Teño vertixe: o meu equilibrio abanea

O mareo e a sensación de que todo dá voltas son os síntomas máis comúns de que hai unha alteración nos sistemas do equilibrio
1 Outubro de 2011
Img salud listado 781

Teño vertixe: o meu equilibrio abanea

Vertixe. Logo de oír esta palabra a asociación co medo ás alturas é case inmediata. Pero non só é unha fobia ou o nome dunha famosa película dirixida polo mestre Hitchcok. Trátase dun síntoma non dunha enfermidade en si mesma. É o indicio de que algo non funciona ben no oído interno ou nalgunha das súas conexións co sistema nervioso central do cerebro. Quen a sofre padece unha molesta sensación de movemento rotatorio do corpo ou dos obxectos que nos arrodean. A vertixe pode afectar a persoas de calquera idade que teñen alterado o sistema do equilibrio no oído. É daquela cando se producen os mareos sen un motivo aparente e cando se orixina unha sensación desagradable ao moverse. Pódese acompañar ademais de náuseas, de cadros de diarreas, de suores e calafríos, dun aumento do ritmo cardíaco e tamén de síntomas no oído como a percepción de ruídos e perda de audición. Aínda que os seus efectos e síntomas poidan ser similares, esta vertixe non ten nada que ver nin se debe confundir co mareo típico das viaxes en coche (cinetose) ou coa vertixe das alturas -unha fobia que se orixina cando unha persoa está situada nun lugar moi alto e ten unha referencia visual afastada-. Co fin de combater a vertixe pódense traballar unha serie de manobras posicionais especiais e mais realizar exercicios para a rehabilitación vertixinosa.

Os tres piares do equilibrio

O equilibrio do organismo humano mantense grazas á acción de tres sistemas e, segundo o que se alterara, as persoas que padecen de vertixe sofren máis un tipo de síntoma ca outro. Velaquí os tres piares:

  • Sistema visual. As cousas débense ver para poder manter o sentido do equilibrio.
  • Sistema vestibular. Unha parte deste sistema é neurolóxica e depende da cabeza, xa que están implicados moitos nervios e conexións do cerebro, e a outra do oído.
  • Sistema muscular-esquelético. Os músculos e tendóns e, en concreto, a planta do pé informan do centro de gravidade de cada persoa para que poida manter o equilibrio, xa que grazas á presión das extremidades o corpo mantense estable.

Estes tres sistemas constan duns receptores que lle envían información de xeito constante ao sistema nervioso sobre as posturas que adopta o corpo e sobre os movementos que realiza. O cerebro procesa toda esta información e envíalles ordes precisas aos músculos para manter o equilibrio e evitar as caídas. Pero cando falla a vista (sistema visual), cando o oído e o sistema nervioso non procesan ben a información (sistema vestibular) ou fallan as extremidades (sistema músculo-esquelético) o equilibrio pode alterarse e prodúcese a vertixe.

Vertixes do oído, as máis frecuentes

A maioría das vertixes son orixinadas por unha alteración do sistema vestibular do oído. Prodúcense cando este sistema resulta afectado por distintas causas ou enfermidades, como malformacións do oído interno, golpes na cabeza, fracturas do óso temporal, traumatismos, infeccións, procesos inflamatorios, alteracións nos líquidos da orella, a otosclerose (unha enfermidade hereditaria que dá xordeira) ou mesmo tumores no oído. Outras enfermidades como a diabete, a hipertensión, as cardiopatías e as de tipo renal tamén poden afectar ao oído e provocar unha perda de audición. Hai distintos tipos de vertixes, entre as que destacan as seguintes:

  • A vertixe posicional paroxística benigna. É a máis común. Aínda que é benigna, resulta moi desagradable, posto que as persoas que a padecen espertan asustadas, con ganas de vomitar, cunha sensación de que todo xira ao seu redor e de que van caer. Estes síntomas aparecen de maneira breve e súbita, ao mover a cabeza e adoptar determinadas posicións con ela e cando se erguen ou se agachan. É habitual que este mal se lles atribúa de xeito equivocado ás cervicais.
  • A vertixe de Ménière. Non é tan frecuente coma a anterior. O afectado pode ter antecedentes familiares ou ter sufrido un tipo de estrés que precipite as crises vertixinosas. Durante estas, o efecto é similar ao de ter un oído tapado, perda de audición, un zunido dunha tonalidade grave e outros síntomas característicos da vertixe como as náuseas, as suores e a sensación de desequilibrio. Estas crises poden aparecer de súpeto, durar varias horas e obrigar o paciente a repousar.

En xeral, os distintos tipos de vertixe son máis frecuentes entre as mulleres ca entre os homes, aínda que, a medida que avellentan, acaba por afectar homes e mulleres por igual. No tocante á idade, as vertixes poden presentarse en calquera momento da vida. De feito, hai unha vertixe típica dos nenos, que só aparece na infancia e que desaparece por completo na vida adulta. As persoas maiores tenden a sufrir máis vertixes posicionais ca as novas por mor dun desgaste dos otólitos (unhas estruturas de calcio que se atopan no sistema vestibular), xa que se descalcifican ao igual ca os ósos.

O diagnóstico médico

As crises vertixinosas poden durar dende segundos ata horas ou días enteiros. Cando estes episodios son moi rechamantes, non remiten e se repiten é frecuente que os afectados acudan a urxencias. Non obstante, o primeiro profesional ao que hai que acudir é ao médico de familia, xa que a maioría dos casos se poden resolver nas consultas de medicina xeral e só determinados casos se derivan ás consultas de especialistas en otoloxía ou doutros.

A misión do médico de cabeceira é desentrañar se verdadeiramente o paciente que acode á consulta padece unha vertixe e non un mareo común, unha baixada de tensión ou unha arritmia (posto que a poboación adoita confundir todos estes síntomas) e mesmo cadros depresivos, de ansiedade ou neurose. Tamén debe descartar a causa neurolóxica ou doutro tipo que mereza a atención de distintos especialistas. O diagnóstico da vertixe realízase a través da elaboración dunha historia clínica do paciente e a súa exploración a través dunha audiometría. Cando se sospeita dunha orixe distinta á do oído realízanse probas máis complexas. Se finalmente se sospeita que a orixe da vertixe pode ser tumoral, realízase unha resonancia magnética ou outras probas de diagnóstico por imaxe.

Tratar a causa

Unha vez descuberta a patoloxía de base que provoca este tipo de cadros, decídense as opcións terapéuticas para palialos. Na maioría dos casos, o tratamento baséase na aplicación de exercicios e consellos para controlar a vertixe.

  • Manobras posicionais. A maior parte das vertixes son posicionais e para combatelas prescríbense unha serie de manobras posicionais, que consisten en descubrir a posición que ocasiona a sensación vertixinosa e compensala. A repetición destes exercicios permite controlar a vertixe. Estes varían en función do problema de oído que ocasionara a vertixe e, en concreto, da canle que estea afectada. Hai manobras específicas para cada canle. A base de repetir estas manobras, a vertixe posicional paroxística sanda nun mes.
  • Inxeccións de xentamicina ou corticoides no oído. Empréganse para casos de vertixe de Ménière e de longa duración. O obxectivo é tratar as crises. Hai que ter en conta ademais que na maioría das ocasións o mellor é non administrar medicación ou polo menos facelo durante pouco tempo, porque estes fármacos adoitan sedar o sistema nervioso central. Son medicamentos relaxantes que teñen como obxectivo reducir a angustia que provocan as crises. Pero este efecto que permite diminuír a sensación de mareo ten como contrapartida que tamén reduce os mecanismos reparadores do sistema do equilibrio.
  • Exercicios de rehabilitación vertixinosa. Unha das novidades que se produciron nos últimos anos é a aparición de exercicios que permiten rehabilitar o equilibrio. O ioga, o Tai-chi e os exercicios de fisioterapia son métodos que poden resultar útiles para este propósito.
  • Intervención cirúrxica. En casos extremos, como a detección dun neurinoma do acústico, un tumor benigno, débense valorar o seu control, extirpación ou outros tratamentos alternativos como a radiocirurxía. Se o tumor é doutra clase, como o o colesteatoma, igualmente benigno, tamén se practica unha cirurxía para extirpalo.
Consellos para combater as molestias da vertixe
    /imgs/20111001/salud5.jpg

  1. Non pechar os ollos, aínda que a tendencia natural sexa facelo cando todo dá voltas.
  2. Intentar fixar a mirada nun punto para paliar a sensación de mareo.
  3. Respirar fondo e devagar. Se as respiracións son curtas e frecuentes poden fomentar a hiperventilación, nada aconsellable en ningún caso.
  4. Intentar relaxarse e pensar que a crise é pasaxeira e que cesará en breve.
  5. Non mover a cabeza (salvo no caso da vertixe de tipo posicional), tanto se se está sentado coma deitado. Movela cara a atrás eleva a sensación de vertixe.
  6. Evitar inxerir alimentos nas 5-6 horas posteriores aos síntomas da vertixe, posto que son frecuentes os vómitos e as naúseas.
  7. Se se está nun lugar alto, como nunha escaleira de man, hai que baixarse decontado e buscar un sitio estable para non caer.
  8. Se o cadro vertixinoso non remite en 12 horas, acudir ao médico.

Fonte: Anna María García Arumí, xefe de sección de Otoloxía e Otoneuroloxía do Servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Universitario do Vall d’Hebrón, de Barcelona.