Ángel Gil. Catedrático de Saúde Pública e Medicina Preventiva da Universidade Rei Juan Carlos de Madrid

“Hai que estar preparados coma se o próximo virus fose chegar mañá”

1 Maio de 2020
Angel gil

Por que periodicamente nos afectan virus procedentes de animais e por que a maioría provén de países do sueste asiático?

Ten que ver con modelos de comportamento culturais, cos mercados tradicionais de venda de animais que hai na zona e facilitan o salto interespecie de virus. Nun país coma España é máis difícil que un virus pase dun animal ao ser humano porque, aínda que temos feiras de gando, o control da saúde animal é moi amplo e rigoroso.

A COVID-19 é máis ou menos grave que outros coronavirus que xa nos afectaron, como a MERS (síndrome respiratorio de Oriente Medio) en 2012 ou a SARS (síndrome respiratorio agudo grave) en 2002?

Os coronavirus habitualmente producen un catarro de vías altas e os efectos non van máis aló. No caso da SARS e da MERS tiñan taxas de letalidade máis elevadas que a COVID-19. O que diferencia a este virus é que a súa capacidade de transmisibilidade é maior. Cada enfermo pode contaxiar con rapidez a dúas ou tres persoas da súa contorna. En sociedades envellecidas como a nosa, con moitos enfermos crónicos, o problema agrávase porque é unha poboación máis vulnerable.

A capacidade de transmisión e propagación dos coronavirus é maior que a doutras enfermidades infecciosas?

Os coronavirus están na franxa máis baixa, hai moitas enfermidades víricas que teñen unha potencial de transmisibilidade moito máis alto. Por exemplo, unha persoa con xarampón pode infectar a outras vinte.

Esa característica fi xo que se baixase a garda fronte á COVID-19?

Pensamos que sería o seu comportamento habitual e logo vimos que o seu risco é moito maior. O de China pillábanos moi lonxe e cando chegou a Italia démonos conta de que ninguén estaba exento do perigo.

En relación coa velocidade coa que se adoptaron medidas, protexeuse demasiado ao mercado e non tanto á saúde pública?

Creo que non. É moi difícil tomar decisións e hai que ter en conta que todo o que se faga en pro da economía é moi importante. Desta crise a poboación sairá máis empobrecida, e a pobreza é unha causa importante de problemas de saúde. Nós fomos un pouco máis lentos na toma de decisións, pero indirectamente axudamos a outros países: en Suramérica, con moi poucos casos de COVID-19, foron moi restritivos.

Que cada país tome as súas propias medidas e a diferente ritmo infl úe no avance da pandemia?

O importante é que os sistemas de vixilancia sexan efi cientes. O que ocorre é que a saúde é cada vez máis global, e hai que telo en conta. Non hai que pensar só no que pasa no meu país, senón no que poida ocorrer no resto do mundo. É imprescindible traballar coordinados coa Organización Mundial da Saúde (OMS) e cos Centros de Control e Prevención de Enfermidades dos EUA. Por outra banda, a comunidade científica ten que ser aberta e compartir todo o coñecemento para que se poidan adoptar decisións rápidas en calquera punto do mundo.

O virus deixará de circular coa chegada da calor?

Non o sabemos. A calor pode reducir en ocasións a transmisibilidade deste tipo de microorganismos. O que se espera é que ese potencial se reduza, aínda que o virus siga permanecendo entre nós.

Por que non se pode tratar de xeito efi caz con antivirais? Esta enfermidade requirirá desenvolver un principio activo especifico?

Os coronavirus teñen unha capacidade mutaxénica importante (mutan facilmente) e iso dificulta que un fármaco poida utilizarse cunha diana terapéutica adecuada para ese virus. Nalgúns ensaios está funcionando mellor aplicar dous antivirais que permiten atacar desde diversos ángulos á COVID-19.

É previsible que emerxa de novo cada inverno, como a gripe?

Tampouco os sabemos, pero cabe pensar que nun momento dado terminará pasando a infección un gran número de persoas con maior ou menor gravidade. A sorte é que, se regresa o inverno que vén, nunha porcentaxe moi importante da poboación a capacidade de resposta inmunolóxica será moito mellor. O previsible é que a onda epidémica non sexa tan sumamente alta coma agora.

Que custa máis, o desenvolvemento ou a fabricación das vacinas?

Non son produtos químicos, senón biolóxicos, e iso fai que resulte máis difícil obtelas. Os ensaios clínicos deben facerse en poboacións moi amplas. Por exemplo, na do rotavirus incluíronse 75.000 nenos. Temos que estar seguros de que o produto que sae ao mercado é seguro e non vai producir reaccións adversas. A vantaxe, neste caso, é que están traballando coordinadamente varios laboratorios co liderado da OMS e iso alixeirará o proceso. A vacina non estará dispoñible antes dun ano.

Algúns virus como o Zika coñécense desde hai máis de medio século e, con todo, non hai vacina. Por que?

Sobre todo, porque non se produciu ningunha alerta que espertase interese en desenvolvela. A investigación xorde cando unha epidemia ten unha magnitude importante e iso fai que haxa intereses comerciais para que a industria farmacéutica se poña en marcha.

Debería impulsar o sector público esas investigacións?

Co coronavirus aprendemos que a investigación en vacinas non lla podemos deixar só aos laboratorios farmacéuticos, senón que administracións como a OMS teñen que alertar e esixir á industria un traballo máis activo. O estudo e desenvolvemento de novas vacinas non debe abandonarse nunca.

A OMS cita entre as infeccións emerxentes dúas que temos ao lado da casa: o dengue e o chikungunya. Que probabilidade hai de que alcancen países como España e que perigo entrañan?

Insisto na importancia do control epidemiolóxico para estes e para outros riscos que poida depararnos o futuro. No caso do dengue, un vello coñecido, xa se están desenvolvendo vacinas; para o chikungunya, de momento, non hai tratamento. Aos especialistas preocúpanos esa especie de globalización da saúde que nos leva a mirar moito aos animais como fonte de posibles infeccións. Hai máis cousas que poden vir, que non coñecemos, e na nosa man está prepararnos o mellor posible.

Persiste a probabilidade de que emerxan enfermidades non proceden de virus senón doutros patóxenos como a crise das vacas tolas que vivimos no ano 2000?

A saúde veterinaria é moi importante e ás veces esquecémonos dela. No noso país temos profesionais formidables, non só na atención clínica senón tamén na investigación. España é pioneira neste campo, en Salamanca dispoñemos dun laboratorio de produción de vacinas para animais. Ademais, é importante que os veterinarios se incorporen aos comités de control internacionais porque os virus que sufrimos nas últimas décadas procedían de animais.

Factores como o cambio climático axudan á difusión de patóxenos?

O quentamento do planeta e a destrución de hábitats é clave para que se propaguen, sobre todo, bacterias e parasitos. Por exemplo, a deforestación nalgunhas áreas fixo que os animais que as habitaban tivesen que desprazarse e, con eles, as infeccións que sofren.

Xa que moitas das infeccións emerxentes proceden de animais, deberiamos pensar en recorrer a outras fontes de proteínas?

O que hai que asegurar é unha boa rastrexabilidade do alimento: garantir de onde vén, saber que alimentación e tratamentos recibiron os animais e que procesos e conservación seguiu esa carne. O importante é que os estándares de calidade se coiden. Tamén pode pasar cun produto vexetal ou con outras fontes de proteínas.

A propósito da alimentación, que repercusión ten no sistema inmunolóxico? Poderían empregarse determinados alimentos para reforzalo, por exemplo, nos anciáns, máis vulnerables á COVID-19?

Non hai que pensar nun produto en concreto, senón en seguir unha dieta variada e equilibrada. Unha boa alimentación axuda sempre a que o sistema inmunolóxico estea preparado e teña unha capacidade de resposta maior fronte ao coronavirus e calquera outra enfermidade infecciosa.

Dise que o próximo virus está xa nun mercado de animais en China. É certo?

Non o saben nin os chineses nin nós nin ninguén. Se se manteñen os mercados tradicionais que vemos en China e noutros países tal e como están agora, podería volver ocorrer o que pasou.

Poderiamos estimar a frecuencia con que van aparecer novos virus?

Hai uns anos houbo quen dicía, en referencia á gripe, que cada 20 anos teriamos unha pandemia como a de 2009. As series temporais e os modelos matemáticos pódennos axudar a estar alerta e prepararnos, pero non podemos prever se un virus emerxente vai propagarse con maior ou menor rapidez, que letalidade pode acubillar ou cando pode irromper. O importante é non estar de brazos cruzados esperando a que veña unha nova pandemia, hai que estar preparados para actuar coma se fose vir mañá.

Está o mundo seguro e preparado? Que cousas debemos cambiar?

Situacións como a do coronavirus deben facernos reflexionar sobre a importancia de investir máis en coidar nosa saúde. España, que desenvolveu un gran sistema sanitario, ten lagoas susceptibles de mellora. Non dispoñer de moitas camas de coidados intensivos é un problema que pode pasar factura en situacións coma esta. Os coidados intensivos garanten unha resposta rápida ante unha epidemia por unha enfermidade infecciosa. Desde diversas instancias esixiuse que a cantidade de diñeiro do PIB que se dedica a sanidade estea arredor do 8 % ou do 8,5 %, como recomenda a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE). Con todo, en España chegou como máximo ao 6,9 %. Hai que ter claro que a saúde non é un gasto, é un investimento.

Outros ‘avisos’ deste século: poderían volver?

SARS 

Síntomas. Maniféstase, polo xeral, con febre alta. Outros signos son dor de cabeza e musculares e diarrea (entre o 10 % e o 20 % dos casos). En ocasións culmina en insufi ciencia respiratoria grave.
Afectados. 8.000 persoas.
Taxa de letalidade. 10 %.
Como se propaga. Por contacto próximo entre as persoas. Como a COVID-19, crese que se transmite a través das gotas respiratorias que se difunden cando unha persoa infectada tose ou esbirra.
Evolución e prognóstico. “O brote cedeu e non se comunicaron novos casos desde o ano 2004”, Apunta Ángel Gil. 

GRIPE AVIAR 

Síntomas. Moqueo e secreción nasal, tose seca recorrente, dor de gorxa e muscular, perda de apetito e diminución da capacidade respiratoria.
Afectados. 700 millóns de casos confi rmados. A estimación da OMS eleva os afectados a 1.500 millóns de persoas.
Taxa de letalidade. Entre o 1 % e o 2 %.
Como se propaga. Por vía aérea como outros virus respiratorios, ben por proximidade con outra persoa ou por contacto con superfi cies infectadas.
Risco actual. En 2010 desenvolveuse unha vacina que a OMS considerou segura. 

MERS 

Síntomas. Febre, calafríos, cambras e tose. Un terzo dos pacientes sofren síntomas gastrointestinais: diarrea, vómitos e dor abdominal. Os casos máis graves presentan insufi ciencia respiratoria.
Afectados. 2.500 persoas.
Taxa de letalidade. 30 %.
Como se propaga. Polas pingas da respiración ao tusir ou esbirrar. Segundo a OMS, “os científi cos indican que as persoas se infectan por contacto directo ou indirecto con dromedarios”, pero “a maioría dos casos notifi cados referíanse a contaxios entre persoas en contornas de atención médica”.
Risco actual. O experto Ángel Gil sinala que “os casos diagnosticados producíronse en persoas que viaxaron ou residiron en países da Península Arábiga e nos seus arredores”.

ÉBOLA 

Síntomas. Febre de forma súbita. Á debilidade intensa e as dores musculares, cabeza e gorxa, séguenlle vómitos, erupcións cutáneas, diarreas, problemas renais e hepáticos e, ás veces, hemorragias internas e externas.
Afectados. 30.000.
Taxa de letalidade. 50 %.
Vía de transmisión. Unha persoa inféctase “por contacto estreito con órganos, sangue, secrecións ou outros líquidos corporais de animais doentes, coma chimpancés, gorilas, morcegos…”. Despois, o virus propágase entre as persoas a través de secrecións das mucosas ou do sangue ou por contacto indirecto con materiais contaminados por eses líquidos.
Prognóstico. “É moi difícil que lle afecte a un país como España, pero hai que ser moi prudentes: ese prognóstico é neste momento, coa información que temos e nas circunstancias actuais”, explica Ángel Gil. Tamén se investiga unha vacina.

ZIKA 

Síntomas. Transmitida por mosquitos, a maioría das persoas non teñen síntomas. Cando aparecen, os máis frecuentes son cansazo, cefalea e febre, dor articular, conxuntivite e acumulación de líquidos nos membros inferiores. No embarazo pode causar microcefalia e parto prematuro.
Afectados. Entre 400.000 e 1.300.000, segundo a OMS.
Taxa de letalidade. As mortes son excepcionais (menos do 1 % dos afectados).
Vía de transmisión. O virus transmíteno os mosquitos do xénero Aedes, que pican durante o día. Tamén se transmite por contacto sexual ou transfusións de sangue.
Prognóstico. A vacina está en investigación. Coñécese desde 1947 e, aínda que o último gran brote foi en 2015, podería volver producirse. “Os síntomas do virus do Zika son similares aos de moitas outras enfermidades, pode ser que moitos non se recoñecesen”, apuntan os Centros para o Control e a Prevención de Enfermidades dos EUA.