Enfermidade laboral por edificio enfermo

Oficinas con prescrición facultativa

Un deseño de mesas e unha climatización inadecuados poden causar a lipodistrofia semicircular, unha enfermidade laboral benigna cunha incidencia crecente
1 Abril de 2008
Img salud 2 listado

Oficinas con prescrición facultativa

A lipodistrofia semicircular (LS) é unha enfermidade laboral tan leve como curiosa. Leve porque é benigna, non precisa tratamento e non deixa secuelas. Curiosa porque a responsabilidade hai que achacarlla ao deficiente deseño do centro de traballo, neste caso, a oficina. A aparición de brotes desta afección en grandes empresas do País Vasco e Cataluña supuxo que esta enfermidade case descoñecida pase a ocupar un primeiro plano na esfera da medicina do traballo.

Trátase dun mal caracterizado pola aparición de bandas semicirculares, illadas ou múltiples, na cara antero-lateral da coxa, cunha anchura de un a catro centímetros, aínda que a pel nestas zonas é normal. O único que se ve afectado é o tecido adiposo que se atopa baixo a pel. Por iso, o principal problema é que a afección cursa sen síntomas e só nalgúns casos se acompaña de sensación de tensión ou de pernas pesadas. O diagnóstico é visual, sen que cumpra facer exploracións máis sofisticadas. Como se trata dunha afección benigna resólvese nuns meses de xeito espontáneo e mesmo antes se se adoptan medidas no centro de traballo.

Malia a súa incidencia crecente, non é unha patoloxía nova. Os primeiros casos referidos aparecen en 1974 e, dende aquela, describíronse de xeito illado e vinculado a factores externos como microtraumatismos repetitivos ou presión mantida sobre a zona afectada. Pero en 1995 aparece un gran número de casos en oficinas en Bruxelas, e entre o 2005 e o 2007 rexístranse varios brotes en España. O máis importante é o que se viviu nunha grande empresa de Barcelona, en febreiro do 2008, na que a lipodistrofia semicircular afectou a case o 20% do equipo.

Dende aquela notificáronse máis de 600 casos noutras zonas de España, sobre todo en centros de traballo con características comúns: sistemas de climatización e baixa humidade relativa no ámbito de traballo que xeran altos niveis de electricidade estática. Os estudos apuntan a que a lesión se crea cando as persoas que están de pé se apoian nas mesas. Prodúcese entón unha transferencia de electróns por diferenza de potencial entre a mesa e a zona corporal en contacto. Esta transferencia electrónica causa atrofia dos adipocitos, as células graxas.

Esta hipótese parece confirmarse por varias circunstancias. Na maioría dos casos a afección das coxas é bilateral e simétrica e, de xeito habitual, aparece a uns 70-72 cm do chan, a altura estándar das mesas de traballo. Tamén inflúen as características do bordo da mesa: o risco aumenta canto máis delgado e angular é, o que se explicaría pola maior intensidade da transferencia de electróns. Nas empresas nas que se cambiaran as mesas por unhas de costados amplos e redondeados, a incidencia de casos diminuíu de xeito notable. Esta sinxela medida, asociada a un aumento da humidade relativa por riba do 45%, contribuíu a que os casos de lipodistrofia semicircular en oficinas afectadas desaparecesen.

A lipodistrofia semicircular é, polo tanto, unha enfermidade claramente asociada á actividade laboral e ao deseño dos novos edificios e instalacións de climatización e mobiliario de oficina. Outras hipóteses baralladas cando apareceron os primeiros casos (uso de prendas axustadas ou anomalías anatómicas arteriais conxénitas, entre outras) están descartadas. Por este motivo, o recoñecemento da afección correspóndelles aos servizos de prevención laboral das empresas, aínda que moitos afectados de pequenas e medianas compañías sen unidades específicas de saúde laboral acoden ao médico de familia.

Enfermidades laborais

Dentro da Unión Europea acumúlase un bo número de discrepancias entre países membros no tocante ao recoñecemento dunha enfermidade profesional (EP). En España, a notificación dunha enfermidade profesional é obrigatoria para o empresario e débello comunicar á mutua de traballo correspondente. Pola contra, en Francia, a alerta sobre este tipo de enfermidades recae no traballador.

Ademais, calquera médico ten a posibilidade de declararlle á Inspección de Traballo as enfermidades das que se sospeite unha orixe laboral, co obxecto de revisar e actualizar as patoloxías clasificadas como profesionais. Así e todo, un recente estudo realizado entre España e Francia sinala que preto do 30% de médicos de asistencia primaria, empresarios, comités de seguridade e saúde e delegados de prevención descoñecen o procedemento vinculado coas enfermidades profesionais e o seu procedemento de declaración.