O namoramento:

¿Unha enfermidade pasaxeira ou a situación máis desexable?

1 Xullo de 2001
Img psicologia listado

¿É namorarse o estado emocional perfecto ou un espellismo pasaxeiro que, mentres dura, aliena a “víctima” ata o punto de incapacitala para percibir calquera cousa distinta á atracción cara á persoa obxecto dos seus desvelos? Estas son as dúas posturas extremas ante esa conxuntura que constitúe namorarse de alguén.

¿Unha enfermidade pasaxeira ou a situación máis desexable?

O romántico defenderaa como a situación ideal, porque entende que nada no mundo merece compararse con esa felicidade que xera a paixón amorosa. O escéptico ou desenganado, pola contra, aducirá que o amor é unha enfermidade pasaxeira que deixa secuelas pero que pode superarse se un se dedica ó esencial na vida: a familia, as afeccións, o traballo, os amigos… Sen dúbida, ante o fenómeno do amor cada un ten a súa propia percepción e sensibilidade. Pódese caracteriza-lo namoramento como unha “tolemia” transitoria que non ten idade e que repercute en boa medida na vida cotiá do afectado. É, xeralmente, unha emoción que irrompe sen avisar, intensa e bruscamente e que a miúdo se atenúa co paso do tempo. O namoramento é unha experiencia que nos conmove e conmociona, un estado pasaxeiro, no que o mundo tende a converterse nun paraíso e a vida nunha festa: o diálogo, por arte de maxia, devén inesgotable; o sentido do tempo desaparece e o “ser con” e o “ser para” ese alguén convértese nun dos eixes da nosa existencia. O amor, na súa primeira e impulsiva fase, é un novo, luminoso e diferente xeito de estar na vida, que sacode os nosos alicerces racionais e nos leva a vivir desde outra perspectiva.

Os síntomas

Aínda que pode semellar irónico, o amor pode contemplarse como unha patoloxía, como un trastorno ocasional cos seus síntomas característicos. Vexamos tres deles: a idealización da outra persoa, a admiración que sentimos cara a ela e a atribución dun conxunto de características positivas e nobres, omitíndose os enfoques críticos. Outro síntoma é a desaparición da agresividade para a persoa amada, só temos palabras doces e amables. Prodúcese tamén un certo trastorno da atención: todo se nos antolla óptimo, case máxico. Así, a vida é un regalo e invita á fantasía. A comunicación co namorado é máis comuñón ca outra cousa e o feito de sentirse adiviñado polo outro dota a relación de sobreentendidos e certezas. “Querereite sempre”, dicimos, inzados dun optimismo cego e renunciando a ollar a un pasado pouco compracente. Ademais, aparece o “secuestro mental”: a vida do namorado xira ó redor de cándo se producirá o vindeiro encontro co destinatario dese amor. O tempo adquire un ritmo distinto, en función de se estamos ou non coa persoa amada. Sacrificio e esforzo non teñen o sentido habitual se se trata de facer algo polo outro ou se permite estar con el ou ela. Descubrímonos máis xenerosos e entregados ca nunca: satisfacer, sorprender e agradar ó outro convértese na maior ilusión. Ese é un dos problemas: nesta fase impulsiva e optimista a ultranza: comprender ó outro, entendelo, vólvese unha cuestión secundaria.

Nos máis afectados polo amor, o nerviosismo, as taquicardias, a suor, a sensación de non saber cómo comportarse, ó igual cás dunha estraña placidez e a propensión ás bágoas e á risa forman parte deses momentos irrepetibles do que acaba de se namorar. Visto o anterior, haberá quen coide que isto de namorarse (xa que entraña inxenuidade e ilusión desmedidas e confianza cega no outro) é cousa da mocidade ou, máis ben, da adolescencia. Non todos vivimos do mesmo xeito a experiencia amorosa e pode varia-la intensidade destes síntomas ou que non concorran todos eles, pero a idealización, a peculiar comunicación, a percepción do tempo, a placidez e as manifestacións corporais definen o namoramento paixonal.

Amar é comunicarse e compartir

Amar é entregarse ó outro, comunicarse, desexarse e compartirse desde a realidade de quen somos. Supón esforzo e mimo, confianza e unha certa incondicionalidade ante o proxecto desa relación. É un continuo, e case sempre se manifesta con vocación eterna, non conxuntural. Pero o namoramento fondo e apaixonado, sen embargo, é un pico de explosión que non parte de quen somos na realidade senón duns seres mutuamente idealizados por unha relación moi intensa. Esta situación idílica leva incorporada a data de caducidade, porque o estado de tensión que xera sumado á dedicación que esixe non poden perpetuarse ó longo dos anos. Cando falamos de namoramento sempre o asociamos a outra persoa e sen embargo ese é só un xeito máis de amor. Se cadra ese enfoque sexa o que nos responda por qué hai persoas que coidan que nunca ou só na súa mocidade se sentiron namoradas. E é que para namorarse de alguén, hai que te-los poros da pel abertos ás paisaxes, ás persoas que nos arrodean, ós sentimentos… Quen sabe reaccionar ante a frustración e o sufrimento, está mellor preparado para a flexibilidade e apertura mental e emocional que o amor precisa para xermolar. En resumo, para poder namorarse de alguén hai que ama-la vida, amosar interese polo que acontece ó noso redor, ter ganas de saber, de crear, e aferrarse á vida apurándoa como facemos coa derradeira pinga de auga cando morremos de sede. Pode ser unha concepción radical, porque ás veces é o amor o que nos permite acceder a todo un mundo de percepcións xa esquecidas, pero tamén é ben certo que moitos se laian de non estaren “preparados” cando o amor petou na súa porta. Porque a resposta ó amor esixe unha disposición emocional, un atrevemento, a asunción do risco de fracaso da relación.

En calquera momento, independentemente da nosa idade e situación emocional, namorármonos entra dentro do posible. Entrar en amores está moi relacionado coa estructura afectiva das persoas, que se foi tecendo en función do tipo de afectos vividos con persoas de gran significación emocional, preferentemente do medio familiar. En cada namoramento están presentes, se ben de maneira oculta, os modelos e expectativas que arrastramos desde as nosas experiencias afectivas máis temperás. Moitas relacións fracasan porque se repiten inconscientemente os modelos de relación que non funcionaron ou porque se agardaba que a persoa amada enchese baleiros herdados dunha experiencia insatisfactoria doutras relacións familiares ou amorosas. Cántas veces oímos o de “se o sei, non caso”. Pero, ¿que é o que había que saber? Expresado dun xeito un pouco rudo: que a outra persoa non é o príncipe azul nin a muller-nai perfecta que imaxinamos cando xurdiu o amor. Aínda que haxa excepcións, case ninguén responde totalmente ás expectativas que suscitou no outro mentres durou a fase de namoramento, porque somos seres humanos, e polo tanto, imperfectos e ben distintos da persoa idealizada que o outro creou na súa mente cando se namorou.

¿Xestiona-lo amor?

Hai quen se namora a miúdo e de distintas persoas por pouco tempo, mentres que outros e outras confesan non se namoraren moito ou só unha vez e para toda a vida. O amor pertence ó campo dos sentimentos, ás emocións dificilmente explicables cos argumentos da razón. O amor fai inexplicable o ser humano e aí reside a súa grandeza: continúa sendo un misterio malia ós intentos por comprendelo que o ser humano emprendeu ó longo dos séculos. Cando unha persoa lle di ó seu namorado “miña vida” sente que o outro é a súa vida, o compendio das súas aspiracións emocionais. Pero aí reside o risco: hai que soñar, pero agardalo todo da outra persoa equivale a arriscarse á decepción. Aí está a clave do fracaso de moitas parellas.

Antes de adquirir un compromiso formal, cómpre arrefriar un pouco os ánimos, baixar ó terreo do real e estudiar á outra persoa, ensaiar unha relación que nos permita coñecer a fondo o noso amante, delimita-lo seu xeito de pensar, de se comportar na vida cotiá, a súa maneira de percibirnos como persoas, o que agarda de nós e o que podemos darlle para facelo feliz e consolida-la nosa relación de parella.

Durante a fase de namoramento desculpamos “defectiños” que poden mesmo semellarnos orixinais, pero se cadra o paso do tempo converte esas peculiaridades e costumes nunha lousa para a relación. Cómpre reflexionar un pouco. Quizais o conveniente é habilitar unha convivencia na que se poida comproba-lo que dan de si as expectativas que depositamos no outro. Despois poderemos adoptar decisións, sempre deixando a porta aberta a cambios e imprevistos porque todos somos unha caixa de sorpresas. Nesa cautela pactada pode estar a clave do éxito: abrir xuntos cadansúa caixa para ver qué hai dentro ds de cada un e asumir conxuntamente a situación real sen perder cada un a súa liberdade de acción e decisión.

O coñecemento de un mesmo, das vivencias que influíron na nosa vida, axúdanos a saber por qué reaccionamos de determinado xeito ante unha situación ou qué debemos modificar para que a relación amorosa resulte satisfactoria. Pero tampouco a nosa historia persoal debe erixirse en condicionante fatal que nos impida abrirnos a opcións con expectativas de éxito. Como seres intelixentes e emocionais que evolucionan, somos un proxecto por facer.