Pásome a iTunes Match ou sigo con Spotify?

A chegada do novo servizo musical de Apple suponlle unha competencia a Spotify para os usuarios do iPhone
1 Marzo de 2012
Img internet listado 701

Pásome a iTunes Match ou sigo con Spotify?

iTunes Match aterrou en España a un prezo moi competitivo: 25 euros anuais. Este servizo de música na nube está limitado aos usuarios de dispositivos Apple con conexión a Internet ou á rede de datos, como son o iPhone, o iPod Touch, os ordenadores Mac ou o iPad. En todos eles pódese gozar da música que se desexe en streaming, pero só cumprirá gardala nun e sincronizala cos servidores da nube de Apple, iCloud. A empresa da mazá, sempre que queiramos, proporcionará en streaming unha copia da canción que se queira escoitar. A única condición é que esa canción figure no disco duro dun dos nosos ordenadores. Agora ben, interesa un servizo así cando nos podemos subscribir a Spotify Premium por dez euros ao mes?

O servizo sueco permite obter prestacións similares ás que ofrece o iTunes Match, como sincronizar a música cos dispositivos móbiles que se teñan, sexan ou non de Apple, descargar cancións e listas de reprodución, e mesmo acceder ás doutros usuarios. En iTunes Match, a nube de Apple só deixa acceder á música que se dispoña no disco duro, con independencia de que se merque ou non na tenda de iTunes, de que se extraia dun disco compacto mercado con anterioridade ou se descargue dende algunha rede de compartición.

iTunes Match non ten en conta a orixe da música, só a identifica e estuda se ten unha copia das cancións nos seus servidores. Se a ten, non cargará a canción dende o disco duro ao servidor, senón que ofrecerá unha versión en streaming nos dispositivos portátiles dende a súa nube iCloud. Se a canción non está en iTunes, subiraa a un espazo persoal do usuario e ofreceralla tamén cando este a pida, cando desexe descargala no móbil, no iPod ou no iPad e sempre que desexe dispor dunha copia para escoitala estando desconectado.

Dous servizos e unha soa filosofía

A filosofía é a mesma en iTunes Match e mais no Spotify: o acceso continuo e sen trabas á biblioteca musical dende calquera dispositivo e lugar. Ambos os dous basean toda a súa estratexia na emisión en streaming e na sincronización entre todos os aparellos, pero cada un ten as súas vantaxes. No caso de Spotify, cómpre salientar o alcance do seu amplo catálogo á disposición de quen contrate o servizo. Para os efectos prácticos, isto significa acceder a case toda a música dixitalizada no mundo por dez euros ao mes.

Pero se se botan contas, iTunes Match custa 25 euros ao ano, mentres que en Spotify a cifra anual é de 120 euros. A diferenza atópase na limitación ás cancións que se teñan en propiedade e cun máximo de 25.000, aínda que non se aplica aos temas mercados na tenda iTunes. A priori, poden parecer moitas cancións, de feito sono, pero cando se desexe cambiar de estilo ou buscar novos artistas descoñecidos, o usuario verase limitado polas condicións do servizo. Claro que con 25.000 cancións moitos usuarios non necesitarán máis e se cadra nunca van ter curiosidade por novos estilos. En última instancia, apostar por un servizo ou outro resultará un acerto segundo o perfil de cada usuario.

A quen lle convén máis Spotify?

Os usuarios melómanos e inquedos, cun apetito musical insaciable e cuns gustos inclasificables atoparán en Spotify Premium un servizo máis acorde ás súas necesidades. Pagarán máis cartos ao ano, pero terán ao seu alcance toda a música en calquera dos seus dispositivos. En Apple o límite está en dez dispositivos. Por outra banda, o desenvolvemento da vertente social de Spotify -que ademais se aliou con Facebook, onde os contactos do usuario poden ver que música escoita- permite coñecer novos temas, tendencias e estilos e estimula a aprendizaxe.

Neste sentido, a posibilidade de subscribirse ás listas de reprodución doutros aumenta a sensación de exploración de novos temas e permite gozar da experiencia dalgúns usuarios con amplos coñecementos musicais. Non obstante, orixínase un efecto que algúns internautas cualificaron de nocivo: o chamado “efecto fío musical”, polo que escoitar listas de reprodución que non lles son propias ao usuario se limita a unha sucesión de melodías, sen que saiba quen é o autor da canción.

A quen lle convén máis iTunes Match?

É un servizo apropiado para moitos usuarios pouco interesados na música, pero amantes dos seus temas favoritos. Son persoas ás que o servizo Spotify Premium non lles interesa porque o consideran caro e carecen de formación musical abonda para teren puntos de referencia dende onde iniciar unha busca de novos temas e estilos. Nin por curiosidade nin por cultura tirarán proveito do inmenso catálogo do servizo sueco, pero pódelles resultar conveniente a oferta de Apple.

A disposición por 25 euros ao ano de toda a súa música no iPhone ou no iPad, que pode alcanzar entre os 60 e os 75 xigabytes, é para moitos usuarios unha oferta boa a un prezo que nunha tenda física pode equipararse co dunha novidade discográfica. Ademais, a posibilidade de manexar a propia discoteca en calquera dispositivo fai valorar moito máis os temas e álbums, e evita o “efecto fío musical”, aínda que tamén se poden conseguir listas aleatorias coa aplicación Genius.