O ruído

Principal agresor e contaminante da nosa saúde

A nosa é, sen dúbida, unha cultura ruidosa. España ocupa o segundo lugar, tralo Xapón, na clasificación de países máis ruidosos do planeta
1 Maio de 2001
Img salud listado 137

Principal agresor e contaminante da nosa saúde

Estímase que un 70% dos españois sofren niveis de ruído superiores ós 65 decibelios, a fronteira a partir da cal os científicos e expertos sanitarios consideran inaceptable o ruído. A civilización moderna somete o ser humano a innumerables servidumes, e unha delas é a de aturar un nivel de decibelios que alcanza ás veces cotas alarmantes e mesmo prexudiciais para a saúde. O ruído xerado pola actividade humana é o contaminante máis frecuente do noso medio, e de tan familiar que resulta, é o que menos atención suscita. Percíbese unha clara falta de sensibilidade ante este problema, non só na Administración, que non adopta medidas eficaces para combatelo, senón na propia sociedade, que protesta ante problemas ecolóxicos de menor envergadura e garda un inexplicable silencio ante a agresión que supón o ruído. Tan só cando afecta de maneira escandalosa a un colectivo ou barrio e salta ós medios de comunicación lembramos que o ruído existe, e que molesta a quen o padece.

Na industria milleiros de profesionais perderon a audición por mor do ruído nas empresas, pero o ruído traspasou os límites das fábricas para invadir rúas, domicilios, espectáculos… O ruído non só produce dano no oído e perda da audición: os seus efectos a curto, medio e longo prazo van máis alá e afectan practicamente a todo o organismo.

O son, de intensidade variable

O son é unha vibración do medio, unha onda mecánica que se xera e propaga a través do aire, dos líquidos e dos sólidos. Do mesmo xeito que ó guindar unha pedra a un estanque se debuxan ó seu redor ondas que se desprazan ata chegaren ó bordo, as ondas sonoras viaxan a través do aire ata o oído. Aquí son recollidas polo pavillón auricular e conducto auditivo externo.

A intensidade das ondas sonoras mídese en decibelios. Para achegármonos ó valor dun determinado número de decibelios, sirvan como exemplo a voz falada, que emite arredor de 50 decibelios, unha trituradora ou un extractor de fumes, que alcanzan 70 decibelios e unha moto sen silenciador, que pode producir 110 decibelios.

O ruído, sensación subxectiva

Non hai unha definición exacta para o ruído, pero admítese que se trata dun son que provoca unha sensación desagradable en quen o escoita. Evidentemente, esta definición atópase moi ligada á subxectividade, xa que un nivel de 100-110 decibelios nunha discoteca resulta aceptable e ata agradable para quen está alí divertíndose e, en cambio, 40 decibelios poden parecer para esa mesma persoa insoportables se procura durmir.

Desde o punto de vista médico, considérase ruído o son que pode producir perda de audición, ser nocivo para a saúde ou interferir gravemente unha actividade. A diferencia entre son e ruído é moi subxectiva e depende non só da sensibilidade das persoas, senón tamén das circunstancias nas que se atopan e das características do son ou ruído: intensidade, ton, duración, variacións no tempo, xeito de presentación…

Perda de audición na vellez

As crenzas máis estendidas afirman que co paso dos anos se perde audición, o que se denomina presbiacusia ou xordeira da vellez.

Pero a realidade é que numerosos estudios constataron que as persoas non sometidas a ruídos excesivos ó longo da súa vida presentan na vellez unha perda auditiva insignificante, e que a presbiacusia é un fenómeno máis unido ó ruído ambiental ca ó avellentamento. Os nenos e mozos de hoxe en día soportan desde a infancia niveis de ruído que exceden moitas veces os niveis, algo artificiais e de consenso, considerados nocivos para a saúde.

Cando se superan os 80 decibelios e a exposición se prolonga durante anos, como sucede nalgunhas empresas, o oído vaise danando de maneira case imperceptible, e quen sofre este ruído vólvese “duro de oído”, para acabar padecendo unha xordeira cada vez máis acusada ás frecuencias agudas e ás frecuencias conversacionais. Trátase dun proceso que conduce irreversiblemente á perda da audición, xa que non existe tratamento. Estas persoas precisan que cada vez se lles fale máis alto, non oen o timbre da casa ou o teléfono, soben o volume do televisor e da radio, coa conseguinte molestia para os demais, e escoitan zunidos nos oídos, denominados acúfenos, que poden ser molestos e mesmo alteraren o sono de quen os padece.

A mocidade, grupo de risco

Os primeiros síntomas de fatiga auditiva detéctanse precozmente mediante unha audiometría que avalía a capacidade auditiva. Este exame permite recoñece-las primeiras manifestacións de xordeira e adopta-las medidas pertinentes. Na actualidade obsérvanse n xente nova alteracións audiométricas típicas do trauma sonoro, debido a que cada vez hai maior exposición a niveis absolutament prexudiciais. Medíronse máis de 100 decibelios en salas de festa, bares ou cines, sen esquecérmo-lo uso estendido do walkman, con altofalantes no oído, preto do tímpano, e que se empregan decote cun nivel sonoro moi elevado. Tampouco dentro do fogar hai excesivo silencio: televisor, radio, equipos musicais e outros electrodomésticos provocan niveis que superan os 60-70 decibelios cando varios deles funcionan simultaneamente.

Consecuencias do ruído

Pero o dano do ruído non se limita ó oído. A audición, amais dunha función de primeira orde na vida de relación social, de comunicación co noso contorno e cos nosos semellantes, é tamén un sistema de alerta relacionado con outros órganos. Por iso, unha excesiva exposición ó ruído pode desencadear efectos adversos:

  • Aceleración do pulso (taquicardia) e elevación da presión sanguínea.
  • Incremento da frecuencia respiratoria.
  • Aumento da secreción ácida do estómago e da secreción de hormonas suprarrenais (típico das reaccións de alarma e de tensión aguda).
  • Diminución do estado de vixilancia, dificultade para concentrarse, descenso do rendemento eincomunicación co medio.
  • Inquietude, irritabilidade, trastornos do sono, fatiga.

Non se probou que a reacción de alarma que provoca o ruído, a tensión aguda, afecte a longo prazo o noso organismo, aínda que numerosos investigadores defenden a teoría de que se se sofre durante un período prolongado, a tensión afecta ó sistema inmunolóxico, facéndoo máis susceptible a procesos dexenerativos crónicos.