Vender obxectos de segunda man en Internet

Darlles saída económica a certos obxectos usados pode ser de grande axuda para chegar a fin de mes
1 Decembro de 2011
Img internet listado 673

Vender obxectos de segunda man en Internet

Esta crise económica sen precedentes nos últimos setenta anos operou profundos cambios nos nosos hábitos de consumo e no modo en que enfocamos a economía doméstica. Pasamos da compra sen control de obxectos prescindibles a un racionamento máis controlado sen pensar que pode haber solucións centenarias que, á vez que osixenan a nosa economía, nos permiten manter un nivel de consumo razoable. A venda de obxectos usados que xa non precisamos é unha delas e, alén dos tempos que corren, nalgúns países, sobre todo os anglosaxóns, constitúe un evento social de fonda raizame. Agora Internet ofrece a oportunidade de subirnos ao carro da segunda man dun xeito doado e óptimo pero, como temos que facelo para evitar desgustos?

Elixir o sitio adecuado

Hai moitos servizos de venda de segunda man na Rede. Os máis coñecidos son eBay e, en España, Segunda Mano, pero non son os únicos e, en ocasións, hai algúns máis específicos que poden ser máis eficaces para vender determinados obxectos. Diversas plataformas están especializadas en vender roupa e obxectos de bebé usados. Tamén as hai sobre coches e motocicletas, ordenadores, teléfonos móbiles e outros produtos informáticos que contan con plataformas específicas onde é doado que o noso produto atope demanda. Non obstante, isto non quere dicir que as grandes plataformas sexan ineficientes ou non sexan recomendables, xa que dispoñen doutro tipo de garantías que non sempre poden ofrecer os sitios pequenos. Contan tamén con todo tipo de público, co que a demanda do noso produto non ten por que resentirse.

Amais de asegurar a demanda, hai que procurar evitar os sustos posvenda ou a frustración ante as queixas non atendidas. O sitio que elixamos para vender o noso produto debe reunir unha serie de características que garantan unha venda seria:

  • Un rexistro de usuario formal. Para darnos de alta no servizo e comezarmos a vender débennos pedir algúns datos básicos, como un enderezo de correo electrónico válido, algún contrasinal e datos que nos identifiquen e mais un domicilio. Debemos pensar que o mesmo que se nos esixe a nós se lle pedirá a quen nos merque. A seguridade para todos é a mellor garantía de realizar unha venda sen problemas.
  • Unhas condicións de uso detalladas e accesibles para a súa lectura. Aceptar as condicións de uso dun servizo sen lelas cando hai cartos polo medio é un dos peores erros que podemos cometer. Temos que atopalas axiña na páxina do servizo e abrilas sen inconveniente para lelas e asegurarnos de que non hai ningún apartado que nos faga sospeitar. Tamén debe haber algún servizo de atención a clientes para poder aclarar as dúbidas.
  • Referencia á Lei de protección de datos. Aínda que o servizo sexa estranxeiro, é recomendable que faga referencia expresa a que se acolle á Lei de protección de datos española, LPD. Só así nos aseguraremos de que os nosos datos de rexistro non son obxecto de negocio por parte de terceiros. Unha empresa seria terá un apartado onde especifique que se acolle á LPD.
  • Domicilio fiscal visible e claro. A empresa coa que operemos debe ter un domicilio fiscal, unha conta de correo e un teléfono accesible para que poidamos efectuar tanto queixas e reclamacións como denuncias. Se é unha empresa estranxeira e ten unha sede en España, mellor, xa que é unha garantía adicional de seriedade.
  • Unha empresa recoñecible. Hai moitos servizos que ofrecen venda de segunda man, algúns máis acertados ca outros, pero canto máis pequeno sexa o servizo, máis riscos correremos. eBay ou Segunda Man son grandes e recoñecidos. Pero non son os únicos, aínda que o seu volume nos garante que en caso de problemas o servizo responderá ou aclarará as disputas, aínda que só sexa por manter a súa reputación. Ademais, os servizos grandes viven das porcentaxes das vendas, o que implica que xestionan as transaccións e, polo tanto, asegúranas en caso dun usuario tramposo.

Describir o noso obxecto co máximo detalle

Estes servizos, así que nos demos de alta e pagamos a cota correspondente por vender, permiten publicar o anuncio cun espazo para a descrición e as características técnicas. Convén pensar polo miúdo o que imos escribir, xa que se deben dar os datos precisos e útiles ao comprador.

É importante pensar que este non pode ver nin tocar o obxecto e que cómpre suplir esta falta de percepción sensorial cun texto que valore o mínimo detalle útil. Hai que ser precisos e prácticos, sen atordar o noso comprador con mil detalles. Non hai que falsear as descricións con loanzas gratuítas nin esaxeracións, pero tampouco ser negativos: se vendemos algo é porque cremos que o obxecto en cuestión lle pode ser útil a outra persoa.

Convén ser sinceros con respecto ao estado e virtudes do produto se queremos evitar futuras reclamacións, e para iso o mellor é que nós mesmos estudemos ben o produto e o seu estado antes de describilo. Isto servirá de prevención sobre os estafadores que mercan un obxecto e logo reclaman polo seu suposto mal estado co fin de acadar un prezo menor. Se coñecemos ben o noso produto, poderémonos defender.

A maioría dos servizos permiten subir dende o disco duro do ordenador fotografías dos produtos á venda. O proceso é sinxelo, funciona premendo un botón, pero hai que ter en conta que na web do sitio as fotos non quedarán tan ben como as vemos no noso escritorio. As imaxes teñen que ter unha boa calidade e serlles útiles tanto ao comprador coma a nós mesmos.

Se o obxecto sofre algunha rotura, é mellor fotografala e amosala, xa que se entendería como unha proba de sinceridade e de ponderación do valor do produto. Ademais, amosa o alcance do dano, que nos defende ante reclamacións tramposas. Por outra banda, hai que salientar as virtudes do produto. De novo, como no caso do texto, non hai que pretender enganar a ninguén porque os únicos damnificados seremos nós mesmos.

Como quero que me paguen?

Nalgúns servizos, está na nosa man elixir o modo de realizar a transacción, pero noutros non. Os grandes, que viven das porcentaxes de vendas, esixen que as transaccións se fagan nas súas plataformas e para iso teñen habilitadas canles de pagamento. A vantaxe é que ofrecen, en principio, maiores garantías de seguridade, preveñen a estafa e aseguran o cobramento. A desvantaxe é que non rendibilizamos a venda ao 100% e en ocasións vémonos obrigados a deixar os nosos datos bancarios. Non obstante, eBay utiliza servizos de pagamento enmascarado como PayPal, que resultan apropiados para este tipo de transaccións.

Se a decisión do método de pagamento está nas nosas mans, sen dúbida o pagamento por adiantado mediante transferencia bancaria é o máis vantaxoso, mentres que o pagamento á entrega do produto a domicilio é o que máis riscos ten para o vendedor. Se é posible verse co comprador e coñecerse dalgún xeito, xa sexa presencial ou mediante o uso de videoconferencia, a transacción facilitarase moito e poderemos escoller o sistema con máis confianza. De tódolos xeitos, con estes sistemas abertos gañamos en liberdade e flexibilidade, pero perdemos en seguridade e garantías.

Se decidimos traballar cun servizo grande que cobra porcentaxes das vendas, terá certas normas para casos de reclamacións. Ofreceralles unhas garantías mínimas ao comprador e mais ao vendedor. Posto que pertencemos ao segundo grupo, o mellor é coñecermos o noso produto e termos probas gráficas do estado no que llo enviamos ao comprador.

Agora ben, se non somos honestos ou non temos probas, amais de perder o diñeiro da venda, podemos vernos penalizados con puntos negativos que nos presentarán aos posibles vendedores como usuarios pouco fiables. Do mesmo xeito, en vendas abertas onde non media unha empresa grande é importante saber que non opera ningunha garantía sobre obxectos de segunda man cando a compravenda se rexistra entre particulares. Por outra banda, se enganamos ao noso comprador acabaremos por pagalo, xa que é moi probable que explique o noso acto nos foros especializados e redes sociais e dea os nosos datos, de xeito que calquera futuro comprador poida comprobar que somos pouco fiables. É habitual que un comprador estude en foros e redes con que tipo de persoa fará negocios, de xeito que non só hai que ser honrado senón parecelo.