Aire acondicionado

O microclima dos edificios pode enferma-los seus ocupantes

Entre o 80% e o 90 % do noso tempo transcorre en locais pechados con ambientes distintos e contaminados en maior ou menor grao
1 Xuño de 2001

O microclima dos edificios pode enferma-los seus ocupantes

Moitos deses recintos dispoñen de sistemas de ventilación/climatización forzada do aire, que comezaron a proliferar na década dos 70. Trátase, polo xeral, de edificios herméticos que contan con ventás, aínda que non son utilizables para a ventilación natural senón para iluminación. A toma de aire realízase desde o exterior e distribúese cara ó interior. Son edificios funcionais que se destinan a miúdo a oficinas, comercios, grandes superficies, empresas, escolas, garderías, residencias, hoteis, e que tamén cumpren outras características: inmobles lixeiros e pouco custosos, superficies interiores recubertas de material téxtil ou sintético. Tamén algunhas residencias privadas e vivendas se construíron con instalacións de aire acondicionado, por considerarse que era un magnífico expoñente de confort.

Sen embargo, anos despois comezaron a describirse cadros clínicos, manifestacións que semellaban gardar relación co microclima xerado neste tipo de inmobles. Así, ante as evidencias, acabouse recoñecendo o Síndrome do Edificio Enfermo (SEE), que designa o conxunto de síntomas que presentan os individuos ocupantes destes bloques. Para podermos falar de edificios enfermos é preciso que máis do 20% dos seus ocupantes habituais presente algunha das manifestacións do SEE (picor de ollos, sequidade da pel, conxestión nasal, rouquén…). Agás nalgúns casos, non é unha patoloxía severa, aínda que polo de agora non se coñece ben. Ademais, o aire acondicionado non é o único responsable do SEE; outros factores e circunstancias poden orixina-los síntomas e as queixas: materiais de construcción, tipo de actividade, hábitos dos ocupantes, lugar onde se fai a toma exterior de aire…

Factores de risco

Contaminantes ambientais como compostos químicos e biolóxicos poden estar presentes no aire e causar algún do síntomas. Os contaminantes máis significativos son dióxido de carbono, monóxido de carbono, vapores orgánicos, fibras, poeira en suspensión…

Os propios ocupantes convértense en fontes de contaminación: fumar orixina fume que é reciclado polo sistema e distribuído por todo o edificio e o mesmo acontece cos materiais usados para a limpeza e desinfección, co ozono desprendido polas fotocopiadoras, e con outros productos que se lanzan ó ambiente. Cómpre non esquece-los contaminantes que poden proceder do exterior en función de cómo se realiza a toma de aire exterior.

Os olores, os problemas de iluminación, o ruído tamén poden tamén contribuír ó disconfort e á aparición dalgúns síntomas. Pero son fundamentalmente a temperatura e o grao de humidade os que máis problemas xeran debido ás desigualdades existentes entre unhas zonas e outras do mesmo edificio, xa que é difícil que a súa distribución sexa homoxénea.

Tamén a ionización da atmosfera destes edificios se mencionaron como causa do SEE. Os ións son moléculas do aire que conteñen pequenas cargas eléctricas. Hai ións positivos e negativos, e están nunha proporción de cinco a catro nunha atmosfera equilibrada. Nas cidades hai un exceso de ións positivos, mentres que no campo e nas serras abundan os negativos. A ausencia de ións negativos nun ambiente pechado podería se-la causa de moitos síntomas segundo algúns expertos, pero non hai evidencia científica diso e tampouco o emprego de xeradores de ións evidenciaron beneficios.

A ventilación insuficiente é unha das causas que con máis frecuencia se aduce. A medición de CO2 é un bo parámetro para medi-la calidade do aire: cando as renovacións son insuficientes, a concentración de CO2 supera as 1000 ppm (partes por millón) e indica un mal funcionamento do sistema de ventilación. O aire “preparado” é unha mestura de diferentes proporcións de aire exterior e interior que foi filtrado, quentado ou arrefriado, humidificado ou deshumidificado en función das necesidades. Un funcionamento deficiente provoca cambios que son percibidos polos ocupantes e que ademais poden ser obxectivados coas medicións oportunas: concentración de CO2, temperatura, humidade relativa e absoluta e outros parámetros que esixen técnicas máis sofisticadas.

Parámetros de calidade do aire

Organizacións nacionais e internacionais desenvolveron guías e estándares de exposición. Nelas defínense criterios para valora-la calidade do aire en función dos contaminantes químicos, biolóxicos, temperatura, humidade…

Algúns dos indicadores:

  • Temperatura operativa do aire: 22ºC ±2ºC para inverno e 24,5ºC±1,5ºC para verán.
  • Temperatura de superficie do chan entre: 19 e 26ºC.
  • Velocidade media do aire: inferior ós 0,15 m/seg no inverno e 0,25 m/seg no verán.
  • Concentración de CO2: inferior ás 1000 ppm.
  • Humidade relativa: entre 40% e 60 %. Subministración de aire: superior a 30 m3/hora/persoa que debe triplicarse no caso de que haxa fumadores.

Os contaminantes biolóxicos como fungos ou bacterias reprodúcense doadamente en filtros, unidades de refrixeración ou paneis illantes das conduccións porque neles atopan condicións de humidade, temperatura e nutrientes que favorecen o seu crecemento. Para eliminalos hai tamén establecidos límites tolerables e estratexias de mostraxe, procedementos analíticos e recomendacións.

Problemas máis frecuentes dos edificios con aire acondicionado

  • Contaminantes procedentes do exterior.
  • Contaminación xerada polos seus propios ocupantes: tabaco, fotocopiadoras, operacións de pintura, limpeza, reparación…
  • Contaminantes que proceden de zonas especiais: cociña, imprenta, laboratorio…
  • Escasa renovación do aire.
  • Diferencias de calidade do aire entre zonas.
  • Presencia elevada de contaminantes biolóxicos.
  • Limpeza insuficiente do edificio.
  • Contaminación de orixe accidental: verteduras, roturas de recipientes con productos químicos, escape de gases…
Síntomas do SEE

Non sendo nalgúns casos excepcionais, as patoloxías que aparecen non son severas. Os síntomas descritos máis a miúdo pódense agrupar en cinco categorías:

  • Oculares: picor, arroxamento e lagrimexo.
  • Cutáneos: sequidade da pel, prurito (proído) xeneralizado ou localizado, arroxamento.
  • Vías respiratorias: rinorrea (moco líquido), conxestión nasal, espirros, proído nasal, hemorraxias nasais, sequidade da gorxa, carraspeira, rouquén.
  • Vías respiratorias baixas (bronquios e pulmóns): sensación de opresión torácica, sensación de afogo, asubíos no peito, tose seca.
  • Xerais: dor de cabeza, dificultade para concentrarse, irritabilidade, somnolencia, mareos.

Tamén se describiron enfermidades máis graves: pneumonía por hipersensibilidade, febre dos humidificadores, asma, rinite crónica, dermatite… E, excepcionalmente, pero con carácter moi grave pode aparecer a temida Lexionelose, da que recentemente tivemos novas. A solución a estes problemas non é doada e moitas veces resulta custosa, pero os trastornos que afectan ós ocupantes destes edificios xustifican a adopción de medidas, como estudios da calidade do aire, análises das fontes dos problemas e prácticas correctoras para a súa solución.