Análise documental para coñecer os hábitos de uso das redes sociais por parte da poboación infantil e adolescente

Nenos e adolescentes cativados polas redes

O 66 % dos mozos de entre 10 e 17 anos teñen xa o seu propio perfil nunha rede social, unha ferramenta de interacción e expresión da súa identidade á marxe dos adultos
1 Xuño de 2016
Img tema de portada listado 199

Nenos e adolescentes cativados polas redes

As redes sociais na internet cambiaron de forma radical a nosa forma de interactuar coas persoas. Segundo IAB Spain, a asociación que representa o sector da publicidade en medios dixitais en España, máis de 15,4 millóns de persoas cunha idade de entre 16 e 55 anos utilizan habitualmente as redes sociais no noso país. No entanto, para os denominados “nativos dixitais”, a mocidade que naceu conectada á rede de redes dentro dunha cultura de uso das novas tecnoloxías non é ningunha novidade. É máis, nin sequera hai diferenzas entre a vida en liña e fóra de liña.

EROSKI CONSUMER quixo coñecer a forma en que os máis novos se achegan ás redes sociais e o uso que fan delas. Para iso, utilizou como fontes de información o Instituto Nacional de Estatística (INE), o Ministerio de Interior, a Axencia Española de Protección de Datos, a Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC), a rede de investigación da Comisión Europea EU Kids Online, o Instituto da Xuventude (Inxuve), o Centro de Seguridade da Internet para os Menores en España (Protéxeos), PantallasAmigas e IAB Spain, así como diversos estudos realizados por investigadores do eido universitario.

Evolución no uso

Hai tempo que os nenos e os adolescentes incorporaron as novas tecnoloxías no seu día a día. Segundo o INE, o 94 % da poboación infantil de entre 10 e 15 anos usa internet. E, dentro dese inmenso mundo en liña, as redes sociais están a ocupar un lugar prioritario entre as actividades en liña dos máis novos.

En 2011, EU Kids Online, unha investigación realizada a máis de 1000 menores españois de entre 9 e 16 anos que utilizaban internet, detectou que o 59 % dos menores españois enquisados recoñecía usar as redes sociais, aínda que só fose unha visita aos perfís doutros.

Seguía confirmándose o seu elevado uso no estudo “Hábitos de uso na internet e nas redes sociais dos adolescentes españois”, publicado en 2013 na revista científica Comunicar. Nel, os profesores da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, Antonio García, M.ª Cruz López de Ayala e Beatriz Catalina García fixéronlles unha enquisa a máis de 2000 adolescentes de entre 12 e 17 anos. Detectaron que as redes sociais son os sitios que máis frecuentaban os adolescentes. De feito, un 75 % conectábase con moita frecuencia e, por idades, os de maior idade accedían con máis asiduidade. Dos enquisados entre 15 e 17 anos entraba o 84 % e dos de entre 12 e 14 anos accedía o 68 %.

En 2014, segundo a Enquisa sobre hábitos de uso e seguridade na internet de menores e mozos en España, realizada polo Ministerio de Interior a máis de 1500 nenos e adolescentes de 10 a 17 anos, un 94 % deles aseguraba ver vídeos en Youtube no último mes, o 82 % utilizaba a mensaxería instantánea e o 68 % visitaba perfís de redes sociais, ben o seu ou o doutra persoa.

Xa en 2015, a penetración das redes sociais entre os adolescentes de 14 a 17 anos é do 97 %, segundo IAB Spain (enquisou 105 persoas con esta idade). Por regra xeral, acceden a estas plataformas en liña a través do ordenador a media tarde e a través do móbil a media noite.

Facebook é a súa rede social preferida, seguida de Twitter e Instagram. Aínda así, esta clasificación non se corresponde totalmente coas redes sociais máis utilizadas entre estes adolescentes. Primeiro é Facebook, despois Youtube e, por último, Twitter. Séguenlles Instagram e Tuenti (esta última desapareceu como rede social en febreiro de 2016) e, na cola, están Spotify, Google+, Badoo, LinkedIn e Pinterest.

Construír identidade

A combinación redes sociais-menores é inseparable e o motivo, en parte, ten que ver coa propia idiosincrasia de ser adolescente. As investigadoras Belinda de Frutos e Tamara Vázquez (das universidades de Valladolid e CEU San Pablo, respectivamente) elaboraron un estudo cualitativo titulado “As redes sociais en adolescentes e mozos: unha aprendizaxe cara á autorregulación”, cuxas conclusións se baseaban na información proporcionada por grupos de discusión compostos por persoas de entre 15 e 19 anos. Na opinión de ambas as expertas, as redes sociais son importantes para os adolescentes porque se perciben como “unha ferramenta que cristaliza a súa necesidade de interacción e que posibilita construír a súa propia imaxe persoal e expresar a súa identidade, á marxe do mundo dos adultos”.

Algo similar opina Lucía Merino na análise realizada para Inxuve, “Mozos en redes sociais: significados e prácticas dunha sociabilidad dixital”, na que enquisaba máis de 300 mozos de entre 14 e 17 anos, en na que explica que “estar en contacto é unha parte crucial do proceso dinámico de construción da súa identidade e as novas tecnoloxías permítenlles estar en constante contacto cos seus amigos”. Comprobou que “ese vínculo de grupo e a interacción a realizan a través das redes sociais e dos servizos de mensaxería instantánea”.

Info ga

Perfís: configuración e legalidade

Perfís

EU Kids Online comprobou en 2011 que o 56 % dos adolescentes españois de entre 9 e 16 anos enquisados tiña un perfil nunha das plataformas sociais en liña. Por idades, mentres o 11 % dos menores de entre 9 e 11 anos confirmaba telo, entre os de 11 e 12 anos esa proporción era do 42 %, entre os de 13 e 14 anos dun 74 % e, entre os adolescentes de 15 e 16 anos, dun 89 %. Hai que lembrar que, en España, a idade mínima legal para dispoñer dun perfil nunha rede social en liña é de 14 anos. Aínda así, segundo esta investigación, aproximadamente o 40 % dos nenos e nenas entrevistados de entre 9 e 13 anos contaban cun perfil propio.

Un ano despois, a enquisa do Ministerio de Interior observou que o 66 % dos mozos consultados tiñan o seu propio perfil nunha rede social. É máis, o 22 % deles confesou ter máis dun.

Ademais, nesa investigación, tamén se consultou con máis dun milleiro de pais sobre se os seus fillos (de 10 a 17 anos) tiñan permiso para ter un perfil propio nunha rede social: un 40 % respondeu que non, un 33 % só baixo a súa supervisión e outro 27 % en calquera momento. Pola súa banda, entre o milleiro de mozos consultados, o 43 % aseguraba que os seus proxenitores lles permitían ter o seu propio perfil sempre que quixesen, ao 28 % só con permiso, un 2 % admitiu que os seus proxenitores non o sabían e ao 27 % non lles permitían telo.

Configuracións e contactos

Os investigadores de EU Kids Online indican que, á hora de considerar a seguridade do menor nas redes sociais, é importante ter en conta o número de contactos que teñan e o modo no que configurasen o seu perfil.

Así, segundo a enquisa de 2011 da Comisión Europea, a maioría dos menores con perfís en redes sociais tiñan entre 1 e 50 contactos no seu perfil. Pero había un 8 % dos usuarios destas redes que afirmaban ter máis de 300 contactos. Aínda que os expertos explican que o número de contactos non ten por que ser negativo en si mesmo, si que “pode implicar, especialmente no caso dos menores, unha falta de criterio ou de atención sobre determinados contactos que poden chegar a ser perigosos”.

En canto ás características de seguridade, aproximadamente o 70 % dos menores entre os 11 e os 16 anos entrevistados configuraban o seu perfil como privado. Porén, entre os menores con 9 e 10 anos, menos da metade (48 %) creaba un perfil privado e o outro 36 % público. Os expertos estableceron que “o feito de que sexan os máis pequenos os que non configuran adecuadamente o seu perfil de seguridade fai pensar que a esas idades o menor aínda non adquiriu as habilidades suficientes para discernir estes aspectos e fai necesaria unha maior implicación das compañías neste terreo”. Aseguran, ademais, que España é “o país no que máis menores afirman mentir sobre a súa idade no perfil da rede social (27 %), posiblemente coa intención de poder dar de alta un”.

O Ministerio de Interior, pola súa banda, observou en 2014 que un 48 % dos menores entre 10 e 17 anos consultados definía o perfil como privado (só para que os seus amigos puidesen velo), outro 33 % parcialmente privado (para ser visibles aos amigos dos seus amigos) e o do 16 % era público (para que todos puidesen velo). Así mesmo, os elementos dos seus perfís eran os seguintes: o 65 % puxera unha fotografía coa súa cara, o 44 % tamén o apelido, o 32 % tiña unha imaxe que non reflectía a súa identidade, o 30 % indicaba a idade real, o 24 % o colexio, o 20 % poñía unha idade que non era real, o 4 % o seu enderezo e teléfono e un 9 % outros datos que non eran reais.

Neste sentido, o director do Centro de Seguridade para os Menores na Internet, Guillermo Cánovas, opina que os adolescentes cada día coidan máis a privacidade do seu perfil e “están máis preocupados que os adultos pola súa reputación dixital. O que digan, opinen e fagan os seus amigos e coñecidos con eles é de máxima importancia”. Pero que é o que os leva a facilitar información sensible que poida prexudicalos? Segundo Cánovas, “é unha concesión para conseguir máis aceptación e, en ocasións, popularidade”.

Lucía Merino, pola súa banda, explica que “as redes sociais en liña son para os mozos un espazo no que todo pode ser mirado e todo pode ser mostrado, o que supón unha forte satisfacción simbólica para eles”. E destaca o termo “extimidade”, definido como “a exposición de forma pública daquilo que se considera do ámbito privado”, o que supón que se dilúan “as fronteiras entre as esferas pública e privada”.

A atracción de chatear

O chateo é unha das actividades principais que realizan os adolescentes nestas plataformas sociais en liña, tal e como conclúe a investigación realizada polos profesores da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid. De feito, tres cuartas partes dos enquisados recoñecen que o fan con moita frecuencia. Ademais, a metade sérvese delas para ver vídeos ou fotos de amigos, un 48 % dedícase a enviar mensaxes e o 43 % a actualizar o seu perfil.

Segundo Cánovas, internet tan só é unha canle para os adolescentes, posto que falan exactamente do mesmo que comentan na rede social cotiá fóra de liña: “para eles non existe esa diferenza entre vida en liña e fóra de liña”.

Conexión permanente e responsable

Uso do móbil

Os teléfonos móbiles xogan un papel moi importante no uso que os máis novos fan das redes sociais. Segundo datos do INE, en 2015, un 67 % da poboación infantil entre 10 e 15 anos xa dispoñía dun. Por idades, mentres un 30 % dos nenos de 10 anos conta con estes dispositivos, cando teñen 15 anos esa cifra elévase ao 91 %. É máis, segundo o estudo “Menores de idade e conectividade móbil en España: tabletas e smartphones”, elaborado en 2014 pola asociación Protéxeos, os nenos de 2 e 3 anos xa acceden de forma habitual aos terminais dos seus pais.

Así, Protéxeos, na enquisa realizada a 1800 nenos de 11 a 14 anos, detectou que o 72 % dos entrevistados con smartphones accede ás redes sociais. E os datos son os seguintes: mentres o 83 % dos adolescentes de 13 e 14 anos entra a estas plataformas, a porcentaxe redúcese ata o 60 % nos nenos de 11 e 12 anos.

Con relación a este uso, na análise cualitativa realizada por De Frutos e Vázquez, comprobouse que os mozos e adolescentes tenden a “estar permanentemente conectados a través dos novos terminais de telefonía móbil”. Protéxeos engade que “o contacto, os comentarios e o fluxo de información entre uns e outros non cesa en ningún momento do día”.

Un uso responsable

O acceso ás redes sociais por parte dos adolescentes preocúpalles moito aos seus proxenitores e foi obxecto de numerosos estudos. De feito, segundo a investigación realizada polo Ministerio de Interior en 2014, o 26 % dos mozos enquisados viu algo na internet que lle molestou dalgunha forma; é dicir, fixo que se sentise incómodo, desgustado ou sentiu que non debería velo.

A pesar de todo, a Enquisa a Usuarios da Internet de AIMC, denominada Navegantes na Rede, e publicada en 2016, desvelou que un 56 % dos enquisados con fillos menores de 14 anos (máis de 5500) non utiliza ningún sistema para impedir ou controlar o acceso dos nenos a determinados contidos da internet. Só o 24 % deles utiliza programas de filtro ou bloqueo de contidos ou control parental e outro 25 % realízao de forma persoal (de horario, web, visitas etc.).

Segundo EU Kids Online, é fundamental que os pais guíen os seus fillos para que saiban como manexar calquera tipo de risco que poidan atopar na rede e “cobra máis importancia o diálogo cos fillos e mesmo compartir con eles actividades na rede”.

Pola súa banda, PantallasAmigas, unha iniciativa para promover o uso seguro e saudable das novas tecnoloxías na infancia e na adolescencia, ofrece unha serie de consellos para que os máis novos protexan a súa privacidade cando acceden a estas plataformas:

  • Coñecer e configurar de maneira detallada as opcións de privacidade.
  • Identificar as funcións e os efectos de cada acción.
  • Protexer os datos persoais persoalmente.
  • Manter unha actitude proactiva na defensa dos datos propios.
  • Avaliar as actitudes e as condicións de privacidade dos contactos.