Leite materno. Un milagre indescifrable (aínda) para a ciencia
A organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda a lactación materna exclusiva durante os seis primeiros meses de vida, e numerosos estudos demostraron que o seus beneficios van moito máis alá da nutrición. O leite de fórmula cumpre un papel esencial cando a lactación materna non é posible ou non é a opción elixida, mais o leite materno segue sendo un fluído biolóxico extraordinariamente complexo que, de momento, é imposible replicar de maneira artificial. A súa composición cambia, adáptase e combina nutrientes con compostos bioactivos que interveñen en procesos clave para o bebé, dende a maduración do intestino até o desenvolvemento do sistema inmunitario. A pesar de anos de investigación, a ciencia aínda non comprende de todo como interactúan todos os seus compoñentes nin como logra coordinar tantos procesos á vez.
Que hai no leite humano?
O leite materno está lonxe de ser un alimento estático. A súa composición varía cos meses, ao longo do día e mesmo dentro dunha mesma toma. Tamén cambia en función do propio binomio nai-bebé. “O leite materno adáptase á idade evolutiva do bebé”, resume Vanessa Pleguezuelos, bióloga e responsable do Banco de Leite Materno de Cataluña. “Ao final, a produción do leite é un proceso vivo e dinámico”, engade Nadia García Lara, neonatóloga do Hospital 12 de Octubre e coordinadora do Banco Rexional de Leite Materno da Comunidade de Madrid. Esta capacidade de adaptación é tan notable que unha revisión científica publicada en 2016 propuxo que a composición do leite podería “axustarse” ás necesidades cambiantes do bebé. A hipótese resulta fascinante e conta con indicios que a apoian, aínda que os mecanismos que a explican aínda non se entenden.
Hoxe coñecemos moitos dos compostos presentes no leite materno e algunhas das funcións que desempeñan, mais aínda quedan incógnitas por resolver. Estímase que contén máis de 200 compoñentes, entre eles auga, graxas, azucres, proteínas, hormonas, vitaminas, minerais, bacterias e outras moitas moléculas bioactivas. Porén, o reto xa non está só en identificalos. O difícil é descubrir que función cumpre cada un, como interactúan co resto de compoñentes e que efectos teñen sobre o organismo do bebé. Noutras palabras: coñecemos moitas das pezas do crebacabezas, mais aínda non sabemos exactamente como encaixan todas. Alén da lista de compostos, a clave está en como actúan xuntos: o leite materno funciona como unha matriz biolóxica na que os compoñentes interactúan entre si e xeran efectos que non se explican por separado.
Non todos os compoñentes do leite materno están pensados para nutrir directamente o bebé. Algúns cumpren outra función non menos importante: alimentar as bacterias beneficiosas que viven no seu intestino. É o caso dos oligosacáridos do leite materno (OLM), o terceiro compoñente sólido máis abundante tras a lactosa e as graxas. Estes compostos actúan como fertilizante para a microbiota do bebé e axudan a crear un ecosistema intestinal saudable dende os primeiros días de vida. Ademais, dificultan que determinados microorganismos patóxenos se adhiran ao intestino. “Os oligosacáridos tamén evitan que algúns patóxenos poidan colonizar o intestino do bebé”, explica Vanessa Pleguezuelos.
As investigacións atribúenlles múltiples funcións: favorecen o crecemento de bacterias beneficiosas, contribúen á maduración do sistema inmunitario, axudan a protexer fronte a infeccións e relacionáronse cun menor risco de enterocolite necrotizante.
Do costro ao leite maduro
Para entendermos mellor o leite materno, cómpre coñecermos as súas etapas. O costro é o dos primeiros días e cumpre unha función moi importante. “Ten unha cor máis amarelenta, é máis espeso e ten un alto contido proteico e de inmunoglobulinas”, explica Pleguezuelos. “O sistema inmunitario do neonato aínda é inmaturo e ese primeiro fluído que a nai lle transfire ao bebé contén parte da súa experiencia inmunolóxica, é dicir, pásalle defensas xa fabricadas. Poderiamos dicir que sería como a primeira vacina. É o primeiro alimento que pasará polo seu sistema dixestivo”, engade a experta. Este primeiro leite ás veces preocupa as nais porque “sae pouco”, mais o certo é que o seu volume encaixa coa anatomía do neonato. Ao cabo duns tres días aproximadamente, prodúcese a subida do leite. Aquí comeza a aparecer o leite de transición e, despois, o leite maduro, cada un cunha composición e unhas funcións diferentes. “Nas primeiras semanas, o seu contido é máis proteico e, a medida que crece o bebé, aumenta a concentración de hidratos de carbono e graxas”, sinala Vanessa Pleguezuelos.
Mais os cambios non só se producen co paso dos días ou os meses. A composición do leite tamén varía durante unha mesma toma. “Cando o bebé comeza a mamar, o leite contén menos graxa, mais a súa concentración aumenta progresivamente até o final”, explica Pleguezuelos. Por iso, os especialistas recomendan que o bebé baleire o peito antes de pasar ao outro. “A parte máis calórica está ao final da toma”, sinala García Lara.
Na composición do leite inflúen moitos outros factores: a alimentación da nai, os cambios hormonais ao longo do día, o tempo transcorrido dende a última toma ou extracción, o completo que fose ese baleirado e se o leite o toma directamente o bebé ou se obtén con extractor. Ademais, cada muller ten unha composición lixeiramente distinta.

Un adestrador do sistema inmunitario
Unha das funcións máis importantes do leite materno é axudar a protexer o neonato fronte ás infeccións. Ao nacer, o seu sistema inmunitario aínda é inmaturo, especialmente en barreiras como o intestino e as vías respiratorias. Neste contexto, o leite humano actúa como unha especie de ponte inmunolóxica entre a nai e o bebé. “Prevén a aparición dalgunhas patoloxías respiratorias e dixestivas”, resume García Lara. Con todo, o leite materno non só protexe: tamén contribúe a educar o sistema inmunitario do bebé. “Contén compostos bioactivos que actúan como adestradores inmunolóxicos e achegan inmunoglobulinas que o neonato aínda non produce en cantidade suficiente”, explica a especialista. As inmunoglobulinas son anticorpos, é dicir, proteínas capaces de recoñecer virus, bacterias e outros axentes potencialmente daniños para o organismo e axudar a neutralizalos.
A saúde do bebé e a composición do leite materno inflúense mutuamente. Unha revisión científica publicada en 2016 en Nutrición hospitalaria formulou que a produción de anticorpos pode aumentar cando o lactante atravesa unha infección. Outra investigación de 2023 publicada en Nutrients observou que, cando os nenos padecen infeccións respiratorias, o leite presenta cambios na súa composición celular, cunha maior presenza de determinados linfocitos e outras células inmunitarias. Aínda que os mecanismos non se coñecen por completo, unha das hipóteses máis aceptadas apunta á propia lactación como canle de comunicación: durante a succión, pequenas cantidades de saliva do bebé entran en contacto coa mamila e co conduto mamario, o que podería actuar como un sinal biolóxico para o organismo materno. A partir de aí, produciríanse axustes na resposta inmunitaria e na composición do leite. Trátase dun proceso aínda en estudo, mais que reforza a idea da lactación como un sistema dinámico e interactivo.
O leite materno tamén contén bacterias, fungos e bacteriófagos (virus que infectan bacterias) que axudan a colonizar o intestino do bebé e a moldear a súa microbiota. Este ecosistema de microorganismos desempeña un papel fundamental na saúde, xa que inflúe en procesos tan diversos como a dixestión, o metabolismo ou o funcionamento do sistema inmunitario. “O leite materno axuda a estabelecer unha microbiota moito máis sa a longo prazo”, incide García Lara.
Mais os seus efectos non rematan aí. Tamén parece participar na regulación do comportamento alimentario do lactante. “Existen estudos que vinculan a lactación materna coa regulación da saciedade e o apetito”, engade a neonatóloga do Hospital 12 de Octubre. A pesar de que os mecanismos aínda se investigan, os estudos apuntan a que algúns dos seus compostos bioactivos poderían influír na forma en que o bebé aprende a recoñecer os sinais de fame e saciedade.

A lactación materna non é só unha forma de alimentar o bebé: tamén contribúe á saúde e ao benestar da nai e do seu bebé. Durante a toma, actívanse mecanismos fisiolóxicos que van alén da nutrición. O contacto pel con pel e a succión contribúen a estabilizar a frecuencia cardíaca e a respiración do neonato, ademais de reducir o seus niveis de estrés.
Na nai, a lactación estimula a liberación de hormonas como a oxitocina e a prolactina, implicadas na produción de leite e na conduta de coidado. Este proceso favorece a adaptación ao posparto e reforza a interacción entre ambos os dous. Por iso, a lactación enténdese hoxe como un proceso integrado en que nutrición, regulación fisiolóxica e relación nai-bebé forman parte dun mesmo sistema.
Leite que salva vidas
Hai situacións en que a súa importancia resulta moito máis evidente: as unidades neonatais, onde ingresan os bebés prematuros. Para estes nenos e nenas, o leite materno non só é un alimento, senón unha ferramenta terapéutica de primeira orde. “Os bebés prematuros teñen máis risco de sufrir algunhas patoloxías graves, como a enterocolite”, advirte Vanessa Pleguezuelos. Esta enfermidade inflamatoria do intestino pode ter consecuencias moi graves e mesmo pór en perigo a vida do bebé.
Nadia García Lara, coautora dun estudo publicado en 2018 en Anales de pediatría sobre a importancia da doazón de leite materno en neonatoloxía, resúmeo así: “O principal beneficio que demostrou o leite materno doado é a prevención da enterocolite necrotizante”. Esta enfermidade afecta sobre todo aos bebés prematuros e provoca unha inflamación grave do intestino que pode chegar a destruír parte do tecido intestinal. A práctica totalidade do leite doado destínase a bebés prematuros. “Sempre precisamos máis, igual que ocorre co sangue”, explica García Lara.
O leite materno non é só alimento: é un fluído vivo, cambiante e extraordinariamente complexo, capaz de adaptarse ao bebé e de participar en procesos clave para o seu desenvolvemento. A ciencia coñece cada vez mellor moitas das súas funcións, mais aínda non descifrou todos os seus mecanismos. Precisamente por iso, e polo seu papel decisivo para os bebés máis vulnerables, protexer a lactación e apoiar os bancos de leite materno é unha cuestión de saúde pública.
As biopsias líquidas buscan nos fluídos corporais sinais moleculares que permitan detectar un cancro sen necesidade de extraer tecido do tumor. Habitualmente, realízanse a partir dunha mostra de sangue, mais un grupo de investigadores do Hospital Universitario Vall d’Hebron e do Vall d’Hebron Instituto de Oncoloxía (VHIO) estuda se o leite materno podería servir para o mesmo fin. A idea xurdiu de forma inesperada. Unha paciente con cancro de mama conservaba leite materno conxelado de 18 meses antes de recibir o diagnóstico e entregoullo aos investigadores por temor a transmitirlle a enfermidade á súa filla, algo que non é posible. “Ao analizar a mostra, as mutacións que viamos no tumor tamén as viamos no leite materno”, explica Cristina Saura, xefa da Unidade de Cancro de Mama do Hospital Universitario Vall d’Hebron.
Os resultados preliminares son prometedores. Nun estudo posterior con 15 mulleres, os investigadores detectaron esas alteracións xenéticas no leite de 13 delas. Agora traballan para confirmar estes achados en estudos moito máis amplos. O obxectivo é ambicioso: que unha simple mostra de leite tras o parto poida axudar algún día a detectar tumores en fases moi temperás, cando as posibilidades de curación son maiores.