Dispepsia: dixestións difíciles

Unha afección común, leve e de orixe incerta

1 Decembro de 2004
Img salud listado 313

Unha afección común, leve e de orixe incerta

/imgs/20041201/salud01.jpg
A dispepsia, termo que empregaban os gregos e os romanos para se referiren a unha “mala dixestión”, identifica unha serie de dores e molestias na zona abdominal semellantes á indixestión. Pódese producir de xeito ocasional e illado, pero ás veces prolóngase no tempo, persiste, repítese a miúdo e, aínda que non constitúe un problema grave de saúde, si altera a nosa calidade de vida e a nosa sensación de benestar. Desde un punto de vista médico, a definición precisa das súas causas supón a maior dificultade dunha afección que, segundo distintos estudos epidemiolóxicos, afecta a arredor dun 20% da poboación nos países occidentais, sobre todo a partir dos 40 anos, e cunha distribución semellante entre homes e mulleres.

Tipos de dispepsia

Na actualidade, e consonte ós criterios establecidos no congreso de gastroenteroloxía que tivo lugar en Roma no 1999, a dispepsia defínese como calquera dor ou molestia localizada na parte superior e central do abdome. Estableceuse unha clasificación de dous tipos -orgánica e funcional- en función da súa orixe. Na orgánica hai unha causa clara, identificada, que pode producir os síntomas: gastrite, úlcera gástrica, refluxo gastroesofáxico, inxestión de medicamentos, colon irritable, etc. Pero na funcional non hai ningunha enfermidade orgánica que xustifique a sintomatoloxía e todo é normal, agás os síntomas que presenta o dispéptico. A dispepsia funcional constitúe un dos problemas máis frecuentes nas consultas de asistencia primaria, onde supón a causa de entre o 3% e o 5% de todas as visitas. Co fin de non a confundir cunha dispepsia ocasional, que dura só uns días, estableceuse unha serie de criterios diagnósticos:

  • Sintomatoloxía dunha duración mínima de 12 semanas, que non teñen por que ser consecutivas, nos últimos 12 meses.
  • A presencia de dispepsia, dor ou molestia abdominal na parte central e superior do abdome, de xeito persistente ou recorrente.
  • Ausencia de enfermidades orgánicas que poidan explicar a sintomatoloxía.

Causas

As causas da dispepsia funcional non están ben identificadas e crese que poden ser varios os mecanismos:

  1. Trastornos da motilidade gastroduodenal. Cóidase que é un elemento relevante na metade dos casos de dispepsia. Hai unha desorde dos movementos peristálticos, ou ben hai un baleiramento gástrico lento.
  2. Trastorno da secreción gástrica. Non obstante, a maioría dos estudos non o detectaron nos dispépticos.
  3. Trastornos psicosomáticos. Evidenciouse unha relación entre as situacións de nerviosismo e a agudización dos síntomas. Crese que o aumento das catecolaminas e dos opioides endóxenos, as betaendorfinas, que se dá nas situacións de nerviosismo, abafo e tensión, inhibe a motilidade gastrointestinal.
  4. Tamén se pensou no helicobacter pylori, bacteria causante da úlcera gástrica e da gastrite, pero, aínda que nalgúns dos dispépticos se detectou esta bacteria no seu estómago, a súa erradicación non supuxo unha mellora significativa nos síntomas.

Síntomas

Poden ser moi variados e adoptar diversas manifestacións clínicas. O máis característico da dispepsia é a dor ou molestia na parte alta do abdome ou por detrás do esterno. É unha sensación dolorosa que pode comezar pola mañá, cando a persoa se ergue, e que ás veces non se pode aliviar con nada. Hai tamén sensación de plenitude, de inchazón abdominal despois das comidas, que, ademais, é máis acentuada coas comidas graxas. A miúdo os dispépticos presentan ardor de estómago, pirose, e non é infrecuente que teñan sensación de náusea matutina, ás veces con vómitos que non producen alivio. Moitos sofren perda de apetito.

Non todos os dispépticos teñen os mesmos síntomas. Nuns predomina a dor nocturna que se calma coa inxestión de alimentos, o que o asemella á da úlcera gástrica. Noutros son máis acusados a sensación de inchazo, os arrotos e os movementos deglutorios frecuentes, como se se tratase dunha aerofaxia. Outro grupo presenta molestias retroesternais, ardores, a sensación de ter un nó tralo esterno, unha sintomatoloxía moi semellante á do refluxo gastroesofáxico.

Diagnóstico

O diagnóstico da dispepsia funcional é un diagnóstico por exclusión, é dicir, establécese eliminando outras posibles causas. Aínda que as patoloxías orgánicas (úlcera, gastrite, refluxo gastroesofáxico…) que poden motivar dispepsia son múltiples, pódese realizar un diagnóstico moi fiable mediante unha boa historia clínica e unha confirmación posterior cun estudo radiolóxico ou endoscópico.

Tratamento

Establecido o diagnóstico, xorde a dificultade de fixar un tratamento para unha afección da que se descoñecen as causas. Cómpre aclarar que moitos pacientes non precisan ningún tratamento farmacolóxico e que non hai unha terapia específica para esta doenza. Esta realidade non é asumida por moitos dispépticos, que pensan que “ten que haber algo”. Unha completa e detallada explicación da orixe das molestias e o bo prognóstico da enfermidade polo médico é unha boa terapia. En ocasións o tratamento pode ser desalentador. Malia todas as medidas adoptadas e malia os fármacos subministrados, o alivio pode ser escaso. Así e todo, cómpre dar varias recomendacións que, sen garantiren un alivio total, poden ser efectivas.

Recomendacións xerais

Algunhas pautas para os pacientes con dispepsia funcional:

  • Evitar o tabaco, o alcohol e os fármacos antiinflamatorios, que case sempre teñen un efecto irritativo sobre as mucosas do tracto gastrointestinal. O café é mal tolerado por algúns dispépticos.
  • Evitar as gomas de mascar, xa que poden causar inxestión de aire (aerofaxia).
  • Comer de vagar, mastigar ben e inxerir pouco líquido durante a comida para favorecer o procesamento gástrico dos alimentos e facilitar a dixestión. É fundamental comer sen présas, destinar tempo para facelo a modo e evitar as situacións de nerviosismo, axitación e o exercicio físico antes e despois das comidas.
  • Comer con frecuencia e en pequenas cantidades favorece o baleiramento gástrico.
  • Evitar os alimentos excesivamente graxos e mais os picantes, as especias e o exceso de fibra.
  • A sintomatoloxía pódese exacerbar cos estados de nerviosismo ou de tensión. Ademais, a dispepsia dáse con máis frecuencia en persoas con ansiedade, neurose, hipocondría, trastornos de personalidade, polo que a psicoterapia de apoio pode ser eficaz.
  • As infusións de plantas axudan nalgúns casos e hai unha morea delas: anxélica, boldo, herba luísa, macela, milfollas, menta, poexo, regalicia…

No tocante ó tratamento farmacolóxico, cómpre termos presente que debe ser individualizado segundo a sintomatoloxía predominante. Nalgúns casos poden ir ben os fármacos procinéticos que melloran o tránsito do bolo alimenticio a través do tubo dixestivo; noutros, os antiácidos e protectores da mucosa.