'Snacks' para bebés

'Snacks' para bebés. Prometen moito, achegan pouco

Os seus envases transmiten unha imaxe saudable e adaptada ás necesidades da cativada. Pero, responde esa percepción á realidade? Analizamos que conteñen e se merecen un oco na súa alimentación.
1 Setembro de 2026

'Snacks' para bebés. Prometen moito, achegan pouco

Os aperitivos destinados a bebés son produtos relativamente recentes, pero en poucos anos fixéronse un oco no mercado. Porén, moitas persoas aínda descoñecen cales son as súas características. Nesta guía ofrecemos as claves para coñecelas.

Para saber que estamos comprando o primeiro no que nos temos que fixar é na denominación de venda, que adoita indicarse xunto á lista de ingredientes e describe de forma aproximada o produto. Por exemplo, “Alimento elaborado a base de cereais. Snack a base de millo con plátano e amorodo”. Blédina (Danone) é o único que non inclúe unha denominación que describa adecuadamente a verdadeira natureza do produto, o que incumpre o Regulamento (UE) 1169/2011.

Máis fariña da que parece

En todos os produtos o ingrediente principal é fariña ou sémola de cereais, como trigo, millo ou arroz, ou amidón de pataca, no caso de Kiddylicious Veggie Straws. Nalgúns snacks, estes ingredientes representan arredor do 80 % da composición.

A pesar diso, a maioría destaca no frontal o seu contido en froitas ou hortalizas, de modo que en moitos casos nin sequera se menciona a presenza de cereais. Só aparecen en Nestlé Happy Puffs (“snack de millo”) e Hero Solo Bio Puffs (“millo, avea e plátano”). En Hipp e Gerber móstranse imaxes de cereais, pero non se nomean.

As froitas e hortalizas destacadas adoitan estar presentes en forma de po, puré ou zume, e en cantidades baixas. Por exemplo, Blédina e Smileat, os produtos con maior contido en froita, só alcanzan o 12 %. O caso máis rechamante é Gerber: o seu produto preséntase como “framboesa” e mostra imaxes destacadas desta froita, pero só leva un 0,5 % de puré de framboesa deshidratada.

Análise

Para elaborar esta guía seleccionáronse oito snacks para bebés, elaborados por marcas líderes, nas que se analizou principalmente:

  • Puntuación Nutri-Score. A valoración co algoritmo actualizado en 2024 vén determinada pola achega calórica e a cantidade de fibra e proteína.
  • Ingredientes. Para coñecer a calidade comercial, especialmente o tipo de ingrediente principal e a presenza de froitas e hortalizas.
  • Información comercial.Analizamos se proporciona información valiosa, se pode ser confusa ou enganar o consumidor.
  • Prezos Recollidos en xuño de 2026. Non foi un criterio para avaliar a calidade, ben que no ránking se tivese en conta a a relación calidade-prezo.
  • Etiquetaxe. Analizouse se cumpre a lexislación vixente.

O aceite tamén importa

O segundo ingrediente en importancia na maioría destes produtos é o aceite. Está presente en todos, salvo en Hipp e Kiddylicious Wafers. En Blédina e Hero Solo, por exemplo, representa arredor do 10 %. O aceite máis utilizado é o de xirasol (Gerber, Nestlé e Hero). Ten dúas vantaxes: é máis barato que o de oliva e o seu sabor é neutro. Porén, desde o punto de vista nutricional é preferible o aceite de oliva virxe ou virxe extra, que só utiliza Smileat. Blédina emprega aceite de xirasol alto oleico e Kiddylicious Veggie Straws, aceite de nabiza. Aínda que non son tan interesantes como o de oliva, presentan un perfil de ácidos graxos máis favorable que o de xirasol convencional.

Así é a súa composición nutricional

Se temos en conta o que acabamos de ver, non hai grandes sorpresas con respecto á información nutricional. Como o principal ingrediente da maioría son as fariñas, predominan os hidratos de carbono. O seu contido oscila entre o 62 % de Kiddylicious Veggie Straws e o 84 % de Kiddylicious Wafers. Nos produtos que conteñen aceite, o seguinte nutriente máis abundante é a graxa. Destaca Kiddylicious Veggie Straws, cun 25 %, seguido de Smilitos de Smileat (15%) e Hero Solo (13 %).

"Para bebés" non significa saudable

Aínda que están formulados especificamente para bebés, estes snacks non son unha opción recomendada para o seu consumo habitual. É certo que cumpren requisitos adaptados á súa idade: adoitan elaborarse sen azucres nin sal engadidos, teñen unha textura que facilita a mastigación e están suxeitos a normas máis estritas que os aperitivos convencionais. Moitos destes snacks destacan mensaxes como “sen sal engadido”, “contén vitamina B12” ou “promove a autonomía,” que pode transmitir unha imaxe máis saudable da que realmente teñen. Porén, o seu interese nutricional é escaso e poden desprazar alimentos que si achegan nutrientes importantes.

A partir dos seis meses, a alimentación complementaria debe servir para cubrir as necesidades nutricionais do bebé, descubrir novos sabores e texturas, favorecer a súa autonomía e axudarlle a desenvolver unha relación saudable coa comida. Para iso, é preferible ofrecer alimentos habituais como plátano ou pera madura en anacos; garavanzos cocidos esmagados; tortilla francesa en tiras; batata doce cocida, ou pauciños de cogombro ou cenoria cocida. En definitiva, ningún destes snacks ofrece vantaxes que non se poidan conseguir facilmente con alimentos sinxelos.

Sen azucre? Non exactamente

Moitos produtos destacan no envase que non conteñen azucres engadidos. Pero iso non significa que non teñan sabor doce nin que estean libres de azucres. De feito, a información nutricional mostra que algúns conteñen cantidades significativas. Destacan Hero Solo (7,6 %), Smileat (7,4 %) e Hipp (6,2 %).

A explicación está nos azucres presentes de forma natural nalgúns ingredientes, como os purés ou os zumes de froitas. En calquera caso, os que merecen atención son os azucres libres, que deberían evitarse na alimentación infantil, é dicir, o azucre que se engade aos alimentos e o que está presente nos zumes de froitas, como ocorre en Hipp.

Levan sal engadido?

Moitos destes produtos destacan no envase que non conteñen sal engadido. Só Kiddylicious Veggie Straws incorpora este ingrediente, nunha proporción do 0,74 %. Nun alimento convencional non sería unha cantidade elevada, xa que se considera que un produto contén demasiada sal cando supera o 1,25 %. Porén, segundo o fabricante, este snack está destinado a bebés a partir dos 9 meses, unha etapa na que se recomenda non engadir sal aos alimentos e limitar o seu consumo a menos de 1 g ao día. Se o bebé tomase todo o envase, inxeriría 0,4 g de sal. Como está dividido en catro porcións individuais, o previsible é que tome unha por inxestión, o que supón 0,1 g de sal. Non é unha cantidade elevada desde o punto de vista nutricional, pero si pode contribuír a que o bebé se acostume a sabores salgados.

Pequenos, pero moi calóricos

Como os ingredientes principais son as fariñas e o aceite, estes produtos teñen unha alta densidade enerxética. Por cada 100 g achegan ao redor de 430 kcal, unha cantidade similar á dunha peza de bolaría. Hai algunhas excepcións. Kiddy- licious Veggie Straws é o máis calórico (503 kcal/100 g) polo seu elevado contido en graxa (25 %), mentres que Hipp e Kiddylicious Wafers son os que menos achegan (388 e 378 kcal/100 g, respectivamente) porque non conteñen aceite.

Agora ben, estes snacks véndense en formatos pequenos, de entre 20 e 30 g. Así, cada envase achega, de media, unhas 100 kcal, o equivalente a un iogur e medio. Para un adulto non supón unha cantidade elevada, pero nun bebé duns 9 meses pode representar arredor do 15 % das súas necesidades enerxéticas diarias.

Que di o Nutri-Score?

Todos os produtos menos un obteñen un C no Nutri-Score. Débese, sobre todo, ao seu escaso contido en nutrientes de interese —proteínas, froitas e verduras— e á súa elevada achega calórica. Hipp é a única excepción e obtén un A grazas ao seu maior contido en proteínas (11 %) e fibra (4 %). Agora ben, unha boa puntuación Nutri-Score non significa que un alimento sexa necesario ou aconsellable para un bebé; unicamente indica que, dentro do grupo comparado, presenta unha mellor composición nutricional que o resto.

Recomendacións de compra
  1. Mira máis alá do envase. As froitas, verduras e alegacións non sempre reflicten a composición real.
  2. Le os ingredientes. O habitual é que predominen as fariñas de cereais e os aceites.
  3. Non te fíes dos reclamos. Mensaxes como “sen sal engadido” ou “contén vitamina B1” poden parecer atractivos, pero non garanten unha mellor calidade nutricional.
  4. Compara prezos. Pagar máis non significa comprar mellor.
  5. Pensa en alternativas sinxelas. Froitas, tortilla ou verduras poden achegar máis nutrientes.

Valen o que custan?

Se temos en conta o prezo por 100 g, a maioría dos produtos custa entre 6 e 7 euros salvo Gerber (7,69 euros), Hipp (8,30 euros) e Kiddylicious Wafers (10,31 euros). Este último custa case o dobre que o máis barato, Smileat (6,20 euros). Podería pensarse que a diferenza se debe ao seu contido en fariña de arroz xasmín e amorodos (4 %), pero estes ingredientes non parecen xustificar un prezo tan elevado.

Se o comparamos cun aperitivo convencional de millo inflado con aceite de xirasol, que custa arredor de 1,60 euros por 100 g, a diferenza é aínda maior. Os snacks analizados teñen un prezo medio de 6,55 euros, é dicir, catro veces máis. Aínda que están formulados para poderen ser consumidos por bebés –textura, tamaño e requisitos regulatorios específicos–, esa diferenza non parece estar xustificada.

Conclusións

A primeira vista, os envases destes snacks pode transmitir unha imaxe moi saudable grazas ás súas froitas, verduras e mensaxes como “sen sal engadido” ou “contén vitamina B1” Pero abonda con revisar os ingredientes para comprobar que, na maioría dos casos, están compostos principalmente por fariñas e aceites. Achegan moitas calorías, teñen un interese nutricional limitado e non ofrecen vantaxes fronte a alimentos cotiáns como froita, verduras ou ovo. Ademais, o seu prezo adoita ser notablemente máis alto que o dos aperitivos convencionais, sen que esa diferenza estea apoiada por unha mellor composición nutricional.

Entre os produtos analizados, Smileat, Blédina e Hipp obteñen a mellor valoración pola súa composición e etiquetaxe. Se ademais se ten en conta a relación calidade-prezo, destacan Smileat, Blédina e Hero Solo.