TDAH, un trastorno con tratamento

O trastorno por déficit de atención (TDAH) é hereditario no 80% dos casos e no resto por outras causas, como o consumo de tóxicos no embarazo
1 Novembro de 2011
Img salud

TDAH, un trastorno con tratamento

Nenas que nas aulas e na casa traballan coma formiguiñas sen que lles luzan os resultados escolares, moi esquecedizas e con problemas que pasan desapercibidos ata a educación secundaria. Ou nenos moi movidos e con condutas que alteran a clase, polo que o seu trastorno se adoita descubrir na educación primaria. O trastorno de déficit de atención e hiperactividade (TDAH) é tan frecuente que se estima que en cada aula haxa polo menos un neno afectado. Para diagnosticalo, tratalo e evitar o fracaso escolar é fundamental que pais, nais e profesores estean atentos aos seus síntomas.

“Dime como te portas e direiche que TDAH tes”

Todos non seguen un mesmo patrón. Algúns afectados por TDAH distráense co voo dunha mosca, esquécense dos deberes para o día seguinte e de lles daren os recados da escola aos seus pais. Son os reis do despiste. Outros, non obstante, amósanse extremadamente inquedos e incontrolables nos cambios de clase, nunha fila, no comedor e berran ou lanzan comentarios inapropiados. Poderíase dicir que son os alborotadores do curso. Este é, a grandes trazos, o comportamento dos alumnos cun trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) na escola, problema que se pode intuír polo seu baixo rendemento académico. Se non se trata a tempo, pode concluír cun estrepitoso fracaso escolar. Na actualidade, o TDAH é o trastorno da aprendizaxe máis frecuente, tras a dislexia. Afecta a entre un 5% e un 10% da poboación escolar, polo que se estima que cada profesor ten na aula polo menos a un afectado, segundo datos de distintos estudos epidemiolóxicos. Por iso, tanto os pais como os educadores deben reparar na posible falta de atención dos seus fillos, na súa conduta e no seu baixo rendemento académico. De feito, a escola pode ser un ámbito idóneo para detectalo. Para logralo, é clave coñecer as manifestacións dos distintos tipos de TDAH. Tres son as principais:

  • A hiperactividade ou incapacidade dos nenos afectos para acougaren e estaren calados na clase.
  • A impulsividade ou incapacidade para controlar os impulsos, agardar unha quenda e non interromper unha conversa.
  • O déficit de atención ou incapacidade para concentrarse, organizarse e rematar as tarefas que requiren un esforzo mantido.

Diferentes tipos de TDAH

Non todos os afectados por este trastorno teñen os mesmos síntomas. En función do que predomine, padecerán un tipo ou outro de TDAH. A comunidade científica clasificounos así:

  • Predominantemente hiperactivo/impulsivo. O síntoma dominante é o movemento excesivo. Dise deles que “non acougan” ou que “falan polos cóbados”. É máis visible en educación primaria, aínda que é moi difícil diagnosticar un TDAH con plena seguridade antes dos seis anos, pois na primeira infancia todos os pequenos teñen rabechas, se amosan inflexibles e non dan controlado a súa conduta en numerosas ocasións. No TDAH estas pautas de comportamento propias dos máis pequenos persisten no tempo e delatan que algo falla.
  • Predominantemente inatento. A manifestación sobresaínte é a falta de atención, que se traduce en incapacidade para concentrarse, organizarse e a tendencia a esquecer os deberes, os exames, as notas ou calquera outro encargo para os pais. A diferenza do anterior tipo de TDAH, non teñen condutas tan disruptivas na clase, senón que son como formiguiñas que se esforzan en estudar, pero sen obteren resultados. Cando se lles fala, parece que están noutra parte e na clase parece que escoitan, pero non se decatan de nada. Dise deles que “soñan espertos” ou que “están na verza”. Polas súas características, este trastorno adoita pasar máis desapercibido. Os afectados -na súa maioría nenas- pasan de curso e a súa falta de atención, incapacidade para organizarse e tendencia ao esquecemento faise evidente a medida que aumentan as esixencias académicas, polo que o diagnóstico do trastorno por déficit de atención se adoita facer na educación secundaria.
  • Combinado. É a combinación dos dous anteriores (hiperactivo/impulsivo e inatento) e o máis frecuente de todos; atopar un TDAH do tipo hiperactivo/impulsivo ou do tipo inatento puro é máis difícil. É máis, o TDAH tamén pode acompañarse doutros síntomas, como os tics, e asóciase a diferentes trastornos da aprendizaxe (sobre todo á dislexia) ou a trastornos psiquiátricos (a depresión infantil).

Un trastorno escrito nos xenes

O TDAH é hereditario no 80% dos casos e só na porcentaxe restante se debe a outras causas adquiridas, como o consumo de tóxicos no embarazo. Os afectados herdan dos seus pais uns xenes defectuosos que alteran a produción duns neurotransmisores ou substancias que hai no cerebro (a noradrenalina e a dopamina). Esta alteración e a inmadurez de certas estruturas cerebrais (o lóbulo frontal) explica a variedade de síntomas deste trastorno e tamén que os afectados teñan menos desenvolvidas as funcións executivas, é dicir, as que se relacionan coa capacidade de autocontrol, a resolución de problemas (o que se traduce nunha baixa comprensión lectora, dificultade para as matemáticas ou estruturar un texto oral ou escrito), a capacidade de organización, planificación, fixar obxectivos e tomar decisións.

Comprender que o TDAH ten unha base neurobiolóxica é fundamental para que os proxenitores acepten que o seu fillo con déficit de atención non pode atender mellor por esta causa e non porque “lles estea a tomar o pelo”. Pero, por desgraza, con suma facilidade se lles adxudican inxustas etiquetas como as de esquecedizos, despistados, preguiceiros, etc. Non obstante, eles non elixiron ser así e, polo tanto, non deben considerarse problemáticos, senón nenos cun problema que hai que afrontar e resolver.

De feito, unha vez que entenden o alcance deste diagnóstico, moitos pais non só se senten culpables por lles transmitiren eses xenes defectuosos, senón que, por desgraza, descobren que eles mesmos tamén sofren un TDAH que non se lles diagnosticou nin se lles tratou na infancia. Implicar estes pais con TDAH no tratamento dos seus fillos é unha misión dobremente ardua, pero non imposible, que requirirá tratalos tamén a eles.

Tratamento a tres bandas

O tratamento do TDAH é fundamental para diminuír os síntomas deste trastorno, evitar complicacións e mellorar o rendemento académico do afectado. Hai exemplos de personaxes públicos con este trastorno que resultaron números un na súa profesión, como o baloncestista Michael Jordan, o nadador Michael Phelps ou o psiquiatra Luis Rojas Marcos. O tratamento, que en ocasións hai que seguir a vida enteira, pode ser a clave para que estas persoas leven unha vida normal.

Para iso, cómpre abordar o problema a tres bandas: tratando ao afectado e implicando a pais e profesores. O tratamento componse de dúas partes: unha psicoeducativa e, cando non resulta efectiva, unha farmacolóxica (fundamentalmente metilfenidato, aínda que tamén se administran outros fármacos como a atomoxetina). O mellor é dicirlles que teñen un problema, cunha linguaxe comprensible para a súa idade, e que para resolvelo necesitan tomar unha pastilla, do mesmo xeito que outros precisan levar lentes para ver.

Non obstante, os pais pódense amosar reticentes á hora de lles administraren pastillas aos seus fillos, pero hai evidencias científicas abondas a prol desta medida. O 85% dos nenos cun TDAH responden ben ao tratamento e acadan un bo control dos seus síntomas, mentres que unha persoa con TDAH sen tratar sente coma se levase un motor interno sempre aceso, funciona de xeito desorganizado e séntese esgotada. Os casos de TDAH sen tratar e nun contorno marxinal son como unha bomba de reloxería. Na idade adulta teñen máis probabilidades de consumir substancias tóxicas e de ter problemas no traballo, na vida afectiva e social.

Hai que ter en conta que a maior parte dos casos de TDAH non desaparecen coa idade. Diferentes estudos epidemiolóxicos sinalan que o 75% dos pequenos co trastorno o sofren na adolescencia e o 50% na etapa adulta. Por iso, sentar unhas bases terapéuticas e de conduta axeitadas dende a infancia pode ser crucial para axudar a labrar un futuro o máis normal posible para estes afectados.

Como axudar ao neno con TDAH

Na casa

  1. Crear unhas normas familiares explícitas e claras.
  2. Colocar por escrito, nun lugar visible, como un taboleiro, que se espera del en canto a horarios, tarefas da escola e no fogar.
  3. Axudalo a organizar o tempo e as tarefas.
  4. Intentar crear un hábito de estudio.
  5. Manter unha orde no ámbito do neno e na rutina de traballo.
  6. Explicarlle de xeito breve e claro as consecuencias de desobedecer unha norma e deixalo escoller.
  7. Verbalizar a miúdo todo o positivo que realiza o neno para reforzar as condutas desexadas e a súa autoestima.
  8. Miralo directamente cando se lle comunique calquera norma e manter o contacto físico (cunha caricia ou cun bico) ao se recoñecer o o seu bo comportamento.
  9. Favorecer a súa autonomía.

Na aula

  1. Convén sentalos en primeira fila, preto do profesor para que poida miralos e dirixirse a eles cando dea explicacións e informe das normas. Recoméndase tamén situalos preto de alumnos tranquilos e lonxe de fiestras, portas e outros elementos que poidan distraelos.
  2. No tocante á organización, hai que ensinalos a facer listaxes coas tarefas por orde de prioridade e a ser conscientes do tempo. Ademais, é importante fixar pautas para toda a clase e específicas para o afectado.
  3. Se o obxectivo é captar e manter a súa atención, débeselle avisar, formular preguntas durante o discurso, impartir clases entretidas, variar o ritmo das exposicións, o ton e volume da voz, e darlle consignas moi claras e concisas.
  4. Para mellorar a súa autoestima, débense recoñecer os éxitos do alumno en público e reprendelo sempre de modo sosegado en privado, darlle responsabilidades que lle permitan moverse un pouco na aula, vixiar e evitar os comportamentos negativos doutros nenos cara a eles.
  5. Co fin de mellorar o seu rendemento escolar, hai que evitar os exames longos e con preguntas abertas nos que teñan que organizar as súas respostas de maneira ordenada. En vez diso, fraccionarlles o traballo e sentalos nun lugar tranquilo e sen distraccións para que poidan realizar o control.
Outros consellos para axudar os nenos con TDAH:
  1. Non pretender ter un fillo modélico, senón axudalo a vencer límites e acadar obxectivos.
  2. Acudir a un neurólogo ou psiquiatra infantil en caso de sospeita dun trastorno de aprendizaxe.
  3. Informar ao fillo afectado de que padece o trastorno en lugar de ocultarllo, o que lle xeraría ansiedade.
  4. Evitar a confrontación e a loita co afectado.
  5. En situacións límite, non berrar nin perder o control, para non reforzar a súa conduta negativa, senón retirarlle a atención, envialo a un sitio aburrido e agardar a que se calme.

Fonte: Anna Sans Fitó, neuróloga do Hospital San Juan de Dios, de Barcelona, coordinadora da Unidade de Trastornos da Aprendizaxe Escolar e autora do libro “Por que me custa tanto aprender? Trastornos da Aprendizaxe, de Hospital Sant Joan de Déu e edebé.