A amizade

Un tesouro que debemos atopar e conservar

1 Febreiro de 2004

Un tesouro que debemos atopar e conservar

O normal é que nos guste ter amigos: o ser humano é social por natureza, medra e madura co trato con outras persoas. E do mesmo xeito que a familia nos proporciona fundamentalmente compaña, afecto cotián, apoio incondicional, estabilidade emocional e unha dimensión transcendental da vida (un proxecto compartido, o progreso dos nosos fillos), os amigos proporcionan preferentemente aire fresco, diversidade, entretemento, a posibilidade de desenvolver afeccións e de comunicármonos nun ambiente de cordialidade e desenfado. E, non poucas veces, a oportunidade de evadirnos dos problemas cotiáns. Pero non todos os amigos son igual de importantes; falemos hoxe deses que amosan interese polo que nos acontece, dos que sempre están dispostos a darnos consello, apoio, proximidade e afecto; noutras palabras, dos bos amigos, dos imprescindibles.

A maior parte de nós ten amigos, ou tívoos. Pero co paso do tempo cambiamos de maneira de ser, casamos e temos fillos, e iso lévanos a centrarnos noutras prioridades. Outros obstáculos son a distancia motivada, por exemplo, por un cambio de residencia. Un posible freo máis: compartir amigos coa nosa parella e cos seus amigos.

Ademais, segundo pasan os anos, algúns tendemos a volvernos máis resabidos, reservados, egoístas, maniáticos ou individualistas. Facémonos polo tanto esixentes e menos abertos, tolerantes e comprensivos, polo que nos custa bastante facer novos amigos e mesmo manter os que tiñamos. Co doado que é perder un amigo, que difícil resulta recuperalo, pensamos, como se a culpa non fose nosa. Pero saibamos que unha persoa que amosa capacidade para facer novos amigos evidencia unha apertura mental e unha sociabilidade superiores a quen se ve incapaz de conseguilo.

Cada persoa, de todas maneiras, é un mundo: algunhas gustan de amizades íntimas e outras prefiren unha relación máis superficial, pero tamén hai quen ten uns poucos amigos íntimos, mentres que cos outros comparte a vida social menos persoal. A clave non é ter moitos amigos, senón os abondos para satisfacermos a nosa necesidade de relación allea á familia, ós veciños ou ó traballo. Podemos ter moitos amigos e, con todo, que non nos “enchan”. Nese caso, é hora de pensarmos na necesidade de cambiar ou de ampliar a nosa rede de amigos.

Dar e recibir

amizade con alguén, cómpre que ambas as persoas o desexen e participen dun concepto semellante do que significa a amizade e da implicación que comporta. Para reflexionar e para decidir sobre as nosas dúbidas, para admitir sen derrubármonos as frustracións e a dor, precisamos experiencias, coñecementos e seguridades que deben provir tamén do noso exterior e do da nosa familia. Grazas ós amigos ímonos coñecendo, desenvolvémonos e temos a compaña precisa para percorrer a vida sen medo excesivo ás caídas, xa que actúan como amortecedor, como un punto de apoio para seguir adiante. Non con todos os amigos mantemos a mesma proximidade emocional. A diferenza estriba en canto e como compartimos, no grao de implicación e intimidade no que interactuamos. As situacións difíciles polas que todos pasamos encárganse de distinguir a calidade das nosas amizades. Porque é moi habitual que amigos de toda a vida manteñan unha relación superficial na que compartir o tempo de lecer é a única plasmación da relación. Doutra banda, a relación que mantemos cos amigos é diferente á da parella, actúan en planos distintos da nosa vida, complementarios, pero dificilmente asimilables. Podemos compartir amigos coa nosa parella, pero é máis rico manter algúns que sexan exclusivamente nosos.

Freos para ter amigos e amigas

Un estilo de vida pouco aberto ós demais. Se non nos proporciona oportunidades de relacionármonos e non facemos nada por cambialo, a soidade será a nosa única compaña.

A baixa autoestima e o complexo de inferioridade. Se non confiamos no valor da nosa compaña, tenderemos a menosprezarnos e a illarnos. Poucas persoas resultan menos interesantes cás que teñen un baixo concepto de si mesmas. Se pensamos que non valemos nada, será difícil que iniciemos calquera cousa, e menos se implica un risco de fracaso. E cando a proposta de relación proveña do exterior, o máis probable é que, por medo, non atendamos a chamada ou non o saibamos facer eficazmente.

Os medos. A non gustar, a non cumprir coas expectativas que cremos que se teñen de nós, a non estar á altura das circunstancias. Medo a que se nos coñecen a fondo, nos abandonarán.

A falta de habilidades de comunicación. Dicir o que se pensa non é o problema, senón o xeito en que se di. Empatía (pórse no lugar do outro) e asertividade (expresarse con liberdade e sinceridade, sen ferir nin menosprezar) son a clave.

O autoengano. Crer que o damos todo, que sempre estamos á disposición do outro e, polo tanto, esperalo todo das nosas amizades. O acaparamento e a tensión á que sometemos os amigos fai que quen se achega acabe afastándose e súmenos nun sentimento de incomprensión que remata reforzando o autoengano.

Pretender ter sempre a razón, actuar de xeito altivo, intolerante ou mesquiño.

A frialdade, tanto no campo verbal coma no xestual. A falta de emotividade, de achegamento, dun abrazo, dunha caricia.

Para ser bo amigo...
  • Sae do teu concho: aí fóra non están os perigos, senón as oportunidades de atoparte a través dos outros.
  • Valora quén es e as túas habilidades e intenta saber en qué estás contribuíndo e en qué podes contribuír se te propós facelo.
  • Coida a túa maneira de expresarte: mantén unha actitude positiva e respectuosa. Pide o que precises. Dá as grazas polo que se che dá e pide desculpas se ofendiches.
  • Amósate como es, non como coidas que os demais queren que sexas. A sinceridade comeza nun mesmo.
  • Sé xeneroso á hora de compartir, tanto cousas coma sentimentos e opinións.
  • Dedícalles regularmente tempo ós teus amigos, que non son a solución para cando non tes outra cousa que facer. Transmítelles coa túa actitude cotiá que ocupan un lugar importante na túa vida.
  • Mima a relación con interese e dedicación.
  • Amosa sensibilidade e afecto. Utiliza xestos amables e agarimosos. Cando as palabras sobran, precisamos apoio, afecto e comprensión.
  • Unha boa amizade é un tesouro que debemos conservar. Apenas hai anoxos que non se poidan superar entre amigos de verdade. Deixemos o orgullo a un beira e fagamos o posible por recuperar a concordia.
  • E o máis importante: un bo amigo aténdese e escóitase sempre que realmente o precise.