Guía de compra froitas con óso

Froitas con óso, bocados de saúde

1 Maio de 2014

Froitas con óso, bocados de saúde

Albaricoques e melocotóns, ameixas e nectarinas, paraguaios e cereixas constitúen unha espléndida exhibición de sabor, aroma e delicadeza. Estas froitas de tempada son rechamantes e coloridas. A súa textura é suave, tersa e brillante. Locen tons intensos e vivos, típicos da primavera e do verán. Dá gusto velas por variadas e atractivas, pero máis gusto dá probalas por sabor e por frescura. As froitas con óso téñeno todo: por unha banda, unha estupenda aparencia, uns sabores deliciosos para incorporar á cociña, unha textura substanciosa e un perfume que converten cada bocado nun pracer e, por outra, contan cunhas propiedades nutricionais interesantísimas para coidar a saúde e mellorar a alimentación.

O seu lugar na dieta, canto é suficiente?

As froitas frescas, con ou sen óso, teñen un importante papel na nosa dieta e as probas que relacionan a súa maior presenza na nosa alimentación con beneficios para a saúde son sólidas. Non obstante, consumimos moito menos do que deberiamos. Por esa razón, as entidades de referencia recomendan un mínimo, e non un máximo, de consumo. Aconséllase comer cinco porcións diarias de froita fresca ou verdura. Unha porción supón uns 140-150 gramos de froita en cru e limpa. Para facerse unha idea, aproxímase ao peso dunha peza de froita mediana (pera, mazá, laranxa, plátano, marmelo, pomelo etc.); a un toro mediano de melón, sandía ou piña; a 2-3 pezas medianas de albaricoques, ameixas, dátiles, mandarinas ou figos; a 4-5 nésperas; a 8 amorodos medianos ou a un prato de sobremesa de cereixas, uvas, amoras, grosellas etc.

Segundo estes cálculos, deberiamos consumir entre 420 e 450 gramos de froita fresca ao día para cubrir as recomendacións, algo que en España non facemos, pois os adultos só tomamos 200 gramos diarios. É dicir, consumimos menos da metade do mínimo recomendado, e así o evidencia a primeira Enquisa nacional de inxestión dietética española, denominada ENIDE, levada a cabo pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN). Tras recoller datos de consumo individual dunha mostra representativa da poboación adulta española (enquisáronse 3000 persoas de entre 18 e 64 anos), concluíuse que este é insuficiente.

Resulta evidente que é necesario aumentar a inxestión de froitas, pero cales hai que elixir? Malia que cada unha delas presenta certas características nutricionais, o certo é que hai poucos motivos para decantarse por un tipo ou outro de froita con óso, salvo se se padece algunha alerxia alimentaria. Isto é moi importante, xa que todas as froitas detalladas nesta guía pertencen á familia das rosáceas. A alerxia a froitas desta familia é moi frecuente nos adultos, razón pola que se debe acudir a un alergólogo ante a sospeita de padecer unha reacción adversa tras a súa inxestión.

En canto a se é ou non recomendable consumir a súa pel, un documento elaborado pola Asociación Española de Dietistas, xunto ao Comité Científico da Asociación 5 ao Día, detallou que aínda que é certo que quitarlle a pel pode diminuír o seu contido nutritivo (como fibra, vitamina C e B1 e ácido fólico), estas diminucións non son relevantes a longo prazo cando se consideran os beneficios que se obteñen ao consumir estes alimentos. Alén disto, o documento detalla que as perdas serán probables só nas zonas inmediatas ao corte e non no interior do alimento. De todos os xeitos, o que si é conveniente é lavar ben a pel se a imos consumir.

Están moi verdes?