Proba práctica: tres plataformas on line para alugar películas en España

Filmin ofrece cinema independente; iTunes é o máis apropiado para as novidades comerciais e Filmotech especializouse en cinema español
1 Novembro de 2011
Img internet listado 669

Proba práctica: tres plataformas on line para alugar películas en España

/imgs/20111101/internet1.jpg
As colas dos cines acúrtanse na ventaíña cada fin de semana pero ao mesmo tempo a comercialización de novos formatos máis pequenos e con maior capacidade de almacenamento respecto ao CD medra en España. O soporte físico perde cada ano relevancia no consumo de produtos culturais a prol da distribución por Internet dos contidos. Agora ben, fronte a este cambio de hábitos aínda existe unha pobre oferta de servizos, sobre todo en España, onde produtoras e distribuidoras se resisten ao cambio de modelo de negocio.

Co fin de cubrir esta demanda, nos últimos meses xurdiron varias iniciativas de distribución de películas e de series televisivas vía web, que se unen a outros proxectos pioneiros lanzados no pasado e que agora acadan unha maior visibilidade e relevancia. EROSKI CONSUMER realizou unha proba de uso de tres das plataformas con licenza en España.

As seleccionadas son:

Características comúns

Estas plataformas permiten o aluguer dixital de películas e documentais por un tempo determinado, durante o que os usuarios poden acceder ao contido de xeito ilimitado. É dicir, poden ver o contido audiovisual tantas veces como consideren conveniente ata que o prazo de aluguer expire. En xeral o devandito prazo comeza a contar no momento de premer o botón de “play” por primeira vez. Ningunha das tres dispón dunha gran cantidade de obras audiovisuais nos seus catálogos, pero estes renóvanse mensualmente con novos títulos e acordos con produtoras e distribuidoras. O requisito necesario para utilizar estas plataformas é contar cunha conexión Internet de banda ancha a partir de tres megabits por segundo xunto cunha tarifa plana de datos, xa que o tamaño dunha película nestas plataformas é superior a un xigabyte.

Diferenzas

Filmin especializouse en cinema independente e de autor, cunha base de películas que dispón de versión orixinal subtitulada. As películas visualízanse en streaming, tanto en formato flash coma en HTML5. Polo tanto, cómpre estar conectado permanentemente a Internet de banda ancha para acceder a estes contidos. De igual xeito funciona Filmotech. Pola súa banda, para poder utilizar a tenda de películas de iTunes é imprescindible descargar e instalar a aplicación do mesmo nome, xa que dá acceso á tenda e a xestionar os contidos. Ademais, cómpre descargar as películas antes da súa visualización, aínda que é posible comezar a reprodución do contido no momento de iniciar a descarga.

‘O mellor para’:

  • Experiencia de usuario: iTunes
  • Ver películas desconectado: iTunes
  • Ver en diferentes dispositivos: Filmin
  • Películas independentes e en versión orixinal subtitulada: Filmin
  • Cine clásico español: Filmotech
  • Últimas novidades de cinema comercial: iTunes

Os servizos un a un

Filmin

Filmin é unha plataforma española especializada en cinema independente cun catálogo composto por obras españolas, europeas e asiáticas, entre outras. Agora conta con 785 películas, entre as que se atopan algunhas premiadas en festivais internacionais ou éxitos de venda directa nos seus respectivos países de orixe. As películas adóitanse ofertar con subtítulos en castelán ou en versión orixinal. O seu custo está entre os 1,95 e 2,95 euros, aínda que é posible atopar películas por 0,95 euros. Tamén ofrecen películas de estrea simultánea en salas de cinema e Internet por 4,95 euros.

As películas ofrécense en streaming dende a páxina web, o que require estar conectado a Internet de banda ancha no momento de reproducir o contido. A súa calidade é similar ao DVD, aínda que algúns títulos se comercializan en alta definición. Filmin dispón dun programa reprodutor por defecto en formato flash, aínda que para os dispositivos non compatibles con esta tecnoloxía -como sucede co iPad-, ofrece unha versión en HTML5.

Ten ademais un servizo de subscrición “Premium”, onde mediante unha tarifa plana é posible acceder a todo o catálogo existente. O custo é de 15 euros ao mes se se contrata por un só mes, ou de 10 euros ao mes se se fai por tres meses. Tamén ofrecen unha subscrición anual e o pagamento das películas pódese realizar mediante tarxeta de crédito ou ben cunha conta Paypal que caducan ás 72 horas de comezar a visualizarse por primeira vez.

iTunes Store

Dende hai un ano Apple, a través da tenda iTunes, comercializa en España películas e documentais tanto para a súa venda como en alugueiro. O seu catálogo actual confórmano máis dun milleiro de títulos de cinema comercial. As películas ofrécense en versión dobrada ao castelán, aínda que hai unha recente sección con películas dispoñibles en versión orixinal sen subtítulos. A maioría dos títulos están en calidade estándar, algo superior á proporcionada polo formato DVD. Non obstante, tamén hai versións en alta definición a un prezo superior.

O prezo de aluguer está comprendido entre os 0,99 euros da película “da semana” aos 4,99 euros para películas de estrea en alta definición. Cada película alugada pódese ver durante un período de tempo de 30 días. Pasado ese tempo, a película bórrase de xeito automático do dispositivo. Ademais, unha vez comezada a primeira reprodución, os usuarios teñen un máximo de 48 horas para vela tanta veces como queiran.

Para acceder á tenda iTunes Store cómpre descargar e instalar a aplicación iTunes, dispoñible para os sistemas operativos Windows e Mac Os X. Unha vez instalada é obrigatorio crear unha conta de usuario para a tenda iTunes Store. Ao crear esta conta é necesario indicar os datos dunha tarxeta de crédito, xa que esta é a única modalidade de pagamento posible.

Co fin de reproducir as películas cómpre descargalas antes ao disco duro. A vantaxe é que se poden ver sen estar conectado á Rede, pero hai que ter espazo abondo no disco duro.

Filmotech

A maioría do catálogo deste servizo está composto por cinema clásico, español, europeo ou asiático, xunto con algunhas estreas recentes da carteleira española. A forma de visualización das películas é mediante streaming, o que fai necesario dispor dunha conexión a Internet de banda ancha no momento de reproducir a película. A calidade do vídeo é inferior a un DVD estándar e en ocasións non se respecta o formato cinema das películas, xa que se dan en formato 4:3. Ademais, as películas só se poden ver nun reprodutor en flash.

Os usuarios dispoñen de 24 horas para veren unha película dende o intre en que premen o botón de “play” por primeira vez. Deste xeito, é posible ter películas alugadas semanas antes, á espera da súa reprodución por parte do usuario. Durante estas 24 horas as películas pódense ver tantas veces como o usuario desexe.

O rexistro de usuarios é sinxelo, e só se require indicar unha dirección de correo electrónico válida e un contrasinal. Non obstante, o contorno gráfico da páxina web complica a experiencia de usuario á hora de navegar por ela. A busca de títulos está supeditada a un buscador ineficiente. Como método de pagamento, Filmotech permite o uso de tarxetas ou unha conta de Paypal. O prezo das películas adoita estar comprendido entre os 1,42 euros e os 3,04 euros. Este último é o prezo das películas máis recentes de estrea. Ademais, de xeito periódico adoitan regalarlles aos usuarios rexistrados un código válido para ver calquera película do seu catálogo. Filmotech esta orientado só á reprodución de películas dende ordenadores e, de momento, exclúense tablets como o iPad.