Alimentos infantís
O corredor da alimentación infantil é cada vez máis longo e complexo e é doado que os pais e nais nos deixemos levar polas mensaxes do packaging dos seus produtos. Á fin e ao cabo, queremos o mellor para os nosos fillos. Pero é realmente o mellor? As opcións que nos ofrecen están aliñadas co que opinan pediatras, nutricionistas e autoridades sanitarias sobre o que hai que comer na etapa máis sensible do desenvolvemento? Grazas a un estudo recente, temos a resposta a esa pregunta, e é preocupante: só o 20 % dos produtos infantís comercializados en España cumpre os criterios nutricionais que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS).
O proxecto InfantBase
Baby & Toddler Food Composition Database-InfantBase é a primeira base de datos exhaustiva que fai unha radiografía do que levan realmente os produtos para lactantes e nenos de curta idade que se venden en España. O proxecto, coordinado por Nancy Babio, investigadora da Unidade de Nutrición Humana da Universidade Rovira i Virgili (URV), realizouse desde a propia universidade e o Instituto de Investigación Sanitaria Pere Virgili (IISPV) de Reus. Trátase dunha base de datos que reúne a información nutricional e de ingredientes de 850 referencias de 42 marcas, recompiladas entre xuño e outubro de 2023 nos principais supermercados do país e nas súas plataformas en liña “Esta base de datos pretende facer visible a realidade do mercado con datos obxectivos e comparables”, cóntanos Nancy Babio. É unha ferramenta deseñada para pediatras e dietistas-nutricionistas para avaliar produtos específicos. “Isto é de enorme valor para os equipos de pediatría, pediatras de atención primaria e enfermería pediátrica”, opina Pepe Serrano, pediatra de atención primaria. “Á fin e ao cabo, encargámonos de recomendar a alimentación nesta primeira etapa da infancia”, engade Serrano. A base de datos permítelles aos especialistas discerniren cales destes produtos son recomendables e cales non.
Con todo, en última instancia, a base de datos persegue tamén outro obxectivo, que é informar e influír nas políticas públicas para mellorar a regulación deste tipo de produtos, especialmente no que se refire á publicidade. “Esta investigación demostra que pode e debe servir para promover cambios reais nas políticas públicas e realmente espero que se aprobe o Real decreto de publicidade dirixido a menores”, di Babio.
Infant base: Baby & toddler food composition database.
Táboa de composición de produtos para lactantes e nenos de curta idade comercializados en España.
Metodoloxía
Identificáronse 67 marcas e analizáronse 850 produtos destinados a lactantes e menores de tres anos. Incluíronse zumes, infusións, cereais secos (para facer en papa ou engadir ao biberó), purés, potitos, iogures e outros lácteos, e snacks.
Bañados en azucre
O estudo chega a diversas conclusións que se publicaron na revista European Journal of Pediatrics: “De todas, a máis preocupante é que moitos produtos destinados a bebés son doces, pobres nutricionalmente e, en ocasións, enganosos na súa presentación desde o punto de vista dos criterios da OMS”, explica Babio. En concreto, aproximadamente o 60 % dos produtos analizados ten exceso de azucre, pero no caso dos purés de froitas, a cifra dispárase.
“Os criterios da OMS establecen menos de 7,5 gramos de azucre por 100 quilocalorías. Pero o 99 % dos purés analizados supera claramente este límite de azucre e en moitos casos achegan enerxía case exclusivamente en forma de azucres libres”, sinala a investigadora. Isto non só ten implicacións negativas para o metabolismo, senón tamén educativas, xa que se acostuma o neno ou a nena a un sabor intensamente doce desde o principio, condicionando así as súas preferencias alimentarias no futuro. “A medio e longo prazo, o tremendo problema disto é a obesidade: temos cada vez maiores taxas de obesidade infantil, que ademais afecta especialmente as clases máis desfavorecidas. Outro problema moi en paralelo é a diabetes mellitus tipo 2, que cada vez a vemos máis precoz”, indica o pediatra.
Sen unha regulación clara
Outra das conclusións do estudo é que, nunha de cada catro comidas e nos purés de froitas e verduras analizadas, a densidade enerxética é baixa: achegan pouca enerxía por 100 g, malia que se presentan como comidas completas. Ademais, o 25 % dos produtos de tipo “comida salgada” —como tarriños de verduras ou snacks— son deficientes en proteína e o 7 % dos alimentos superan o límite máximo de sodio permitido pola OMS: para os nenos e nenas de 2 a 7 anos, a cantidade máxima recomendada é de 3 gramos, e nos lactantes e menores de 2 anos aconséllase evitar o sal engadido e os alimentos que o conteñan en exceso.
Todas estas cifras demostran que a maioría dos produtos infantís e de nenos de curta idade —en concreto 8 de cada 10— non cumpren algunha das catro recomendacións establecidas pola OMS en canto ao seu contido nutricional:
- Non permitidos. Prohíbense certos ingredientes, como azucres libres, edulcorantes artificiais, lambetadas, bebidas saborizadas e graxas trans.
- Limitados. Limítase o contido de froita nas comidas salgadas, cereais secos e produtos lácteos. O obxectivo é restrinxir a comercialización de alimentos que, malia conter froita, son altos en azucres libres, graxas saturadas ou sodio e que poden facer pensar ás familias que, como levan froita, son saudables.
- Estándares máximos. Establécense límites no valor enerxético e a cantidade de azucres, sodio e graxas permitidos. Por exemplo, defínese un máximo de 50 kcal por porción en snacks, un límite do 15 % de enerxía proveniente de azucres en comidas salgadas e límites específicos para o sodio e a graxa.
- Estándares mínimos. Defínense requisitos mínimos de proteínas e densidade enerxética segundo a categoría do produto.
Por que non se cumpren estas recomendacións? “Porque o marco normativo actual o permite,” dinos Nancy Babio. “Todos estes produtos nacen dun interese comercial. O único imprescindible nestes produtos é que cumpran requisitos sanitarios para evitar intoxicacións e isto está axustado ao máximo. O que non está axustado é que estes produtos sexan, ademais, nutricionalmente de alta calidade”, remata Serrano. Así, a lei non obriga os fabricantes a seguir os criterios establecidos pola OMS, “pero se queremos que os nosos nenos estean ben alimentados e se eviten as prevalencias crónicas, estes criterios son esenciais”, engade Babio.
Pouca proteína e moito azucre.

Máis ‘márketing’ ca nutrición
Outro dos achados preocupantes ten que ver coa etiquetaxe e a promoción destes produtos. Ningún deles satisfai todos os criterios da OMS, por exemplo, información sobre lactación materna, idade de inicio adecuada ou ausencia de alegacións de saúde enganosas, entre outros. As etiquetas, unha das principais queixas para pais e nais, deixan moito que desexar. Por exemplo, un produto que di “puré de tenreira con verduras” pode ter moitos outros ingredientes, como arroz, froita e moito máis. Neste produto un dos últimos ingredientes é a carne ou as verduras. O que di o criterio é que o ingrediente que dá nome ao produto sexa o maioritario”, detalla Babio.
Outro dos problemas relacionados coas etiquetas é que, en moitos casos, confunden os consumidores. “Segundo o estudo, case un 30 % dos produtos que se etiquetan como aptos para menores de seis meses teñen ingredientes como cereais ou mel. Están dirixidos a nenos e nenas entre catro e seis meses e levan ingredientes que non son recomendables para estas idades. Isso é grave”, laméntase Babio.

Deberes pendentes e urxentes
As conclusións de InfantBase son rotundas: “As entidades que agrupan os profesionais da pediatría e da dietética e nutrición deben esixirlle á administración normativas máis estritas sobre alegacións nutricionais e publicidade dirixida á infancia, para reducir o risco de confusión das familias ou persoas coidadoras”. Babio opina que habería que eliminar as declaracións nutricionais de saúde, que xeran un halo saudable, ou determinados envases con personaxes infantís”, entre outras cousas.
Ademais do continente, tamén habería que regular o contido para ter ingredientes e formulacións saudables: “Regular a formulación non limita a liberdade, senón que protexe os menores. O que debemos promover é que a industria teña en conta estes criterios para mellorar; para que estean aliñados coa saúde. Como investigadores, queremos brindar unha evidencia científica para que se desenvolva unha regulación e que se reflicta nas políticas públicas”, incide a investigadora. O pediatra Pepe Serrano abunda no tema: “Só se pode chegar a este estándar máis elevado de calidade coa lexislación. Ata que non haxa unha normativa que obrigue, son moi poucas as modificacións que se vaian facer”.
Ante os resultados do estudo InfantBase, CONSUMER quixo recadar a opinión da industria. A Asociación Nacional de Fabricantes de Productos de Dietética Infantil (ANDI) —que agrupa 15 empresas españolas do sector— asegura que todos os seus membros respectan os requisitos de composición nutricional establecidos pola lexislación europea e nacional, ademais de ofrecer información clara e veraz a pais e nais. “Todas as nosas empresas cumpren coas cantidades de macro e micronutrientes para alimentos infantís, así como cos estritos límites de substancias que poidan resultar prexudiciais”, aseguran. “O noso obxectivo é fomentar unha composición nutricional adaptada ás necesidades dos bebés e nenos pequenos e asegurar a transparencia da etiquetaxe, sempre en liña coas recomendacións pediátricas”, engaden. A través desta asociación, promóvese o investimento en I+D co obxectivo de mellorar as fórmulas para lactantes, preparados de continuación e crecemento, cereais infantís, snacks, purés de froitas e verduras, peixes e carnes para bebés e nenos menores de 3 anos.
É tan importante o cambio?
O tema non é trivial, xa que se a alimentación a partir dos tres anos é importante, o que se come durante os primeiros 1.000 días de vida é determinante. “Aí está en desenvolvemento todo o organismo do bebé”, conta Serrano. “Nunca se aprende tanto como o facemos nos primeiros meses de vida. Nunca crecemos tanto coma neses primeiros meses. Nunca ningún dos nosos órganos se desenvolve tanto coma nesa etapa vital. Polo tanto, o coidado que debemos ter en todo iso é extremo. E unha das principais armas que temos para o coidado é a alimentación”, conclúe Serrano.
Ademais, a apetencia por determinados alimentos apréndese comendo. E se aprendemos a comer ben, comeremos ben toda a vida. Nancy Babio insiste en que unha alimentación adecuada nos primeiros anos de vida dos menores: “Reduce o risco futuro de enfermidades crónicas como a obesidade, a diabetes e tamén as enfermidades cardiovasculares”.
Pepe Serrano. Pediatra de atención primaria
“Fai falta unha lei actualizada”
Só unha parte dos produtos cumpre os criterios nutricionais mínimos. Que poden facer as familias?
Teñen que acostumarse a mirar as etiquetas dos produtos e a coñecer, aínda que sexa só por riba, esas cantidades máximas de azucres e eses mínimos que deberían ter estes produtos. En caso de dúbida, poden consultar o seu pediatra.
Como pode unha familia recoñecer cando un produto achega valor e cando, quizais, non tanto?
A maior parte das veces, por non dicir todas, as etiquetas non deixan de ser un reclamo publicitario máis. Non se trata tanto de recoñecer o que achega o produto, senón de saber que moitas veces estes produtos non achegan nada e que poden ser contraproducentes: levan un exceso de graxas e de azucres e mesmo mesturas para incrementar a palatabilidade.
Algúns produtos están etiquetados para nenos menores de seis meses. Que debe entender unha familia cando ve este tipo de mensaxes?
Cando unha familia ve produtos etiquetados para menores de seis meses —nalgúns casos pon que son válidos a partir dos catro meses— tería que seguir a recomendación que lle fixo o seu equipo de pediatría e que segue os criterios da OMS: a lactación materna ou artificial exclusivas ata os seis meses. Por baixo desa idade, salvo algún caso moi específico que o pediatra determinaría, non é necesario engadirlle ningún produto á alimentación.
Ningún produto cumpre todos os criterios de promoción da OMS. Que melloras realistas se deberían implementar?
As medidas para que os produtos se axusten aos criterios da OMS só poden estar baseadas nunha lei actualizada, fundamentada na evidencia científica, supervisada por profesionais e que, ademais, se obrigue ao seu cumprimento. Se calquera deses criterios non está correctamente lexislado e non se persegue o seu incumprimento, esas mensaxes ambiguas que despistan as familias seguirán aparecendo nos produtos menos saudables na dieta dos nosos fillos.