Quiste sacro: a solución está no bisturí

Máis incómodo ca perigoso, este pequeno vulto ao final do lombo aparece máis a miúdo nos homes con máis pelo ou con continuos microtraumatismos nesta zona
1 Novembro de 2009
Img salud

Quiste sacro: a solución está no bisturí

Non é un gran nin tampouco un tumor. Agora ben, a fístula que nace ao final da columna, no rego que separa ambos os dous glúteos, invita á confusión por mor da dor, das molestias e da supuración. Este pequeno vulto bautízase co nome de quiste sacro ou fístula sacrococcíxea e calquera persoa pode sufrilo, con independencia da súa idade ou o sexo. Ao se formar a partir de restos embrionarios ou de cabelos ou substancias mucoides, o quiste pode conter algún destes elementos, de aí que conteña un líquido purulento, similar a un absceso.

A comunidade científica aínda non determinou se esta é unha doenza conxénita ou adquirida. Observouse que os perruqueiros, polo seu traballo continuado co pelo, poden desenvolvelo nas mans. Tamén se constatou que se poden formar na cabeza. En xeral, o quiste sacro xérase dende o nacemento, aínda que xermola con posterioridade. Pódese desenvolver a calquera idade e o máis habitual é que o sufran as persoas con moito pelo. Por iso, o quiste sacro desenvólveno máis a miúdo os homes novos, de entre 18 e 35 anos. Non obstante, descoñécese o dato de poboación feminina afectada.

Outros factores que predispoñen ao nacemento dun quiste sacro son o sedentarismo e os pequenos golpes continuados na rabadilla. De aí que tamén se coñeza esta doenza como a enfermidade do Jeep, tras observarse a miúdo en soldados americanos destinados a Vietnam que conducían este vehículo e sufrían continuos microtraumatismos na zona.

Unha sinxela intervención

O quiste sacro non se pode previr de xeito ningún. A súa eliminación só admite unha técnica: a cirurxía. Pódese operar cos primeiros síntomas de dor, supuración, arrubiamento, infección e inflamación. Nos últimos anos, a intervención simplificouse notablemente ata se converter nunha sinxela técnica que se pode practicar con anestesia local mediante sedación rexional (dórmese ao paciente de cintura cara a abaixo) e que realiza de maneira ambulatoria -sen que o paciente chegue a ingresar- ou cun ingreso hospitalario de só unha noite.

As máis das veces a cirurxía resolve o problema. Así e todo, en un de cada dez casos non pasa de ser unha solución temporal, xa que se reproduce, sobre todo no primeiro ano. A razón é que poden rexistrarse distintos traxectos fistulares que non sempre son visibles durante a intervención.

A recuperación: con ferida aberta ou pechada

Unha vez intervido o paciente, dúas escolas de cirurxía poden condicionar o seu postoperatorio. Unha parte dos cirurxiáns sostén que, logo de extirpar o quiste, convén deixar a ferida aberta para evitar o risco de infeccións. Outros, pola contra, son partidarios de cosela e pechala, xa que dese xeito cicatriza antes. Cando a ferida se pecha, o proceso de cicatrización finaliza entre unha semana e quince días, pero o risco de infección é máis elevado. En cambio, se a ferida permanece aberta, a cicatrización non é tan rápida, tarda entre catro e seis semanas, durante as que o paciente debe levar unhas gasas para evitar que se peche demasiado rápido, e someterse a unhas curas, aínda que así redúcese o risco de infeccións. As persoas que desenvolvan actividades laborais que non impliquen esforzo físico poden reemprendelas case decontado, aínda que hai que evitar permanecer demasiado tempo sentado.

Consellos tras a operación:
  • Os pacientes con feridas abertas deben realizarse as curas despois da ducha e de secarse ben.
  • As gasas débense cambiar entre unha e dúas veces ao día, sen apertalas demasiado cando se introduzan na ferida.
  • ?0 preferible utilizar roupa interior de algodón porque é máis cómoda.

Fonte: Manel Bardají. Cirurxián xeral do Centro Médico Teknon.