Pinterest, o novo boom nas redes

Triúnfa unha nova xeración de redes sociais cuxo fin é compartir é cuxo fin é comentar imaxes captadas da rede
1 Xullo de 2012
Img internet listado 731

Pinterest, o novo boom nas redes

Nos últimos meses diferentes redes sociais enfocadas a compartir contidos publicados noutras páxinas web, encabezadas polo servizo Pinterest, convertéronse nunha das principais tendencias do ano. Estas páxinas, cunha forte compoñente visual, permiten seleccionar imaxes, vídeos ou produtos, poñelos na páxina persoal do usuario e comentalos. Dalgunha maneira, son unha evolución de plataformas de publicación rápida de contidos como Tumblr ou, se se quere, como un Facebook completamente visual. A rápida adopción destas novas redes sociais por parte dos usuarios motivou que plataformas tradicionais para a publicación de fotografías como Flickr renovasen parte do seu deseño web para facelo máis visual.

Pinterest é a rede social de moda en Internet en 2012, grazas ao forte crecemento que experimentou nos últimos meses. Este servizo, que se lanzou en 2010, mantívose ano e medio nun perfil de uso residual e non foi ata finais do ano pasado cando comezou a gañar en popularidade e visitas. O seu segredo reside en que propón unha nova forma de compartir contidos mediante a publicación e navegación por imaxes. É dicir, é unha rede social orientada á navegación visual de contidos.

Pinterest

En Pinterest os usuarios poden subscribirse a diferentes temáticas e subir imaxes e fotografías achadas noutras páxinas web, cun breve comentario. Desta forma, poden organizar fotos de receitas de cociña, arquitectura, moda ou lugares. A páxina principal actualízase de forma continua coas imaxes que soben os contactos do usuario. Ademais, esta rede social tamén posibilita atopar usuarios con afeccións e gustos similares.

Os usuarios de Pinterest contan con diferentes categorías, similares a un taboleiro de anuncios, con temas de interese predefinidos e coa opción de engadir novos temas, de editalos ou borralos. Cada un destes muros ou encerados dixitais pódense actualizar con todo tipo de imaxes, xa sexa por parte do usuario ou por todo o mundo. Para facilitar a tarefa de subir contidos a Pinterest, esta rede social dispón de botóns e acceso directo para os navegadores máis populares, de tal forma que se poden publicar contidos sen necesidade de entrar na rede social.

Pinterest tivo case doce millóns de usuarios o pasado mes de xaneiro, fronte ao millón que captou en xullo de 2011. Respecto ao perfil dos seus usuarios, o 80% son mulleres, o 30% delas en idades comprendidas entre os 25 e os 34 anos.

Entre os retos de Pinterest destaca o relacionado cos dereitos de autor, debido a que o uso que fan algúns usuarios ao republicar fotografías con copyright pode supoñer unha violación no caso dalgúns autores. Entre outras medidas, Pinterest incorporou un código HTML para as páxinas web que non desexen que parte dos seus contidos se republiquen nesta rede social.

Algunhas alternativas a Pinterest

Unha alternativa a esta rede social é Clipboard. Esta plataforma serve para compartir diversos contidos e partes de diferentes páxinas web, xa sexa un parágrafo de texto, imaxes publicadas ou vídeos. Esta plataforma pode utilizarse para gardar partes dunha web que permitan construír unha historia, como pode ser a busca dun lugar de vacacións ou a preparación dunha receita de cociña. De momento, Clipboard só é accesible mediante unha invitación.

20blinks é un marcador visual que permite coleccionar diferentes obxectos dunha web, como textos, vídeos, imaxes ou produtos. Desta forma, os usuarios poden crear coleccións de produtos das súas marcas favoritas, películas, fotografías e calquera outra temática ou hobby. O seu ámbito gráfico é moi similar a Pinterest, xa que cada colección está representada a xeito de taboleiro de anuncios ou encerados dixitais.

Jux é unha plataforma para compartir imaxes, textos, vídeos ou produtos atopados en Internet. Cos obxectos dixitais gardados pódense crear historias ou cartafoles electrónicos. Para iso, Jux dispón dun ámbito gráfico moi visual que permite navegar polas diferentes imaxes en modo de presentación.

Fancy busca compartir imaxes e agrupalas segundo os gustos dos usuarios. É similar a Pinterest. No entanto, esta plataforma está máis enfocada á moda e a crear unha lista de desexos de produtos de todo tipo. Desta forma, é posible localizar que produtos son os máis arquivados polos usuarios, de maneira que sirvan como recomendacións na compra de produtos.

Máis simple de utilizar é FFFFOUND! Esta páxina web funciona como un marcador de imaxes publicadas en Internet. Ademais, unha das características principais de FFFFOUND! é a opción de poder compartir as imaxes con outros usuarios, así como atopar recomendacións de imaxes segundo outras similares publicadas.