O dominio das emocións, clave no traballo e fóra del

As empresas valoran as aptitudes e actitudes emocionais como un elemento clave na selección de persoal
1 Setembro de 2007
Img psicologia listado 190

O dominio das emocións, clave no traballo e fóra del

A sociedade identificou tradicionalmente as emocións coa “parte máis débil” das persoas. Así, a capacidade intelectual dunha persoa baseábase case exclusivamente na súa capacidade para a lóxica e o pensamento. Cando as empresas realizaban os seus procesos de selección de persoal, primaban os tests orientados a medir aptitudes intelectuais como o razoamento abstracto, verbal ou numérico, pero non o emocional. Na actualidade, non obstante, constatouse a influencia determinante das habilidades emocionais para tomar a mellor opción das principais decisións, non só persoais, senón tamén profesionais.

Esta capacidade emocional produtiva positiva ten que ver con aspectos como:

  • Aptitudes emocionais persoais
    • Autoconcepto.Aceptarse e respectarse tal e como é cada un.
    • Asertividade. Habilidade para expresarse e defender os propios dereitos, dende a óptica dos demais e procurando non facer dano.
  • Actitudes emocionais interpersoais
    • Empatía. Habilidade para recoñecer as emocións dos outros.
    • Responsabilidade social. Capacidade para mostrarse como un membro construtivo da sociedade.
  • Adaptabilidade
    • Flexibilidade. Capacidade para axustarse ás condicións cambiantes do medio.
    • Solución de problemas. Saber ver, xulgar e actuar ante as distintas situacións.
  • Manexo do estrés
    • Tolerancia. Capacidade de sufrir e aceptar situacións imprevistas sen virse abaixo.
    • Control de impulsos. Habilidade de resistir ou atrasar un impulso.
  • Estado de ánimo e motivación
    • Optimismo. Aprender a ver sempre o lado bo das cousas.
    • Felicidade. Habilidade para gozar e sentirse, en xeral, satisfeito co que se ten e se conseguiu.

O manexo axeitado das emocións é un elemento tan valorado como útil na vida persoal e profesional. De feito, cando o control non é posible, poden xurdir con moita facilidade os efectos perniciosos das emocións negativas, sentimentos irracionais que lastran o individuo e que se transforman en crenzas, moitas delas derivadas de etapas infantís de desenvolvemento e que, polo xeral, actúan de xeito inconsciente, sen que a persoa se decate do seu papel.

Tamén coñecidos como “pensamentos automáticos”, representan as conversas internas que mantén cada un, o autodiálogo que se desenvolve a nivel mental, expresado como pensamentos ou imaxes vinculadas a estados emocionais intensos -como a ansiedade, a depresión, a ira ou a euforia-. A miúdo forman versións subxectivas das cousas que nos acontecen e esvaecen a realidade, creando as chamadas distorsións cognitivas.

Recoñecemento de pensamentos distorsionados

A seguinte relación pódenos axudar a identificar cales son os pensamentos distorsionados que forman parte de nós de xeito inconsciente e que nos están a facer dano:

  • Filtraxe. Selecciónase un só aspecto da situación experimentada. Fíltrase o negativo, o positivo esquécese.
  • Polarización do pensamento. Os acontecementos valóranse como bos ou malos, esquecendo os aspectos intermedios. Palabras clave para detectar esta distorsión son: “fracasado”, “inútil”, “covarde”…
  • Sobrexeneralización. Téndese a pensar que un feito que pode ser puntual sucederá sempre. As palabras clave que se utilizan son: “sempre, nunca, todos, ninguén…”.
  • Interpretación do pensamento. É un mecanismo de proxección que consiste en atribuírlles aos demais os propios sentimentos e motivacións. Palabras clave: “xa sei por que é iso, isto débese a… “.
  • Visión catastrófica. Adiantar acontecementos de maneira catastrofista para os propios intereses. Se unha persoa escoita que aconteceu algo malo, pensará: “e se me acontece a min”…
  • Personalización. Relacionar sen base abonda os feitos do contorno cun mesmo. Cando en grupo se fai algunha observación, pensará: “dío por min”.
  • Falacia de xustiza. Valorar como inxusto todo o que non coincide cos nosos desexos. Palabras clave: “non hai dereito, é inxusto que…”.
  • Falacia de cambio. Crer que o benestar dun mesmo depende de xeito exclusivo dos actos dos demais. Por exemplo: “o meu matrimonio só cambiará se cambia a miña muller”.
  • Culpabilidade. Atribuír por completo a responsabilidade dos acontecementos a un mesmo, ou a outros sen ter en conta outras circunstancias que concorren nos feitos. Palabras clave: “é pola miña culpa, a culpa disto é de…”.

O padecemento psíquico é tan intenso cando se instalan estas emocións e pensamentos irracionais que en ocasións é necesaria a axuda dun profesional para facer un traballo de DETECCIÓN, DETENCIÓN E MODIFICACIÓN do pensamento emocional que fai sufrir.

Alternativas para afrontar as emocións negativas
Emoción negativa Alternativa
Filtraxe Desdramatizar e buscar solucións. Preguntarse: Aconteceu outras veces? Foi tan malo?
Polarización Graduar a situación. Preguntarse: Entre estes dous extremos hai graos intermedios?
Sobrexeneralización Concretar e buscar probas. Preguntarse: Cantas veces aconteceu realmente? Que probas teño para sacar esa conclusión?
Interpretación do pensamento Buscar probas. Deixar de supoñer. Preguntarse: Que probas teño para supoñer iso?
Visión catastrófica Deixar de anticipar. Centrarse no presente e valorar as posibilidades.
Personalización Buscar probas e efectos. Preguntarse: Ter menos que outra persoa convérteme en menos persoa?
Falacia de xustiza Escoitar os desexos dos outros. Preguntarse se esa persoa ten dereito a outra opinión distinta da miña.
Falacia de cambio Preguntarse: Que probas teño para crer que o cambio só depende desa persoa?
Culpabilidade Buscar outros motivos ou razóns para un caso concreto. Preguntarse: pode haber outros motivos distintos aos que achaco a isto?
Características do pensamento automático ou irracional
  • Son diálogos internos referidos a temas moi concretos: Por exemplo, alguén que teme ser rexeitado pensará: “a xente mírame e veme incapaz”.
  • Teñen forma de mensaxes curtas formuladas con palabras claves. Quen teme, por exemplo, pola súa saúde nun momento determinado pensa: “vaime dar un colapso”, mentres que a persoa que recorda algún fracaso se di: “todo me sae mal”.
  • Son involuntarios. Son reaccións espontáneas ante determinadas situacións, entran de xeito automático na mente e non son froito de ningunha reflexión ou análise.
  • Aparecen a miúdo como obrigas que nos impoñemos a nós mesmos ou aos demais. “debería de, tería que…”.
  • Dramatizan e esaxeran as cousas. Ante algo obxectivamente sen importancia chégase a pensar “e se pasa algo…”.
  • Son difíciles de controlar. Como estes pensamentos non son racionais, non adoitan ser fieis á realidade, aínda que a persoa que os sente os cre con facilidade.
  • Apréndense na infancia, momento no que aínda non se desenvolveu a capacidade de análise. Neses momentos asimílanse con maior facilidade e almacénanse na memoria humana esperando a ser disparados por situacións con carga emocional.