Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Los datos, informaciones, interpretaciones y calificaciones que aparecen en esta información corresponden exclusivamente al momento en que se realizaron y tienen, por tanto, una vigencia limitada.

Enquisadas 3100 persoas para avaliar a frecuencia de consumo de máis de 200 tipos de alimentos : A dieta: diario dos alimentos máis habituais

Leituga, queixo, polo, pescada, lentellas, ovo en revolto e tortilla, melón, pan branco e azucre son os alimentos que se consomen con maior frecuencia

Verduras, lácteos, carnes e peixes

Verduras e hortalizas

Cada familia española desembolsou en hortalizas durante 2013 unha media de 402 euros. As verduras e as hortalizas son fonte de vitaminas, minerais, fibra e antioxidantes. Aconséllase consumir verduras e hortalizas cada día e o mellor xeito é facelo en cru, soas ou en ensalada. Se se ferven, recoméndase aproveitar a auga para sopas ou purés porque nela quedan moitos dos minerais das verduras. E, se se cocen ao vapor, mantéñense a maioría dos nutrientes.

Segundo o Estudo ENPE, as verduras que habitualmente se toman crúas son a leituga, a escarola ou a herba dos cóengos (menciónana o 89 % dos enquisados), o tomate (o 87 %) e a cebola ou ceboliña (o 71 %). O costume é tomar este tipo de verdura máis de dúas veces á semana, aínda que un de cada catro enquisados consómea a diario. Pola súa parte, as verduras e as hortalizas cociñadas que con maior frecuencia se toman son os feixóns verdes e as patacas, xa sexa cocidas ou fritas (nos tres casos aproximadamente un 74 % dos enquisados). As primeiras tómanse unha vez á semana e as segundas case dúas veces. Pola contra, a coliflor, o brócoli, as coles, as alcachofas, os espárragos e o apio cociñados só son frecuentes nos fogares do 55 % dos entrevistados.

Por idade, destaca que menos do 40 % dos entrevistados de 3 a 18 anos coma habitualmente champiñóns, cogomelos, coliflor, brócoli, coles, alcachofas, apio e espárragos. Non obstante, as patacas fritas teñen moitísima máis presenza nas casas destes mozos, xa que as consomen máis do 80 %.

Leite e derivados lácteos

O gasto familiar en leite, iogures e queixo foi de 400 euros en 2013. Ademais dunha excelente fonte de calcio, os lácteos destacan tamén por proporcionar proteínas de elevada calidade, lactosa e vitaminas (A, D, B2 e B12). En concreto, o iogur fresco e outros leites fermentados inclúense no grupo dos alimentos probióticos con algúns efectos beneficiosos: melloran a resposta inmunitaria, reducen as molestias en persoas con malabsorción da lactosa, protexen o intestino contra os microorganismos patóxenos etc.

Recoméndase consumir de 2 a 4 racións de lácteos ao día, en función da idade e da situación fisiolóxica (embarazo, lactación etc.). Entre os adultos, aconséllanse especificamente os lácteos desnatados, polo seu menor contido en enerxía, en ácidos graxos saturados e en colesterol.

No Estudo ENPE comprobouse que o queixo ten unha maior presenza que o leite ou os iogures nos fogares. Un 55 % toma queixo semicurado habitualmente, o 47 % curado e un 44 % queixo fresco tipo Burgos normal (o baixo en sal apenas o toma un 8 % dos enquisados). Consómeno case dúas veces á semana.

Pola súa banda, só un 30 % dos enquisados toma leite enteiro habitualmente, un 35 % leite semidesnatado e un 18 % leite desnatado. O habitual é facelo unha vez ao día. Só entre o 2 % e o 5 % bebe leite con calcio ou omega 3, ou bebidas de soia, arroz ou avea.

Ademais, un 39 % toma iogur enteiro natural, o 36 % con sabores ou edulcorado, só un 17 % desnatado natural e un 14 % desnatado de sabores ou edulcorado. Dous de cada tres enquisados inclúeos na súa dieta dúas veces á semana, aínda que un de cada tres faino a diario. Ademais, só entre un 3 % e un 6 % consome habitualmente iogures probióticos, enriquecidos ou sobremesas de soia.

Pola súa banda, os lácteos desnatados van tendo máis presenza coa idade. Mentres o leite semidesnatado é común entre o 32 % dos enquisados menores de 65 anos, o 41 % dos que cruzan ese limiar asegura tomalo con asiduidade. Acontece algo similar co iogur desnatado natural: só entre o 6 % e o 16 % dos entrevistados con entre 3 e 65 anos o toman frecuentemente, fronte ao 26 % dos maiores de 65 anos.

Por último, entre os máis pequenos é máis común o iogur tipo petit suisse; tómao un 55 % dos entrevistados de 3 a 8 anos.

Carne

A carne é o grupo de alimentos no que máis invisten as familias españolas: 986 euros de media o pasado 2013. É unha fonte importante de proteínas de alto valor biolóxico, de vitamina B12, ferro, potasio, fósforo e cinc. Debido ao seu contido en graxas saturadas, é fundamental elixir cortes magros de carne e retirar a graxa visible antes de cociñar o alimento.

Convén consumir de 3 a 4 racións semanais de carnes e darlles prioridade ás pezas magras. Os embutidos graxos deben consumirse ocasionalmente, xa que achegan gran cantidade de graxas saturadas, colesterol e sodio, que poden afectar o noso sistema cardiovascular. Un risco que pode reducirse se se elixen embutidos baixos ou reducidos en graxa e sal.

O tipo de carne que con maior asiduidade consomen os entrevistados do Estudo ENPE é o polo ou o pavo (menciónao un 96 %), o porco (un 78 %) e o vacún de tenreira (o 76 %). Por regra xeral, tómanas cunha frecuencia semanal: o polo ou o pavo case dúas veces, e o porco e a tenreira unha vez. Pola súa parte, as vísceras (fígado, calos) e a caza (corzo, xabaril, faisán) consómense menos.

O embutido tamén ten moita presenza nas dietas dos enquisados: o 75 % dos enquisados apunta que inxire habitualmente xamón York e xamón curado, en ambos os dous casos case dúas veces á semana. Non obstante, o embutido baixo en sal non está entre as súas opcións (só un 13 % o toma habitualmente) e nin sequera aumenta o seu consumo en paralelo á idade.

Por último, o 60 % tamén consome frecuentemente carne picada, salchichas e hamburguesas, a maioría unha vez á semana, aínda que dous de cada cinco fano entre unha e duas veces ao mes.

Peixes

Cada fogar gastou en peixe durante 2013 unha media de 482 euros. O peixe proporciona proteínas de elevada calidade, vitamina D e iodo. Tamén é moi rico en ácidos graxos poliinsaturados omega 3, especialmente o peixe azul (atún, arenque, sardiña, cabala, salmón, bonito etc.). Este tipo de ácidos graxos son esenciais (non os produce o corpo) e reducen o colesterol malo (LDL), baixan os niveis de triglicéridos e son precursores de substancias que exercen unha importante acción preventiva da enfermidade cardiovascular. Pola súa banda, os mariscos son unha gran fonte de vitaminas B1 e B12 e de minerais coma o fósforo, o potasio, o ferro, o iodo, o flúor e o cinc. É conveniente tomar de 3 a 4 racións semanais de peixe.

Segundo o Estudo ENPE, os tipos de peixe consumidos con maior frecuencia son a pescada e a carioca (menciónaos o 82 %) e as sardiñas e as anchoas (o 61 %). Tómanse unha vez á semana. Tamén inclúen na súa dieta as conservas de peixe (o 58 % tómaas con asiduidade) case dúas veces á semana.

Aínda que o tipo de peixe azul que máis presenza ten nas dietas son as sardiñas e as anchoas, tamén se mencionan outros tipos, malia que non con tanta frecuencia: o bonito fresco, o atún e a cabala (o 49 %); a troita, o salmón e o reo (o 37 %); ou o chicharro (só un 17 %). Coa idade, aumenta o consumo das sardiñas, das anchoas e tamén o do chicharro. No primeiro caso, só un 42 % de entre 3 a 8 anos di consumir sardiñas e anchoas frecuentemente, fronte ao 71 % dos maiores de 65 anos que tamén o asegura.

Por último, entre os nenos de 3 a 8 anos tamén é frecuente tomar galo, linguado e rodaballo (faino o 54 %). Aínda que o que máis destaca neste grupo de consumidores entrevistados é que un 41 % inxira habitualmente barriñas de peixe para fritir.

Paginación dentro de este contenido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións