Alongar a batería dos aparellos

Trucos para non depender demasiado dos enchufes

A adopción de pautas no uso de programas, periféricos e na conectividade sen fíos pode alongar a autonomía de calquera dispositivo portátil
1 Xaneiro de 2010
Img internet listado 562

Trucos para non depender demasiado dos enchufes

Tecnoloxía e mobilidade son dúas palabras enlazadas. A medida que o teléfono móbil tende a ser menos teléfono e máis ordenador, os ordenadores, sen chegaren a ser teléfonos, fanse cada vez máis de peto e pódense levar enriba con máis comodidade. Un e outro tenden cara á conversión nun único dispositivo que atesoura como virtude principal a portabilidade. Así e todo, mantéñense algunhas limitacións, coa autonomía dos aparellos como principal escollo. A enerxía dos dispositivos almacénase nas baterías, ou pilas, xa sexa para teléfonos, ordenadores, videoconsolas, cámaras de fotos ou vídeo. Cárganse por medio dun cable, polo que cumprirá ter unha fonte de enerxía preto cando a batería se esgote. É dicir, en maior ou menor medida, a portabilidade está condicionada ao número de enchufes que rodeen o usuario. Pero esta dependencia pódese mitigar. Os que desexen alongar a vida das baterías e evitar a ansiedade que ocasiona ver o aviso de “batería baixa” e non atopar a conexión á rede eléctrica poden recorrer a sinxelos trucos para optimizar o consumo.

Coidado coas pantallas

Nos teléfonos móbiles, onde a batería pode ter unha duración inferior a 48 horas se o uso é intensivo, unha boa actitude previa á compra é reflexionar sobre se se quere un aparello con pantalla táctil. Os motivos son varios: pola súa interacción continua co usuario, a pantalla deberá permanecer moito tempo activada. Trátase dunha das partes con maior consumo enerxético en calquera dispositivo, polo que mentres se mantén acesa o consumo dispárase, xa que amais de precisar iluminación, amosar imaxes e debuxos require un notable esforzo enerxético.

Ademais, é moi doado que ao mínimo rozamento cun obxecto no peto, a pantalla se active e que a cada golpiño se executen as máis variadas funcións de xeito involuntario. O resultado é un alto gasto, e isto acontece ata con sistemas de bloqueo activados. É conveniente non usar fondos de pantalla con fotografías; se se fai, que sexan en branco e negro.

Nos ordenadores portátiles acontece o mesmo: ao se activaren, as pantallas consumen moita enerxía. Convén, xa que logo, regular o seu brillo: se se traballa desenchufado hai que baixar o brillo ao mínimo visible coas teclas preceptivas de cada modelo. Tamén é útil reducir a resolución. Igual ca nos móbiles, convén evitar as imaxes de fondo de escritorio, e máis se se trata de fotografías en cor. Só con estas medidas pódese engadir ata un 30% máis de autonomía.

Vixiar o wifi

Outro factor de alto consumo é a conectividade sen fíos dos aparellos. Por esta razón, convén que o modo Bluetooth estea apagado sempre que non se use. No caso dos móbiles, se é posible, non está de máis recorrer ao “modo voo” cando se desexa non ser molestado. Esta opción anula a emisión de sinal e evita ter que apagar e acender o aparello. A acción de arranque, sobre todo nos teléfonos 3G, sempre supón un alto gasto xa que se activan ao mesmo tempo numerosas aplicacións automaticamente.

Neste tipo de teléfonos, que teñen conexión a Internet e que poden executar moitos programas, tamén é bo ter desactivadas aquelas aplicacións que non se utilicen, xa que aínda en estado de repouso consumen enerxía. Se o nivel de carga da batería é moi baixo, é mellor usar, se se ten, o cliente de mensaxería instantánea para comunicarse no canto dos SMS ou das chamadas de voz.

No caso dos ordenadores, cando se traballa desenchufado o axeitado é limitar o wifi á estrita necesidade. Se non se utiliza, mellor telo apagado, xa que a carón da pantalla, é un gran factor de consumo. Tamén é mellor para un consumo máis axustado que os portos USB estean libres de periféricos, xa que en conexión presentan un alto consumo. Noutras verbas: nada de ratos e teclados externos, e moito menos lectores de tarxetas, DVD ou CD.

Se se navega e non se pode acceder a Internet mediante cable, hai que evitar na medida do posible as páxinas con imaxes, vídeos e publicidades: interpretar formas gráficas é un gran gasto enerxético. O mellor é navegar polas versións accesibles dos sitios web, xa que só amosan texto. Hai unha serie de programas e de extensións para os navegadores que bloquean as ventás emerxentes, eliminan as publicidades e evitan os vídeos das páxinas: usalos supón un grande aforro.

Mimar a batería do ordenador

Moitos usuarios de ordenador non lle poñen atención, pero un bo coidado da batería é fundamental para que manteña unhas taxas de autonomía elevadas. Un coidado deficiente pode reducir a súa capacidade á metade en menos de seis meses. Ao inicio do seu uso convén cargar e descargar completamente a batería; é dicir, traballar ata que se esgote e logo cargala ao 100%, tanto en ordenadores coma en portátiles. Deste xeito acomódase a cargar o máximo de enerxía. Unha medida moi importante é gardar as pilas en sitios frescos, a poder ser na neveira, xa que a calor propicia no seu interior reaccións químicas que alteran a súa capacidade. Canto máis calor teña unha batería, máis axiña dexenerará, polo que tampouco convén deixala posta no ordenador unha vez que se recargou se se pensa traballar con enchufe: o procesador xera unha gran cantidade de calor. Por outra banda, é importante manter limpos os conectores metálicos que posúen, xa que así evítanse resistencias innecesarias no fluxo de enerxía que quentan as pilas e empeoran a súa capacidade.