Economía do fogar, recuperación sosegada
En 2015, as familias ingresaron 26.730 euros de media, un 7 % menos ca hai 8 anos, pero un 2 % máis ca o ano anterior
Novo curso, novos retos e, por suposto, novos gastos. Despois do verán, as familias deben volver á realidade do día a día e organizarse economicamente. Pero con que recursos económicos contan os fogares españois para sobrevivir a este novo curso? Hai familias no noso país con dificultades á hora de afrontar certos gastos?
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publica anualmente a Enquisa de condicións de vida (ECV) co obxectivo de estudar, entre outras cousas, o nivel de vida dos españois. EROSKI CONSUMER baseouse nesta macroenquisa (participaron ao redor de 13.000 fogares e 35.000 persoas a través dunha entrevista persoal) realizada en 2016 e publicada este ano para analizar os ingresos medios anuais dos fogares en España, así como a taxa de risco de pobreza.
Recursos por fogar
En 2015, cada fogar ingresou 26.730 euros, un 2 % máis ca o ano anterior, pero un 7 % menos ca hai 8 anos, cando a renda media por fogar era de 28.787 euros. Estes ingresos netos compóñense de varias variables: ingresos do traballo por conta allea, beneficios ou perdas do traballo por conta propia, prestacións sociais, rendas procedentes de esquemas privados de pensións non relacionados co traballo, rendas do capital e da propiedade, transferencias entre fogares, ingresos percibidos por menores e o resultado da declaración polo IRPF.
Como se pode observar, os fogares aínda non recuperaron os niveis de ingresos anteriores á crise. E é que, neses 8 anos, o punto de inflexión foi 2008. Naquel ano, as familias superaron os 30.000 euros de ingresos medios. Desde entón, caeron en picado e, nesa tendencia, 2014 foi o peor ano, cunha renda media por fogar de 26.092 euros. A partir de entón, a situación comezou a mellorar.
Na perda de poder adquisitivo dos fogares tamén inflúe outra variable, o índice de prezos de consumo (IPC), que reflicte as variacións dos prezos de determinados bens e servizos que os consumidores adquiren habitualmente. En 8 anos, este índice aumentou un 15,4 %, a pesar de que os ingresos medios por fogar diminuíron un 7 %. É dicir, que en 2015 se compraba máis caro con menos orzamento.
Segundo o tamaño do fogar, aqueles con 3 membros ou máis ingresaron en 2015 máis de 31.000 euros de media, os que tiñan 2 membros superaron os 26.000 euros e aqueles cun único membro gañaron por encima dos 15.100 euros.
En 8 anos, practicamente a maior parte dos fogares diminuíu o diñeiro ingresado entre un 1 % (os formados por 2 membros) e un 8 % (os de 4 ou máis), excepto aqueles fogares compostos unicamente por unha persoa, que aumentaron os seus ingresos un 3 %. Porén, no último ano a maioría dos fogares incrementou as súas ganancias entre un 6 % (5 ou máis membros) e un 2 % (1 membro). Só os fogares con 3 membros se mantiveron igual ca o ano anterior.
Ingresos por persoa
Recursos por persoa
Cada persoa ingresou en 2015 unha media de 10.708 euros, un 3 % máis ca o ano anterior, pero un 0,3 % menos ca hai 8 anos.
Ese mesmo ano, os homes tiveron unha renda media anual un 1 % superior á das mulleres; eles ingresaron aproximadamente 10.700 euros e elas 10.600 euros. Esa diferenza foi catro veces maior en 2008 e tres veces maior en 2007, cando os efectos da crise aínda non se percibían. Entón, as mulleres ingresaron pouco máis de 11.000 euros e 10.500 euros, respectivamente, mentres que os homes ingresaron uns 500 euros máis en ambos os anos.
Neste punto, convén lembrar a brecha salarial existente entre homes e mulleres. Segundo datos do INE, en 2015, o salario medio anual feminino representou un 77 % do masculino, unha proporción que nunca excedeu esa cifra e, desde 2008, apenas flutuou entre o 78 % e o 76 %.
Máis renda para os maiores
Pola súa banda, por idade, os maiores con 65 anos ou máis ingresaron en 2015 máis de 12.400 euros, seguidos de preto polas persoas que estaban nunha franxa de entre 45 e 64 anos, que se achegaban aos 12.000 euros. As persoas de entre 44 e 30 anos quedaron nos 10.500 e aquelas que tiñan por debaixo dos 29 (sen incluír aos menores de 16 anos) ingresaron 9300 euros.
Convén salientar que, en 8 anos, as persoas de 65 ou máis anos aumentaron a súa renda media un 14 %, mentres que o resto diminuíuna; arredor do 4 % aqueles que teñen entre 30 e 64 anos e ata un 9 % os menores de 29 anos.
Neste sentido, se se analiza a renda media por persoa e tipo de actividade, os xubilados (habitualmente persoas con 65 ou máis anos en función da súa cotización) ingresaron en 2015 unha media de 13.700 euros, os ocupados 12.500 euros e os parados 6600 euros.
A evolución en 8 anos é dispar entre os tres colectivos; mentres que os ocupados só aumentaron un 0,4 % os seus ingresos medios, o dos xubilados aumentou un 17 % e o dos parados diminuíu un 21 %. No entanto, nun ano, os xubilados subiron os seus ingresos un 2 % e os ocupados un 3 %, pero as ganancias dos parados seguiron caendo un 4 %.
Neste punto, convén saber que as pensións aumentaron un 34 % en 8 anos, os salarios apenas chegaron a un aumento do 6 % desde 2008 e só entre 2013 e 2015 a prestación media por desemprego e beneficiario decreceu case un 4 %.
Pobreza
Limiar de pobreza
En 2015, o 22,3 % dos españois atopábase en risco de pobreza; é dicir, tiñan ingresos baixos con relación ao conxunto da poboación do noso país. Segundo os criterios de Eurostat, o limiar de pobreza sitúase en 8209 euros anuais para os fogares dunha persoa e 17.238 euros en fogares compostos por dous adultos e dous menores de 14 anos.
Nun ano, esa cifra aumentou apenas dúas décimas, pero en 8 anos incrementouse de forma significativa, 2,5 puntos porcentuais.
Por sexo, homes e mulleres sofren unha taxa de pobreza similar cunha diferenza de medio punto: a delas é dun 22,1 % e, a deles, dun 22,6 %. Se se mira cara atrás, o ano no que houbo unha maior diferenza entre ambos os sexos foi en 2007; era de 2,8 puntos porcentuais favorables aos homes, que tiñan unha taxa de pobreza menor (18,4 %).
Diferenzas por idade
A idade tamén inflúe á hora de atopar diferenzas na taxa de risco de pobreza. Entre as persoas de 16 a 29 anos, este índice situábase no 29,6 % e, entre os menores de 16 anos, no 28,9 %. No colectivo de persoas que tiñan entre 30 e 64 anos, o índice en cuestión atopábase arredor do 21 % e, entre os maiores de 65 e máis anos, no 13 %. Unha diferenza significativa.
En canto á evolución en 8 anos, entre os maiores de 65 e máis anos, a taxa de risco de pobreza situábase en 2007 no 25,5 %. A partir dese ano, o índice empezou a baixar e en 2012 prodúcese unha baixada significativa de ata o 14,8 %, unha tendencia que continúa ata a actualidade.
Porén, sucede ao contrario co colectivo de persoas con menos de 64 anos. A taxa de pobreza situábase en 2007 entre o 15,2 % e o 18,1 % e despois comeza a aumentar, especialmente entre 2013 e 2014.
Diferenzas por fogar e actividade
Os fogares con 1 adulto e 1 ou máis nenos dependentes son os que sofren unha maior taxa de risco de pobreza, o 42 %. A continuación, sitúanse aqueles compostos por 2 adultos con 1 ou máis nenos dependentes, cun 25 %, e os fogares dunha persoa, cun 20 %. Por último, un 17 % das familias con 2 adultos e sen nenos dependentes están en risco de pobreza.
Neste sentido, a ECV de 2016 analiza as principais dificultades dos fogares españois. Así, un 15 % dos fogares españois admitiu que chegaban a fin de mes con moita dificultade e outro 8 % atrasouse no pago dos gastos relacionados coa vivenda principal (hipoteca ou alugamento, recibos de gas, electricidade, comunidade etc.) nos 12 meses anteriores á entrevista do INE.
Ademais, o 38 % das familias non tiña capacidade para afrontar gastos imprevistos e outro 39 % non se podía permitir ir de vacacións fóra de casa polo menos unha semana ao ano.
E, en canto á actividade que desenvolven, os parados teñen unha taxa de pobreza máis alta ca o resto de colectivos: o 48 % deles están en risco de pobreza. Entre os ocupados, esta taxa supón o 14 % e, nos xubilados, o 11 %.
A evolución en 8 anos foi significativa en todos os grupos, pero especialmente nos parados (subiu un 17 %) e entre os xubilados (descendeu un 9 %). Entre os ocupados, a taxa incrementouse en 8 anos un 2 %, aínda que no último ano descendeu case un 1 %. Pola súa banda, a taxa de pobreza dos xubilados e dos parados aumentou entre 2014 e 2015 un 7 % e un 4 %, respectivamente.
Ingresos e pobreza por comunidade autónoma
Por territorios
A renda media por fogar no País Vasco foi de 34.054 euros, mentres que en Estremadura as familias quedaron nos 21.671 euros, un 36 % por debaixo. En ambos os casos, estes ingresos aumentaron ao redor dun 3 %.
Ademais, na comunidade autónoma vasca tamén contan cos ingresos por persoa máis elevados. Alí, cada persoa ingresou 14.345 euros, a diferenza dos murcianos, que quedaron nos 8273 euros. A diferenza entre ambos os territorios sitúase nun 73 %. En ambos os casos, os cidadáns aumentaron os seus ingresos con respecto ao ano anterior aproximadamente un 4 %.
Por último, en materia de pobreza, os andaluces son os que maior proporción de persoas en risco de pobreza soportan, un 35,4 %, a diferenza de navarros e dos vascos que quedan no 9 %. Cómpre salientar que na comunidade andaluza aumentase este índice 8 puntos porcentuais en 8 anos.