Kombucha. Máis que fermentos
A kombucha chegou con forza. Esta bebida pasou de ser unha gran descoñecida a ocupar un lugar destacado nos estantes dos supermercados. Con todo, a crecente oferta de marcas e sabores contrasta co descoñecemento que aínda existe sobre ela, o cal dificulta a elección.
A kombucha é unha bebida fermentada elaborada a partir de té, normalmente verde ou negro. Para producila, prepárase unha infusión con azucre e engádese un cultivo de bacterias e lévedos coñecido como SCOBY (do inglés Symbiotic Culture Of Bacteria and Yeast). Durante a fermentación, estes microorganismos transforman parte do azucre en distintos compostos, entre eles ácidos orgánicos, dióxido de carbono e pequenas cantidades de alcohol.
Para realizar esta guía, seleccionáronse dez kombuchas, elaboradas por marcas líderes, nas que se analizou principalmente o seguinte:
- Puntuación Nutri-Score. A valoración co algoritmo actualizado en 2024 vén determinada principalmente pola cantidade de azucres.
- Ingredientes. Para coñecer a calidade comercial, especialmente a cantidade e o tipo de té e a presenza doutros ingredientes nobres.
- Información comercial.Analizamos se achega información valiosa ou se esta pode resultar confusa ou levar a engano o consumidor.
- Prezos.Recollidos en xuño de 2026. Non foi un criterio para avaliar a calidade, mais a relación calidade-prezo tívose en conta no ranking.
- Etiquetaxe. Analizouse se cumpre a lexislación vixente.
Todo comeza co té
O ingrediente principal da kombucha é o té, polo que as súas características inflúen directamente no seu sabor e aroma. Aínda que existen diferentes tipos, todos proceden da mesma planta (Camellia sinensis) e distínguense, sobre todo, polo tratamento que reciben as follas tras a colleita.
- Té branco. É o menos procesado. As follas tenras colléitanse e déixanse secar. Ten un sabor suave, delicado e lixeiramente doce. Só Soul K o utiliza, combinado con té verde.
- Té verde. As follas quéntanse pouco despois da colleita para evitar a súa oxidación. O resultado é un sabor fresco e herbáceo. Está presente na maioría das analizadas: Flax, Mun, Santiveri, Kombeauty e Soul K.
- Té negro. As follas sométense a un proceso de oxidación que dá lugar a un sabor máis intenso e robusto, con notas especiadas. É o té utilizado en Cupper e Kombeauty.
Tres das kombuchas analizadas (Víver, Komvida e Eroski) non indican na súa etiquetaxe o tipo de té empregado. Non é unha información obrigatoria, mais si un dato útil para o consumidor, xa que permite anticipar mellor o sabor da bebida.
A kombucha adoita presentarse como unha bebida saudable. Algunhas marcas contribúen a reforzar esa imaxe con mensaxes relacionadas con supostos beneficios para a saúde, a pesar de que este tipo de alegacións non sempre están permitidas. Ocorre, por exemplo, con Flax, Mun e Komvida. Tamén é frecuente que se destaque o seu contido en microorganismos vivos e que se perciba como unha bebida sen azucre.
Porén, a realidade é máis complexa. Ao non estar pasteurizada, contén bacterias e lévedos vivos. Con todo, por agora, non existe evidencia científica suficiente para afirmar que eses microorganismos presentes nas kombuchas comerciais acheguen beneficios para a saúde. Ademais, aínda que adoitan conter menos azucres que un refresco convencional, algunhas marcas achegan cantidades significativas.
Por último, durante a fermentación fórmanse pequenas cantidades de alcohol. O contido final é baixo (menos do 1,2 %), mais suficiente para que non sexa recomendable para nenos, mulleres embarazadas ou en período de lactación.
O toque de sabor
Case todas as kombuchas incorporan froitas, herbas ou outros ingredientes vexetais para achegar aroma e sabor. A excepción é Santiveri, elaborada só con té verde. Tamén Kombeauty recorre a unha fórmula sinxela, baseada en té verde e negro con aroma de bergamota. O máis habitual é empregar zume ou polpa de froitas. Atopamos laranxa en Cupper; limón en Flax e Komvida; lima e pitaia en Flax; piña en Víver; pexego e uva en Veritas; e froitos vermellos en Mun e Eroski.
A cantidade de froita varía moito entre unhas marcas e outras. Por exemplo, Flax contén un 8,1 % de zumes de limón e lima e polpa de pitaia, mentres que Veritas apenas incorpora un 0,2 % de zume de pexego. Aínda que o envase destaque esta froita, unha botella contén apenas 0,5 ml de zume de pexego e uva.
Ademais de froitas, algunhas incorporan outros ingredientes aromáticos, como xenxibre (Komvida e Soul K), flor de hibisco (Mun), cúrcuma (Soul K), menta (Veritas), hortelá (Víver), aceite esencial de laranxa (Cupper) ou aroma de bergamota (Kombeauty).
De onde saen as burbullas?
Durante a fermentación, prodúcese dióxido de carbono, que achega unha lixeira acidez e pequenas burbullas. Non obstante, non todo o gas procede necesariamente dese proceso natural: algunhas marcas engaden dióxido de carbono ao final da elaboración. É o que ocorre en Cupper, Flax, Kombeauty, Soul K, Víver e Eroski. En cambio, Komvida, Mun, Santiveri e Veritas achéganse máis a unha elaboración tradicional, na que o gas procede só da propia fermentación.

Máis azucre do esperado
Todas as kombuchas analizadas conteñen azucre. Este ingrediente é imprescindible para a elaboración da bebida, xa que serve de alimento para as bacterias e levadoras responsables da fermentación. Durante ese proceso, unha parte importante consómese, aínda que sempre queda unha cantidade residual.
Algunhas marcas indican na etiquetaxe “azucre de cana” (Cupper, Mun, Santiveri, Veritas e Víver). Esta expresión pode facer pensar en azucre moreno, mais, de ser así, debería especificarse como “azucre moreno de cana”. O máis probable é que se trate de azucre refinado obtido a partir de cana, é dicir, azucre común. Dende o punto de vista nutricional, a diferenza é irrelevante, xa que tanto o azucre de cana como o de remolacha están compostos principalmente por sacarosa.
A cantidade de azucres no produto final varía notablemente entre marcas. Se consideramos o contido por envase (a cantidade que normalmente se consome dunha vez), Cupper e Kombeauty son as que máis achegan, cuns 12 g de azucre, o equivalente a tres culleradiñas. Séguenas Víver, Komvida e Soul K, con entre 8 e 10 g. Eroski e Flax roldan os 6 g, mentres que Santiveri (4,5 g), Mun (3,5 g) e Veritas (1,25 g) son as que menos conteñen.
Estas diferenzas explícanse en parte porque moitas bebidas incorporan zumes de froitas ou outros vexetais, que tamén achegan azucres. Ocorre en todas agás Kombeauty e Santiveri. Ademais, algunhas elabóranse con máis azucre do necesario para a fermentación, de xeito que unha parte permanece na bebida e contribúe a adozala. Por iso Kombeauty e Santiveri, malia non conteren zumes, presentan un 3,5 % e un 1,8 % de azucres, respectivamente. Tamén cómpre ter en conta que algúns produtos poden incorporar ingredientes con propiedades edulcorantes.

A zona gris dos edulcorantes
Mun e Veritas conteñen infusión de follas de Stevia rebaudiana. Esta planta achega glicósidos de esteviol, compostos con sabor doce que tamén se empregan para elaborar o edulcorante estevia (E960). A súa presenza podería explicar por que estas dúas bebidas conteñen menos azucres: un 1,4 % en Mun e un 0,5 % en Veritas. É dicir, esta infusión podería estar utilizándose para achegar un sabor doce sen necesidade de engadir máis azucre.
Cando unha bebida incorpora edulcorantes, debe indicalo expresamente na súa etiquetaxe. Nestes casos non se fai, aínda que, dende o punto de vista legal, a situación non está de todo clara porque non se engade un edulcorante como tal, senón unha infusión que podería estar cumprindo esa función. En calquera caso, a falta de aclaración pode xerar confusión.
- Tipo de té. Marca unha boa parte do sabor. O té negro ofrece notas máis intensas e robustas, mentres que o branco é máis suave e lixeiramente doce e o verde resulta máis fresco e herbáceo.
- Azucres. Todas conteñen azucre porque é necesario para a fermentación, mais a cantidade final varía moito. Convén elixir as que conteñen menos.
- Edulcorantes. Algunhas incorporan infusión de follas de Stevia rebaudiana, que achega compostos con sabor doce e permite reducir o contido de azucre.
- Outros ingredientes. Moitas engaden zumes de froitas, herbas ou especias. Convén comprobar as cantidades, xa que algúns ingredientes destacados poden estar presentes en proporcións moi pequenas.
- Envase. Non chega con fixarse nos valores por 100 ml. O importante é comprobar canto achega o envase completo, que é a cantidade que normalmente se consome.
- Prezo. As diferenzas son notables e non sempre se corresponden cunha mellor composición ou cunha maior calidade.
A nota nutricional
Estas bebidas apenas achegan graxas, proteínas, fibra ou sal. Por iso, dende o punto de vista nutricional, os datos máis relevantes son os azucres e a achega enerxética. Se consideramos o envase completo, a maioría ten entre 42,5 kcal (Komvida) e 52,8 kcal (Flax e Kombeauty). As menos calóricas son Veritas (5 kcal), Mun (15 kcal), Santiveri (20 kcal) e Eroski (25 kcal). En comparación, unha lata de refresco de cola achega unhas 139 kcal.
A maioría dos produtos obteñen un C no Nutri-Score por mor dos azucres. As excepcións son Santiveri e Flax, que logran un B. Aínda que Mun e Veritas conteñen menos azucres en termos absolutos, incorporan infusión de Stevia rebaudiana, un ingrediente con propiedades edulcorantes que penaliza a nota.
Compensa pagar máis?
Os prezos mostran diferenzas destacadas. Se os comparamos por cada 100 ml, oscilan entre os 1,12 euros de Soul K e os 0,69 euros de Kombeauty. Isto quere dicir que a kombucha máis cara custa case o dobre que a máis económica. Entre as de prezo máis elevado, atópanse Soul K (1,12 euros), Komvida (1,06 euros), Santiveri (1,04 euros) e Cupper (1 euro). No extremo contrario están Kombeauty (0,69 euros), Víver e Eroski (0,75 euros) e Flax (0,78 euros). Estas diferenzas non parecen estar xustificadas pola composición nin por outros aspectos facilmente apreciables polo consumidor, como a etiquetaxe ou o envase.

Segundo a súa composición, podemos distinguir dous grupos de kombuchas:
- Fórmulas sinxelas. Están elaboradas basicamente con té, azucre e fermentos. É o caso de Santiveri, á que lle podemos sumar Kombeauty, que engade só aroma de bergamota e dióxido de carbono.
- Fórmulas máis complexas. Ademais dos ingredientes básicos, incorporan zumes de froitas, herbas aromáticas, especias ou outros ingredientes vexetais. Estes achegan aroma e sabor, mais tamén poden incrementar o contido de azucres. A que máis cantidade contén é Flax, cun 8,1 % de zumes e polpa de froitas. No extremo contrario sitúase Veritas, con apenas un 0,2 % de zume de pexego e uva.
Se reparamos na composición e na información que ofrece a etiquetaxe, Santiveri destaca como a alternativa máis interesante. É unha das kombuchas máis sinxelas, contén poucos azucres e non recorre a ingredientes con propiedades edulcorantes.
Se, ademais, temos en conta o prezo, as opcións con mellor relación calidade-prezo son Flax, Kombeauty e Santiveri.