Compra compulsiva

O autocontrol fainos máis libres

A compra compulsiva, que consiste no afán desmedido, incontrolado e recorrente por adquirir cousas, non é un fenómeno exclusivo de datas coma o Nadal, nas que a insistencia da publicidade comercial e a tradición consumista poderían explicar un certo aumento dos gastos.
1 Decembro de 2002

O autocontrol fainos máis libres

É unha adicción en toda regra que, se ben na súa máxima expresión afecta a pouca xente, é máis común do que se podería pensar. É a consecuencia dun impulso irreprimible, un acto pouco consciente do que despois nos arrepentimos, xa que mercamos cousas pouco útiles ou gastamos máis do que podemos.

Unha reacción inadecuada

“Síntome deprimida”, “estou angustiado”, “fáltame o aire, teño que saír”: logo destas e outras sentencias semellantes saímos de compras, coa convicción de que gastar aliviará a nosa ansiedade ou desgusto. Sentimentos de tristura, rabia, incomprensión, desatención e soidade, atopan a súa vía de escape na compra de artigos moitas veces non necesarios que nos achegan satisfacción no momento da súa adquisición. Se cadra procuramos que alguén nos faga caso e sentir que “somos alguén”. Mercando sentímonos vivos, en certo maneira importantes, e enchémo-lo baleiro que causan a soidade, o tedio, as tensións e problemas, os desgustos ou a incomprensión. Intentando mitiga-la dor, canalizámo-lo noso anoxo cara á compra e posesión do obxecto. A falta de sentido da nosa vida, carecer dun horizonte cara a onde dirixila, o feito de percibirnos inútiles ou innecesarios, a tristeza, a apatía, o aburrimento, unha frustración ou desengano, activan nalgunhas persoas o desexo de mercar obxectos, dos que nos parece que a súa adquisición non é totalmente xustificable. Cando este banal propósito se converte en costume, en necesidade irreprimible, xorde o problema.

Compulsión, qué é

A impulsividade e a ansiedade caracterizan a compulsión, que responde a unha insatisfacción vital intensa, á carencia de alicientes ou estímulos na nosa rutina cotiá, á ausencia de actitude crítica e a un alto grao de credulidade e vulnerabilidade ante unha publicidade comercial que identifica felicidade, seguridade nun mesmo e benestar emocional con consumo. Interveñen tamén outros factores, como o desexo de estimulación social ou interese polos lugares onde se congregan moitas persoas (o centro comercial ou as tendas), e a inseguridade tocante ó propio atractivo físico. A desvalorización e déficit da autoestima tamén poden estar detrás deste consumo irracional.

Aínda que as primeiras manifestacións do consumo compulsivo comezan a se rexistrar nos anos vinte, non será ata os oitenta cando se converte en pouco menos ca unha enfermidade social, que alcanza a todo tipo de persoas. A maior vulnerabilidade dos mozos poderíase deber a que na adolescencia resulta máis difícil controla-los impulsos. Á xente nova que é consumista gústalle frecuenta-los centros comerciais e sente o desexo permanente de ir de compras e de adquirir cousas novas. En realidade, este comportamento é o resultado da insatisfacción persoal, da sensación de tedio e da falta de autocontrol así como da ausencia de alicientes, de estratexias de xestión do tempo libre e da escasa responsabilidade no ámbito económico. Ademais, na xente nova engádese a súa maior vulnerabilidade ante as mensaxes publicitarias, nunha etapa vital moi cambiante e marcada pola inestabilidade persoal.

Os adictos á compra compulsiva recoñecen ver televisión nunha proporción que duplica a da poboación non afectada pola compra compulsiva.

Por qué falamos de adicción

Unha conducta só se considera adicción cando o individuo presenta estes tres trazos: tolerancia (necesidade de consumir cada vez máis para logra-la mesma emoción), síndrome de abstinencia (cando non se pode satisface-la adicción) e perda do control (incapacidade de frear no consumo). A compra compulsiva -cando menos, nas súas manifestacións máis estremas- reúne todas estas características: a vontade do afectado é case nula, a satisfacción pola compra realizada tórnase efémera e éntrase nunha espiral da que dificilmente se pode saír sen a axuda dun especialista.

De tódolos xeitos, maticemos: non é conveniente resolver situacións de ansiedade mercando cousas pouco necesarias ou que desequilibran o noso orzamento, pero non hai por qué renunciar a merca-lo que nos depara satisfacción se mantémo-lo control sobre esta actividade e as súas consecuencias.

Atopámonos en situación de alarma se…

  • Cando nos sentimos tristes, deprimidos ou anoxados, o único que nos calma é ir de compras.
  • Mercamos a miúdo cousas pouco útiles, que despois nos arrepentimos de adquirir.
  • Témo-la casa chea de artigos que non usamos e que nos resultan inservibles.
  • Precipitámonos á hora de mercar, porque non podemos controla-los nosos impulsos.
  • Do medio familiar e de amigos chégannos mensaxes críticas coa nosa desmedida afección a mercar.
  • Mercamos moitas cousas ou realizamos un gran gasto, pero sentímonos insatisfeitos cando reflexionamos na casa sobre os obxectos adquiridos.
  • Vemos que se nos van os cartos sen decatármonos, e a miúdo estamos irritados por gasta-los cartos ó tolo.
  • Cando vemos algo que nos gusta, non paramos ata mercalo.
  • Adquirimos productos “milagre” que intuímos ou sabemos inútiles.
  • Cando recibímo-lo extracto da tarxeta de crédito, sorpréndenos demasiado a cantidade e importe das compras que fixemos.
  • O noso tempo libre dedicámolo preferentemente a visita-los centros comerciais ou ir de escaparate en escaparate.
Son un compulsivo. ¿Que podo facer?
  • Pense qué quere, qué lle pasa, cómo se atopa e procure qué alternativa existe, distinta da de ir de compras. Recupere vellas afeccións ou incorpore novas e cultive as súas amizades.
  • Fale do seu problema con persoas do seu contorno ou con aquelas que o superaran.
  • Antes de saír de compras, redacte minuciosamente unha lista co propósito firme de non excederse. Cada novo producto debe te-la súa propia xustificación.
  • Merque con diñeiro en metálico e deixe a tarxeta de crédito na casa.
  • Antes de mercar algo, pense na utilidade que lle vai dar e se non a ten, desista da súa intención inicial.
  • Revise semanalmente a marcha da súa economía, a lista de gastos e en qué se produciron. Subliñe en vermello os gastos inútiles ou pouco xustificados.
  • Se algo lle gusta, non o merque axiña, concédase uns días, coménteo con alguén e, de seguido, decida.
  • Se está convencido de que non pode supera-la súa adicción ou fracasou en varios intentos, acuda ó psicólogo.
  • A empresa non é doada, pero lembre que cada vez que controlamos impulsos irracionais que nos prexudican e os vencemos, conseguimos unha victoria que nos fai máis libres. As adiccións nada teñen de bo e cando as vencemos a base de intelixencia, vontade e esforzo, reafirmámo-la nosa personalidade e mellorámo-lo noso equilibrio emocional e calidade de vida.