Pel: protexida no verán e coidada no outono

O outono é a época máis axeitada para rehidratar, revitalizar e rexuvenecer a pel, castigada tras os excesos do verán
1 Setembro de 2011
Img salud listado 773

Pel: protexida no verán e coidada no outono

Nin pechan no verán por vacacións nin en outono. Os dermatólogos non saben o que é ter a sala de espera baleira. A razón non é outra que a concienciación, cada vez maior, da sociedade polo coidado e o tratamento da pel antes e despois da súa exposición ao sol. Protexer a pel deixou de ser unha consigna exclusiva para o verán. De feito, o outono é un momento propicio para realizar unha visita anual a este especialista e someternos a tratamentos que borren as consecuencias da excesiva exposición ao sol durante os meses de calor, como novas manchas e engurras.

O sol do verán castiga a pel, pero ata que punto? Unha exposición imprudente á luz solar abonda para deixar pegadas non desexadas na pel. É frecuente que en outubro aumenten as consultas de dermatoloxía. O motivo principal son os rebrotes de manchas na pel en persoas que xa as tiñan e observan un aumento delas. As máis típicas son o lentigo e o melasma. No primeiro caso, aparecen manchas redondeadas, en forma de estrela, fundamentalmente nos ombros e na parte alta das costas. O melasma, tamén chamado cloasma ou pano da embarazada, é unha mancha de tipo hormonal, de cor escura parda, que aparece na fronte, nas meixelas e no bigote, e que se caracteriza por ter os bordos difusos.

E é que as partes do corpo máis afectadas polo sol estival e nas que son máis visibles esas marcas cutáneas son as que quedan expostas: a cara e o escote, os ombreiros e outras nas que non se repara tanto, como o dorso das mans. Esta é unha zona que recibe de xeito directo os raios do sol e onde a miúdo tamén aparecen os lentigos, manchas que adoitan ser sinónimo de idade avanzada e que avellentan de xeito notable o aspecto da persoa que as ten. De feito, a consecuencia da exposición ao sol a longo prazo (tras varios veráns) é o avellentamento prematuro da pel.

As dúas caras do sol

Beneficioso ou castigador. Así pode ser o sol, segundo como se tome. As persoas que teñen máis probabilidades de seren máis castigadas polo sol do verán son os nenos, sobre todo os menores de dous anos, se non os protexemos coa crema e coa roupa axeitadas. Tamén son vítimas do sol persoas con peles pertencentes aos fototipos 1 (peles moi claras) e 2 (peles claras) e mais as persoas que padecen alerxia solar, erupción polimorfa lumínica e enfermidades para as que deben tomar medicamentos que están contraindicados coa exposición ao sol, como certos antibióticos (a minociclina e a tetraciclina) ou os antihipertensivos.

Agora ben, intentar protexerse do sol custe o que custe tampouco é saudable, posto que o sol facilita a absorción da vitamina D, curiosamente un aspecto determinante para combater os procesos de avellentamento do corpo. Esta vitamina actúa como unha hormona, facilita a absorción do calcio -que evita a osteoporose- e a nivel inmunolóxico a súa carencia pode derivar nunha baixada das defensas do organismo.

Ademais, algunhas enfermidades dermatolóxicas como a psoríase, a dermatite atópica, a acne, o vitíligo ou a alopecia areata melloran co sol no verán. É máis, a psoríase empeora no outono e, nalgúns deses procesos dermatolóxicos, como na alopecia areata, tomar o sol de xeito dosificado, o que se coñece como helioterapia ou curas de sol, forma parte das recomendacións médicas.

Medidas a partir do outono

Amais das persoas que precisan un seguimento médico -por manchas previas ou enfermidades como as devanditas- e acoden con maior asiduidade á consulta do dermatólogo, hai grupos de poboación, como os traballadores ao aire libre, os deportistas…, que teñen unha exposición solar crónica, e non son conscientes diso. Os expertos insisten en que estas persoas se deberían facer un exame dermatolóxico polo menos unha vez ao ano para se someteren a un control da pel e recibir recomendacións. No tocante á poboación xeral, o mellor consello é realizar unha visita preventiva anual ao dermatólogo, do mesmo xeito que se acode ao dentista ou ao xinecólogo.

Nesta época do ano, xunto a esta recomendación xeral de acudir a unha consulta dermatolóxica, os coidados preventivos da pel baséanse en tres medidas:

  • Protexerse do frío: se en verán é común ver persoas coa pel demasiado vermella e queimada polo sol, durante as estacións frías pódese observar outra coloración na pel: as persoas máis sensibles ao frío teñen tendencia a desenvolver frieiras e a sufrir cambios na coloración da pel, de xeito que pasan de ter un ton de pel branco ou pálido, ao cianótico ou azul e ao vermello ou rubor, o que tecnicamente se coñece como fenómeno de Raynaud. Así, as persoas moi sensibles ao frío deben evitar a súa exposición custe o que custe.
  • Utilizar cremas graxas: nos meses máis fríos do ano cómpre empregar cremas hidratantes cun excipiente máis graxo ca no verán ou ben fluídos de tipo xel, xel en crema ou xeles siliconados, salvo nas persoas con acne, que nunca deben usar cremas moi graxas.
  • Filtro solar: as persoas cun fototipo de pel baixo (fototipo 1), o que significa que a súa pel é branca e con tendencia a se queimar ao tomar o sol, deben aplicar un filtro solar non menor de 30, pois os raios invisibles actúan tamén en outono e inverno. A elección depende das características físicas e circunstancias de cada persoa. As que pasan longas horas na oficina e viven nun país chuvioso é probable que nin sequera precisen un filtro solar, pero as que residen en países mediterráneos, como España, traballan ao aire libre e son de pel clara, si que o precisan. As persoas que se queiman con facilidade tamén poden recorrer aos fotoprotectores internos, que se toman por vía oral e conteñen antioxidantes que axudan a evitar os efectos nocivos do sol.

Estes consellos xerais varían no caso dos practicantes de esquí ou doutros deportes de inverno sobre a neve, posto que a neve reflicte moito máis a luz solar. Por iso, as persoas de pel branca e sensibles ao sol deben cubrirse ao máximo, utilizar crema solar cun filtro protector de 50 + e repetir as súas aplicacións varias veces durante a práctica deportiva, xa que non abonda con que a apliquen unha vez ao saír de casa.

Tratamentos integrais e combinados

Se os coidados preventivos da pel non son suficientes para unha persoa, o outono tamén é a época idónea para tratar a pel castigada dun ou máis veráns, rehidratala, revitalizala, rexuvenecela, para que, en definitiva, pareza unha nova pel. A continuación descríbense algúns dos tratamentos que se poden aplicar durante o outono:

  • O melasma e a bioestimulación con luz de díodo: no caso do melasma é fundamental aplicar un tratamento integral para protexelo totalmente do sol mediante un peeling e a bioestimulación cunha luz de díodo. Esta luz está dirixida a lles devolver a función metabólica ás células, xa que ten un efecto directo sobre o núcleo e as mitocondrias (distintas partes da célula), co fin de que volvan funcionar con normalidade e regulen a secreción de melanina. Neste caso, o uso do láser pode resultar contraproducente.
  • O lentigo e a luz de láser: a diferenza do melasma, a luz do láser pode resultar moi útil no tratamento do lentigo e, para evitar que volva xurdir, pódense aplicar coidados de peeling e tamén de luz de díodo, reguladora das funcións das células.
  • Peelings para tratar manchas: estes tratamentos, destinados a remover as capas da pel con distintos produtos químicos, axudan á súa exfoliación e a renovar as súas capas máis superficiais, polo que permiten que as substancias despigmentantes -que axudan a disimular a cor das manchas- penetren mellor nela.
  • Revitalizar a pel con ácido hialurónico: os tratamentos para revitalizar a pel baséanse na aplicación de inxeccións de ácido hialurónico e na administración de vitaminas. O seu obxectivo é evitar as engurras e mellorar a elasticidade da pel.
  • Tratamento combinado antiavellentamento: aplícase un tratamento combinado, que varía en función do estado da pel do paciente. Cando hai un predominio real do avellentamento da pel, as terapias máis básicas constitúenas o peeling e mais a luz de díodo, que non doen nin teñen efectos secundarios. Se o paciente tamén ten manchas, pódese tratar con láser e IPL (láser de luz pulsada); se ten engurras, pódense encher con distintos métodos (como o bótox e o ácido hialurónico); e, se non as ten, pódenselle aplicar técnicas que non son de recheo, senón para estimular o coláxeno, tamén con luz combinada con outros tratamentos como a mesoterapia con ácido hialurónico, como estimulante, e vitaminas.
  • Cremas antiavellentamento: cómpre utilizar as cremas axeitadas para cada tipo de pel. Para aumentar a súa eficacia, pódese preparar a pel acotío cun tratamento con luz e cun peeling, que ten un efecto queratolítico (que suaviza a pel), o que permite que as cremas penetren mellor na pel e exerzan o seu efecto.

Fonte: Cristina Schepers, directora do Departamento de Dermatoloxía da Clínica Planas, de Barcelona.

Cinco consellos para o coidado da pel en outono
  1. Utilizar acotío unha crema hidratante con factor de protección 15 e, se se é do fenotipo 1, de factor 30.
  2. Na neve, usar cremas cun filtro solar de 50 + e aplicalas repetidas veces.
  3. Aplicar cremas hidratantes máis graxas durante o outono e o inverno.
  4. Evitar a exposición ao frío, sobre todo as persoas sensibles a el.
  5. Visitar o dermatólogo unha vez ao ano. O outono é bo un momento para iso.

Fonte: Aurora Guerra, membro da Xunta Directiva da Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía (AEDV), xefe de Sección de Dermatoloxía do Hospital Doce de Outubro, de Madrid e profesora titular da Universidade Complutense de Madrid, e Cristina Schepers, directora do Departamento de Dermatoloxía da Clínica Planas, de Barcelona.