Análise do gasto familiar en 17 comunidades autónomas, así como da renda media percibida e das carencias materiais dos fogares

O gasto familiar crece timidamente por primeira vez en seis anos

Cada fogar desembolsou, en 2014, unha media de 27.000 euros e o 59 % destinouno a vivenda, a alimentación e a transporte
1 Setembro de 2015
Img tema de portada listado 162

O gasto familiar crece timidamente por primeira vez en seis anos

Tras unha crise económica complexa e moi longa, as familias parece que respiran de novo con algo máis de liberdade e que activaron o seu consumo. Aínda así, é unha leve melloría e os problemas non desapareceron en absoluto. E é que os ingresos dos fogares continúan caendo e segue a ser extremadamente difícil manter en positivo o balance dos orzamentos familiares.

Unha vez máis, EROSKI CONSUMER quixo comprobar como son as contas das familias españolas e de que forma evolucionaron desde 2006, ano no que a economía española aínda non se atopaba en crise. Para levar a cabo esta análise, utilizáronse os datos actualizados da Enquisa de Orzamentos Familiares (EPF) e tamén os da Enquisa de Condicións de Vida (ECV), ambas elaboradas polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

A primeira (a EPF) subministra información anual sobre a natureza e o destino dos gastos de consumo, así como sobre diversas características relativas ás condicións de vida dos fogares. O tamaño da mostra rolda os 24.000 fogares ao ano.

Pola súa banda, a ECV tamén ten unha frecuencia anual e proporciona información sobre a distribución de ingresos e a exclusión social. Neste caso, o tamaño da mostra é de ao redor de 13.000 fogares e 35.000 persoas.

Gasto moderado

Cada fogar gastou en 2014 unha media de 27.038 euros. Entre os diferentes tipos de familias que os compoñen, as parellas cun fillo ou máis realizaron o esforzo económico máis importante (desembolsaron máis de 31.000 euros), a diferenza das persoas soas (gastaron menos de 20.000 euros).

Por comunidades autónomas, o gasto medio dos fogares vascos e navarros foi aproximadamente un 17 % maior que a media (máis de 31.300 euros), mentres que os estremeños e os canarios se situaron na cola e investiron un 15 % menos que a media xeral (pouco máis de 23.000 euros).

Cambio de tendencia

Desde 2006, o gasto medio das familias foi crecendo ininterrompidamente ata 2009. Un ano antes, alcanzaran o seu cénit, un desembolso medio de 31.700 euros e, desde entón, esta cifra non se volveu recuperar. A partir dese ano, as familias comezaron a revisar máis as súas contas e a reter máis o consumo. Ata que, en 2013, se tocou fondo e o gasto caeu aos seus valores máis baixos, 27.098 euros.

Non obstante, tras cinco anos de caída, en 2014 produciuse unha lixeira recuperación. Pero, iso si, con matices. Se se ten en conta a variación dos prezos, ese ano o gasto medio dos fogares caeu un 0,2 % con respecto a 2013. Pero se se deixan a un lado estas flutuacións, cada fogar aumentou o seu orzamento un 0,5 %. Aínda así, desde 2006, a caída do investimento familiar foi importante: un 10,5 % se se toma en consideración a variación dos prezos e un 22 % se non se ten en conta.

Polo xeral, nestes oito últimos anos, o investimento dos diferentes tipos de fogares mantiveron unha tendencia similar á da media: unha baixada xeneralizada, especialmente, desde 2008. Desde ese ano e ata 2014, a caída do gasto situouse entre o 5 % das parellas sen fillos e o 23 % das parellas con tres ou máis fillos. Só as persoas soas de 65 anos ou máis aumentaron o seu orzamento e, en seis anos, gastaron un 10 % máis.

Así mesmo, en todas as comunidades autónomas descendeu o gasto medio dos fogares con respecto a 2006 entre un 1 % (na Rioxa) e un 17 % (en Canarias). Non obstante, nun ano (entre 2013 e 2014), aumentou case nunha de cada dúas: Canarias, Baleares, Navarra, Estremadura, Asturias, Castela e León, Cataluña e Andalucía. Aínda que non aconteceu o mesmo nos fogares aragoneses e madrileños, onde ese gasto medio diminuíu arredor do 3 %, a maior caída.

En que invisten os fogares?

Un de cada tres euros destínase a vivenda

E en que gastan as familias? Os pouco máis de 27.000 euros destínanse principalmente a vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustibles. Esta partida supón o 32 % do gasto medio total (máis de 8700 euros ao ano). En segundo lugar, os fogares invisten en alimentación e bebidas non alcohólicas un 15 % do seu orzamento (algo máis de 4000 euros). E o terceiro tipo de gasto máis importante son os transportes, supoñen un 12 % (máis de 3200 euros).

A partir de aquí, o resto de partidas constitúen entre un 1 % e un 9 %: hoteis, restaurantes e cafés; ocio, espectáculos e cultura; artigos de vestir e calzado; mobiliario, equipamento do fogar e gastos correntes de conservación da vivenda; saúde, comunicacións, bebidas alcohólicas e tabaco; ensino e outros bens e servizos.

En liñas xerais, en oito anos, tamén diminuíu a o investimento para cada unha das partidas, aínda que a ritmos diferentes. Por exemplo, mentres o gasto en mobiliario e equipamento do fogar caeu un 38 % e o de artigos de vestir e calzado un 33 %, a alimentación apenas diminuíu un 6 %. Non obstante, hai tres tipos de gasto que si aumentaron desde 2006 ata 2014: o ensino (un 33 %), a vivenda e as súas distintas subministracións (un 16 %) e a saúde (un 9 %).

Máis familia, máis gasto

Por regra xeral, as parellas con dous ou máis fillos son o tipo de familia que máis inviste en cada unha das partidas que compoñen o orzamento global. A diferenza das persoas soas, que son as que menos invisten.

En vivenda e nas súas subministracións, apenas hai unha diferenza do 37 % entre un tipo de fogar e outro. Non obstante, no resto de conceptos, os gastos poden multiplicarse por dous (en saúde), por oito (transportes) ou, mesmo, por cen (en ensino).

Por exemplo, en saúde, as persoas soas con menos de 65 anos gastaron 526 euros de media en 2014, mentres que as parellas con tres fillos ou máis investiron 1168 euros. En transportes, as familias integradas por unha soa persoa con 65 anos ou máis desembolsaron 587 euros, a diferenza das parellas con dous fillos que se deixaron 4823 euros. Pola súa banda, as persoas soas con máis de 65 anos gastaron apenas 10 euros en ensino, unha cifra moi afastada dos 1235 euros que gastaron as parellas con tres fillos ou máis.

Por comunidades autónomas, se se teñen en conta as tres principais partidas con máis peso no orzamento xeral, son os fogares vascos os que máis investiron en vivenda e nas súas subministracións, a diferenza dos canarios que foron os que menos gastaron neste sentido. A diferenza de gasto entre ambas as dúas é do 64 %: no País Vasco invisten máis de 11.100 euros e, en Canarias, 6800 euros.

En alimentación, os fogares galegos e tamén os vascos destinan un 27 % máis ca os estremeños, que son os que menos gastan (máis de 4400 euros os primeiros e 3500 euros os segundos). Por último, en materia de transporte, son as familias madrileñas as que gastan máis, un 41 % por enriba das aragonesas (máis de 3700 euros as primeiras e 2680 euros as segundas).

O podio dos gastos: vivenda, alimentación e transportes

Para alcanzar a cifra do orzamento familiar global, analizáronse un total de 115 tipos de gastos, clasificados en doce grupos. Entre os 20 con maior presenza, o 39 % teñen que ver coa vivenda, outro 18 % están relacionados cos alimentos e as bebidas non alcohólicas, o 14 % cos transportes e o 11 % cos hoteis e cos cafés.

Así, os tres máis importantes foron os alugueres imputados á vivenda en propiedade (as familias gastaron en 2014 máis de 5400 euros), os restaurantes e cafés (destináronse máis de 2000 euros) e os carburantes e lubricantes (case 1300 euros). A listaxe continúa así:

  1. Alugueres imputados á vivenda en propiedade: 5446,16 euros
  2. Restaurantes e cafés: 2075,27 euros
  3. Carburantes e lubricantes: 1296,29 euros
  4. Pezas de vestir: 986,67 euros
  5. Carne: 982,67 euros
  6. Alugamentos reais (vivenda principal): 762,76 euros
  7. Servizos de teléfono, telégrafo e fax: 733,11 euros
  8. Automóbiles: 729,56 euros
  9. Electricidade: 701,44 euros
  10. Pan e cereais: 621,60 euros
  11. Mantemento e reparacións: 610,38 euros
  12. Leite, queixo e ovos: 501,87 euros
  13. Peixe: 473,91 euros
  14. Seguros ligados ao transporte: 441,64 euros
  15. Servizos relativos á vivenda, garaxes e rochos (gastos comunitarios, limpeza da escaleira, iluminación, porteiros, xardinería, mantemento de ascensores etc.): 436,76 euros
  16. Servizos de dentistas: 427,01 euros
  17. Produtos, aparatos e equipos médicos: 400,13 euros
  18. Aparatos, artigos e produtos para os coidados persoais: 398,96 euros
  19. Hortalizas, o que inclúe patacas e outros tubérculos: 386,22 euros
  20. Froitas: 373,55 euros

Ingresos, dificultades e privacións das familias

Os ingresos diminúen

Cada fogar ingresou de media 26.154 euros en 2013, un 2 % menos ca o ano anterior (cando a renda media era de 26.700 euros) e un 13 % menos ca en 2006 (percibíronse uns 30.000 euros de media).

Neste sentido, as familias que máis diñeiro ingresaron son as que están compostas por dous adultos cun ou máis nenos dependentes (os menores de 18 anos e as persoas de 18 a 24 anos economicamente inactivas para as que polo menos un dos seus pais é membro do fogar). En total, percibiron máis de 31.200 euros, a diferenza dos 14.500 euros das familias integradas por unha soa persoa. Ao igual que a renda media xeral, por tipo de fogar, estes ingresos tamén caeron, desde 2008, entre un 7 % e un 10 %.

Por comunidade autónoma, os fogares que máis diñeiro ingresaron en 2013 foron os vascos, 34.240 euros. Os estremeños, pola súa banda, foron os que menos percibiron, pouco máis de 19.300 euros. A diferenza entre uns e outros é dun 77 %.

Nun ano (entre 2012 e 2013), as caídas máis fortes foi as das rendas medias dos fogares estremeños e murcianos (en ambos os dous foi un 8 %). Pola súa banda, entre 2008 e 2013, descenderon de forma máis precipitada os ingresos medios das familias cántabras (un 23 %) e, de novo, as murcianas (un 20 %).

A dificultade de chegar a final de mes

Dúas de cada tres familias recoñecen que, en 2014, chegaban a fin de mes con dificultades e o 37 % deles aseguraba que con moitas dificultades. O tipo de fogar que maiores problemas tivo foi o composto por un adulto e un ou máis nenos dependentes (o 81 %).

Por comunidades autónomas, os fogares canarios e os andaluces destacan por ser os que máis complicado o tiveron o ano pasado neste sentido (arredor do 80 % admitía chegar con dificultades a final de mes), ao contrario que os navarros (o 35 %).

En oito anos, a situación non cambiou en exceso. En 2006, o 61 % dos fogares xa aseguraba ter dificultades para chegar a fin de mes. E, de novo, repetíase a tendencia de que fosen os fogares compostos por un adulto cun ou máis nenos dependentes os que maiores problemas tiveron.

Aínda así, resulta característico que, en tan só un ano, aumentase en 10 puntos porcentuais a proporción de fogares cun adulto cun ou máis nenos dependentes con serias dificultades para chegar a fin de mes: pasou dun 48 % en 2013 a un 58 % en 2014.

Sen viaxes nin imprevistos

A pesar de que se reactivou timidamente o consumo, as familias aínda se privan de moitas cousas. Por exemplo, un 45 % dos fogares non pode permitirse ir de vacacións polo menos unha semana ao ano (un 6 % máis ca en 2006) e outro 42 % non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos (un 9 % máis que hai 8 anos). Ademais, arredor do 7 % non pode permitirse dispoñer dun ordenador persoal (un 3 % menos ca en 2006) ou dun automóbil (a penas variou a proporción en oito anos).

Entre outras carencias máis graves, un 11 % non pode permitirse manter a vivenda cunha temperatura axeitada (sen cambios con respecto a 2006), outro 10 % tivo atrasos no pagamento de gastos relacionados coa vivenda principal (hipoteca ou alugamento, recibos de gas, comunidade etc.) nos últimos 12 meses (aumentou do 5 % ao 10 % en oito anos) e un 3 % non pode permitirse unha comida de carne, polo ou peixe polo menos cada dous días (a proporción baixou un 1 %).

Por tipos de familias, as compostas por un adulto cun neno dependente ou máis destacan sobre o resto. Un 62 % delas non poden permitirse irse de vacacións nin tampouco teñen a capacidade para afrontar gastos imprevistos. Un 22 % tivo atrasos no pagamento de gastos relacionados coa vivenda nos últimos 12 meses, un 16 % non pode permitirse dispoñer dun automóbil e o 13 % tampouco dun ordenador persoal. Ademais, case un 7 % non pode permitirse unha comida de carne, polo ou peixe polo menos cada dous días.