Estudo documental sobre a produción e o consumo de alimentos ecolóxicos en España

Produción ecolóxica: un mercado en auxe

España produce 1,7 millóns de toneladas de produtos ecolóxicos, especialmente de orixe vexetal, cuxo consumo no mercado interior alcanza os 1500 millóns de euros
1 Maio de 2017
Img tema de portada listado

Produción ecolóxica: un mercado en auxe

Que é un produto ecolóxico? O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) detectou que o consumidor convencional tiña un coñecemento escaso, e en ocasións equivocado, do que quería dicir este concepto.

Por iso, nun estudo realizado en 2009 e titulado “Márketing e produtos ecolóxicos”, definiuno como aquel que provén da agricultura ou da gandería ecolóxica, que se produce sen utilizar substancias químicas de síntese (pesticidas, fertilizantes ou medicamentos), que se obtén respectando o ritmo de crecemento das plantas e dos animais e que se elabora sen engadir substancias artificiais, como aditivos, colorantes, saborizantes e aromas.

Ano a ano, pódese observar a importancia da alimentación ecolóxica nos mercados, o que leva ás institucións nacionais e internacionais a potenciar este tipo de alimentación. Por iso, EROSKI CONSUMER quixo clarificar conceptos sobre a forma de produción dos produtos ecolóxicos e a súa certificación, e tamén coñecer cal é o estado de situación da produción de alimentos ecolóxicos en España, así como o tipo de consumidor que os adquire.

Características da produción ecolóxica

Métodos de produción

O Regulamento (CE) núm. 834/2007 do Consello da Unión Europea, do 28 de xuño de 2007, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos define produción ecolóxica como un sistema xeral de xestión agrícola e produción de alimentos que combina as mellores prácticas ambientais, un elevado nivel de biodiversidade, a preservación de recursos naturais, a aplicación de normas esixentes sobre benestar animal e unha produción conforme ás preferencias de determinados consumidores por produtos obtidos a partir de substancias e procesos naturais.

Ademais, a normativa asegura que os métodos de produción ecolóxicos desempeñan un dobre papel porque achegan produtos ecolóxicos a un mercado específico que responde á demanda dos consumidores, pero tamén achega bens públicos que contribúen á protección do medio ambiente, ao benestar animal e ao desenvolvemento rural.

Requisitos

A produción ecolóxica baséase en 4 piares fundamentais. En primeiro lugar, o chan considérase un ser vivo e é fundamental conservalo e coidalo. Para iso, utilízanse técnicas naturais e tradicionais, como fertilizantes orgánicos, fertilizantes de orixe animal, rotación de cultivos e barbeito.

En segundo lugar, os transxénicos están totalmente prohibidos. Por tanto, non se poden manipular plantas xeneticamente, nin para cultivar nin tampouco para alimentar os animais.

En terceiro lugar, os pesticidas tampouco están permitidos e os medicamentos veterinarios tan só poden utilizarse en casos excepcionais e coa apropiada autorización dos organismos que expiden os certificados ecolóxicos. Porén, as vacinas si se poden utilizar e tamén os antibióticos, aínda que con prudencia e só en caso de necesidade. Neste sentido, a listaxe de aditivos alimentarios que se toleran é moito máis curta que a dos produtos producidos de forma convencional.

E o cuarto piar da produción ecolóxica é respectar o benestar animal; é dicir, manter os seus ciclos vitais e evitar mutilacións, como a castración, o corte de cornos ou o corte de pico). Tamén se prohiben as técnicas de reprodución asistida, excepto a inseminación artificial. Téndese a que a equitación sexa natural e a que as crías convivan coas súas nais e gocen do período de lactación. Ademais, adóitanse utilizar razas autóctonas, menos produtivas, pero máis resistentes a enfermidades.

No entanto, antes de poder cualificar unha explotación como ecolóxica, debe pasar por un período de transición e adaptación a estas normas. Durante ese tempo, non se poden comercializar os seus produtos como biolóxicos.

Sempre é ecolóxico?

Os produtos ecolóxicos só se consideran como tales cando o 95 % dos seus ingredientes proceda da produción ecolóxica. Como máximo, só o 5 % restante pode vir de produción convencional e o seu uso ten que estar xustificado; é dicir, teñen que ser ingredientes que non estean dispoñibles na produción ecolóxica.

Aínda así, se a proporción de ingredientes biolóxicos está entre o 70 % e o 95 %, non poderá denominarse produto ecolóxico, pero si se pode indicar que se usaron ingredientes ecolóxicos para elaboralo.

Por último, é importante destacar que a produción integrada non é agricultura ecolóxica. Trátase dun sistema de produción convencional que minimiza o uso da auga e dos pesticidas. Non existe ningunha normativa europea para regulala, xa que isto é competencia das comunidades autónomas, pero si conta cunha serie de logotipos para identificarse.

Certificación

O MAPAMA explica que o control e a certificación da produción agraria ecolóxica no noso país é competencia das comunidades autónomas. O consumidor pode identificar no mercado os produtos ecolóxicos porque levarán impreso o código da autoridade e o organismo de control ou un logo específico co nome e co código da entidade de control.

Así mesmo, poden levar impreso o logo ecolóxico da Unión Europea (UE). É obrigatorio en todos os produtos envasados producidos na UE, mentres que é voluntario nos non envasados ou a granel e para aqueles produtos ecolóxicos que proceden doutros países.

Datos do sector

Superficie ecolóxica

España conta con máis de 1,9 millóns de hectáreas de superficie ecolóxica inscrita, o que supón aproximadamente o 8 % de todas as superficies de cultivos, prados e pastos de España (ao redor de 25 millóns de hectáreas). Esta extensión ecolóxica concéntrase en poucas rexións, especialmente no sur; un 51 % está en Andalucía, outro 19 % en Castela-A Mancha e o resto, sempre menos dun 7 %, en Cataluña, Estremadura, a Comunidade Valenciana, Murcia, Aragón e Navarra. O resto de comunidades autónomas reúnen en conxunto o outro 7 % restante.

Ademais, hai máis de 34.600 produtores agrarios ecolóxicos. O 86 % son agrícolas, uns 6 % gandeiros e outro 8 % son mixtos e doutro tipo. Segundo o MAPAMA, un dos trazos que caracterizan a estrutura produtiva básica implantada neste sector é o baixo nivel de desenvolvemento da produción ecolóxica de orixe animal. E é que conta cun número de explotacións gandeiras relativamente limitado; son ao redor de 7500, o 47 % de bovino, o 38 % de ovino e caprino, o 4 % de avicultura e o resto doutro tipo.

Produción ecolóxica

A produción ecolóxica de orixe vexetal é especialmente importante e sitúase preto dos 1,7 millóns de toneladas de produto ecolóxico. Concéntrase en determinados alimentos, como son as froitas e as verduras, o aceite, o viño e os froitos secos, entre outros.

Porén, para o MAPAMA o grupo de produtos de orixe animal aínda representa volumes pouco relevantes, concentrados basicamente na carne (especialmente a de vacún e ovino), no leite cru (sobre todo de vaca e de cabra), nos ovos e na acuicultura (especialmente ovos de esturión, mexillóns e troitas).

Así, o valor en orixe da produción ecolóxica alcanzou en 2015 os 1619 millóns de euros, un 35 % máis ca o ano anterior. O 84 % pertence á produción de orixe vexetal e o 16 % á de orixe animal.

Neste sentido, hai 6 tipos de producións ecolóxicas que concentran o 83 % dese valor económico, a maioría de orixe vexetal. Por orde, son: o aceite, as hortalizas frescas e as patacas, as carnes (de todos os tipos), os viños, as froitas e os froitos secos.

Consumo

O consumo no mercado interior dos produtos ecolóxicos aumentou un 24 % en 2015 e achegouse aos 1500 millóns de euros. Así, cada español gastou 32 euros ao ano e a súa cesta da compra de alimentos ecolóxicos inclúe especialmente hortalizas, patacas e os seus elaborados (supón o 16 %); froitas e os seus elaborados (un 15 %); cereais, arroz e derivados (13 %); carnes e derivados cárnicos (10 %) e aceites e graxas (9 %).

Segundo o MAPAMA, hai un desequilibrio na oferta de produtos ecolóxicos porque os de orixe vexetal supoñen o 77 %, mentres que os de orixe animal son o 23%.

Perfil de consumidor

Velaquí varios factores que condicionan o consumidor de produtos ecolóxicos á hora de comprar este tipo de alimentos e bebidas:

  • Saúde e seguridade alimentaria (percepción de máis saudables e nutritivos).
  • Rexeitamento ao uso de pesticidas, fertilizantes de síntese, hormonas, aditivos etc.
  • Produto de alta calidade, naturalidade, frescura, sabor.
  • Percepción dunha produción respectuosa co medio ambiente e co benestar animal.
  • Percepción de maior proximidade ao campo, con orixe coñecida, auténtico, autóctono, tradicional.
  • Percepción dunha caracterización do produto coherente cunha determinada cultura ou filosofía de vida.
  • Información sobre o produto.

Porén, respecto da percepción de que este tipo de produtos son máis saudables e nutritivos, convén salientar que non existe ningunha evidencia científica que demostre que isto sexa certo. E nisto insisten o recoñecido nutricionista Julio Basulto e o xornalista experto en nutrición Antonio Ortí, que din que “aínda que a agricultura ecolóxica exerce un menor impacto ambiental, tal e como recoñece a Academia Americana de Pediatría (AAP), non se debería afirmar, como se pregoa desde diversos círculos, que os alimentos ecolóxicos teñen moitísimos máis nutrientes, vitaminas, minerais, antioxidantes, oligoelementos, micronutrientes etc. que os que non o son”.

Info ga