O futuro da alimentación saudable está nos nenos
Dentro do seu compromiso por previr a obesidade infantil, a Fundación Eroski preguntoulles directamente aos máis pequenos da casa polos seus hábitos, preferencias e mesmo polas emocións que lles xera a comida, dando como resultado un traballo de investigación que reflicte a autopercepción que os menores (nenos e nenas de 8 a 12 anos) teñen sobre os seus hábitos e a súa participación na alimentación da familia. En concreto, 2.126 nenas e nenos de nove comunidades autónomas do norte de España foron interrogados entre maio e setembro de 2024. As preguntas abordaron tres ámbitos: a familia, as referencias externas sobre a alimentación e a relación entre a comida e as emocións. A enquisa revelou conclusións moi interesantes sobre como perciben os menores a súa alimentación, pero tamén sobre a existencia dunha marxe de mellora na formación alimentaria e como os centros educativos teñen unha oportunidade única para promover o ensino de prácticas saudables. Tal e como sinala Alejandro Martínez Berriochoa, director da Fundación Eroski e da Escola de Alimentación Eroski, “a alimentación saudable debe ser un esforzo colectivo. Precisamos familias informadas, educadores comprometidos e políticas públicas que faciliten a adopción de hábitos saudables dende a infancia”. Estas son as conclusión.

Os pequenos no supermercado
Unha enquisa realizada por un centro de innovación dos Estados Unidos de América en 2017 descubriu que 16,4 millóns de estadounidenses, preto do 7 % da poboación, crían que o leite con chocolate procedía das vacas marróns. Esta realidade, aínda que lle poida parecer esaxerada á poboación española, serve para explicar a necesidade dunha boa educación alimentaria. E que mellor escola que ir á compra cos pais e mais as nais.
“De onde proceden os alimentos?”, “Con este orzamento, cantos produtos podemos mercar?” Aprender sobre estas e outras cuestións, como ser responsables co medio ambiente e escoller comida de proximidade ou de tempada, ou saber deseñar un menú saudable e equilibrado, é un dos beneficios de levar os nenos á compra. A enquisa realizada pola Fundación EROSKI pon de manifesto que imos na boa dirección, xa que a maioría dos fogares con nenos fan a lista da compra tendo en conta a opinión dos cativos. En concreto, no 87 % dos fogares con menores de 8 a 12 anos elabórase unha lista da compra, e no 92 % dos casos tense en conta a opinión dos nenos e das nenas ao confeccionala. Ademais, case todos os menores acompañan os seus pais a ir de compras, xa sexa sempre (45 %) ou puntualmente (52 %).
Cando se trata de nenos pequenos, non sempre é doado conseguir que proben novos alimentos, pero animalos a participar na elaboración do menú axudaralles a descubrir novos sabores e alimentos. O feito de que os cociñen eles mesmos fará que sexan máis propensos a probalos, o que é fundamental para introducilos no concepto dunha alimentación saudable e equilibrada. Segundo a enquisa, meter as mans nos fogóns é algo que lle gusta a case a maioría dos pequenos de 8 a 12 anos. En concreto, o 82 % afirma colaborar na casa á hora de cociñar, xa sexa sempre (19 %) ou ás veces (63 %). Por comunidades autónomas, Navarra e A Rioxa son onde máis colaboran (86 %), mentres que País Vasco e Cantabria son onde menos o fan (76 %).
Cinco comidas diarias
Ata agora, sempre se falou da importancia de tomar cinco comidas ao día: almorzo, petisco de media mañá, xantar, merenda e cea (é dicir, tres comidas principais e dúas achegas extra). E isto é algo que cumpre a gran maioría dos enquisados, segundo revela a enquisa da Fundación Eroski. Dela, tamén se desprende que a cultura de cada rexión inflúe nalgunhas comidas, como a de media mañá e a da merenda. Por exemplo, no País Vasco unha alta porcentaxe de nenos e nenas merenda nas escolas.
Porén, as novas tendencias alimentarias, cada vez máis estendidas entre as familias, comezan a cuestionar a importancia do almorzo e a necesidade de realizar cinco comidas ao día. E isto tamén se evidencia nos datos da enquisa. En concreto, un 10,26 % salta a merenda e o 5,99 %, o almorzo. Ademais, estas son as comidas que con máis frecuencia realizan sós, sen a compañía do adulto. Comer só a esta idade non é recomendable, xa que adoitan substituír a compañía humana pola dos aparellos electrónicos.
Noutros estudos, como Aladino 2023, realizado pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) con 12.678 escolares de seis a nove anos de toda España, a cifra dos menores que non almorzan todos os días é aínda maior: 3 de cada 10 escolares non o fan. Saltarse a primeira comida do día pode estar relacionado cun aumento de peso, xa que fai que se incremente o petiscar entre horas e o consumo de alimentos pouco recomendables.

Pantallas como compañeiras de mesa
Outro aspecto que cada vez se ve máis nas familias é o uso das pantallas durante as comidas. Máis da metade dos nenos e das nenas ven a televisión mentres comen e un terzo di que come co seu teléfono móbil, tableta ou videoconsola. O 66 % dos menores afirma ver a televisión mentres come, e un 33 % di que utiliza o móbil, tableta ou videoconsola durante as comidas. “Son demasiados os nenos que comen distraídos. Se non se está ao 100 % concentrado na comida, probablemente se estea a perder algo importante e seguramente non desenvolva bos hábitos para o futuro”, explica Alejandro Martínez Berriochoa.
Non soamente esta enquisa destaca os efectos nocivos de comer ao usar dispositivos electrónicos. Numerosos estudos confirmaron que esta práctica é prexudicial. Un deles, publicado no International Journal of Behavioral Nutrition and Physical Activity, realizou unha análise sobre nenos de entre 10 e 12 anos de oito países europeos, entre eles España. Segundo os datos obtidos, a probabilidade de ter sobrepeso é maior nos nenos que almorzan e cean mentres ven televisión e outros aparellos en comparación cos que non o fan. Por outra banda, a Enquisa Nutricional e de Hábitos de Alimentación da Poboación Española (ENPE 2015), realizada a 6.800 persoas e promovida pola Fundación Eroski, concluíu que a duración das comidas, a compañía e as actividades que se realizan mentres se come incide nos hábitos alimentarios.
A auga, a bebida maioritaria
O 94 % dos nenos afirma consumir auga como bebida principal nas súas comidas. É a mellor opción segundo os expertos en nutrición. Non obstante, unha porcentaxe importante tamén acompaña as súas comidas con zumes (27 %), refrescos carbonatados (19 %) ou outras bebidas non carbonatadas (22 %). Isto, sen dúbida, ensombrece en certa medida o resultado favorable da preferencia pola auga, xa que o gran problema é que a quinta parte das persoas enquisadas combina a auga con bebidas que debían ser de consumo exclusivamente ocasional. “A principal fonte de inxestión de azucre e calorías na infancia, segundo datos do ministerio, son as bebidas doces. Sen esquecer que ao final estes produtos de consumo puntual, para momentos concretos, acaban consumíndose a diario”, engade Alejandro Berriochoa. Neste sentido, o Estudo Aladino 2023 xa revelara que o 3,8 % dos escolares consome refrescos azucrados máis de tres días á semana. Ademais, este consumo de bebidas azucradas está relacionado coas familias máis desfavorecidas, xa que, ao vincular estes hábitos alimentarios co nivel de renda, observouse que naqueles fogares con menores ingresos a porcentaxe de nenos e nenas que consomen refrescos azucrados se multiplica por máis de oito (7,8 % fronte ao 0,9 %).

Máis habitual do recomendado
Na parte superior da pirámide alimentaria están todos aqueles alimentos que se deben consumir en pequenas cantidades e moi ocasionalmente. Estamos a falar dunha gran variedade de produtos que teñen en común moitas calorías e un alto contido en sal, azucres engadidos, graxas saturadas ou graxas trans. Todo o que hai que evitar, pero que non obstante é a tentación dos máis pequenos. O 92 % dos menores enquisados indicou que consome hamburguesas, bocadillos de salchicha, pizzas e/ou patacas fritas, e o 15 % faino tres ou máis veces por semana. Os doces tamén son frecuentes na alimentación de case todos os menores. O 93 % consome semanalmente bolería, galletas e/ou lambetadas, e o 44 % faino tres ou máis veces por semana.
O mesmo ocorre coas bebidas ocasionais, que son máis habituais na dieta infantil do recomendado. E a enquisa así o corrobora. O 81 % dos nenos e das nenas consome refrescos ou zumes semanalmente, e o 40 % faino tres ou máis veces á semana. Ademais, o 14 % toma bebidas enerxéticas de forma semanal. O caso destas últimas é aínda máis preocupante. Segundo un informe da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), o consumo de bebidas enerxéticas pode provocar “riscos gastrovasculares, hematolóxicos, neurolóxicos e psicocomportamentais” nos máis pequenos.
A boa noticia que se desprende desta confesión é que case a metade dos nenos e nenas, concretamente o 45 %, cre que deberían mudar algúns dos seus hábitos alimentarios, como comer máis froita e menos alimentos ultraprocesados, así como beber máis auga. Isto é algo que o director da Fundación Eroski e da Escola de Alimentación Eroski considera un dato esperanzador. “Sobre todo, demostra que aínda se está a tempo de mellorar, xa que cando son maiores, na adolescencia, comeza a ser máis difícil cambiar os hábitos”, sinala Berriochoa.
Os principais referentes para os nenos desta idade, tamén en termos de hábitos, son os pais para un 90 %, moi por diante do profesorado (5 %), que ocuparían o segundo lugar. Famosos e influencers nas redes sociais quedan moito máis atrás nestas idades. Porén, 1 de cada 10 pídelles aos seus pais comidas ou bebidas que ve na televisión ou a través das redes sociais.
O Estudo AESAN 2022 sobre as percepcións nutricionais dos adolescentes de 12 a 14 anos corrobora as conclusións da enquisa da Fundación Eroski. Este estudo concluíu que os escolares consideran que a familia é o axente máis influente para levar unha vida saudable.
A fame e as emocións
A alimentación emocional, ou comer como un mecanismo para facerlle fronte ás emocións, xa sexan negativas, positivas ou xeradas polo estrés, está asociada a un patrón dietético pouco saudable e a un aumento de peso. Cando os nenos comen para aliviaren os seus sentimentos negativos, a súa comida adoita ser rica en calorías (doces, bolería ou alimentos ultraprocesados). Ademais, moitos estudos demostraron que a alimentación emocional está ligada ao desenvolvemento de trastornos alimentarios posteriores, como a bulimia ou os atracóns.
Unha investigación recente publicada en Journal of Nutrition Education and Behavior, que analiza a vulnerabilidade dos adolescentes á alimentación emocional, concluíu que esta é máis aprendida ca herdada e revelou que certas prácticas empregadas polos pais, como recompensar ou castigar con comida, inflúen considerablemente na relación futura que a mocidade terá coa alimentación.
Definitivamente, como mostra a enquisa da Fundación EROSKI, os estados emocionais, tanto positivos como negativos, afectan o nivel e a calidade da inxestión dos menores. Case a metade dos enquisados manifestou comer máis cantidade de comida cando están felices e menos cando están tristes, enfadados ou estresados. En relación ao tipo de alimentos que consomen cando as emocións mandan, unha gran porcentaxe alegou comer doces, como lambetadas, galletas ou chocolate, e pasta. Saber controlar as emocións e comprender a súa relación coa forma que teñen de se alimentaren é fundamental á hora de adquirir hábitos de alimentación saudables. É, sen dúbida, a materia pendente. Ao comer ben tamén te has sentir ben.

Máis da metade das familias utiliza a comida como premio para os seus fillos e fillas cando se portaron ben ou fixeron as súas tarefas. Segundo os datos, no 54 % dos fogares, os pais premian os seus fillos con alimentos que lles gustan cando tiveron un bo comportamento e cumpriron os seus deberes. Esta conclusión destaca a elevada porcentaxe de fogares –máis da metade– nos que se utiliza a alimentación como un argumento para premiar os fillos, o que despraza a alimentación no imaxinario dos nenos á marxe dos hábitos saudables que deberían manter no seu día a día. Isto é aínda máis preocupante cando gran parte destes premios inclúen produtos pouco saudables, como lambetadas, doces ou repostería.