri-Score.
- 30 % da nota: penaliza a presenza de aditivos baseándose en informes da Autoridade Europea para a Seguridade dos Alimentos (EFSA), a axencia francesa de seguridade sanitaria (ANSES), o Centro Internacional de Investigacións sobre o Cancro (CIIC) e outros estudos independentes.
- 10 % da nota: valora en positivo se o produto conta coa etiqueta ecolóxica europea. Este selo non sempre garante que o produto cumpriu todos os criterios dunha produción sostible.
Cando o produto suspende, a app propón alternativas mellor avaliadas. Financiamento. Segundo a compañía, procede da cota anual de 15 € das subscricións de pago e dos 59 € do Programa Nutrición –só dispoñible en Francia–, a través do cal ofrece coñecementos sobre alimentación, receitas e acceso a nutricionistas.
Os expertos opinan*
O mellor. “Outorga unha valoración numérica que pode ser cómoda para o consumidor porque lle resulta fácil de interpretar”, opina Beatriz Robles. “Con todo, isto é un arma de dobre fío, porque se os criterios non se basean na evidencia científica, esa nota por si mesma ten pouca validez, pero o usuario non vai apreciar matices”, engade.
O peor. “Malia que unha parte da nota se basea en Nutri-Score, non mostra a cualificación que se obtería con este sistema”, afirma Miguel Ángel Lurueña. “Ademais, esta ferramenta necesita dun mellor axuste porque algunhas puntuacións non son correctas”, indica Laura Saavedra. Todos os expertos coinciden nos dous puntos débiles: a valoración positiva dos produtos ‘bio’ e a clasificación dos aditivos. “Ningún dos dous propocionan información que inflúa na calidade nutricional do alimento”, explica Gemma del Caño. “A etiqueta ‘eco’ indica que están cumprindo unha lexislación en relación co seu sistema de produción, pero non son necesariamente máis sostibles (poden vir do outro lado do planeta, coa súa correspondente pegada de carbono) e non hai ningunha evidencia de que sexan nutricionalmente mellores”, apunta Robles, que engade: “En canto aos aditivos, a clasificación en ‘sen risco’, ‘risco limitado’, ‘risco moderado’ ou ‘risco elevado’ leva a pensar que hai aditivos perigosos que debemos evitar, cando todos os que se usan no mercado son seguros nas doses empregadas e son avaliados pola EFSA. Ademais, non é transparente, xa que non explica que peso lle outorgan á opinión da EFSA nin o porqué desa ponderación, fronte a estudos independentes dos que non se coñece calidade nin robustez”.
(*) G. del Caño, experta en I+D+i e calidade da industria alimentaria; M. A. Lurueña, doutor en Ciencia e tecnoloxía dos alimentos; B. Robles, tecnóloga dos alimentos, e L. Saavedra, dietista-nutricionista e tecnóloga alimentaria.
My Real Food
Carlos Ríos, nutricionista e gurú do movemento ‘realfooding’ en Instragram, é quen marca a pauta desta aplicación. Define a súa proposta como un estilo de vida saudable baseado en consumir o que el chama ‘comida real’ e fuxir dos ultraprocesados.
- Prezo: de balde
- Descargas: máis de 500 000 en Google Play
- Valoración media dos usuarios: 4,7 / 5
- Valoración media dos expertos: 2,8 / 5
Como funciona?
A base desta aplicación é a comunidade de Realfooders: “Crean contido propoñendo receitas saudables e motívanse entre eles”, explica Carlos Ríos. Para evitar os embustes, a app establece moderadores que eliminan ou desmenten calquera información non acorde coa evidencia científica. Esta aplicación clasifica os produtos en tres grupos en función do Índice Real Food: comida real, bo procesado e ultraprocesado. Este índice foi creado polo propio Carlos Ríos a partir do sistema NOVA. Esta clasificación, creada en 2010 pola Universidade de São Paulo, agrupa os alimentos segundo o grao de procesamento. “Simplificámolo coa axuda dun equipo de dietistasnutricionistas e de abogados expertos en regulación da etiquetaxe buscando a maior facilidade do usuario”, engade. Nesta app hai espazo para os aditivos: “Informa da súa presenza e indica se é inocuo ou controvertido en función dos estudos científicos”, explica Ríos.
Financiamento. Polo momento, con recursos propios, aínda que no futuro contará con plans de pago
Os expertos opinan*
O mellor. “En relación con Yuka, dálle máis independencia ao consumidor porque non ofrece unha nota absoluta, senón varios tipos de información (grao de procesado, ingredientes, información nutricional…)”, opina Beatriz Robles. “É positivo que empregue o criterio de advertencia ‘alto en…’, seguindo o sistema de etiquetaxe frontal empregada en Chile, que é un criterio obxectivo”, engade Gemma del Caño. “Ademais, o grao de procesamento é un aspecto importante á hora de elixir ou evitar o consumo dun produto”, opina Saavedra.
O peor. O sistema de clasificación é, en palabras de Miguel Ángel Lurueña, “fácil de interpretar, pero demasiado simplista”. E engade: “Postos a simplificar sería máis recomendable clasificar en saudable ou insán”. Para Beatriz Robles, “o sistema NOVA é público e obxectivo, non da lugar á interpretación e podería ser un bo criterio”. Con todo, a letra pequena da app indica que “adapta e baséase en estudos científicos actuais do sistema NOVA”. Para Robles, “esa adaptación introduce un factor subxectivo descoñecido, co que perde imparcialidade sen facer público o método de avaliación”. E, como en Yuka, o asunto dos aditivos é un motivo de crítica. “Pon en dúbida a seguridade dalgúns aditivos ao cualificalos como ‘controvertidos’, o que pode xerar desconfianza e medos infundados (quimifobia)”, analiza Lurueña. Ademais, como recorda Robles, “indica que se basea nas opinións da EFSA e en estudos independentes, sen identificar os ditos estudos. “Require dunha evidencia científica máis sólida para apoiar esa teoría”, remata Laura Saavedra.
Open Food Facts
En 2012, o programador francés Stéphane Gigandet lanzaba esta ‘Wikipedia dos alimentos’: unha base de datos colaborativa, editada e financiada por voluntarios, sobre máis de 800 000 alimentos. A ‘app’ é unha versión simplificada deste proxecto.
- Prezo: de balde
- Descargas: máis de 500 000 en Google Play
- Valoración media dos usuarios: 3,9 / 5
- Valoración media dos expertos: 2,6 / 5
Como funciona?
A valoración desta aplicación realízase a través do sistema Nutri-Score: unha escala de cinco letras e cores que representa a calidade nutricional dun alimento. Vai desde a cor verde (a A) para os produtos máis saudables ata o laranxa escuro (a E), para os menos bos. Ademais, ofrece información sobre os niveis nutricionais do produto por 100 gramos en graxa, graxa saturada, azucres e sal. Como as dúas anteriores, Open Food Facts tamén proporciona información sobre os aditivos. Neste caso, enlaza individualmente e redirixe á clasificación deste compoñente segundo a Administración de Alimentos e Medicamentos dos Estados Unidos (FDA) e a EFSA. Tamén dedica un apartado á pegada de ecolóxica do produto, informando tanto dos materiais e do lugar da fabricación do envase, como da procedencia do alimento. Nalgúns produtos engádese máis información: marcas, alérxenos ou etiquetas (‘bio’, sen glute, veganos…).
Financiamento: declárase sen ánimo de lucro e finánciase coas doazóns de voluntarios.
Os expertos opinan*
O mellor. “O máis positivo é que utiliza un criterio obxectivo, publicado e dunha entidade oficial (Santé Publique France): se calquera consumidor colle os criterios Nutri-Score e ponse a calcular a valoración dun produto, obterá unha valoración única e non interpretable, que será a mesma que dá a aplicación”, asegura Beatriz Robles. Ademais, todos coinciden en afirmar que se trata dunha aplicación útil para comprar produtos da mesma categoría. “E os datos son abertos, polo que se poden corrixir de forma sinxela”, engade Del Caño. “Conta cunha base de datos mundial de produtos moi ampla”, recoñece Saavedra. Beatriz Robles recomendaría esta app aos “consumidores cun coñecemento nutricional medio, que coñezan o sistema Nutri-Score”. E Miguel Ángel Lurueña aconséllaa “só para comparar produtos da mesma categoría”.
O peor. Un dos seus puntos débiles resulta de cálculo de Nutri-Score. “Ao ser unha aplicación colaborativa, algunhas valoracións non están ben calculadas”, afirma Robles. “Ademais, hai produtos nos que o sistema Nutri-Score pode despistar. Por exemplo, froitos secos ou aceite de oliva (que son saudables, pero coa clasificación desta app poden parecer insáns) ou refrescos sen azucre, que non se poden cualificar de saudables, pero que obterían unha boa puntuación”, apostila Lurueña. Nesta mesma liña opina Del Caño: “Gustaríame que ofrecese máis información. Nutri-Score é útil para comparar produtos da mesma categoría, pero non para ver como son en exclusiva. Por exemplo, atopamos coa mesma cualificación unha Coca-Cola Zero e un Actimel”.
El CoCo
A app do Consumidor Consciente conta co asesoramento de Maira Bes-Rastrollo, catedrática de Medicina Preventiva e Saúde Pública, e o dietista-nutricionista Juan Revenga. A finais deste mes de xaneiro, esta ‘app’ estreará un novo sistema de valoración.
- Prezo: de balde
- Descargas: máis de 100 000 en Google Play
- Valoración media dos usuarios: 4,5 / 5
- Valoración media dos expertos: 4,1 / 5
Como funciona?
A aplicación emite un veredicto propio puntuando o alimento do 0 ao 10, e baséase en 3 fontes científicas de referencia:
- A clasificación das 17 categorías alimentarias da OMS de 2015.
- O sistema NOVA, que avalía o grao de procesamento: alimentos sen procesar (NOVA 1), ingredientes culinarios (NOVA 2), alimentos preparados con dous ou tres elementos dos grupos anteriores (NOVA 3) e os ultraprocesados (NOVA 4).
- Os selos de advertencia chilenos. O algoritmo aplica, en primeiro lugar, os dous primeiros, e o resultado ofrece diferentes combinacións:
- OMS Si, NOVA 1 ou 3: 10 ptos.
- OMS Si, NOVA 4: 6 ptos.
- OMS NON, NOVA 1 ou 3: 5 ptos.
- OMS NON, NOVA 4: 4 ptos.
Posteriormente, aplícase o sistema de advertencias chileno, que descontará 1 punto segundo a cantidade de azucre, sal, densidade enerxética e graxa. Así se obtén unha nota de 0 a 10. O nutricionista Juan Revenga insiste en que un dos principais obxectivos “céntrase en ser transparentes cos usuarios, indicando as fontes utilizadas”.
Tamén proporcionará datos sobre os aditivos. “Non vai sementar a menor dúbida sobre a seguridade de ningún aditivo: se están autorizados pola EFSA, considerarase seguro”, explica Revenga. Con todo, si que ofrecerá unha opinión persoal sobre a función de cada aditivo, distinguindo entre a tecnolóxica (relativa a antiapelmazantes, antioxidantes, axentes de carga…) e a cosmética, é dicir, aqueles aditivos que se usen para disfrazar as calidades organolépticas e sensoriais do produto (colorantes, edulcorantes, potenciadores de sabor, espesantes…). Financiamento. A app finánciase con recursos propios, e proximamente incorporará subscricións de pago.
Os expertos opinan*
O mellor. Para todos os expertos, é o sistema máis completo. “Utiliza tres criterios obxectivos, non interpretables, pero combinándoos para cubrir as carencias que cada un deles poida ter”, opina Beatriz Robles. Esta nutricionista recomenda que, se se descarga, ademais de empregala para ver a valoración de alimentos individualmente, se use para comparar produtos similares, porque poden levar sorpresas: dous pans de molde aparentemente iguais, por exemplo, poden ter unha cualificación moi distinta. “Realmente serve para elixir mellor”, apunta.
O peor. Os aditivos volven estar no foco das dúbidas. “O punto débil é que se reserve un apartado para os aditivos cunha valoración ‘persoal’ (subxectividade), pero a forma de facelo reduce as miñas reticencias”, analiza Robles. Laura Saavedra conclúe: “Nin esta aplicación nin ningunha das anteriores, pode substituír o consello personalizado dun profesional sanitario”.
Da obsesión á enfermidade
A información sobre alimentación erixiuse nunha das principais ferramentas de prevención de saúde. Pero a comida tamén pode converterse nunha obsesión que derive nun trastorno, unha realidade para 400 000 españois, segundo un recente informe da Fundación Fita. Os medios falan con frecuencia da ortorexia, un trastorno caracterizado pola obsesión por comer san. Adelaida Trías, psicóloga no Instituto de Trastornos da Alimentación (ITA), explica: “Esta patoloxía aínda non aparece no Manual Diagnóstico e Estatístico dos Trastornos Mentais da Asociación Americana de Psiquiatría (DSM-5), nin a estamos vendo en consulta”. Por outra banda, a científica e divulgadora Deborah García Bello advirte sobre as implicacións de entender a alimentación sa como identidade persoal e social, caendo na procura da aprobación externa polas decisións alimentarias –como likes en redes sociais, felicitacións ou comentarios de desaprobación de amigos ou familiares–. Coincide Trías: “Pode ser nocivo en persoas especialmente vulnerables á aprobación externa ou moi preocupadas pola imaxe”. No entanto, a orixe deste tipo de trastornos é sempre multicausal. A psicóloga cita algúns trazos indicativos ou que están predispostos ao trastorno como inseguridade, baixa tolerancia á frustración, pensamentos circulares, hiperactividade, dificultades relacionais, ademais de restricións alimentarias, purgas con vómitos ou utilización de laxantes e ata abuso de alcohol e outras substancias e nalgúns casos, autolesións.
Para todos os gustos e dietas
No universo das ferramentas de escaneado tamén existen outras centradas nunha información específica. É o caso da app de Sinazucar.org, unha extensión da web que, tras ler o código de barras dun produto da súa base de datos, indica o contido de azucre, representado en terróns. As intolerancias alimentarias son un dos eixes de Alimenthia, unha aplicación que conta co asesoramento da nutricionista Jùlia Farré. O algoritmo permite seleccionar ata 17 ingredientes e alimentos relacionados con alerxias e malestares –entre eles, lácteos, glute, mariscos ou froitos secos– e cinco patróns dietéticos distintos para veganos, ovolactovexetarianos ou dietas baixas en sorbitol, frutosa ou Fodmaps (os chamados carbohidratos de cadea curta, causantes de problemas dixestivos en moitas persoas).
La informació sobre alimentació s’ha erigit en una de les principals eines de prevenció de salut. Però el menjar també pot esdevenir una obsessió que derivi en un trastorn, una realitat per a 400.000 espanyols, segons un informe recent de la Fundació Fita. Els mitjans parlen amb freqüència de l’ortorèxia, un trastorn caracteritzat per l’obsessió per menjar sa. Adelaida Trias, psicòloga a l’Institut de Trastorns de l’Alimentació (ITA), explica: “Aquesta patologia encara no apareix al Manual Diagnòstic i Estadístic dels Trastorns Mentals de l’Associació Americana de Psiquiatria (DSM-5), ni el veiem en consulta”. D’altra banda, la científica i divulgadora Deborah García Bello adverteix sobre les implicacions d’entendre l’alimentació sana com a identitat personal i social, caient en la cerca de l’aprovació externa per les decisions alimentàries –com ara likes en xarxes socials, felicitacions o comentaris de desaprovació d’amics o familiars–. Trias hi coincideix: “Pot ser nociu en persones especialment vulnerables a l’aprovació externa o molt preocupades per la imatge”. De tota manera, l’origen d’aquesta mena de trastorns és sempre multicausal. La psicòloga esmenta alguns trets indicatius o que predisposen al trastorn, com són la inseguretat, la baixa tolerància a la frustració, els pensaments circulars, la hiperactivitat, les dificultats relacionals, a més de les restriccions alimentàries, les purgues amb vòmits o l’ús de laxants i fins i tot l’abús d’alcohol i altres substàncies i, de vegades, autolesions.
Per a tots els gustos i dietes
A l’univers de les eines d’escanejat també n’hi ha d’altres que estan centrades en una informació específica. És el cas de l’aplicació Sinazucar.org, una extensió de la web que, després de llegir el codi de barres d’un producte de la seva base de dades, indica el contingut de sucre, representat en terrossos. Les intoleràncies alimentàries són un dels eixos d’Alimenthia, una aplicació que compta amb l’assessorament de la nutricionista Júlia Farré. L’algorisme permet seleccionar fins a 17 ingredients i aliments relacionats amb al·lèrgies i malestars –com ara lactis, glútens, mariscos o fruites seques– i cinc patrons dietètics diferents per a vegans, ovolactovegetarians o dietes baixes en sorbitol, fructosa o Fodmaps (els anomenats carbohidrats de cadena curta, causants de problemes digestius en moltes persones).