A emancipación dos pais

Os fillos marchan pero a vida continúa

A emancipación de pais e fillos debe comezar mentres se comparte o fogar.
1 Xuño de 2002
Img listado interiormente

Os fillos marchan pero a vida continúa

É ben sabido que os pais deben axuda-los fillos a asumiren -na medida que llelo vaia permitindo a súa evolución persoal- as súas responsabilidades, e que deben potencia-la súa autonomía axudándoos a se prepararen para vivir de maneira independente. Esa dedicación tan xenerosa en esforzo, desvelos e mesmo angustias, cuestionándose a cada momento se o están facendo ben ¿aplícana os pais na potenciación da súa propia autonomía como persoas? Non son poucos os fillos que, desexosos de se independizaren e con posibilidades de o faceren, se demoran en marchar da casa por non causar nos pais esta penosa sensación de baleiro. E son moitos os pais que, coa mellor vontade, frean a emancipación dos seus fillos e a súa propia, como reacción ante o medo ás incertezas que depara o futuro. Cando os fillos deciden deixa-lo fogar paterno para comezaren a desenvolver un proxecto autónomo, moitos pais se preguntan se, unha vez os fillos fóra da casa, procede seguir sendo pais coma ata agora. A resposta é sinxela: seguirano sendo mentres vivan. Ó igual cós fillos, aínda que formen a súa propia familia ou residan nunha vivenda propia. O proceso de emancipación dos pais consiste en supera-la sensación de perda que xera a marcha dos fillos e en implicarse nas etapas e na evolución que esa emancipación entraña.

Non sobreprotexer

Certas relacións entre pais e fillos son difíciles de abordar, polo forte vínculo emocional que os une, polo peso de tantos anos de vida en común, e polas contradicción que nuns e noutros xorden á hora de daren o paso da emancipación. A tendencia sobreprotectora dalgúns pais propicia que os fillos manifesten dúbidas á hora de tomar decisións e que precisen apoio permanentemente, por estaren demasiado afeitos á orientación e á incondicional protección dos seus pais. Facer cousas no seu lugar, falar e pensar por eles, decidir por eles, provelos de todo o que precisan, non só frea a emancipación dos mozos senón que, ademais, reforza a necesidade que os pais teñen dos seus fillos.

Pais e fillos son entidades independentes que fan unha parte do camiño xuntos, admitíndose e abordando as situacións, marcándose límites e obxectivos comúns e propios, e amándose como partes dunha unidade familiar. Un é pai ou nai porque existen os fillos e viceversa. E o máximo expoñente da emancipación é que pais e fillos dispoñan dun territorio propio, de vivendas independentes.

Emancipación mutua

A emancipación de pais e fillos debe comezar mentres se comparte o fogar. Non é unha circunstancia inevitable que se teña que abordar cando os fillos marchen da casa, senón que debe comezar cando chegan ó mundo. O abandono do fogar é un fito importante e ás veces doloroso, pero non deixa de ser unha etapa máis da vida. Prepara-la emancipación dos fillos debe significar paralelamente facelo coa dos pais. Así, fomenta-la autonomía dos fillos ten que propicia-la independencia dos propios pais cara ós seus fillos. Estes valorarán a vida independente e se esforzarán por alcanzala na medida en que os seus pais fagan o mesmo pola súa propia autonomía. Non hai que teme-la independencia, porque se se xestiona ben non supón ausencia, desvinculación nin abandono. A independencia responsable e consciente proporciona a auténtica liberdade, esa que pode habilitar entre pais e fillos un espacio de dependencia desexada e equilibrada, ben distinta da baseada nos lazos de necesidade que mantemos con quen nos arrodea.

Vive e deixa vivir

Practica-lo respecto entre fillos e pais supón recoñecerse mutuamente ámbitos de liberdade, de crecemento persoal e de vida propia. Hai que ir preparando os fillos para que acepten a súa independencia con tódalas consecuencias. As obrigas respecto ós fillos deben ser cada vez menores. Os pais precisan recuperar eses espacios de liberdade que deixaron moitos anos a un lado ante a prioridade de sacar adiante os seus fillos, de educalos e axudalos.

Algunhas mulleres séguense aferrando ó seu papel de nais para se sentiren seguras e útiles, e lles reprochan ós fillos o seu desapego e “o pagamento que recibo logo de tantos desvelos”. Parece como se quixesen seguir mantendo ese vínculo, ese metafórico cordón umbilical, que frea e mesmo impide a emancipación non só dos fillos senón tamén dos pais.

Ás veces, non se trata tanto de conseguir momentos de liberdade por parte dos pais, senón de conquista-la liberdade interior para poder acabar recoñecendo vital e efectivamente o que enuncia o poema de Gibran: “Os teus fillos non son os teus fillos”, no sentido de que pais e fillos deben ter cadansúa vida.

Tipos de pais

Pais desapegados e distantes. Viviron a relación paterno-filial con certa frialdade, porque confiaron a educación dos seus fillos a institucións ou a outras persoas desde os primeiros anos ou porque viviron fundamentalmente para si mesmos. É unha emancipación egoísta que fai que os vínculos entre pais e fillos sexan débiles. Estes pais exerceron desde tan cedo o dereito á emancipación que abusaron del.

Pais posesivos e absorbentes. Todo son desvelos e preocupacións. Os fillos nunca están suficientemente maduros, “seguen sendo uns nenos…”. No fondo, percíbese a inseguridade duns pais que precisan desempeñar ese papel para se sentiren ben e para dotaren de sentido a súa vida. Non só non se emancipan a medida que o fillo medra senón que frean a emancipación do fillo. Así, sobrevén a crise cando o fillo ou filla abandona o fogar. E, como non obteñen a recompensa ós seus desvelos, quéixanse: “críar fillos para isto”.

Pais razoablemente emancipados. Desde o comezo entenderon que ter fillos significa aceptar un proceso de individualización por ámbalas partes. O fillo é cada vez máis el mesmo, máis separado dos pais e dos outros irmáns, e os pais son tamén cada vez máis autónomos. Esta actitude respectuosa permite que os fillos medren en responsabilidade, fortes e con capacidade para tomaren decisións. E que os pais vaian recuperando tanto a súa identidade como home e muller -e non só como pai e nai- coma a súa capacidade de vivir experiencias e actividades á marxe dos fillos.

Los padres también deben vivir su vida
  • É preciso que os pais se desenvolvan e se potencien a nivel de parella e de persoas individuais co mesmo empeño que puxeron en que os seus fillos se convertesen en seres autónomos.
  • Os pais, cando os fillos aínda seguen na casa, deben atopar espacios e tempo para si mesmos.
  • Deben comezar a se emanciparen dos fillos moito antes de que marchen.
  • Cómpre que se mentalicen de que non van recibir dos seus fillos tanto coma eles lles deron. Se non, vivirán nunha decepción permanente.
  • Emanciparse dos fillos, vivi-la maternidade ou paternidade desde outra perspectiva, é unha etapa máis do proceso de ser nai ou pai.
  • Esta emancipación dos pais non significa deixar de interesarse polo que lles aconteza ós seus fillos nin renunciar á relación familiar. Sinxelamente, é articular un novo formato de relación, que custa asumir e aplicar, pero que lles permite un desenvolvemento satisfactorio ós pais e mais ós fillos.