O bebé non chega

O desexo dunha parella de ser pais pódese transformar, se se alonga no tempo, en frustración, ansiedade, dor e rabia
1 Xuño de 2007
Img interiormente listado 283

O bebé non chega

/imgs/20070601/img.interiormente.01.jpg A expresión “pasar o arroz” dá comezo a un dos interrogatorios máis recorrentes para familiares, amigos e compañeiros dunha parella que aínda non ten descendencia. Cando ambos os dous decidiron que aínda non é o momento de aumentar a familia non deixa de ser unha frase feita inofensiva. Agora ben, cala fondo e remove entrañas cando a parella devece por ter un bebé e pasan os meses sen poderen comunicar a boa noticia.

Unha vez que decidiu dar o paso, cada mes agarda o novo acontecemento con expectación, ilusión e nerviosismo, en especial os días en que a muller menstrúa. Por iso, cando o corpo anuncia que nada cambiou e que todo transcorre con normalidade, ao igual ca os meses anteriores, pódense vivir importantes momentos de frustración, e a dor e a rabia atopan canalizacións de todo tipo.

Nestes casos razóase con argumentos como “non se vai atinar á primeira”, “isto leva o seu tempo”… Pero cando os meses transcorren sen que a muller quede embarazada, o tempo transfórmase no peor inimigo da parella e cada regra se vive con máis angustia. A decepción multiplícase e as frustracións fanse patentes xerando tristura, rabia, impotencia e cargando de ansiedade as relacións sexuais. O pracer destes encontros quedará relegado na maior parte dos casos a un segundo plano e prevalecerá o obxectivo da reprodución. O desexo quedará lastrado así pola ansiedade, o que dificultará aínda máis a obtención daquilo que se quere conseguir.

A ilusión da parella de compartir o nacemento e a vida dunha terceira persoa é compartida, como o é tamén o sentimento de decepción e a angustia cando non se logra. Non obstante, hai algunhas especificidades na muller e no home:

Na muller

  • /imgs/20070601/img.interiormente.02.jpgCada menstruación séntese como un “mazazo” ao desexo de ser nai.
  • A tristura e a desilusión xúntanse propiciando un estado máis proclive ao choro.
  • Mantén un ton anímico máis baixo e atópase moi sensible a comentarios sobre o embarazo de amigos ou coñecidos.
  • Evita preguntas sobre o seu posible embarazo porque a conectan coa dor da frustración.
  • Os seus ollos vanse cara aos cochiños de bebés e este asunto ocupa boa parte da súa vida e dos seus pensamentos.
  • Desexa os encontros sexuais coa esperanza do soñado embarazo e á vez non deixa de sentir a ansiedade e o medo a que “unha vez máis” este non se produza.
  • Empeza a introducirse no seu interior certo sentimento de culpa por ser incapaz de xerar un bebé.

O home

  • /imgs/20070601/img.interiormente.03.jpgTende a non exteriorizar tanto a desilusión sufrida.
  • Intenta, fronte á súa esposa ou compañeira, restarlle importancia a que aínda non quedaron “embarazados”.
  • Procura conter, e non atender, o medo que lle suscita a posibilidade de que o problema se atope nos seus espermatozoides.
  • Trata de falar o menos posible do que está a suceder.
  • Os encontros sexuais vívense cada vez máis como un “exame á súa virilidade”.

A presión do contorno, clave

No medio deste cúmulo de sentimentos, a presión do ambiente xoga un papel importante. Aínda que a sociedade evolucionou moito neste sentido, aínda persiste como convención social unha certa “obrigatoriedade” da parella de traer fillos a este mundo, xustificándose ademais como un feito “natural”.

Dependendo dunha maior ou menor hostilidade do medio, a parella tende a illarse e a non comentar abertamente o problema que están a padecer. Doutra banda, é un tema catalogado como íntimo e, polo tanto, comunícase e particípase de xeito confidencial a persoas moi próximas. Este silencio propicia que aumente a profundiade da dor, a sensación de soidade, porque sentimos que somos os “únicos” aos que nos está a acontecer.

Non obstante, a información sobre a onde acudir para que un profesional realice un diagnóstico preciso é cada día maior, o que xera un efecto tranquilizador, xa que se pode comezar a tomar as medidas que correspondan en cada caso.

Con independencia de qué membro da parella teña o problema físico, se o houbese, debe quedar claro que a solución, como darse apoio, corresponde a ambos os dous. Non obstante, pódese vivir o caso de que a pesar de todas as mostras de cariño e comprensión, o proceso médico para lograr o embarazo se alongue e se teña a sensación de estar nun túnel sen saída. Se isto acontece, é conveniente contar con asistencia psicolóxica para valerse dunhas pautas sobre como afrontar a situación día a día e non caer na desesperanza.

Consellos para esperar sen ansiedade
  • Falar da nosa inquietude con persoas achegadas ou de confianza, coas que sabemos que imos ser atendidos con cariño e comprensión, máis alá do conto e malos quereres.
  • Vivir a vida con normalidade e optimismo, sen que todo xire arredor de cando, “por que eu non”, etc.
  • Non descoidar a alimentación, as horas de sono e o exercicio físico.
  • Coidar a parella e facer da comunicación unha ferramenta de encontro.
  • Potenciar o mimo e a caricia, de xeito que poidamos sentir o amor e a espera xuntos.
  • Acudir a un profesional da psicoloxía se se sente unha desproporcionada tristura, ansiedade, pouca animosidade, sentimentos de culpa ou, simplemente, necesidade de acompañamento.
  • Ter plena confianza nese profesional e decidir xunto a el os pasos máis convenientes que se deben seguir. Se non ten absoluta confianza nel, non comece ningún tratamento e acuda a outro.