Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Enquisadas 1200 persoas maiores de 65 a 80 anos para coñecer as súas dificultades de consumo : A capacidade económica, tecnolóxica e de mobilidade determina o consumo dos maiores

A capacidade económica, a distancia en tecnoloxía e a perda de habilidades físicas relacionadas coa mobilidade determinan as maiores ou menores barreiras do consumo da poboación maior

Dificultades: cantas o cales?

Dificultades de consumo?

Para estudar os problemas de consumo da poboación maior, elaborouse un índice de dificultades ao consumo (IDC). Este indicador cuantificou os hábitos e as dificultades nas diferentes áreas de consumo (alimentación e bens diarios, saúde, vivenda e os seus gastos, oferta de transporte e lecer, equipamento persoal e entidades financeiras) e permitiu segmentar a poboación entre os 65 e os 80 anos respecto das súas dificultades de consumo e tamén crear oito perfís de consumidores maiores.

Así, o IDC medio sitúase nos 2,6 puntos sobre unha escala de 1 (dificultades mínimas) e 10 (máximas). O 89 % dos entrevistados atópanse nun nivel de dificultades ao redor da media (de 0 a 4 puntos).

Aínda que a media xeral indica un nivel de dificultades de consumo baixo, o IDC permitiu comprobar que o 22 % das persoas de entre 65 e 80 anos enquisadas si teñen problemas á hora de consumir. Englóbanse nos seguintes grupos: anciáns solitarios en risco (un 5 %), anciáns tutelados sen interese polo consumo (o 7 %) e anciáns solitarios con limitacións físicas (un 10 %).

Porén, en liñas xerais, non parece que as persoas maiores identifiquen moitas limitacións no seu consumo, salvo aquelas derivadas da súa capacidade adquisitiva. Con todo, cabe pensar que as manifestacións físicas e cognitivas do envellecemento afectan máis do que eles, como colectivo, poden manifestar.

E é que se comprobou que hai poboación que queda excluída de prácticas que o resto consideramos comúns no día a día: sacar efectivo dun caixeiro, recargar a tarxeta de transporte… No entanto, a eles cústalles identificar esta exclusión como unha limitación, xa que tenden a organizarse doutro xeito, acudindo ao portelo, esperando colas ou solicitando axuda de familiares etc.

Por tanto, máis alá da capacidade económica, son dúas as variables principais que marcan as maiores ou menores barreiras ao consumo da poboación maior: a maior ou menor distancia á tecnoloxía e a diminución das capacidades físicas relacionadas coa mobilidade. Así, quen menor capacidade teña para enfrontarse a un contestador automático ou a unha máquina expendedora maiores límites terá respecto da súa autonomía persoal. Igualmente, quen sufra ou padeza certa deterioración física máis alá dos normais achaques desta etapa vital, máis axuda precisará para transportar as compras, para acceder ao transporte público ou para moverse nunha tenda e máis necesitará de áreas de descanso.

A enquisa: quen participa?

  • Un 54 % dos 1200 entrevistados son mulleres. O grupo de idade máis numeroso é o de 65 a 69 anos (supoñen un 40 %), mentres que un 30 %, respectivamente, teñen de 70 a 74 anos e de 75 a 80 anos. Ademais, o 42 % ten un nivel de estudos primarios, o 34 % un nivel medio e só o 14 % un nivel superior. Apenas o 10 % carece de formación regrada, unha proporción que se incrementa a medida que se avanza na idade.
  • Por outra banda, o 53 % dos maiores consultados vive exclusivamente coa súa parella e un 26 % forma un fogar unipersoal. Só o 16 % convive con fillos ou con netos e, deles, catro de cada cinco sempre o fixo. Ao resto, esta situación presentóuselle nos últimos anos por mor da crise económica, da perda do cónxuxe ou por unha perda de saúde ou autonomía, entre outros motivos.
  • En canto ao nivel de renda, o 42 % dispón duns ingresos mensuais situados por debaixo dos 1000 euros, o 23 % sitúase na banda dos 1000 a 1500 euros e o 15 % ingresa máis de 1501 euros. É salientable que dous de cada dez participantes da enquisa non quixesen achegar esta información.
  • Por último, o 54 % valora o seu estado de saúde como bo ou moi bo, aínda que o 38 % di que sofre achaques propios da idade que, con todo, non os invalidan para levar unha vida normal. Como é natural, a medida que se incrementa a idade, crece o volume de entrevistados que sofre achaques ou que valora a súa saúde como mala ou moi mala.
  • Capacitación tecnolóxica: defínese como o hábito de uso de diferentes medios tecnolóxicos (ordenadores, internet e, mesmo, o teléfono móbil) que dan como resultado unha maior ou menor proximidade a medios telemáticos na vida cotiá e, por tanto, unha maior ou menor habilidade para a súa utilización.
  • Segundo a análise realizada, un 21 % das persoas de máis de 65 anos participantes na investigación dispón dunha capacitación tecnolóxica nula. Non utiliza ordenadores, nin internet, nin tampouco dispositivos básicos de telecomunicacións, como pode ser un teléfono móbil. É máis, un 47 % sitúase nun nivel baixo, posto que só dispón de teléfono móbil, o que non significa que poida ou que saiba desenvolverse cunha pantalla táctil.

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións